Crangon crangon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crangon crangon
Crangon crangon (dorsal).jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Caridea
Superfamilia: Crangonoidea
Familia: Crangonidae
Xénero: Crangon
Especie: C. crangon
Nome binomial
Crangon crangon
(Linnaeus, 1758) [1]
Sinonimia
Referencia:[1]
  • Astacus crangon (Linnaeus, 1758)
  • Cancer crangon Linnaeus, 1758
  • Crago vulgaris (Fabricius, 1798)
  • Crangon vulgaris Fabricius, 1798
  • Crangon rubropunctatus Risso, 1816
  • Crangon maculosa Rathke, 1837
  • Crangon maculatus Marcusen, 1867
  • Crangon maculosa typica Czerniavsky, 1884
  • Crangon maculosa brevirostris Czerniavsky, 1884
  • Crangon maculosa suchumica Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis longicauda Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis intermedia Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis brevicauda Czerniavsky, 1884
  • Crangon crangon typicus Doflein, 1900
  • Crangon crangon mediterranea Brashnikov, 1907

Crangon crangon é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos e familia dos crangónidos coñecido popularmente, entre ouros, polos nones de camarón, camarón bravo, camarón de area, esquía, esquía areneira e quisquilla,[2] [3] que se encontra nas costas do Atlántico oriental, habitualmente sobre as areas das praias.

É posíbe encontralo en todas as costas europeas, desde Escandinavia, onde abunda, até os mares Mediterráneo e Negro, estendéndose polo sur até Marrocos.[4]

É un marisco moi degustado, especialmente nos mares do norte (Países Baixos, Alemaña e Escandinavia).

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1758 por Carl von Linné na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Cancer cragnon.[5]

Posteriormente foi reclasificada en diversos outros xéneros, até chegar ao seu nome oficial actual (véxase "clasificación científica" no cadro á dereita).

Características morfolóxicas[editar | editar a fonte]

É un camarón de pequeno tamaño, xa que os adultos miden habitualmente de 3 a 5 cm de lonxitude (excluíndo as antenas), aínda que se rexistraron espécimes de até 9 cm.[6]

O pereion (conxunto dos toracómeros, metámeros ou segmentos do tórax) libres, non fusionados coa cabeza no cefalotórax)[7] é deprimido e liso, sen quillas laterais.[3]

O rostro é curto, deprimido e acanalado, de bordos case paralelos e punta arredondada que chega á marxe posterior dos globos oculares Ten ademais unha espiña dorsal media dirixida cara adiante, e dúas espiñas hepáticas ao mesmo nivel, que comezan na marxe do rostro e que, bordeando as rexións gástricas, se dirixen cara a atrás, para desaparecer na metade da rexión branquial.[3]

Os ollos están ben desenvolvidos, con pedúnculo curto e groso; os globos oculares presentan unha profunda escotadura dorsal.[3]

As anténulas teñen o estilocerito curto e bicudo, e dous flaxelos. As antenas presentan o escafocerito longo, coa marxe externa grosa, unha quilla lonxitudinal, unha espiña externa longa e un flaxelo case tan longo como todo o corpo.[3]

Primeiro plano das pseudoquelas de C. cragnon.

Os pereiópodos do primeiro par son robustos, subqueliformes, estando constituída a pseudoquela (pseudopinza) por un dáctilo curvo e bicudo que se abre sobre a marxe anterior do propodio, que está prolongado nunha espiña a maneira de dedo fixo. As patas do segundo par son longas e delgadas, chegando case ao extremo das do primeiro par, con pinzas pequenas e ben formadas. As terceiras patas son delgadas e de igual lonxitude que as primeiras, cun dáctilo longo e afiado. E as dos pares cuarto e quinto son máis grosas que as do terceiro e están rematadas nun dáctilo forte.[3]

C. crangon coas antenas despregadas cara adiante.

O abdome ten os segmentos lisos, coa marxe dorsal arredondada e coas placas laterotergais posteriormente arredondadas, e sen espiñas; o sexto segmento presenta unha espiniña no ángulo posteroinferior.[3]

O telson está rematado en ángulo agudo moi saínte, con tres pares de espiñas e varias sedas plumosas; os pleópodos son de dúas ramas, e os urópodos relativamente longos.[3]

A coloración é críptica, areosa ou máis on menos agrisada, que pode cambiar para que coincida co medio no que viven. O corpo de animal é translúcido.[3] [6]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Viven en augas tranquilas pouco profundas, normalmente nas praias e en marismas próximas ás desembocaduras dos ríos, xa que tolera as augas lixeiramente salobres.[3] [6] Os adultos son epibentónicos, vivindo cerca do fondo, especialmente nas augas pouco profundas dos esteiros ou cerca da costa.[8]

Habita no litoral do Atlántico nororiental, desde o mar Branco, no norte de Rusia, até o sur de España e as costas de Marrocos, incluíndo o mar Báltico, presentando nestas zonas poboacións abundantes. Pero tamén se encontra en todo o Mediterráneo, até Grecia e Turquía chegando ao mar Negro.[3] [9] A pesar do seu amplo rango de distribución, porén, hai pouco fluxo de xenes debido á existencia de certas barreiras naturais, como o estreito de Xibraltar e o Bósforo. Pénsase que as poboacións do oeste do mar Mediterráneo son as máis antigas, e que a propagación da especie por todo o norte do Atlántico ocorrería no plistoceno.[9]

Xeralmente é moi abundante e ten un efecto significativo sobre os ecosistemas nos que habita.[8]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Crangon crangon é un animal hermafrodita.[3] As femias alcanzan a madurez sexual cando miden ao redor de 22 mm, mentres que os machos son maduros aos 30 mm.[10] Fan dúas postas ao ano de aproximadamente 10.000 ovos, que son transportados polas femias nas súas patas abdominais durante un ou dous meses.[3]

Cando os ovos eclosionan, as crías convértense en larvas planctónicas, que pasan por cinco écdises antes de chegaren á etapa de "post-larva", momento en que baixan ao fondo do mar;[10] daquela miden 1 cm. A súa vida dura uns catro anos.[3]

Aliméntanse de noite, de algas, pequenos vermes e outros animais pequenos.[3]

Nomes populares galegos[editar | editar a fonte]

Este especie recibe en Galicia numerosos nomes. Ademais dos antecitados camarón, camarón bravo, camarón de area, esquía, esquía areneira e quisquilla, outros como areeiro, burra, camaleón camarón das ladeiras, camarón de río, camarón do limpo, camarón do río, camarón feo, camarón gafo, camarón sarnoso, esquía de area, e outras menos citadas.[2] [3]

Por outra parte, na Lista de crustáceos de Galicia da Galipedia dáselle o nome de camarón, que é coincidente co que se lle asigna á especie Palaemon serratus que, aínda que próxima, non o é tanto, xa que ambas as especies pertencen á mesma infraorde, pero a distintas superfamilias e, obviamente, a familias distintas.[11]

Capturas globais de Crangon crangon en toneladas, datos da FAO, 1950–2010.[12]

E, finalmente, Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe, utilizan o castelanismo quisquilla.[13]

Pesquería e consumo[editar | editar a fonte]

En 1999 capturáronse cerca de 37.000 toneladas destes crustáceos, que se consumiron principalmente en Alemaña (é moi usual o uso deste crustáceo na Baixa Saxonia como almorzo) e nos Países Baixos (entendedo como tales a Bélxica e Holanda), que acaparan o 80 % do consumo total.[4]

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Este tipo de camarón é un marisco que goza de gran popularidade en Bélxica e nos países veciños.

Croquetas de camarón.

É a base do prato tomate-crevette, no que estes crustáceos, mesturados con salsa maionesa, sérvense en recipientes que son medios tomates crus, aos que se separa parte da polpa para acollelos. As croquetas de camarón é outra especialidade belga; a pasta leva o camarón mesturado con queixo fundido. Fresco, cocido e sen pelar sérvese adoito como tapa acompañando á cervexa, normalmente unha amarga ale ou unha flamenga vermella, como unha "Rodenbach".[14]

Prato de C. crangon.

É tamén moi apreciado na gastronomía da Alemaña setentrional (cociña de Schleswig-Holstein), así como na holandesa. Nestes lugares denominan a este camarón Nordseekrabben/Nordseegarnelen (cangrexo de mar do Norte).

No norte de Alemaña adoita comerse no almorzo acompañado de salsa maionesa e sobre unha rebanda de pan ou un brötchen (peza pequena de pan); a súa preparación é moi simple: pélanse uns cantos camaróns cocidos que se van depositando, nun bol, os suficientes para alcanzar a cantidade adecuada; logo mestúranse coa maionesa e colócanse sobre o pan. Trátase dun almorzo moi tradicional nesa zona.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Crangon crangon (Linnaeus, 1758) no SIIT.
  2. 2,0 2,1 Ríos Panise, M. C. (1977), pp. 27-28.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 Ramonell, R. (1985), pp. 216-218.
  4. 4,0 4,1 "Crangon crangon (Linnaeus, 1758)". Species Fact Sheets. Food and Agriculture Organization (FAO). http://www.fao.org/figis/servlet/species?fid=3435. Consultado o 7/01/2013.
  5. Caroli Linnæi: Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.)
  6. 6,0 6,1 6,2 "Crangon crangon". ARKive. http://www.arkive.org/species/ARK/invertebrates_marine/Crangon_crangon/.
  7. Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  8. 8,0 8,1 Joana Campos, Cindy Pedrosa, Joana Rodrigues, Sílvia Santos, Johanses I. J. Witte, Paulo Santos & Henk W. van der Veer (2009). "Population zoogeography of brown shrimp Crangon crangon along its distributional range based on morphometric characters". Journal of the Marine Biological Association of the United Kingdom 89 (3). DOI:10.1017/S0025315408002312.
  9. 9,0 9,1 Joana Campos, Vânia Freitas, Cindy Pedros, Rita Guillot & Henk W. van der Veer (2009). "Latitudinal variation in growth of Crangon crangon (L.): does counter-gradient growth compensation occur?". Journal of Sea Research 62 (4): 229–237. DOI:10.1016/j.seares.2009.04.002.
  10. 10,0 10,1 Joana Campos & Henk W. van der Veer (2008). "Autecology of Crangon crangon (L.) with an emphasis on latitudinal trends". Oceanography and Marine Biology: an Annual Review (R. N. Gibson, R. J. A. Atkinson & J. D. M. Gordon) 46: 65–104. DOI:10.1201/9781420065756.ch3. ISBN 978-1-4200-6574-9.
  11. Véxase a páxina de conversa de Lista de crustáceos de Galicia e tamén a deste artigo, onde se fai unha proposta de nome vulgar diferenciado para Crangon crangon.
  12. FishStat database, FAO.
  13. Lahguerta e Vázquez (2000), p. 223.
  14. "Les crevettes grises". Eating.be. http://www.eating.be/fr/home/article/393.
  15. Jens Mecklenburg (texto) e André Hoffmann (fotos) (2002): Kulinarischer Norden: Helmut Zipner präsentiert Rezepte von Profiköchen und Publikum. Hannover: Schlütersche. ISBN 3877068596.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Crangon crangon

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Raabe, Charles & Linda Raabe (2008): "The Caridean shrimp: Shrimp Anatomy - Illustrations and Glossary". Ver en liña.
  • Tavares, Carolina & Joel W. Martin (2010): "Suborder Dendrobranchiata Bate, 1888", en F. R. Schram, J. C. von Vaupel Klein, J. Forest & M. Charmantier-Daures (eds.) Treatise on Zoology – Anatomy, Taxonomy, Biology – The Crustacea. Volume 9A Eucarida: Euphausiacea, Amphionidacea, and Decapoda. Brill Publishers. ISBN 978-90-04-16441-3. PDF.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]