Colón salvadoreño
- Para a antiga moeda homónima de Costa Rica, véxase Colón costarriqueño.
Colón salvadoreño | |
---|---|
Código: | SVC |
Ámbito: | O Salvador |
Símbolo: | ¢ |
Fracción: | 100 centavos |
Moedas: | 1, 2, 3, 5, 10, 25, 50 centavos. 1, 5 colóns. |
Billetes: | 5, 10, 25, 50, 100, 200 colóns. |
Emisor: | Banco Central de Reserva do Salvador. |
Taxa de troco: Maio de 2018 | 1 EUR = 10,18 SVC. 1 USD = 8,75 SVC. |
O colón foi a unidade monetaria do Salvador desde 1892 ata 2001, cando foi substituído progresivamente no uso polo dólar estadounidense, aínda que oficialmente non deixou de ter curso legal.[1][2]
O 1 de outubro de 1892, o Goberno do presidente Carlos Basilio Ezeta, decidiu que o anterior peso salvadoreño pasase a denominarse "colón", en homenaxe a Cristovo Colón, do mesmo xeito que faría Costa Rica co seu peso catro anos despois, acolléndose a unha tendencia da época co gallo das celebracións do IV centenario da Descuberta de América, aínda que non foi ata a reforma de 1919 cando o colón substituíu formalmente o peso.[1][2]
As moedas do sistema do colón foron emitidas a partir de 1934 polo Banco Central de Reserva de El Salvador, organismo gobernamental creado o 19 de xuño dese ano para se encargar da política monetaria do país.[3][2]
O 1 de xaneiro de 2001 entrou en vigor a Lei de Integración Monetaria, baixo o Goberno do presidente Francisco Flores, que autorizaba a libre circulación do dólar estadounidense no país, cun tipo de cambio fixado en 8,75 colóns.[1][2]
No momento en que se deixou de cuñar, circulaban moedas de 1, 5, 10, 25 e 50 centavos (a moeda fraccionaria), e dun colón. Canto ao papel moeda, no momento da súa desaparición circulaban billetes de 5, 10, 25, 50, 100 e 200 colóns, e anteriormente existiran de 1 e de 2 colóns. Aínda que o colón segue a aceptarse legalmente no comercio ao tipo de cambio fixo establecido, en realidade pódese considerar como extinto, xa que nin circula nin se producen emisións con ese valor facial.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]Antes da chegada dos españois, no territorio que se bautizou como O Salvador usábase o cacao como moeda.[4] A chegada dos conquistadores supuxo a introdución da moeda española, baseada no real de prata. Durante a existencia das Provincias Unidas do Centro de América (ou República Federal de Centro América), o sistema monetario non cambiou con respecto ao colonial e seguiu a utilizarse o real centroamericano como unidade, e o real de oito ou peso como moeda principal.
Logo de disolta a federación en 1841, o Goberno Salvadoreño xa como república independente creou como primeira moeda nacional o real salvadoreño.[1]
En 1883, baixo a presidencia de Rafael Zaldívar, promulgouse a primeira lei monetaria, pola que se adoptou o peso salvadoreño como unidade monetaria, inspirado no real de oito español. A nova lei tomou como base o sistema métrico decimal, xa que o peso se dividía en 10 reais (agora como moeda fraccionaria).[1]
A finais do século XIX apareceron os primeiros billetes, cuxa emisión estaba a cargo de bancos privados autorizados polo Goberno. O primeiro banco emisor foi o Banco Internacional, fundado en 1880, e houbo tamén emisións doutros como o Banco Occidental e o Banco Agrícola Comercial.[1]
Nacemento do colón
[editar | editar a fonte]Baixo a presidencia de Carlos Ezeta inaugurouse a Casa da Moeda o 28 de agosto de 1892 e o 1 de outubro do mesmo ano, como homenaxe a Cristovo Colón no IV centenario da Descuberta de América, a Asemblea Lexislativa acordou que o peso pasase a recibir a denominación de "colón".[1][5]
En 1919 houbo unha nova reforma da lei monetaria, pola que se estipulaba que as moedas gastadas pola circulación fosen retiradas da circulación e as pezas recortadas ou perforadas fosen rexeitadas para o curso legal. Mediante esa reforma, quedou prohibido o uso de fichas privadas e vales en substitución da moeda oficial e, ademais, déuselle ao Ministerio de Facenda a facultade de controlar a circulación da moeda. O colón substituíu entón formalmente o antigo peso como moeda nacional, con valor equivalente e cunha taxa de cambio de dous colóns por cada dólar.[1]
Malia a relativa prosperidade económica dos anos 20, a depresión mundial de 1929 xunto coa caída internacional dos prezos do café e a desregulación estatal do sistema monetario causaron unha crise económica nacional. O problema principal era a carencia dunha institución especializada que se dedicase a velar para que a moeda mantivese o seu valor e a controlar a actividade bancaria; nese sentido, o Goberno do xeneral Maximiliano Hernández Martínez contratou un experto inglés chamado Frederick F. J. Powell para que analizase e reestruturase o sistema bancario salvadoreño. No seu informe final, recomendou que este se organizase en torno a un banco central que emitise a unidade monetaria, que salvagardase o seu valor e que controlase os créditos. Como resultado, por iniciativa da Presidencia da República do 19 de xuño de 1934, a Asemblea Lexislativa aprobou a lei de creación do Banco Central de Reserva de El Ecuador, que fixou o seu obxectivo en controlar o volume do crédito e a demanda de moeda circulante, e ao que se lle conferiu a facultade exclusiva de emitir colóns.[1]
Billetes do colón salvadoreño
[editar | editar a fonte]A denominación de colón comezou a utilizarse nos billetes a partir do 31 de agosto de 1934. A nova institución bancaria puxo en circulación a primeira serie de billetes da historia salvadoreña, con valores de 1, 5, 10, 25 e 100 colóns, aos que se lle engadiu en 1955 o billete de dous colóns e, en 1979, o de cincuenta. O deseño do papel moeda foi cambiando paulatinamente e de xeito individual, e tamén deixaron de emitirse algúns dos valores da serie.[3][6]
O Banco Central de Reserva emitiu unha segunda serie de billetes, na que se introduciu o valor de 200 colóns en 1997 e o de 50 colóns en 1995.[3][6]
Billetes de colóns salvadoreños | |||||
---|---|---|---|---|---|
Imaxe do anverso | Imaxe do reverso | Valor | Cor principal | Motivo do anverso | Motivo do reverso |
Encoro "5 de noviembre" | |||||
Igrexa colonial de Panchimalco | |||||
Palacio Nacional | |||||
Volcán de Izalco | |||||
Pirámide de Santo André | |||||
Lago de Coatepeque | |||||
Pirámide del Tazumal | |||||
Monumento ao Divino Salvador do Mundo |
Moedas do colón salvadoreño
[editar | editar a fonte]Moedas circulantes
[editar | editar a fonte]As moedas emitidas na primeira serie circulante respondían aos valores faciais de 1, 2, 3, 5, 10, 25 (coñecida popularmente como peseta) e 50 centavos (tostón), aos que posteriormente se lles engadiu a moeda dun colón (suegra). Igual que ocorreu cos billetes, algúns destes valores foron desaparecendo co tempo e os que quedaron foron sufrindo modificacións no seu deseño e no seu tamaño.
Moedas circulantes de colóns salvadoreños | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe | Valor facial | Motivo do anverso | Imaxe | Valor facial | Motivo do anverso | |
Francisco Morazán | Francisco Morazán | |||||
Francisco Morazán | José Matías Delgado | |||||
Francisco Morazán | José Matías Delgado | |||||
Francisco Morazán | Cristovo Colón |
Moedas conmemorativas
[editar | editar a fonte]Ademais das moedas cuñadas para a súa posta en circulación ordinaria, realizáronse tamén emisións especiais para conmemorar acontecementos importantes como, por exemplo, o aniversario da independencia, a Descuberta de América ou os acordos de paz. A primeira emisión conmemorativa en colóns foi en 1925 para celebrar os 400 anos da fundación de San Salvador. Consonte o Diario Oficial, só se cuñaron cen moedas de ouro con valor facial de 20 colóns e dúas mil moedas en prata con valor dun colón, que foron distribuídas entre o Presidente da República, o corpo diplomático e outros altos cargos do Goberno.
400 anos da fundación de San Salvador (1925) | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Valor facial | Motivo do anverso | Composición |
Pedro de Alvarado e Alfonso Quiñónez Molina (presidente da República no momento). | 25 g | ||
Pedro de Alvarado e Alfonso Quiñónez Molina (presidente da República no momento). | 15,56 g |
150 aniversario da independencia de Centroamérica (1971) | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Valor | Motivo do anverso | Composición |
"La Fecundidad", de Salvador Dalí. | 2,3 g | ||
Monumento á independencia e José Simeón Cañas. | 11,5 g | ||
"La Fecundidad", de Salvador Dalí. | 2,94 g | ||
Monumento á independencia e José Simeón Cañas. | 5,9 g | ||
O Salvador resaltado en América | 10,6 g | ||
Igrexa colonial de Panchimalco | 23,6 gr |
XVII Reunión Anual. Asemblea de Gobernadores do BID (1977) | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Valor | Motivo do anverso | Composición |
Escudo Nacional do Salvador | 25 g | ||
Escudo Nacional do Salvador | 15,56 g |
Unión pola paz e Descuberta de América (1992) | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Valor | Motivo do anverso | Composición |
Catro mans entrelazadas | 25 g | ||
América e veleiros españois | 25 g |
Moedas e billetes non usados
[editar | editar a fonte]O Banco Central de Reserva investiu un millón e medio de dólares na fabricación de moedas bimetálicas de 5 colóns e billetes de 500 colóns, cuñadas as primeiras e impresos os segundos no Canadá no ano 1997. Porén, a aprobación pola Asemblea Lexislativa da Lei de Integración Monetaria a finais de 2000, que deu paso á "dolarización" del país, impediu a súa posta en circulación, xa que o contrario suporía unha violación da lei.[20][21][22]
A moeda de 5 colóns era bimetálica, de aceiro bañado en níquel no aro exterior e de aceiro bañado en bronce no centro, e a súa cuñaxe encargóuselle á Royal Canadian Mint (Real Casa da Moeda do Canadá), con dous deseños diferentes: no primeiro modelo, cuñado en 1997, conmemóranse as viaxes de Cristovo Colón, en tanto que no segundo, cuñado en 1999 pero que amosa a data de 2000, se celebra o cambio de milenio coa lenda SALVADOREÑOS DEL NUEVO MILENIO / EL RENACER DE NUESTRA PATRIA. Destas moedas cuñáronse seis millóns de unidades. Están dotadas dun relevo para que as persoas invidentes a poidan identificar doadamente. O seu diámetro é de 26 mm e o seu peso de 7,5 gramos.[19][23] Desta moeda coñécense uns poucos exemplares nas mans de coleccionistas locais, en tanto que nas bóvedas do BCR se conservan case trinta millóns de pezas.[20][22][24]
De xeito semellante, o BCR ten no seu poder 1.000 millóns de colóns en billetes co valor de 500 colóns que nunca chegaron a circular. O seu deseño é similar ao dos anteriores e nel amósase o sitio arqueolóxico de Joya de Cerén, unha marca de auga máis notable que a que se atopa nos dólares estadounidenses actualmente en circulación e outras medidas de seguridade para evitar falsificacións, como a incrustación de fíos de seguridade e microimpresións.[22][25]
Predecesor: Peso salvadoreño |
Colón salvadoreño 1892 - 2001 |
Sucesor: Dólar estadounidense |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 "El dinero en El Salvador Arquivado 16 de marzo de 2020 en Wayback Machine.". Banco Central de Reserva de El Salvador.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte I: Un Poco de Historia". Billetes y Monedas de El Salvador.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Estos son los billetes de colón que salieron hace 85 años en El Salvador". Elsalvador.com
- ↑ "¿Qué es el dinero?". Banco Central de Reserva de El Salvador.
- ↑ Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte II: El Nacimiento del Colón". Billetes y Monedas de El Salvador.
- ↑ 6,0 6,1 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte III: Tiempos Modernos". Billetes y Monedas de El Salvador.
- ↑ "1 Colon: 400th Anniversary of San Salvador". Numista.
- ↑ "20 Colones: 400th Anniversary of San Salvador". Numista.
- ↑ "1 Colon: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "5 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "25 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "50 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "100 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "200 Colones: 150th Anniversary of Independence". Numista.
- ↑ "25 Colones: 18th Annual BID/IADB Governors' Assembly". Numista.
- ↑ "250 Colones: 18th Annual BID/IADB Governors' Assembly". Numista.
- ↑ "150 Colones United for Peace". Numista.
- ↑ "150 Colones Discovery of America". Numista.
- ↑ 19,0 19,1 "5 Colones: Y2K turn of the Millennium". Numista.
- ↑ 20,0 20,1 Quintanilla, C. "El último suspiro del colón salvadoreño. Parte IV: El último suspiro". Billetes y Monedas de El Salvador.
- ↑ González, S. Recordar el pasado es vivir el presente. Páxinas 47-48.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 Trujillo, D. (2012). "País invirtió $1.5 mills. en colones inutilizados". En El Mundo. 13 de marzo de 2012. Páxina 27.
- ↑ "5 Colones: Columbus sailing to America". Numista.
- ↑ "BCR almacena billetes de 500 y monedas de 5 colones que no circularon en El Salvador Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". En Las Noticias SV. 3 de maio de 2017.
- ↑ "Colones que siempre serán nuevos Arquivado 05 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". En Agendarte El Salvador. 25 de agosto de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Colón salvadoreño |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jovel, J. R. (1999). Historia numismática de El Salvador en el siglo XIX. 3 volumes. San Salvador. ISBN 9789992376386