Xoán da Cruz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xoán da Cruz
JohnCross.jpg
Nome completoJuan de Yepes Álvarez
Nacemento24 de xuño de 1542
 Fontiveros
Falecemento14 de decembro de 1591
 Úbeda
Causastreptococcal infection
Soterradosen etiquetar
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Alma máterUniversidade de Salamanca
Ocupaciónpoeta, escritor, clérigo e sacerdote católico
Coñecido/a porCantar del alma que se huelga de conocer a Dios por fe e Spiritual Canticle
editar datos en Wikidata ]
San Xoán da Cruz
Proceso de canonización
Beatificación25 de xaneiro de 1675, en por Clemente X
Canonización27 de decembro de 1726, en por Bieito XIII
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica, Igrexa anglicana, Igrexa luterana
Festividade24 de novembro vetus ordo
14 de decembro novus ordo

San Xoán da Cruz, de nome secular Juan de Yepes Álvarez e coñecido primeiramente como frei Juan de San Matías, nado en Fontiveros (Ávila) o 24 de xuño de 1542 e finado en Úbeda (Xaén) o 14 de decembro de 1591, foi un relixioso e poeta místico do renacemento español. Foi reformador da Orde da nosa Señora do Monte Carmelo e cofundador da Orde dos Carmelitas Descalzos con santa Tareixa de Xesús.

Xunto con Tareixa de Xesús, considérase a Xoán da Cruz o cume da mística experimental cristiá.[1] Poetas de extracción diversa como Rubén Darío, Juan Ramón Jiménez, Paul Valéry e T. S. Eliot consideraron os poemas de Xoán da Cruz non só como o cume da mística española, senón da poesía en lingua castelá.[2] Dende 1952 é o patrón dos poetas en lingua castelá.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Gravado en talla doce de Cornelis Boel, orixe da iconografía do santo, publicado na obra de frei José de Jesús María Relacion de un insigne milagro que Nuestro Señor obra continuamente en vna parte de carne del venerable P.F. Iuan de la Cruz primer Religioso Descalço Carmelita, autenticado y aprouado por el señor don Iuan Vigil de Quiñones, Obispo de Valladolid. Madrid, pola viúva de Alonso Martín, 1615.[4]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu en 1542 no municipio abulense de Fontiveros, situado na área delimitada por Madrigal de las Altas Torres, Arévalo e Ávila[5] co nome de Juan de Yepes Álvarez nunha familia de conversos (descendentes de xudeus conversos ao cristianismo),[6] fillo dun tecedor toledano chamado Gonzalo de Yepes e de Catalina Álvarez.[7] Tivo dous irmáns máis vellos chamados Francisco e Luis. O pai de Juan morreu cando tiña catro anos, o que deixou a familia nunha difícil situación.[8] O seu irmán Luis morreu cando el tiña seis anos, quizais pola mala alimentación.[9] A nai e os dous fillos restantes, Francisco e o propio Juan, sufriron una perentoria pobreza, polo que se viron obrigados a trasladarse primeiro a Arévalo, onde viviron durante catro anos, e en 1551 a Medina del Campo. A tradición achacaba a estas penalidades pasadas que Juan fose un home de escasa corpulencia, bastante baixo de estatura, tanto que Tareixa de Ávila o chamou "o meu medio frade". Con todo, na exhumación, estudo e restauración dos seus restos que se fixo en 1992, confirmouse que a súa estatura estaba entre 1,60 e 1,65 m, normal para a súa época. O incremento de fortuna, que lles reportou o matrimonio do irmán máis vello con Ana Izquierdo, conseguiu que se establecesen alí definitivamente. Juan, grazas á súa condición de pobre de solemnidade, puido asistir ao Colexio dos Nenos da Doutrina,[10] privilexio que o obrigou a realizar certas contraprestacións, como asistir no convento, a axuda a Misa e aos Oficios, o acompañamento de enterros e a práctica de pedir esmola. A mínima formación recibida no colexio capacitouno para continuar a súa formación no recentemente creado (1551) Colexio dos xesuítas, que lle deu una sólida base en Humanidades. Como alumno externo e a tempo parcial, debía compaxinar os seus estudos cun traballo de asistencia no Hospital da nosa Señora da Concepción de Medina del Campo, especializado na curación de enfermidades venéreas.

Así, pois, entre 1559 e 1563, estudou cos xesuítas; durante os primeiros tres anos, recibe a formación segundo a nova Ratio Studiorum, en que o latín era a base de todo o currículo; no cuarto ano, á parte de recibir instrución retórica, aprendeu a escribir en latín, a construír versos neste idioma e a traducir a Cicerón, Xulio César, Virxilio, Ovidio, Marcial e Horacio. Simultaneamente, viviu as novas correntes do humanismo cristián, con estilo e comportamentos renovados na pedagoxía.

Aos vinte e un anos, en 1563, ingresou no Convento dos Pais Carmelitas de Medina del Campo, da Orde dos Carmelitas, e adoptou o nome de frei Juan de san Matías. Tras realizar o noviciado entre 1563 e 1564 no Convento de Santa Ana, trasladouse a Salamanca onde estudou no Colexio de Santo André dos Carmes entre 1564 e 1567, os tres cursos preceptivos para obter o bacharelato en artes. Durante o terceiro curso, foi nomeado, polas súas destrezas dialécticas, prefecto de estudantes no colexio de Santo André.

Relación con Tareixa de Ávila[editar | editar a fonte]

A súa insatisfacción co modo de vivir a experiencia contemplativa no Carmelo, fixérono considerar ir á Cartuxa,[11] pero en 1567 regresou a Medina del Campo por uns poucos días para ser ordenado presbítero e celebrar a súa primeira misa en presenza do seu irmán, o resto da súa familia e os seus amigos do convento e alí coñeceu a Teresa de Cepeda e Ahumada, futura santa Tareixa de Xesús, que chegara á cidade para fundar una nova sede da súa Reforma carmelita, os chamados carmelitas descalzos. Teresa convenceu a Juan e uniuno á súa causa de reforma da súa orde, que tropezou cunha grande hostilidade por parte dos carmelitas calzados.

Juan regresou a Salamanca e iniciou estudos de teoloxía durante o curso 1567-1568, pero só terminou un curso de catro polo que non obtivo nin sequera o grao de bacharel. En agosto abandonou Salamanca para acompañar a Teresa na súa fundación feminina de Valladolid. O 28 de novembro de 1568 fundou en Duruelo (Ávila) o primeiro convento da rama masculina do Carmelo Descalzo seguindo a "Regra Primitiva" de Santo Alberto, isto é, un establecemento que propugna o retorno á práctica orixinal da orde.[12] Durante a cerimonia cambiou o seu nome polo de frei Juan de la Cruz. En 1570 a fundación trasladouse a Mancera,[13] onde Juan desempeñou o cargo de subprior e mestre de novizos. En 1571, despois de una breve estancia en Pastrana, onde puxo en marcha o seu noviciado, estableceuse en Alcalá de Henares como reitor do recentemente fundado Colexio convento de Carmelitas Descalzos de San Cirilo.[14]

Juan converteuse nun dos principais formadores para os novos adeptos a esta reforma carmelitana. En 1572 viaxou, convidado por Teresa de Jesús, ao Convento da Encarnación en Ávila, onde asumiu as tarefas de vigairo e confesor das monxas. Permaneceu aquí até finais de 1577, polo que acompañou a nai Teresa á fundación de diversos conventos de descalzas, como o de Segovia.

Enfrontamento entre carmelitas[editar | editar a fonte]

Oratorio de san Xoán da Cruz en Úbeda, onde foi sepultado ao morrer.

Durante este período, no seo da Orde do Carmelo agraváronse os conflitos xurisdicionais entre os carmelitas calzados e descalzos, debidos a distintos enfoques espirituais da reforma; polo demais, o preito enmarcábase tamén na confrontación entre o poder real e o pontificio por dominar o sector das ordes relixiosas. Así, en 1575, o Capítulo Xeral dos Carmelitas decidiu enviar un visitador da Orde para suprimir os conventos fundados sen licenza do Xeneral e de recluír a nai Teresa nun convento. Finalmente, en 1580 o Carmelo Descalzo erixiuse en Provincia exenta e en 1588 foi recoñecida como Orde.

Encarceramento[editar | editar a fonte]

Neste contexto é no que se produciu o encarceramento de Juan de la Cruz, quen xa en 1575 fora detido e encarcerado en Medina del Campo durante uns días polos frades calzados.[15] A noite do 3 de decembro de 1577 Juan da Cruz foi novamente apresado e trasladado ao convento de frades carmelitas de Toledo, onde é obrigado a comparecer ante un tribunal de frades calzados para retractarse da Reforma tareixana. Ante a súa negativa, foi recluído nunha prisión conventual durante oito meses. Durante este período de reclusión escribiu as trinta e una primeiras estrofas do Cántico espiritual (na versión coñecida como protocántico), varios romances e o poema da fonte, e cantounos na súa reclusión para consolarse.

Fuga[editar | editar a fonte]

Tras concienciarse de que a súa liberación ía ser difícil, planeou detidamente a súa fuga e entre o 16 e o 18 de maio de 1578, coa axuda dun carcereiro, escapou no medio da noite e acolleuse no convento das Nais Carmelitas Descalzas, tamén en Toledo.[16] Para maior seguridade, as monxas enviárono ao Hospital de Santa Cruz, no que estivo mes e medio. A fuga tivo lugar na madrugada do 15 de agosto de 1578: a anécdota ten que ver con que o santo quería celebrar misa en honra da Virxe, comunicouno días anteriores e o Superior respondeulle "Xamais nos meus días".[17][18][19]

Cargos na súa orde[editar | editar a fonte]

En 1578 dirixiuse a Andalucía para recuperarse completamente. Pasou por Almodóvar del Campo, berce dos místicos san Xoán de Ávila e san Xoán Bautista da Concepción, e logo chegou como vigairo ao convento do Calvario en Beas de Segura, Xaén. Estableceu amizade con Ana de Jesús, tras algunhas visitas á fundación de Beas. En xuño de 1579 estableceuse na fundación de Baeza onde permaneceu como Reitor do Colexio Maior até 1582, en que marchou para Selecta tras ser nomeado Terceiro Definidor e Prior dos Mártires desa cidade. Realizou numerosas viaxes por Andalucía e Portugal, por razóns do cargo. En 1588 foi elixido Primeiro Definidor e Terceiro Consiliario da Consulta, o cal o trasladou a Segovia.

Morte e canonización[editar | editar a fonte]

Sepulcro de san Xoán da Cruz no Convento dos Carmelitas Descalzos de Segovia.

Tras un novo enfrontamento doctrinal en 1590, foi destituído en 1591 de todos os seus cargos, e quedou como simple súbdito da comunidade. Durante a súa viaxe de volta a Segovia, caeu enfermo no convento da Peñuela de La Carolina e foi trasladado a Úbeda, onde morreu a noite do 13 ao 14 de decembro.

Inmediatamente trala súa morte, o seu corpo foi desposuído e iniciáronse os preitos entre Úbeda e Segovia pola posesión dos seus restos. En 1593, estes, mutilados, trasladáronse clandestinamente a Segovia, onde repousan no Convento dos Carmelitas Descalzos. O proceso de beatificación e canonización iniciouse en 1627 e finalizou en 1630. Foi beatificado en 1675 por Clemente X e canonizado por Benedito XIII en 1726. Posteriormente, o 24 de agosto de 1926, Pío XI proclamouno Doutor da Igrexa.[20] Dende 1927, os restos do corpo incorrupto do santo descansan nun mausoleo erixido nunha capela do segoviano Convento dos Carmelitas Descalzos, xunto ao Santuario da Fuencisla, no val do Eresma.

Obra literaria[editar | editar a fonte]

Influencia[editar | editar a fonte]

A poesía de Juan de Yepes constitúe o punto de encontro dunha longa tradición literaria. A súa lírica integra tradicións literarias de distinta orixe que, axuntadas polo escritor nos seus textos, van adquirindo significados e valores múltiples que exceden aqueles que tiñan na súa orixe.

A crítica, dende Dámaso Alonso, puxo de relevo a confluencia de tres influencias: por unha banda, o bíblico do Cantar dos Cantares, e, por outro, a tradición da poesía culta italianizante e a tradición da poesía popular e de cancioneiros do Renacemento español. A influencia da Biblia é fundamental na súa poesía, en tanto actúa como molde e catalizador do resto de lecturas que conforman a súa bagaxe cultural. Particularmente, resulta transcendental no Cántico espiritual, cuxo simbolismo e imaxes teñen a súa orixe no Cantar dos cantares.

Relixiosidade e filoloxía[editar | editar a fonte]

A obra de Xoán da Cruz foi, dende sempre, enfocada dende dúas perspectivas, a teolóxica e a literaria, que, en moitas ocasións, se presentaron mesturadas.

Perspectiva relixiosa
A obra de san Xoán sofre unha serie de manipulacións tendentes a integrala dentro dos límites e convencións da ortodoxia. Probablemente, a primeira manipulación realízaa o propio autor cando se decide a redactar os comentarios.[21]

A cita fai referencia aos comentarios ou paráfrases explicativas que Xoán da Cruz escribiu para a súa obra máis importante, o chamado Cántico espiritual, cunha finalidade didáctica como resultado das dificultades de adaptar a estrutura do poema ao esquema do itinerario místico (as tres vías e os tres estados correlativos). Esta presenza teolóxica sobre a súa obra, e en concreto sobre o Cántico, manifestouse tamén nas constantes manipulacións de tipo editorial que sufriu, en forma de engadidos ao título ou de epígrafes para determinados grupos de estrofas do poema. Consecuentemente, unha importante rama dos estudos sobre a súa obra dedicouse a demostrar a adecuación do escrito por Xoán á ortodoxia relixiosa católica, privilexiando os Comentarios en prosa sobre a poesía.

Perspectiva filolóxica

Doutra banda, é frecuente no estudo literario da súa obra que ou ben se dean saltos continuos ao teolóxico, ou ben que se estuden de forma conxunta a poesía e os Comentarios doutrinais do propio poeta, coa idea de que estes son necesarios para comprender aquela. Fronte a esta vertente, atópase outra que postula que «a necesidade (ou posibilidade) da interpretación relixiosa é algo que debe ser argumentado e discutido en cada caso», en tanto que o sentido obxectivo da súa poesía non obriga necesariamente a aceptar un significado relixioso.[23]

Poesía[editar | editar a fonte]

Escudo gravado nunha folla do manuscrito de Sanlúcar.

A súa obra poética está composta por tres poemas considerados maiores: Noche oscura, Cántico espiritual e Llama de amor viva; e un conxunto de poemas habitualmente cualificados como menores: cinco glosas, dez romances (nove deles poden contarse como unha única composición) e dous cantares. A difusión da súa obra foi manuscrita, e aínda non se dilucidaron todos os problemas textuais que levan. En prosa escribiu catro comentarios aos seus poemas maiores: Subida del Monte Carmelo e Noche oscura para o primeiro destes poemas, e outros tratados homónimos sobre o Cántico espiritual e Llama de amor viva.[24]

As poesías atribuíbles sen lugar a dúbida a san Xoán da Cruz son as recollidas no códice de Sanlúcar ou manuscrito S, xa que este foi supervisado polo mesmo san Xoán. O repertorio dos seus poemas, segundo devandita fonte, restrínxese a dez composicións (os tres poemas maiores citados e outras sete composicións), a condición de que os romances que comprenden os textos titulados In principio erat Verbum, que son un total de nove, sexan considerados unha única obra. A autenticidade do resto da súa obra poética non puido aínda ser dilucidada pola crítica. Por tradición acéptase xeralmente que tamén son seus os poemas Sin arrimo y con arrimo e Por toda la hermosura, e as letrillas Del Verbo divino e Olvido de lo criado. As sete glosas e poemas «menores» de autoría non está discutida son os seguintes, citados polo primeiro verso:[25]

  • Entréme donde no supe
  • Glosa a Vivo sin vivir en mí
  • Tras de un amoroso lance
  • Un pastorcico solo está penado
  • Que bien sé yo la fuente
  • En el principio moraba
  • In principio erat Verbum (nove romances cuxos primeiros versos son: «En aquel amor inmenso», «Una esposa que te ame», «Hágase, pues, dijo el Padre», «Con esta buena esperanza», «En aquellos y otros ruegos», «Ya que el tiempo era llegado», «Entonces llamó un arcángel», «Ya que era llegado el tiempo» e «Encima de las corrientes»)

Prosa[editar | editar a fonte]

A súa obra en prosa pretende ser corolario explicativo, dado o hermetismo simbólico que entre certa crítica se atribúe á súa poesía:

  • Subida al monte Carmelo (1578-1583)
  • Noche oscura del alma
  • Cántico espiritual (1584)
  • Llama de amor viva (1584 ou 1585)

Doutrina[editar | editar a fonte]

Relicario de san Xoán da Cruz en Úbeda. O seu corpo permanece incorrupto e perfectamente flexible.

A existencia destas tres vías correspóndese coas tres potencias clásicas da alma: memoria, entendemento e vontade, que nesta mesma orde son reducidas a un estado de perfecto silencio. O silencio da memoria é chamado na mística esperanza. O silencio do entendemento chámase fe e o silencio da vontade caridade ou amor. Estes tres silencios representan á vez un baleiro interior e unha renuncia dun mesmo que alcanza o seu máximo grao a través da virtude da caridade. De aí sobreveñen a enorme angustia e a sensación de morte característica dos místicos, pois unirse a Deus é un perderse previo a si mesmo para despois gañarse.

Orixinalidade[editar | editar a fonte]

San Xoán da Cruz ofrece unha radical orixinalidade no misticismo consistente no concepto de noite escura espiritual. Dende os inicios históricos da vida retirada eremítica, os buscadores renunciaban aos bens e praceres mundanos someténdose a xaxúns e outras asperezas, co obxecto de baleirar os seus desexos do mundo e enchelo de bens máis elevados. San Xoán da Cruz aclara que esta é soamente a primeira etapa, xa que tras ela vén a citada noite espiritual, en que o buscador, xa desapegado dos consolos e praceres mundanos, perderá tamén o apoio da súa paz, das súas suavidades interiores, entrando na máis "espantable" noite á que si segue a perfecta contemplación.

Unha das partes máis orixinais e máis profundas da doutrina de san Xoán da Cruz, coa que máis fixo progresar a teoloxía mística e mereceu o título de Doutor, é a que se refire ao que el chama a noite pasiva do espírito.
Un campo sen explorar. Xoán da Cruz percibe a urxencia e a dificultade, e decídese a explorar todo ese campo da noite, en especial as áreas máis arduas onde ningún escritor lograra penetrar.
José Vicente Rodríguez y Federico Ruiz[27]

Monte de perfección[editar | editar a fonte]

Monte de perfección.

No seu soado debuxo do Monte de perfección a recta senda do ascenso aparece arrodeada por dous camiños laterais sen saída. O da dereita, o camiño mundano, sinala os seus perigos: posuír, gozo, saber, consolo, descanso. Así mesmo o da esquerda marca tamén os perigos dun camiño espiritual: gloria, gozo, saber, consolo, descanso. Sorprende especialmente a lenda dos chanzos do camiño central, o correcto, nos cales se le: Nada, nada, nada, nada, nada. Como nota deste gráfico o autor escribe: "Dá avisos e doutrina, así aos principiantes como aos aproveitados, moi proveitosa para que saiban desembarazarse de todo o temporal e non embarazarse co espiritual, e queden na suma nudez e liberdade de espírito, a cal se require para a divina unión". Algunhas das súas frases breves resumen ben a súa doutrina, como: "nega os teus desexos, e acharás o que desexa o teu corazón" e "o amor non consiste en sentir grandes cousas, senón en ter gran nudez, e padecer polo Amado".

Versións musicais dos seus poemas[editar | editar a fonte]

  • La música callada, de Frederic Mompou en 1893–1987. É una obra para piano composta de 28 pequenas pezas, agrupadas en catro cadernos publicadas en 1959, 1962, 1965 e 1967, respectivamente. O título está tomado dos versos «...la música callada/la soledad sonora...» do Cántico espiritual.[28]
  • Cántico espiritual, de Amancio Prada en 1977. Obra musical do poema acompañando a súa voz de guitarra, violín e violoncello.[29]
  • Las Criaturas, de Silvio Fernández Melgarejo en 1988. É unha canción composta por varios versos do poeta místico, co estilo característico do rock dos anos 50.
  • Mística, de Carmelo Bernaola en 1991. É una cantata sobre versos de san Xoán da Cruz que estreou na XI edición de Europa Cantat (1991), en Vitoria.
  • The Dark Night of the Soul, de Loreena McKennitt en 1994. É una adaptación en inglés da Noche Oscura del alma dentro do disco The Mask and Mirror.[30]
  • San Juan De La Cruz, do disco Encontros con entidades de Los Planetas en 2002. Canción composta en homenaxe ao santo con letra estilizada practicamente igual á dun texto do poeta.[31]
  • Silencio de Amor, de Jésed Ministerio de Música en 2002. É un disco publicado en Monterrey, México, con letras baseadas na obra poética do santo.[32]
  • Noche oscura, de Jesús Torres. Composta en 2006, para soprano e piano, sobre versos de Noche oscura del alma. Publicada por TRITÓ Edicions.
  • Aunque es de noche, poema adaptado como tango flamenco por Enrique Morente e posteriormente por Refree e Rosalía Vila (2017).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barrio Maestre, José María (2012). Antropología del hecho religioso (en castelán). Madrid: Ediciones Rialp. p. 126. ISBN 978-84-321-3948-2. 
  2. "Presentación". Poemas. Barcelona 2018 (en castelán). Red Ediciones S.L. 2018. ISBN 978-84-9816-474-9. "[...] as tres principais obras do poeta místico, ao que moitos outros poetas —dende Ruben Darío ou Juan Ramón Jiménez, ata Paul Valéry ou T. S. Eliot— consideraron non só como o cumio da mística española, senón tamén da poesía na nosa lingua [castelá]". Orixinal en castelán: "[...] las tres principales obras del poeta místico, al que muchos otros poetas -desde Rubén Darío o Juan Ramón Jiménez, hasta Paul Valéry o T. S. Eliot- han considerado no solo como la cumbre de la mística española, sino también de la poesía en nuestra lengua.") 
  3. Méndez Plancarte, Alfonso (1992). San Juan de la Cruz: pensamiento y poesía (en castelán). Universidad Iberoamericana. México. p. 39. 
  4. Egido, Teófanes, «Hagiografía y estereotipos de santidad contrarreformista (La manipulación de san Juan de la Cruz)», Cuadernos de Historia Moderna, 25 (2000), pp. 61-85, p. 73.
  5. Jean Canavaggio y Bernard Darbord, Historia de la literatura española: El siglo XVI, Barcelona, Ariel, 1994, vol. 2, páx. 164. ISBN 978-84-344-7453-6 (en castelán)
  6. Roth, Norman (1995). Conversos, Inquisition, and the Expulsion of the Jews from Spain. Madison: The University of Wisconsin Press. pp. 157, 369. ISBN 0-299-14230-2. Consultado o 20 de xaneiro de 2016. 
  7. Álvarez, Luciano (1 de novembro de 2008). "Gonzalo de Yepes y Catalina Álvarez". El País. Crónicas de luz y sombra (en castelán). Consultado o 16 de xullo de 2011. "Gonzalo é o fillo dunha nobre familia de xudeus conversos de Toledo. Orfo, foi criado por uns tíos ricos, donos dun negocio de tecidos de seda, que o iniciaron dende moi novo no comercio". Orixinal en castelán: "Gonzalo es el hijo de una noble familia de judíos conversos de Toledo. Huérfano, fue criado por unos tíos ricos, dueños de un negocio de tejidos de seda, que lo iniciaron desde muy joven en el comercio". 
  8. Gómez-Menor Fuentes, José Carlos. "El bachiller Diego de Yepes, cura de Domingo Pérez, morador en Torrijos" (PDF) (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 16 de xullo de 2011. 
  9. Moliner 2004:74
  10. Santolaria Sierra, Félix F. (1996). "Los colegios de doctrinos o de niños de la doctrina cristiana" 56 (192): 267–290. ISSN 0018-2141. Consultado o 16 de xullo de 2011. Os chamados Colexios de Doutrinos ou de Nenos da Doutrina Cristiá, verdadeiras institucións de asistencia e reeducación social que poboaron a xeografía hispana nos séculos XVI e XVII". Orixinal en castelán: "Los llamados Colegios de Doctrinos o de Niños de la Doctrina Cristiana, verdaderas instituciones de asistencia y reeducación social que poblaron la geografía hispana en los siglos XVI y XVII". 
  11. Vicente Rodríguez, José; Ruiz Salvador, Federico (2008). Obras Completas de San Juan de la Cruz (en castelán) (6ª ed.). Editorial de Espiritualidad. p. 5. ISBN 9788470683459. 
  12. Orden de Carmelitas Descalzos. "Regla «Primitiva» de la Orden de la Bienaventurada Virgen María del Monte Carmelo" (en castelán). Consultado o 18 de xullo de 2011. Regra «Primitiva» da Orde da Bienaventurada Virxe María do Monte Carmelo, dada por santo Alberto, Patriarca de Xerusalén, e confirmada por Inocencio IV. 
  13. Ayuntamiento de Mancera de Abajo. "Resumen histórico de Mancera de Abajo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 17 de xullo de 2011. No século XVI chegan a Mancera dúas personaxes que habían de ser moi importantes na vida espiritual da España da época, santa Tareixa de Xesús, e san Xoán da Cruz. Orixinal en castelán: "En el siglo XVI llegan a Mancera dos personajes que habían de ser muy importantes, en la vida espiritual de la España de la época, Santa Teresa de Jesús, y San Juan de la Cruz". 
  14. Centro Virtual Miguel de Cervantes. "Colegio convento de Carmelitas Descalzos de San Cirilo". De paseo por Alcalá (en castelán). Consultado o 18 de xullo de 2011. 
  15. de la Cruz, Juan (2002). Elía, Paola; Mancho Duque, María Jesús, eds. Cántico espiritual y poesía completa (en castelán). Fundación Ricardo Delgado Vizcaíno. p. xxxiv. ISBN 9788484323877. Consultado o 6 de xaneiro de 2017. Xa en 1575, frei Juan de la Cruz fora detido e encarcerado en Medina del Campo polos frades calzados [...]. Orixinal en castelán: "Ya en 1575, fray Juan de la cruz había sido detenido y encarcelado en Medina del Campo por los frailes calzados" 
  16. Unha versión literaria da vida de Xoán da Cruz e especialmente deste episodio atópase na novela de José Jiménez Lozano El mudejarillo (1992).
  17. Crisógono de Jesús. Vida de San Juan de la Cruz (en castelán). Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. 
  18. Herraiz, Maximiliano (1992). "Intoducción". San Juan de la Cruz, Obras completas (en castelán). Salamanca: Ediciones Sígueme. 
  19. Rodríguez, José Vicente (1988). "Introducción". San Juan de la Cruz, Obras completas (en castelán). Madrid: Espiritualidad. p. 6. 
  20. Chapman, John. "Doctores de la Iglesia". Enciclopedia Católica. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2011. Consultado o 17 de xullo de 2011. San Xoán da Cruz. (1542-1591). Cofundador dos carmelitas descalzos. Doutor da teoloxía mística. Aclamado doutor o 24 de agosto, 1926 por Pío XI. 
  21. Orixinal en castelán: la obra de San Juan sufre una serie de manipulaciones tendentes a integrarla dentro de los límites y convenciones de la ortodoxia. Probablemente, la primera manipulación la realiza el propio autor cuando se decide a redactar los comentarios.
  22. Domingo Ynduráin, "Introducción", en San Juan de la Cruz, Poesía, páx. 20-21.
  23. Domingo Ynduráin, "Introducción", en San Juan de la Cruz, Poesía, páx. 26.
  24. Canavaggio e Darbord (1994:192).
  25. P. Elia y Mª J. Mancho, [1] «El repertorio de las poesías», en la Introdución á edición das Poesías de San Juan de la Cruz, Clásicos hispánicos do Centro Virtual Cervantes, 2002. (en castelán)
  26. Garrigou-Lagrange, Réginald (1929). L'amour de Dieux et la croix de Jésus (en francés) (II ed.). París: Éditions du Cerf. p. 549. OL20212420M. Consultado o 17 de xullo de 2011. 
  27. Vicente Rodríguez, José; Ruiz Salvador, Federico (2008). Obras Completas San Juan de la Cruz (en castelán) (6ª ed.). Editorial de Espiritualidad. p. 436. ISBN 9788470683459. Consultado o 17 de xullo de 2011. 
  28. Prieto Marugán, José (febreiro de 2007). "La música callada". Opus Música. Consultado o 15 de xullo de 2011. 
  29. Prada, Amancio. "Cántico Espiritual". Consultado o 15 de xullo de 2011. 
  30. "The Mask and Mirror". Consultado o 15 de xullo de 2011. As escenas musicais dos poemas de san Xoán da Cruz e Shakespeare son eclécticas e ricas composicións orixinais que inclúen as sedutoras e dramáticas obras "The Mystic's Dream" e "Marrakesh Night Market".  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  31. Los Planetas. "Letra da canción de Los Planetas - "San Juan de la Cruz"". 
  32. Jésed (1 de xuño de 2002). "Silencio de Amor". Consultado o 15 de xullo de 2011. Este disco inspírase nos poemas de san Xoán da Cruz. As súas letras transportan a alma orante ao encontro con Deus no silencio de amor que se dá na oración contemplativa. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]