Peso (moeda)
- Para outros artigos con títulos relacionados, véxase Peso e Peso monetario.
Peso é, inicialmente, a denominación da moeda española de 8 reais de prata, cun peso de entre 27 e 27,5 gramos e 40 milímetros de diámetro, cuñada desde pouco despois da Descuberta de América ata ben entrado o século XIX, así como doutras moedas de valores e métrica semellantes, emitidas tanto en España como nas súas colonias e noutros estados, moi especialmente as equivalentes españolas de 20 reais de billón, 2 escudos e de 5 pesetas, esta última en circulación ata a entrada do euro.[1][2][3][4]
Noutras tradicións culturais, estas moedas denomínanse spanish dollar (no mundo anglosaxón), piastre espagnole (no mundo francófono), dollaro spagnolo (no ámbito italiano), spaanse mat (nos Países Baixos) etc.
En España[editar | editar a fonte]
A moeda de 8 reais recibiu en España, á parte do nome de real de a ocho (“real de oito”, polo seu valor), os de “peso”, nun sentido ponderal, por equivaler a un peso de ouro predeterminado, peso fuerte (“peso forte”) ou “peso duro”, cunha adxectivación que indicaba o cumprimento folgado tanto do peso como da lei establecida da aliaxe, ou simplemente “duro”, como forma reducida da anterior.[5][6] A partir desta situación, a forma que se impuxo no uso en castelán peninsular foi a de “duro”, mentres que nas colonias de América se preferiu “peso”, do mesmo xeito que en Galicia, onde a forma que acabou por estenderse en lingua galega foi “peso”.[7][8]
Esta peza de 8 reais acabou por converterse durante séculos en moeda de uso internacional, dado o seu prestixio, ata o punto de ser a base sobre a que se crearon outras, fundamentalmente as das repúblicas instituídas na América Hispana e nas illas Filipinas logo da súa independencia, pero tamén doutras tan importantes como o dólar estadounidense, o dólar canadense, o ien xaponés ou o iuan chinés, todas elas cun peso e unha lei similares, nas súas orixes, ao peso español.[9]
En España, os pesos de 8 reais, que comezaran a labrarse a finais do século XVI, deixaron de cuñarse no século XIX ao acabar o reinado de Fernando VII, e durante ese século víronse substituídas por moedas de igual métrica e composición pero con valores faciais de 20 reais de billón, inicialmente, e logo 2 escudos e 5 pesetas.
Aínda que a palabra “peso” se refira a todas estas moedas, a supervivencia da de 5 pesetas, xa en aliaxes e en tamaños moi diferentes aos orixinais, ata 1998, cando a peseta se ve substituída polo euro, fixo que a denominación de peso se asocie hoxe máis comunmente a este valor.[10]
En América[editar | editar a fonte]
Logo da secular denominación de “peso” nas colonias españolas de América e en Filipinas para a o real de oito, que se cuñaba moi abundantemente nas súas casas de moeda (Lima, México, Santiago, Potosí etc.), dada a abundancia deste metal, á medida que foron acadando a súa independencia, ao longo do século XIX, a maioría destes novos países mantivo a denominación para as súas respectivas moedas nacionais, con idéntica métrica pero introducindo xa o sistema decimal, que aínda se descoñecía na metrópole.[11][12]
Algúns deses países cambiaron, co tempo, a súa denominación, aínda que mantiñan inicialmente a métrica do peso español; noutros estados, porén, o peso segue a ser hoxe a denominación da moeda nacional.[13][14]
Estados que usaron o peso noutra época[editar | editar a fonte]
Estado | Moeda | Vixencia do peso | Moeda sucesora |
---|---|---|---|
Bolivia | Peso boliviano | 1963-1988 | Boliviano |
Costa Rica | Peso costarriqueño | 1821-1896 | Colón |
Ecuador | Peso ecuatoriano | 1822-1884 | Sucre |
Guatemala | Peso guatemalteco | 1821-1925 | Quetzal |
Guinea-Bissau | Peso de Guinea-Bissau | 1975-1997 | Franco CFA |
Honduras | Peso hondureño | 1862-1931 | Lempira |
Nicaragua | Peso nicaraguano | 1878-1912 | Córdoba |
Paraguai | Peso paraguaio | 1856-1944 | Guaraní |
O Salvador | Peso salvadoreño | 1841-1892 | Colón |
Venezuela | Peso venezolano | 1821-1871 | Bolívar |

Estados que empregan o peso[editar | editar a fonte]
Estado | Moeda | Código ISO 4217 |
---|---|---|
Arxentina | Peso arxentino | ARS |
Chile | Peso chileno | CLP |
Colombia | Peso colombiano | COP |
Cuba | Peso cubano | CUP |
República Dominicana | Peso dominicano | DOP |
México | Peso mexicano | MXN |
Filipinas | Peso filipino | PHP |
Uruguai | Peso uruguaio | UYU |
O peso no refraneiro galego[editar | editar a fonte]
A palabra peso como unidade de conta callou moi fondo na cultura popular de Galicia. Aínda hoxe, coa peseta desaparecida como unidade monetaria en favor do euro, é frecuente escoitar esta denominación para as moedas de cinco pesetas e para determinadas cantidades usuais, como “cinco pesos” (25 pesetas), “vinte pesos” (100 pesetas), 1.000 pesos (5.000 pesetas) etc.
Entre os moitos casos do refraneiro galego en que aparece o peso recóllense aquí os seguintes:[15]
- Máis vale peseta na man que peso na faldriqueira.
- Non che hai maior amigo que un peso na faldriqueira.
- O mellor amigo, un peso.
- Os pesos de agora non valen nada; antes arrolaban e agora voan (en alusión á aparición dos billetes de 5 pesetas).
- Onde canta o crego e ornea o burro, alí nunca falta un peso duro.
- Un día é un día e un peso gástase.
- Un peso na casa non pare outro.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Definición de “peso” no DRAG e no Portal das Palabras.
- ↑ “Peso”. En Frey, Albert. A dictionary of numismatic names. their official and popular designations. The American Numismatic Society. Nova York, 1917. Páxina 176 (en inglés)
- ↑ “Moedas para non saír de pobres. 1: peso”. En Portaldaspalabras.gal. 30 de xullo de 2014
- ↑ "The Spanish Peso". En Kampmann, U. (2010). Páxinas 42-46.
- ↑ “Peso”. En Online Etymology Dictionary (en inglés)
- ↑ Vilaplana Persiva, Manuel. “Origen de los nombres real de a ocho, peso, duro”. En Historia del real de a ocho. Universidade de Murcia, 1997. Páxina 65 [ISBN 84-7684-876-5] (en castelán)
- ↑ Resultado da procura “peso” no Dicionario de Dicionarios.
- ↑ Refráns como “Onde canta o crego e ornea o burro, alí nunca falta un peso duro” son testemuño de que non só no castelán, senón tamén no galego, se deu esta alternancia entre “peso”. “duro” e “peso duro”, aínda que finalmente foi “peso” a forma que acabou por imporse na nosa lingua.
- ↑ “Dollar”. En Online Etymology Dictionary (en inglés)
- ↑ Herrera, Adolfo. El duro. Estudio de los reales de a ocho españoles y de las monedas de igual o aproximado valor labradas en los dominios de la corona de España. Real Academia de la Historia. Madrid, 1914 (en castelán)
- ↑ Torres, Julio. “La implantación de la moneda en América”. En Revista de Filología Románica, 11-12. Universidade Complutense de Madrid, 1994-1995. Páxinas 115-130 (en castelán)
- ↑ Gill Aguinaga, Juan Bautista. “La moneda hispanoamericana. Sistema monetario”. Separata da Revista Nacional de Cultura. Año 1. Nº1. Asunción.
- ↑ “Peso”. En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ Burzio, Humberto. Diccionario de la moneda hispanoamericana. Fondo Histórico y Bibliográfico José Toribio Medina. Santiago de Chile, 1958 (en castelán)
- ↑ Pita Fernández, Ricardo Luís. “A moeda e o diñeiro no refraneiro: peso”. En Numismática Galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999 [ISBN 84-605-9958-2]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Peso |
Outros artigos[editar | editar a fonte]
- Peso Independente
- Peso Constituínte
- Peso Coquimbo
- Peso das Illas Malvinas
- Real de oito
- Patacón
- Ducatón
- Peseta
- Lista das moedas de peseta de España
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Gil Farrés, Octavio. Historia de la moneda española. Madrid, 1959 (en castelán)
- Kampmann, U. (2010). Drachm, Dirham, Thaler, Pound. Money and currencies in history from earliest times to the euro. Money Museum. Zürich.