Ien

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Ien de prata, en moeda, de 1870

O ien (円, えん, en Rōmaji Yen, ¥, pronúnciase como "en") é a moeda ou divisa oficial do Xapón. Foi creada en novembro de 1870, ao comezo da Era Meiji, para substituír o ryō (両). O símbolo gráfico latinizado do ien é ¥ ; mais en xaponés escríbese 円, unha forma simplificada da antiga grafía 圓. O código ISO 4217 do ien é JPY. O ien foi legalmente definido como 26,956 gramos de prata, unha definición que aínda está en vigor na actualidade.

  • Desde xaneiro de 2007, un euro vale arredor de 157 iens (JPY).

En xaponés, «ien» (円) é apenas «en», pronunciado [ɛn]. A pronuncia "ien"/"yen", corrente en moitas linguas, provén da romanización da antiga escrita sino-xaponesa, que non tiña en conta a evolución da pronunciación. En xaponés, «en» significa «redondo» ou «círculo» — como en chinés yuan ou en coreano won, que teñen o mesmo étimo.

O ien tiña unhas subdivisións, o sen, ben coñecido dos crucigramistas; e o rin (1/1000 de ien). Porén ambas deixaron de utilizarse desde 1954.

Circulan moedas de 1, 5, 10, 50, 100 e 500 iens e billetes de 1.000, 2.000, 5.000 e 10.000 iens.

Historia[editar | editar a fonte]

Introdución do ien[editar | editar a fonte]

Un dos primeiros billetes de un ien, anverso e reverso.

No século XIX, as moedas de dólar español de prata circulaban en abundancia polo sueste asiático, a costa chinesa e o Xapón. Estas moedas foran introducidas dende Manila durante un período de más de 250 anos, e viñan en barcos coñecidos como os galeóns de Manila dende Acapulco. Ata o século XIX estas moedas eran simples dólares españois cuñados no novo mundo, principalmente en Cidade de México, aínda que a partir da década de 1840 comezaron a ser rapidamente substituídos por moedas de prata das novas repúblicas latinoamericanas, xa sexan en denominación de oito reais ou de un peso. Na segunda metade do século XIX realizáronse moedas nesas zonas a semellanza dos pesos mexicanos; a primeira delas foi o dólar de Hong Kong, cuñado en Hong Kong entre 1866 e 1868. Estas moedas non foron ben recibidas pola poboación chinesa, que preferiu os oito reais mexicanos, e por iso o goberno de Hong Kong deixou de cuñar moeda e vendeu a maquinaria ao Xapón.

Unha das primeiras moedas de un ien (1,5g de ouro puro), anverso e reverso.

Os xaponeses decidiron entón adoptar un sistema de cuñaxe de moedas de dólar de prata co nome de "ien", que significaba "obxecto redondo". O ien foi adoptado oficialmente polo goberno Meiji nunha lei asinada o 10 de maio de 1871.[1] A nova moeda foi introducida de forma gradual dende xullo dese ano. O ien era, polo tanto, unha simple unidade semellante ao dólar que, como todos os dólares, descendía das piezas de a oito españolas. Así, ata 1873, todos os dólares valían máis ou menos o mesmo no mercado de valores. O ien substituíu ao sistema monetario da era Tokugawa, un complexo sistema baseado no mon, unha moeda base de cobre. A "Lei da nova Moeda" de 1871 estipulaba a adopción dun sistema decimal de cálculo no que un ien (圓) se dividía en 100 sen (銭) e 1 000 rin (厘), con moedas redondas como en Occidente. Marcouse o valor do ien como de 0,78 onzas troy (24,26 gramos) de ouro puro, ou 1,5 gramos de ouro puro segundo o Congreso Europeo de Economistas de París de 1867; a moeda de cinco iens declarouse igual a a de 5 pesos fortes de Arxentina),[2] introducindo a moeda no chamado "estándar bimetálico". (A mesma cantidade de prata custaría 1181 iens actuais,[3] mentres que a mesma cantidade de ouro valería arredor de 4715[4]).

A partir da desvalorización da prata de 1873, o ien desvalorizouse ante o dólar estadounidense e o dólar canadense xa que se adheriron ao estándar monetario do ouro, e no ano 1897 o ien só valía 50 centavos estadounidenses. Ese ano, o Xapón adoptou o estándar monetario do ouro e por iso o valor do ien pasou a ser desa cantidade.[5] O sen e o rin foron eliminados en 1953.[6]

Valor fixado ao do dólar estadounidense[editar | editar a fonte]

O ien perdeu a maior parte do seu valor na Segunda Guerra Mundial. Despois dun período de inestabilidade en 1949, o valor do ien foi fixado en 360 iens por dólar segundo un plan estadounidense, parte do sistema Bretton Woods, para estabilizar os prezos da economía xaponesa. Esa taxa de cambio mantívose ata 1971, cando os Estados Unidos abandonaron o estándar de cambio do ouro, parte clave do sistema de Bretton Woods, e impuxo un imposto ás importacións dun 10 por cento, provocando que xurdisen as taxas de cambio flotantes en 1973.

Ien infravalorado[editar | editar a fonte]

En 1971, o ien estaba infravalorado. As exportacións xaponesas custaban moi pouco nos mercados internacionais, e as importacións estranxeiras custaban moito para os xaponeses. Esta infravaloración viuse reflectida na balanza de pagamentos, que pasara dun déficit comercial a principios dos anos sesenta a un superávit de 5 800 millóns de dólares en 1971. A crenza de que o ien e outras divisas estaban infravaloradas motivou as accións levadas a cabo polos Estados Unidos en 1971.

Cambio flotante[editar | editar a fonte]

A partir da desvalorización do dólar en 1971, o goberno xaponés aceptou unha nova taxa de cambio fixo cos Acordos do Smithsonian, asinados a finais de ano, deixando a taxa de cambio en 308 iens por dólar. Non obstante, iso influíu de forma negativa no referente á oferta e demanda, anulándose estas taxas en 1973 e pasando a ser as divisas de cambio flotante.

Intervención do goberno xaponés no mercado de divisas[editar | editar a fonte]

Na década de 1970, o goberno xaponés e os homes de negocios estaban concienciados de que unha subida do valor do ien danaría o crecemento das exportacións, xa que faría os produtos xaponeses menos competitivos e iso danaría a industria. Por conseguinte, o goberno seguiu intervindo no mercado de divisas (comprando ou vendendo dólares), mesmo despois da decisión de pasar a moeda a un mercado de divisas flotantes en 1973.

A pesar da intervención, as presións do mercado causaron que o ien seguise subindo, chegando a alcanzar a taxa de 271 iens por dólar en 1973, antes de que se notase o impacto económico da crise do petróleo de 1973. O alto prezo do ien provocou que o ien se depreciase nun intervalo de 290 a 300 iens entre 1974 e 1976. A reaparición dun superávit comercial fixo que o ien volvese valer 211 iens por dólar en 1978, aínda que debido á crise do petróleo de 1979 fixo que o ien baixase de novo a 227 iens por dólar en 1980.

O ien a principios da década e 1980[editar | editar a fonte]

Unha das primeiras moedas de un ien, 24,26 gramos de prata pura do Xapón, cuñada en 1870 (Ano 3 da Eira Meiji).

Na primeira metade da década de 1980, o ien baixou moito de valor, mesmo a pesar da existencia dun superávit comercial. Así, o dólar pasou de valer 221 iens de media en 1981 a 239 en 1985. O aumento do superávit de conta corrente fixo que a demanda de iens aumentase nos mercados estranxeiros, pero esta demanda foi desprazada por outros factores. Unha gran diferenza nos tipos de interese, que eran máis altos nos Estados Unidos que no Xapón, e a continua desregulación do capital, fixeron que xurdise unha gran saída de capital bruto do Xapón. Todo isto provocou que aumentase a demanda de iens xaponeses, xa que os investidores nipóns cambiaron os iens por outras divisas á hora de investir no estranxeiro. Todo iso provocou que o ien se debilitase fronte ao dólar e causou a aparición de un gran superávit comercial nos anos 80.

Efectos do Acordo do Plaza[editar | editar a fonte]

En 1985 comezou un gran cambio, xa que as principais potencias económicas firmaron un acordo (o Acordo do Plaza), no que se afirmaba que o dólar estaba sobrevalorado (e polo tanto o ien infravalorado). Este acordo, e varios cambios na oferta e demanda e as presións dos mercados, fixeron que houbese unha subida súpeta do valor do ien. De aí que se pasase dun valor medio de 239 iens por dólar en 1985 a un valor pico de 128 iens en 1988, dobrando o seu valor relativo ao do dólar. Tras uns declives en 1989 e 1990, chegou a unha nova marca de 123 iens por dólar en 1992. En abril de 1995, o ien chegou a un valor de 80 iens por dólar, facendo temporalmente a economía xaponesa do mesmo tamaño aproximadamente que a americana.

Anos posteriores á burbulla[editar | editar a fonte]

O ien entrou en declive durante a burbulla financeira e inmobiliaria do Xapón e continuou así a partir dese momento, chegando a un tope de 134 iens por dólar en 2002. A política do Banco do Xapón de manter o interese cero evitou o investimento en iens, causando un carry trade de investidores que cambiaron os investimentos en iens por outros noutras moedas fortes. Iso causou unhas perdas de aproximadamente un billón de dólares.[7] En febreiro de 2007, The Economist estimou que o ien estaba desvalorizado nun 15 por cento fronte ao dólar e nun 40 por cento fronte ao euro.[8] Tras o terremoto de Tōhoku de 2011 o ien subiu vertixinosamente, ata chegar a unha marca de 76 iens por dólar, non batido dende a Segunda Guerra Mundial.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A. Piatt Andrew, Quarterly Journal of Economics, "The End of the Mexican Dollar",18:3:321-356, 1904, p.345
  2. Historia da moeda
  3. xe.com (7 de setembro de 2006). "Equivalente de 0,78 onzas troy de prata en iens". Consultado o 7 de setembro de 2006. 
  4. xe.com (7 de setembro de 2006). "Equivalente de 0'04822612 onzas troy de oro en yenes". Consultado o 7 de setembro de 2006. 
  5. [1]
  6. Lei nº 60 do 15 de xullo de 1953, de Abolición das Subdivisións Monetarias e Redondeo Fraccionario (小額通貨の整理及び支払金の端数計算に関する法律 Shōgakutsūka no seiri oyobi shiharaikin no hasūkeisan ni kansuru hōritsu?))
  7. "What Keeps Bankers Awake at Night? The Economist (Londres)1 de febreiro de 2007.
  8. "The Cheap Ien is Dangerous," The Economist (London). 8 de febreiro de 2007.
  9. "Japan risks credit crunch as ien thunders". Telegraph.co.uk. 17 de marzo de 2011. Consultado o 18 de marzo de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ien Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]