Bidueiro pubescente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bidueiro pubescente
Bidueira
Bidueira
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Betulaceae
Xénero: Betula
Especie: B. pubescens
Nome binomial
Betula pubescens
Ehrh., 1791
Sinonimia
  • Betula callosa Notö,
  • Betula carpatica Willd.,
  • Betula glutinosa auct.;
  • Betula concinna Gunnarsson,
  • Betula coriacea Gunnarsson,
  • Betula odorata Bechst.,
  • Betula pubescens ssp. suecica Gunnarsson (ssp. pubescens);
  • Betula czerepanovii N. I. Orlova,
  • Betula pubescens ssp. tortuosa auct.,
  • Betula tortuosa auct. (ssp. czerepanovii)
  • Betula alba

O bidueiro pubescente ou simplemente bidueiro ou bido ( Betula alba L., Sp. Pl.: 982 (1753) sin.: Betula pubescens Ehrh.) é unha árbore evelta e caducifolia do xénero Betula, da familia das betuláceas que medra nas zonas húmidas. Caracterízaa a casa abrancazada do toro. Común en Galicia, tense adscrito a subespecie celtiberica aínda que non está aceptada por Flora Ibérica[1] (B. pubescens Ehrh. subsp. celtiberica (Rothm.& Vasc.) Rivas Mart.; B. celtiberica Rothm. & Vasc.).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego bidueiro ou bido (en portugués vidoeiro ou bétula) vén do latín betūlario, adaptación do nome céltico betu.

Ademais existen numerosas variantes dialectais: albelo, bedugo, bedulo, bídalo, budio, abedugo, bideiro e bidro.

Características[editar | editar a fonte]

Detalle da folla.

Árbore caducifolia que acada os 10-30 m de altura, cunha copa de uns 70 cm de diámetro, cuxas follas presentan unha cor abrancazada por mor ao indumento que portan, o que dota de dita cor á árbore enteira. Ditas follas son ovadas, co ápice agudo, acuminadas, de 2 a 5 cm de lonxitude e de 1,5 a 4,5 de largo, coa marxe finamente serrada. As flores, en forma de amentos, chamdos candeas, xorden na primavera, antes de que a árbore recupere as follas. Os froitos son agregados péndulos, cilíndricos, de 1 a 4 cm de lonxitude e de 5 a 7 de diámetro; ditas infrutescencias son dehiscentes coa madureza, dando lugar a sementes miúdas (de 2 mm) dobremente alíferas (disámaras).

Caracteres identificativos[editar | editar a fonte]

Detalle das xemas ou botóns.

A diferenza do bidueiro branco (Betula pendula), o bidueiro pubescente, posúe rebentos lisos, e é máis liso e posúe menos indumento que aquel. Ademais, a serradura da marxe é máis constante e leve. En canto á xenética, existen diferenzas taxativas: o bidueiro branco B. pendula é diploide, mentres que o B. alba é tetraploide. Respecto das súas características ecolóxicas, este bidueiro prefire terreos pouco drenados, moi saturados da auga, a diferenza, de novo, co B. pendula, que require unha maior sequidade.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O bidueiro é a anxiosperma de porte arbóreo de distribución máis setentrional. As poboacións subárticas non desfrutan do porte descrito en seccións anteriores, senón que posúen un perfil máis achaparrado ou repoludo, máis apto contra as cifras e para resistir o peso da neve. Hai autores que separan aos individuos pertencentes a estas subpoboacións na subespecie Betula pubescens subsp. tortuosa, o bidueiro ártico; as súas características definitorias, ademais da distribución islandesa e groenlandesa, corresponderían a un talle menor, de 5 a 6 m.

Na Península Ibérica é frecuente no Cordal Cantábrica, Sistema Ibérico, Sistema Central. Nestas serras mestúrase frecuentemente con acivros e capudres (Sorbus aucuparia). Nos clareiros dos bidueirais medra gran cantidade de xanzá (Gentiana lutea) que se aproveita, así coma uces brancas, extensos tapices de arandeiras e xestas.

En Galicia é frecuente en todo o territorio, mesturándose entre as especies das fragas ou formando bidueirais. No sur do país é unha das especies de ribeira. Non ten grandes esixencias de solo polo que soe aproveitar terreos degradados por lumes, medrando incluso nos noiros das autoestradas.

Usos[editar | editar a fonte]

Tronco

A súa madeira, dura e resistente, úsase para carpintaría e foi tradicionalmente utilizada polos zoqueiros (que partían pola metade un toro e de cada metade facían un zoco). Tamén se utilizou para a construción de cubertas, cascos de canoas e para a elaboración de diferentes recipientes. Naturalmente, tamén se aproveita como combustíbel nas cociñas de leña, pola súa facilidade para arder.

Da súa casca, branda, pódese obter aceite que se emprega en medicina.

O bidueiro na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • Miña nai quere unhas zocas
    branquiñas de abidueira;
    Mándemas vir de Villalba,
    daquilas que hai de chinela
    .
  • Meu Santo San Fins do Castro,
    ¿que lle dás os teus romeiros?
    auga da túa fontiña
    sombra dos teus bidueiros.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Bidueiro pubescente

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Hai moitos topónimos relacionados con esta árbore: