Peso Coquimbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peso Coquimbo [1]
A/: Columna que sostén a Terra iluminada polo Sol. Enriba estandarte. Marca de ensaiador (TH). Data.

Lendas: UNION Y FUERZA / LIBERTAD

R/: Volcán en erupción. Valor facial dentro de coroa de loureiro.

Lendas: CHILE INDEPENDIENTE / COQUIMBO

O peso Coquimbo é unha moeda de prata de valor facial dun peso ou oito reais, cuñada en 1828 pola Casa de Moeda de Coquimbo, con sede en La Serena, rexión de Coquimbo, Chile. As moedas producidas foron enviadas á Casa da Moeda de Santiago para a súa aprobación, mais alí foron rexeitadas e ordenouse a súa refundición, polo que non chegaron a pórse en circulación.

Ao seren as únicas moedas chilenas cuñadas fóra de Santiago autorizadas polo Goberno, e por mor da súa rareza e escaseza ao ser tan limitada a súa tiraxe, o peso Coquimbo é considerado no ámbito do coleccionismo numismático como unha das moedas chilenas máis apreciadas.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En Coquimbo existían grandes veas de prata e os seus donos gastaban grandes cantidades de diñeiro para trasladaren ese metal á Casa da Moeda de Santiago de Chile, para ser cuñado alí e convertido en moeda. Esta situación fixo que o Goberno autorizase a creación da Casa da Moeda de Coquimbo, situada en La Serena, baixo os regulamentos da Casa da Moeda de Santiago. A maquinaria e os equipamentos da ceca instaláronse no claustro da Igrexa de San Francisco.[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

O peso Coquimbo amosaba o mesmo deseño que o peso Independente cuñado na Casa da Moeda de Santiago, que foi definido mediante o bando de Hilarión de la Quintana do 9 de xuño de 1817, agás algunhas pequenas diferenzas. O tipo das montañas, o fume do volcán que se inclina cara á esquerda e a coroa de loureiro difiren con respecto ás pezas cuñadas en Santiago,[2] ademais da inclusión da inscrición COQUIMBNO no canto de SANTIAGO, a modo de marca de ceca, no exergo do reverso, baixo o volcán.[4]

Produción[editar | editar a fonte]

As primeiras cuñaxes tiveron lugar en 1828 e deseguido foron enviadas a Santiago para a súa avaliación. O peso Coquimbo non acadou os estándares requiridos pola ceca de Santiago,[5]​ polo que se ordenou a súa inmediata refundición.[6]

En 1830 o Congreso de Plenipotenciarios ordenou pechar a Casa da Moeda de Coquimbo.[7]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Varios dos exemplares cuñados lograron rescatarse da refundición e hoxe locen como as pezas máis importantes de diversas coleccións numismáticas. O peso Coquimbo é considerado polos coleccionistas como unha das moedas máis valiosas da numismática chilena. A modo de exemplo, en 2008 adxudicouse un exemplar nunha poxa numismática nos Ánxeles por 132.000 dólares, e en 2014 vendeuse outro exemplar en Chicago por 108.900 dólares.[8][9]

Outro exemplar desta rara moeda, extraordinariamente ben conservado, atópase no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, en Londres, e foi doado en 1856 polo Banco de Inglaterra, logo de ser levado a Europa polo cónsul británico da provincia de Coquimbo da época, David Ross.[10]

En Chile consérvase outro exemplar, no Museo Numismático do Banco Central de Chile, en Santiago, onde é a peza máis valiosa da colección.[11][12]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]