Peso das Illas Malvinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peso das Illas Malvinas †
Ámbito:
Illas Malvinas
Provincias Unidas do Río da Prata
Fracción:
Moedas:Non.
Billetes:1, 2, 5, 10 pesos
Emisor:Goberno de Luis Vernet.

O peso das Illas Malvinas foi unha especie de papel moeda a modo de nota promisoria emitido nas Illas Malvinas durante o mandato do comandante Luis Vernet, antes da súa invasión e colonización por parte do Imperio Británico. Imprimíronse arredor de 1828 e estiveron en circulación ata xaneiro de 1833, ano da invasión británica. Vernet, que foi nomeado comandante político-militar do arquipélago por parte das Provincias Unidas do Río da Prata (a actual Arxentina) en 1829, pagaba os traballadores asalariados nas illlas con estes billetes, que só tiñan validez nas illlas.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Retrato do gobernador arxentino Luis Vernet (1792-1871).

Creación[editar | editar a fonte]

Xa coa colonia arxentina desenvolvéndose prosperamente, un dos problemas xurdidos da distancia entre o asentamento de Puerto Soledad e Buenos Aires foi o da utilidade do diñeiro, o xeito de pagar os traballos e onde se podía gastar, xa que non había comercios alí. Daquela, Vernet fixo imprimir uns vales expresados en pesos para facilitar as operacións de provisións de bens e pagar os traballadores. Simultaneamente, no resto da Arxentina circulaba o chamado "peso moeda corrente".[3][4]

Estas notas de pagamento constituíron o primeiro circulante nas illas.[5][6] Os billetes con valor facial de 10 pesos medían 8 por 12,5 centímetros e, baixo un debuxo con escenas rurais, líase a lenda VALE DIEZ PESOS QUE SE RECIBIRÁ EN ESTA ISLA DE MALVINAS, EN CAMBIO DE EFECTOS POR EL QUE SUSCRIBE, coa sinatura do propio Vernet. Ademais emitíronse, nun tamaño inferior, cunha forma máis cadrada e carentes de debuxos, outros billetes inferiores con valores de 1, 2 e 5 pesos. De todos eles, só os seus anversos se amosaban coloreados (os reversos eran de cor branca). A impresión foi monocromática en tinta negra.[7]

Ataque estadounidense e ocupación británica[editar | editar a fonte]

Logo da incursión do buque USS Lexington en 1831, o asentamento de Puerto Luis reduciuse e, tras a ocupación británica do 2 de xaneiro de 1833, o segundo de Vernet, Matthew Brisbane, regresou en marzo para protexer as propiedades de Vernet. O capitán británico John Onslow recibira anteriormente as queixas dos peóns polo modo de pagamento dos seus labores, e esixían cartos en metálico ou en ouro ou prata, no canto dos vales de Vernet.[8]

Brisbane desvalorizou as notas provisorias, o que demostraba que a influencia de Vernet nas Malvinas era cada vez máis débil, considerando que as illas xa foran usurpadas. Isto, combinado con que o responsable dos almacéns das illas, William Dickson, non aceptaba os vales como diñeiro e que os capataces lles querían encomendar as penosas tarefas do campo aos peóns, provocou que un grupo de crioulos, gauchos e indios encabezados por Antonio Rivero asasinaran os cinco altos cargos próximos a Vernet que permanecían na colonia, incluíndo a Brisbane.​​[1][8] A esta sublevación axudaron o malestar polo diñeiro desvalorizado, os problemas co pagamento dos salarios e o elevado custo da vida no arquipélago.[5][9][10]​​

Unha gran cantidade dos billetes emitidos continuou en circulación como moeda, aínda que en menor medida, ata dez anos despois da ocupación británica das illas, mesmo no Tesouro público, ata que o gobernador Richard Moody, primeiro mandatario británico, emitiu uns novos billetes escritos á man, que máis tarde se substituíron pola libra esterlina e, xa definitivamente, pola libra malvinense, que chega aos nosos días.[1]

En 1852, Vernet decidiu viaxar a Londres para facer presión ante a súa demanda dunha indemnización polas sus perdas logo dos sucesos de 1833. Concedéronselle 2.400 libras, con base na súa afirmación de que recibiu 1.850 e o resto se utilizou para pagar as súas notas promisorias. Dentro dese diñeiro tamén se incluíron 550 libras para cubrir a circulación da moeda creada por el.[11][12]

Algúns destes vales monetarios de pesos malvinenses emitidos por Vernet consérvanse na colección do Museo do Banco da Provincia de Buenos Aires.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "A Brief History of the Falkland Islands. Part 3 - Louis Vernet: The Great Entrepreneur". Falkland.info
  2. Lorenz, F. (2014). Páxina 58.
  3. "Peso Moneda Corriente". Billetes Argentinos.
  4. "Historia de la moneda argentina Arquivado 01 de novembro de 2020 en Wayback Machine.". Cámara Argentina de Comercio y Servicios.
  5. 5,0 5,1 Potenze, L. (2014).
  6. 6,0 6,1 Museo Histórico y Numismático José Evaristo Uriburu (2008).
  7. Pick, A. (1990).
  8. 8,0 8,1 Sandoz, T. (2012).
  9. Niebieskikwiat, N. (2017). "La Avanzada del Proyecto de Vernet". Revista Ñ. 21 de outubro.
  10. Wullich, M. (2017). "Dudoso homenaje a la tradición en un billete de 50 pesos". En La Nación. 11 de Marzo.
  11. Pascoe, G.; Pepper, P. (2008).
  12. Cawkell, M. B. R. et al. (1960). Páxina 51.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]