Pata (artrópodos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artellos da pata dunha araña: 1. Coxa. 2. Trocánter. 3. Fémur. 4. Patela. 5. Tibia. 6. Metatarso. 7. Tarso. 8. Pretarso (uñas).

As patas dos artrópodos son apéndices articulados usados para camiñar ou nadar.

Moitos dos termos usados para denominar os artellos ou segmentos da pata dos artrópodos veñen do latín, e poden ser confundidos con termos usados para nomear ósos: coxa (significando cadeira), trocánter (comparábel ao trocánter maior e ao trocánter menor), fémur, tibia e tarso, que se pode subdividir até en 5 partes.

Homoloxías[editar | editar a fonte]

As homoloxías entre os segmentos das patas entre os diferentes grupos de artrópodos son difíciles de probar e son fonte de moita controversia. Algúns autores sosteñen que a pata do ancestro común máis recente dos artrópodos tiña 11 segmentos,[1] pero os artrópodos modernos teñen só oito ou menos.

Tamén se ten discutido que as patas ancestrais non necesitarían seren tan complexas ncomo as dos artrópodos actuais, e isto, sumado a outros factores, daría lugar á perda da función dun xene, o cal podería derivar nunha paralela reordenación dos segmentos.[2] [3]

O fémur é un dos artellos das patas dos artrópodos (insectos e arácnidos) que non guardan homoloxía entre si, nin con o fémur dos vertebrados terrestres.

Hexápodos[editar | editar a fonte]

Diagrama dunha pata de insecto.
Artigos principais: Hexápodos e Insectos.

As patas dos insectos encóntranse sempre situadas no tórax. Estes animais teñen 5 segmentos por pata: coxa, trocánter, fémur, tibia e tarso, estando o tarso dividido en subseccións chamadas tarsómeros. Nalgúns grupos, o número de tarsómeros é un dos factores esenciais para a identificación das familias. As uñas tarsais tamén poden estar presentes.[4] [5]

A segmentación é similar á dos colémbolos, nos cales cada pata ten coxa, trocánter, fémur, tibia e un complexo de pé.

Sumado a estes hai un sexto segmento chamado pretarso, que consiste en uñas e varias outras estruturas ao final do tarso. Unha estrutura similar a un lóbulo chámase arolio cando se encontra entre as uñas, como nos ortópteros (saltóns e grilos), ou pulvilo se se encontra na base das uñas, como nos dípteros (moscas). Estas estruturas usualmente serven para aumentar a adherencia a superficies e/ou para amortecer unha caída, como no salto do saltón.

As patas dos insectos están articuladas aos tres segmentos torácicos: prototórax, mesotórax e metatórax. Esta terminoloxía aplícase tamén ás veces aos segmentos das patas; por exemplo, o mesofémur é o fémur do segundo par de patas, e o protarso é o tarso do primeiro par de patas.

Quelicerados[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Quelicerados.

As patas das arañas difiren das dos insectos pola adición de dous segmentos, a patela, entre o fémur e a tibia, e o metatarso (algunhas veces chamado basitarso) entre a tibia e o tarso (algunhas veces chamado telotarso), facendo un total de sete segmentos.

A situación é idéntica nos escorpiónss, pero cun segmento máis, un pretarso despois do tarso. As pinzas do escorpión non son realmente patas, senón que son pedipalpos, un tipo diferente de apéndice que tamén se encontra en todos os arácnidos.

En Limulus (merostomafos), dase un caso distinto: non presenta metatarso ou pretarso, deixando á pata con seis segmentos, ao igual que nos insectos.

Crustáceos[editar | editar a fonte]

A pata dun crustáceo, mostrando os segmentos; o isquio e o mero encóntranse fusionados en moitos decápodos.
Artigo principal: Crustáceos.

As patas dos crustáceos estaban divididas primitivamente en sete segmentos, que non seguen a nomenclatura do resto dos grupos. Estes son coxa, basis ou base, isquio, mero, carpo, propodio e dáctilo. Nalgúns grupos algúns dos segmentos póden fusionarse entre si. As pinzas das nécoras e as centolas fórmanse a partir dunha articulación do dáctilo contra un sobrecrecemento do propodio. As patas dos crustáceos tamén difiren en que na maioría dos taxons son birrámeas, mentres que nos demais artrópodos son unirrámeas. Os crustáceos do xénero Sicyonia si presentan unirramia nos tres últimos pares de patas nadadoras (pleópodos).

Miriápodos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Miriápodos.

Os cempés e milpés, xunto aos seus parentes, teñen patas de sete segmentos, comprendendo a coxa ou cadeira, trocánter, prefémur, fémur, tibia, tarso e uñas tarsais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kukalova-Peck, J. (1992). "The "Uniramia" do not exist - the ground plan of the Pterygota as revealed by Permian Diaphanopterodea from Russia (Insecta, Paleodictyopteroidea)". Canadian Journal of Zoology - Revue Canadienne de Zoologie 70 (2): 236–255.
  2. Fryer, G. (1996). "Reflections on arthropod evolution". Biol. J. Linn. Soc. B 58 (1): 1–55.
  3. Schram, F. R. & S. Koenemann. "Developmental genetics and arthropod evolution: part I, on legs". Evolution & Development 3 (5): 343–354.
  4. Harbach, R. E. & K. L. Knight (1980). Taxonomist's Glossary of Mosquito Anatomy.
  5. Richards, O. W. & R. G. Davies (1977). Imm's General Textbook of Entomology, 10th ed. (2 Volumes).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Garrido, Carlos (1977): Dicionário terminologico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. Corunha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1.

Outros artigos[editar | editar a fonte]