Cruz Vermella

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cruz Vermella
Logo
O poder da humanidade Editar o valor em Wikidata
AcrónimoIRCRCM
Tipoorganización non gobernamental internacional e axencia de asistencia
Campo de traballoajuda humanitária
Área de operaciónmundial
Data de fundación17 de febreiro de 1863
Fundador(es)Jean Henri Dunant, Théodore Maunoir, Gustave Moynier, Guillaume-Henri Dufour e Louis Appia
Nomeado en referencia acruz vermelha
Nº de empregados300.000 Editar o valor em Wikidata
PremiosPremio Four Freedoms - Medalla da Liberdade e Premio Nobel da Paz
SedeXenebra e Suíza
EnXenebra
PaísSuíza
46°13′39″N 6°08′13″L / 46.2275, 6.1369444444444
Na rede
https://www.icrc.org/ e https://www.ifrc.org/
Twitter: icrc Instagram: icrc Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella máis coñecida por Cruz Vermella é unha institución humanitaria, internacional e de carácter voluntario, que reúne ao redor de 97 millóns de voluntarios en todo o mundo.[1] Fundouna en Suíza no ano 1863 Jean Henri Dunant, e dende entón traballa en favor dos colectivos máis vulnerables e necesitados. Defende os dereitos humanos, as minorías étnicas e a conservación dos ecosistemas. A Cruz Vermella fomenta a cooperación dos países máis ricos cos máis desfavorecidos.

Está formado por:

O movemento componse de varias organizacións distintas que son xuridicamente independentes entre si, pero están unidas no movemento a través duns principios básicos comúns, os obxectivos, os símbolos, os estatutos e os órganos de goberno.

Os compoñentes do Movemento, aínda que conservan a súa independencia nos límites do Estatuto do Movemento, actúan sempre de acordo cos seus Principios Fundamentais e colaboran entre eles no desempeño das súas tarefas respectivas e para realizar a súa misión común.

Os compoñentes do Movemento reúnense cos Estados Partes nos tratados de Xenebra do 27 de xullo de 1929 ou do 12 de agosto de 1949 na Conferencia Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella (en diante: a Conferencia Internacional).

O Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) sempre tivo un recoñecido papel no desenvolvemento e a promoción do Dereito internacional humanitario (DIH). Consciente dos retos que comporta o seu pleno respecto, o CICR creou en 1996 un Servizo de Asesoramento en dereito internacional humanitario a fin de fortalecer a súa capacidade de prestar servizos aos Estados nesa materia abarcando medidas concretas e necesarias para a posta en funcionamento dos tratados de Xenebra e os seus protocolos adicionais, os diversos tratados sobre armas, o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e outros tratados pertinentes.

A Cruz Vermella tamén é o emblema inicial do Movemento. A cruz vermella, xunto coa media lúa vermella e o cristal vermello sobre fondo branco, son emblemas humanitarios recoñecidos oficialmente por case a totalidade de países do mundo e o seu uso está enmarcado no Dereito Internacional Humanitario, polo que deben ser respectados en toda circunstancia, para que se poidan desenvolver as actividades humanitarias nos desastres e conflitos armados.

O día 8 de maio celébrase o Día Internacional da Cruz e da Media Lúa Vermellas.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundación[editar | editar a fonte]

Documento orixinal da Primeira Convención de Xenebra, 1864
Henri Dunant, o fundador da Cruz Vermella
"Comité dos Cinco": Gustave Moynier, Guillaume-Henri Dufour, Henry Dunant, Louis Appia, Théodore Maunoir

Ata mediados do século XIX non existía nos exércitos un servizo de enfermería organizado e ben establecido para atender as baixas e tampouco ningunha institución segura e protexida onde poder acomodar e atender os feridos no campo de batalla. En xuño de 1859, o empresario suízo Henri Dunant viaxou a Italia para atoparse co emperador francés Napoleón III coa intención de discutir as dificultades que atopaba para facer negocios en Alxeria, entón ocupada por Francia.[2]

Cando chegou á cidade de Solferino, a tarde do 24 de xuño, foi testemuña da batalla de Solferino,[3] parte da segunda guerra da independencia italiana. Nun só día, ao redor de 40.000 soldados de ambos os bandos morreron ou resultaron feridos no campo. Henri Dunant quedou conmocionado polas terribles secuelas da batalla, o sufrimento dos soldados feridos, e a falta case total de asistencia médica e coidados básicos. Entón abandonou totalmente o motivo orixinal da súa viaxe e durante algúns días dedicouse a axudar no tratamento e a atención aos feridos. Tivo éxito na organización da asistencia motivando á poboación local a axudar sen discriminación do bando do conflito no que estaban, usando o lema "Tutti fratelli" (Todos irmáns) cuñado polas mulleres da cidade próxima, Castiglione delle Stiviere (Provincia de Mantua).

Cando volveu para Xenebra, decidiu escribir un libro titulado Un souvenir de Solférino, que publicou co seu propio diñeiro en 1862. Enviou copias do libro ás principais figuras políticas e militares en todo Europa. Ademais de facer unha vívida descrición das súas experiencias en Solferino de 1859, avogou explicitamente a favor da creación de organizacións nacionais de socorro voluntario para axudar aos soldados feridos no caso de guerra. Ademais, instou á elaboración de tratados internacionais para garantir a protección de médicos e hospitais de campaña neutrais para os soldados feridos no campo de batalla.

O 9 de febreiro do 1863, Henri Dunant fundou en Xenebra o "Comité dos Cinco", xunto co xurista Gustave Moynier, os médicos cirurxiáns Louis Appia e Théodore Maunoir e o xeneral Guillaume-Henri Dufour, como unha comisión de investigación da Sociedade para o Benestar Público de Xenebra. O seu obxectivo era examinar a viabilidade das ideas de Dunant e organizar unha conferencia internacional sobre a súa posible aplicación. Oito días despois decidiron cambiar o nome da comisión rebautizándoa como "Comité Internacional para o Socorro dos Feridos". A conferencia internacional organizada polo Comité celebrouse en Xenebra entre o 26 e o 29 de outubro do 1863, co obxectivo de desenvolver as posibles medidas para mellorar os servizos médicos no campo de batalla.

Conferencia Internacional[editar | editar a fonte]

Do 26 ao 29 de outubro de 1863[4] a conferencia internacional organizada polo comité celebrouse en Xenebra co fin de desenvolver posibles medidas para mellorar os servizos médicos no campo de batalla. Asistiron á conferencia 36 persoas: dezaoito delegados oficiais de gobernos nacionais, seis delegados de organizacións non gobernamentais, sete delegados estranxeiros non oficiais e os cinco membros do Comité Internacional. Os estados e reinos representados por delegados oficiais foron: Imperio Austríaco, Gran Ducado de Baden, Reino de Baviera, Imperio francés, Reino de Hannover, Gran Ducado de Hesse, Reino de Italia, Reino dos Países Baixos, Reino de Prusia, Imperio Ruso, Reino de Saxonia, Reino de España, Reinos Unidos de Suecia e Noruega, e Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.[5]

Entre as propostas escritas nas resolucións finais da conferencia, adoptadas o 29 de outubro de 1863,[6] foron:

  • A fundación de sociedades nacionais de socorro para os soldados feridos;
  • A neutralidade e a protección dos soldados feridos;
  • A utilización de forzas de voluntarios para a asistencia de socorro no campo de batalla;
  • A organización de conferencias adicionais para promulgar estes conceptos;
  • A introdución dun símbolo distintivo común de protección para o persoal médico no campo de batalla, a saber, un brazalete branco cunha cruz vermella.
Monumento conmemorativo do primeiro uso do símbolo da Cruz Vermella nun conflito armado durante a batalla de Dybbøl (Dinamarca) en 1864; erixido conxuntamente en 1989 polas sociedades nacionais da Cruz Vermella de Dinamarca e Alemaña.

Convención de Xenebra, sociedades nacionais e CICR[editar | editar a fonte]

Bandeira da Cruz Vermella de Gōtarō Mikami coa que en 1905 desviou desde o seu hospital de campaña en Manchuria a arremetida do exército ruso

Só un ano despois, o goberno suízo convidou os gobernos de todos os países europeos, así como aos de Estados Unidos, o Imperio do Brasil e o Imperio Mexicano a asistir a unha conferencia diplomática oficial. Dezaseis países enviaron un total de 26 delegados a Xenebra. O 22 de agosto de 1864, a conferencia adoptou os primeiros Convenio de Xenebra "para mellorar a sorte dos feridos nos exércitos en campaña". Representantes de 12 estados e reinos asinaron o convenio: [7]

O convenio contiña dez artigos que establecían por primeira vez normas xuridicamente vinculantes que garantían a neutralidade e a protección dos soldados feridos, o persoal médico de campaña e determinadas institucións humanitarias nun conflito armado.[8]

Inmediatamente despois do establecemento da Convención de Xenebra, fundáronse as primeiras sociedades nacionais en Bélxica, Dinamarca, Francia, Oldenburgo, Prusia, España e Württemberg. Tamén en 1864, Louis Appia e Charles van de Velde, capitán do exército holandés, convertéronse nos primeiros delegados independentes e neutrais que traballaron baixo o símbolo da Cruz Vermella nun conflito armado.

O goberno do Imperio Otomán ratificou este tratado o 5 de xullo de 1865. A organización Media Lúa Vermella Turca fundouse no Imperio Otomán en 1868, en parte como resposta á experiencia da guerra de Crimea (1853-1856), na que as enfermidades eclipsaron ás batallas como principal causa de morte e sufrimento entre os soldados do pobo turco. Foi a primeira sociedade da Media Lúa Vermella deste tipo e unha das organizacións benéficas máis importantes do mundo musulmán.

En 1867, convocouse a primeira Conferencia Internacional de Sociedades Nacionais de Socorro para a Asistencia aos Feridos de Guerra. Tamén en 1867, Jean-Henri Dunant viuse obrigado a declararse en bancarrota debido a fracasos empresariais en Alxeria, en parte porque descoidara os seus intereses comerciais durante as súas incansables actividades para o Comité Internacional.[Cómpre referencia] A controversia ao redor dos negocios de Dunant e a opinión pública negativa resultante, combinada cun conflito en curso con Gustave Moynier, levaron á expulsión de Dunant do seu cargo de membro e secretario. Acusóuselle de quebra fraudulenta e emitiuse unha orde de arresto contra el. Así, viuse obrigado a abandonar Xenebra e nunca regresou á súa cidade natal.

Nos anos seguintes fundáronse sociedades nacionais en case todos os países de Europa. O proxecto encaixaba ben cos sentimentos patrióticos que estaban en auxe a finais do século XIX, e a miúdo fomentáronse as sociedades nacionais como símbolos da superioridade da moral nacional.[9] En 1876, o Comité adoptou o nome de "International Committee of the Red Cross" (ICCR) ("Comité Internacional da Cruz Vermella"), que segue sendo a súa denominación oficial na actualidade. Cinco anos máis tarde, fundouse a Cruz Vermella Americana grazas aos esforzos de Clara Barton.[10] Cada vez máis países asinaron a Convención de Xenebra e empezaron a respectala na práctica durante os conflitos armados. En pouco tempo, a Cruz Vermella adquiriu un enorme impulso como movemento respectado internacionalmente, e as sociedades nacionais fixéronse cada vez máis populares como lugar de traballo voluntario.

Cando se concedeu o primeiro Premio Nobel da Paz en 1901, o Comité Noruegués do Nobel optou por outorgalo conxuntamente a Jean-Henri Dunant e Frédéric Passy, un destacado pacifista internacional. Máis significativo que a honra do premio en si mesmo, este galardón marcou a tardía rehabilitación de Jean-Henri Dunant e representou unha homenaxe ao seu papel clave na formación da Cruz Vermella. Dunant morreu nove anos despois no pequeno balneario suízo de Heiden. Só dous meses antes falecera tamén o seu antigo adversario, Gustave Moynier, que deixou a súa pegada na historia do Comité ao ser o seu presidente máis lonxevo..

En 1906 revisouse por primeira vez a Convención de Xenebra de 1864. Un ano máis tarde, nos X Convenios da Haia, adoptados na Segunda Conferencia Internacional de Paz de A Haia, ampliaron o ámbito de aplicación do Convenio de Xenebra á guerra naval. Pouco antes do comezo da primeira guerra mundial en 1914, 50 anos despois da fundación do CICR e da adopción do primeiro convenio de Xenebra, xa existían 45 sociedades nacionais de socorro en todo o mundo. O movemento estendeuse máis aló de Europa e América do Norte a América Central e do Sur (República Arxentina, a Estados Unidos do Brasil, a República de Chile, a República de Cuba, os Estados Unidos Mexicanos, o República do Perú, República do Salvador, República Oriental do Uruguai, Estados Unidos de Venezuela), Asia (República Popular da China, Imperio do Xapón e Reino de Siam) e África (Unión Surafricana).

Primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]

Museo Rath, Xenebra. Guerra 1914-1918. Axencia Internacional de Prisioneiros de Guerra. Departamento de Investigacións. sección alemá. Tradución de mensaxes e comunicacións coas familias.

Co estalido da primeira guerra mundial, o CICR atopouse ante enormes retos que só podería afrontar traballando en estreita colaboración coas sociedades nacionais da Cruz Vermella. Enfermeiras da Cruz Vermella de todo o mundo, incluídos Estados Unidos e Xapón, acudiron para apoiar os servizos médicos das forzas armadas dos países europeos implicados na guerra. O 15 de agosto de 1914, inmediatamente despois do comezo da guerra, o CICR creou a súa Axencia Internacional para os Prisioneiros de Guerra ("International Prisoners-of-War Agency") (IPWA) para localizar aos prisioneiros de guerra (PDG) e restablecer as comunicacións coas súas respectivas familias. O escritor austríaco e pacifista Stefan Zweig describiu a situación na sede xenebrina da CICR:

Apenas se asestaron os primeiros golpes cando comezaron a oírse en Suíza berros de angustia procedentes de todas as terras. Miles de persoas que non tiñan noticias dos seus pais, maridos e fillos nos campos de batalla, estenderon os seus brazos desesperados cara ao baleiro. Centos, miles, decenas de miles de cartas e telegramas chegaron á pequena Casa da Cruz Vermella en Xenebra, o único punto de reunión internacional que quedaba. Illadas, como petreis tormentosos, chegaron as primeiras solicitudes de parentes desaparecidos; daquela estas solicitudes convertéronse á súa vez nunha tormenta. As cartas chegaronse a varrer. Nada estaba preparado para facer fronte a semellante avalancha de miseria. A Cruz Vermella carecía de espazo, de organización, de sistema e, sobre todo, de axudantes.[11]
Foto de grupo dos voluntarios -na súa maioría mulleres- diante do Musée Rath en 1914

Con todo, a finais de ano, a Axencia xa contaba cuns 1.200 voluntarios que traballaban no Museo Rath de Xenebra, entre eles o francés escritor e pacifista Romain Rolland. Cando lle concederon o Premio Nobel de Literatura de 1915, doou a metade do diñeiro do premio á Axencia.[12] A maioría do persoal eran mulleres,[11] algunhas das cales - como Marguerite van Berchem, Marguerite Cramer e Suzanne Ferrière - ocuparon altos cargos como pioneiras da igualdade de xénero nunha organización dominada por homes.

Embulancia da Cruz Vermella de 1917

Ao final da guerra, a Axencia transferira uns 20 millóns de cartas e mensaxes, 1,9 millóns de paquetes e uns 18 millóns de francos suízos en doazóns monetarias a prisioneiros de guerra de todos os países afectados. Ademais, grazas á intervención da Axencia, uns 200.000 prisioneiros foron intercambiados entre as partes belixerantes, liberados do seu cativerio e devoltos ao seu país de orixe. O ficheiro organizativo da Axencia acumulou uns 7 millóns de rexistros entre 1914 e 1923. O ficheiro permitiu identificar a preto de 2 millóns de prisioneiros de guerra e poñerse en contacto coas súas familias. Na actualidade, o CICR presta o ficheiro completo ao Museo Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella de Xenebra. O dereito de acceso ao índice segue estando estritamente restrinxido ao CICR.

Durante toda a guerra, o ICRC supervisou o cumprimento polas partes belixerantes dos Convenios de Xenebra da revisión de 1907 e remitiu as queixas sobre violacións ao país respectivo. Cando se utilizaron armas químicas nesta guerra por primeira vez na historia, o ICRC organizou unha enérxica protesta contra o seu uso. Mesmo sen ter un mandato dos Convenios de Xenebra, o ICRC tentou aliviar o sufrimento da poboación civil. Nos territorios designados oficialmente como "territorios ocupados", o ICRC podía axudar á poboación civil en virtude das Convencións da Haia "Leis e costumes da guerra terrestre" de 1907.[13] Este convenio foi tamén a base xurídica do traballo do ICRC en favor dos prisioneiros de guerra. Ademais do traballo da Axencia Internacional para os Prisioneiros de Guerra descrito anteriormente, isto incluía visitas de inspección aos campos de prisioneiros de guerra. Ata o final da guerra, 41 delegados do ICRC visitaron un total de 524 campos en toda Europa.

O buque MV Red Cross no porto de Nova York (c. 1915)
Enfermeiras da Cruz Vermella servindo pan e café aos soldados estadounidenses do 16º de Infantería, 1ª División, á súa chegada a París, 4 de xullo de 1917.

Entre 1916 e 1918, o ICRC publicou varias postais con escenas dos campos de prisioneiros de guerra. As imaxes mostraban aos prisioneiros en actividades cotiás como a distribución de cartas desde casa. A intención do ICRC era proporcionar ás familias dos prisioneiros algo de esperanza e consolo e aliviar as súas incertezas sobre o destino dos seus seres queridos. Tras o final da guerra, entre 1920 e 1922, o ICRC organizou o retorno duns 500.000 prisioneiros aos seus países de orixe. En 1920, a tarefa de repatriación pasou a mans da recentemente fundada Sociedade de Nacións, que nomeou ao diplomático e científico noruegués Fridtjof Nansen "Alto Comisionado para a Repatriación dos Prisioneiros de Guerra". O seu mandato legal ampliouse máis tarde ao apoio e a atención aos refuxiados de guerra e as persoas desprazadas, cando o seu cargo converteuse no de "Alto Comisionado para os Refuxiados" da Sociedade de Nacións. Nansen, que inventou o pasaporte Nansen para os refuxiados apátridas e foi galardoado co Premio Nobel da Paz en 1922, nomeou a dous delegados do ICRC como adxuntos seus. Un ano antes do final da guerra, o ICRC recibiu o Premio Nobel da Paz de 1917 polo seu destacado labor en tempos de guerra. Foi o único Premio Nobel da Paz concedido no período comprendido entre 1914 e 1918. En 1923, o Comité Internacional da Cruz Vermella adoptou un cambio na súa política de selección de novos membros. Ata entón, só os cidadáns da cidade de Xenebra podían formar parte do comité. Esta limitación ampliouse para incluír a todos os cidadáns suízos. Como consecuencia directa da primeira guerra mundial, en 1925 adoptouse un tratado que prohibía o uso de gases asfixiantes ou tóxicos e axentes biolóxicos como armas. Catro anos máis tarde, revisouse o Convenio orixinal e estableceuse o segundo Convenio de Xenebra "relativo á mellora da sorte que corren os feridos, os enfermos e os náufragos das forzas armadas no mar". Os acontecementos da primeira guerra mundial e as respectivas actividades do ICRC aumentaron significativamente a reputación e a autoridade do Comité entre a comunidade internacional e conduciron a unha ampliación das súas competencias.

Xa en 1934, a Conferencia Internacional do ICRC aprobou un proxecto de proposta de convenio adicional para a protección da poboación civil nos territorios ocupados durante un conflito armado. Desgraciadamente, a maioría dos gobernos tiñan pouco interese en aplicar este convenio, polo que non puido entrar en vigor antes do comezo da segunda guerra mundial.

Memorial da Cruz Vermella en Solferino.

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

A resposta da Cruz Vermella ao Holocausto foi obxecto de controversia e críticas. Xa en maio de 1944, o CICR foi criticado pola súa indiferenza ante o sufrimento e a morte de xudeus, críticas que se intensificaron tras o final da guerra, cando a magnitude do Holocausto fíxose innegable.

Unha defensa a estas acusacións é que a Cruz Vermella estaba a tratar de preservar a súa reputación como organización neutral e imparcial ao non interferir no que se consideraba un asunto interno alemán. A Cruz Vermella tamén consideraba que o seu principal obxectivo eran os prisioneiros de guerra cuxos países asinaran a Convención de Xenebra.[14]

Os Convenios de Xenebra, na súa revisión de 1929, constituíron a base xurídica da labor do CICR durante a segunda guerra mundial. As actividades do Comité foron similares ás da primeira guerra mundial: visitar e supervisar os campos de prisioneiros de guerra, organizar a asistencia de socorro á poboación civil e administrar o intercambio de mensaxes sobre prisioneiros e persoas desaparecidas. Ao final da guerra, 179 delegados realizaran 12.750 visitas a campos de prisioneiros de 41 países. A Axencia Central de Información sobre Prisioneiros de Guerra (Agence centrale des prisonniers de guerre) tiña un persoal de 3.000 persoas, o ficheiro de seguimento de prisioneiros contiña 45 millóns de fichas e a Axencia intercambiou 120 millóns de mensaxes. Un dos principais obstáculos foi que a Cruz Vermella Alemá, controlada polos nazis, negouse a cooperar cos estatutos de Xenebra, incluídas violacións flagrantes como a deportación de xudeus de Alemaña e os asasinatos en masa levados a cabo nos campos de concentración nazis.

Guerra 1939-45. Xenebra, Axencia Central de Prisioneiros de Guerra, Edificio Electoral/Palacio do Consello Xeral

Outras dúas partes principais do conflito, a Unión Soviética e Xapón, non eran parte dos Convenios de Xenebra de 1929 e non estaban legalmente obrigados a seguir as normas dos convenios.

Principios fundamentais[editar | editar a fonte]

O hospital da Cruz Vermella de Vigo pechou en maio de 2010.[15]
Unha ambulancia da Cruz Vermella en Valencia, España.
Sede da Cruz Vermella do Reino Unido en Thackley.
Cruz da Sociedade da Cruz Vermella Serbia

O Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella realiza o seu labor baixo sete principios fundamentais que rexen as actuacións desta organización, creando un vínculo de unión entre as Sociedades Nacionais da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, o CICR e a FICR.

Os Principios Fundamentais garanten a continuidade do Movemento da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella e as súas actividades humanitarias.

  • Humanidade: A Cruz Vermella tenta previr e alivia-lo sufrimento humano, traballa pola vida, a saúde e a dignidade humana. Favorece a comprensión, a cooperación e a paz duradeira entre tódolos pobos da Terra.
  • Imparcialidade: Non discrimina a ninguén pola súa nacionalidade, raza, relixión, ideoloxía ou condición social.
  • Neutralidade: Actúa sen participar nas controversias de tipo político, racial, relixioso ou ideolóxico.
  • Independencia: Colabora cos poderes públicos que promoven accións humanitarias, pero mantén unha autonomía baseada nos seus principios.
  • Carácter Voluntario: A Cruz Vermella é unha institución de socorro, voluntaria e desinteresada.
  • Unidade: En cada pais só existe unha sociedade da Cruz Vermella ou da Media Lúa Vermella, accesible para tódalas persoas en todo o territorio.
  • Universalidade: Tódalas sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella comparten os mesmos valores e dereitos, son solidarias entre elas e con tódolos pobos.

Promoción dos principios fundamentais e valores humanitarios[editar | editar a fonte]

  • Campañas de prevención de enfermidades.
  • Mensaxes familiares e mensaxes de boa saúde.
  • Campañas para promover o respecto á diversidade e a dignidade humana, reducir a intolerancia, a discriminación e a exclusión social.
  • Apoio ás áreas de mocidade.

Intervención en casos de desastre[editar | editar a fonte]

  • Procura e rescate.
  • Atención pre-hospitalaria.
  • Abastecemento de auga.
  • Aloxamento temporal de persoas necesitadas.

Preparación para desastres[editar | editar a fonte]

  • Campañas de recolección de alimentos, roupa e xoguetes.
  • Solicitude de medicamentos.
  • Cualificación da comunidade en xestión de riscos.
  • Primeiros auxilios.
  • Doazóns voluntarias.

Mellora dos servizos de saúde na comunidade[editar | editar a fonte]

  • Doazón de sangue.
  • Servizo de ambulancias.
  • Hospitais e institucións de formación.
  • Servizos médico, Psicolóxico, odontolóxico e sexual.
  • Apoio social e acompañamento ao adulto maior, nenos e en xeral a persoas vulnerables.

As persoas que integran a Cruz Vermella non reciben diñeiro como soldo, pois son voluntarios (excepto técnicos, por exemplo, un socorrista que traballa todo o día na praia). Traballan para evitar o sufrimento humano, e polo benestar de todos.

Ademais, para evitar incidentes, ningunha persoa que sexa remunerada pola súa acción en Cruz Vermella pode acceder a postos políticos na xerarquía da institución.

Algunhas actividades de voluntariado[editar | editar a fonte]

Operación Paso do Estreito[editar | editar a fonte]

A Operación Paso do Estreito é un grupo especial no que participan voluntarios da Cruz Vermella para ofrecer axuda social, axuda médica e actividades lúdicas na gardería aos máis de 1000 inmigrantes africanos que cruzan o Estreito de Xibraltar durante as vacacións de verán para volver ao seu país de orixe. As quendas dos seus voluntarios realízanse de mañá, tarde ou noite; cada un de 5 horas, durante tres semanas. Preferiblemente, durante dúas semanas a principios de inverno e outra ao final. Non se pode facer nada por iso.

Controversia[editar | editar a fonte]

Uso do emblema da CICR na Operación Xaque[editar | editar a fonte]

Sede da Cruz Vermella no norte de Bogotá, a capital de Colombia.

A Operación Xaque foi un operativo militar colombiano, no cal se pretendía o rescate de Íngrid Betancourt, 3 mercenarios estadounidenses, 4 policías e 7 militares; a polémica desatouse cando a cadea de noticias CNN declarou que os militares usaran o emblema da Cruz Vermella durante a operación.[16]

A polémica acabou cando o presidente admitiu o feito e asumiu a súa responsabilidade política. Nun comunicado de prensa, o CICR afirma tomar nota da declaración feita polo presidente colombiano para lembrar que o uso do emblema "está especificamente regulamentado polos Convenios de Xenebra e os seus Protocolos adicionais". O Comité Internacional de Cruz Vermella pediu respecto e condenou o "uso abusivo" das súas insignias.[Cómpre referencia]

Con referencia ao uso do emblema, varios medios de comunicación lembraron que segundo as normas do Dereito Internacional Humanitario, o seu emprego en operacións que non sexan humanitarias considérase "perfidia" porque constitúe unha violación dos Convenios de Xenebra. Debe ademais ser sancionado nos tribunais internacionais como "delito de guerra".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Moviment Internacional de la Creu Roja, Cruz vermella Andorrana (en catalán)
  2. Young & Hoyland 2016, p. 354.
  3. Tucker, Spencer (2010). Battles That Changed History (en inglés). ABC-CLIO. p. 332. ISBN 1598844296. Consultado o 5 de outubro do 2015. 
  4. Dunant 1863, p. 2.
  5. Bennett 2006.
  6. "Resoluciones y votos de la Conferencia Internacional de Ginebra, 26-29 de octubre de 1863 – CICR" [Resolutions and votes of the Geneva International Conference, 26–29 October 1863] (en castelán). 29 October 1863. 
  7. "Convention for the Amelioration of the Condition of the Wounded in Armies in the Field. Geneva, 22 August 1864". Xenebra: International Committee of the Red Cross ICRC. Consultado o 30 de novembro do 2023. 
  8. Telò 2014.
  9. Dromi 2016, pp. 79–97.
  10. "The Story of My Childhood". World Digital Library. 1907. Consultado o 30 de novembro do 2023. 
  11. 11,0 11,1 Zweig 1921, p. 268.
  12. Schazmann 1955, pp. 140–43.
  13. "Understanding the Hague Convention". US Department of State. Consultado o 30 de novembro do 2023. 
  14. Farré & Schubert 2009, p. 72.
  15. La cruz que fue la cara del hospital, artigo en Faro de Vigo (en castelán).
  16. "Colombian military used Red Cross emblem in rescue" (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]