Peso monetario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros artigos con títulos relacionados, véxase Peso e Peso (moeda).
Peso monetario de cristal con inscricións árabes (ano 743)

Un peso monetario (chamado tamén ponderal monetario) é un peso, xeralmente metálico ou de cristal, deseñado especificamente para comprobar o peso exacto dunha moeda e, deste xeito, detectar se esta foi recortada, se está gastada ou se se trata dunha falsificación.[1][2][3][4]

Os pesos monetarios poden ter aspecto monetiforme e en ocasións amosan unha tipoloxía alusiva á moeda a cuxo peso se axustan.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Estoxo de pesos monetarios de bronce correspondentes a diversas moedas dos séculos XVII e XVIII. Antuerpen, 1730.

O uso dos primeiros pesos monetarios, particularmente de cristal, asóciase á moeda tolemaica e á moeda bizantina.[5] Tamén se coñece o seu uso na China Antiga.[6]

Peso monetario do baixo Imperio Romano, coa inscrición EXAGIVM SOLIDI

Durante o baixo Imperio Romano, nas épocas dos emperadores Arcadio, Honorio, Teodosio II e Valentiniano III, os pesos monetarios comezaron a amosar a lenda EXAGIVM SOLIDI, unha expresión latina que se traduciu adoito como "o peso dun sólido", para intentar acabar coa práctica do recorte nesa moeda de ouro.[7][8]

Na obra De pretio solidi, de Teodosio II e Valentiniano, indícase:[9]

(...) De ponderibus quoque, ut fraus penitus amputetur, a nobis aguntur exagia, quae …. sine fraude debeant custodiri (...)

No entanto, os exemplares conservados destes pesos varían e algúns non alcanzan os 4,5 gramos dun sólido ordinario. Crese que estes ponderais máis lixeiros poden representar o peso máis baixo aceptable desta moeda de ouro, e que se usaron para retirar os sólidos de baixo peso da circulación e, xa que logo, manter un padrón mínimo de peso para que os sólidos circulasen ao seu valor completo.[7][8]

No mundo islámico, a súa introdución atribúeselle a un xudeu chamado Sumair, en 694, e ata aquel momento o peso xusto das moedas estimábase só por comparación con outras moedas de boa calidade recoñecida. Os ponderais da moeda islámica estaban feitos de bronce, de ferro e máis tardiamente de cristal, e amosaban inscricións relacionadas cos gobernantes e cos responsables das cuñaxes nas cecas, polo que son moi apreciados como obxectos epigráficos.[5]

No Imperio Carolinxio, onde tamén se usaron pesos monetarios, estes marcábanse cos mesmos cuños que as moedas ás que se asociaban, para evitar dúbidas sobre a súa atribución.[10]

Os ponderais islámicos foron introducidos en Gran Bretaña nos séculos IX e X, a través do pobo viquingo.[11][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase a diferenza entre as acepcións 1 e 9 do termo "peso" no DRAG.
  2. "Ponderal". En Glosario de numismática antigua. Tesorillo.com
  3. 3,0 3,1 "Pesa dineral". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
  4. "Les poids monétaires. Un peu d'histoire...". No blog Les Poids Monétaires.
  5. 5,0 5,1 Arnold, T. W. (1987). First encyclopaedia of Islam, 1913-1936. Brill. Páxina 195. ISBN 9789004082656
  6. Scheidel, W. (2009). Rome and China: Comparative Perspectives on Ancient World Empires. Oxford University Press. Páxina 144. ISBN 9780199714292
  7. 7,0 7,1 "225, Lot: 402". Classical Numismatic Group.
  8. 8,0 8,1 "Exagium Solidi". En Stevenson, S. W. et al. (1889).
  9. "Exagium Solidi". En Gússeme, T. A. (1775). Diccionario Numismático General. Tomo III. Madrid. Páxina 189.
  10. Coupland, S. (2007). Carolingian Coinage and the Vikings: Studies on Power and Trade in the 9th Century. Ashgate Publishing. Páxina 38. ISBN 9780860789918
  11. Naismith, R. (2005). "Islamic Coins from Early Medieval England". En The Numismatic Chronicle. Vol 165. Royal Numismatic Society. Páxinas 193-222.
  12. Mitchiner, M. (1987). "Evidence for Viking-Islamic Trade Provided by Samanid Silver Coinage". En East and West. Vol. 37. Nº 1/4. Páxinas 139150.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Borzone, P. (1988). I pesi monetari di monete italiane. Catalogo delle Civiche Raccolte Numismatiche di Milano. Comune di Milano.
  • Borzone, P. (1988). I pesi monetari di monete non italiane. Catalogo delle Civiche Raccolte Numismatiche di Milano. Comune di Milano.
  • De Palol Salellas, P. (1949). Ponderales y exagia romanobizantinos en España. En Ampurias. Nº 11. Páxinas 127-150.
  • Garault, B. (2012). Le Pesage Monétaire, Boîtes et poids de France du XVIIe au XIXe siècle. Les Chevau-légers. París. ISBN 978-2916996479
  • Houben, G. M. M. (1990). 5000 Years of Weights. Houben. ISBN 9789110814332
  • Mateu i Llopis, F. (1934). Catȧlogo de los ponderales monetarios del Museo Arqueolȯgico Nacional". Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos. Madrid.
  • Pommier A. (1999). Poids monétaires. I. Poids pour monnaies de France. Monnaie de Paris. París.
  • Pommier A. (2000). Poids monétaires. II. Poids pour monnaies non françaises. Monnaie de Paris. París.
  • Stevenson, S. W. et al. (1889). A Dictionary of Roman Coins. Londres.