Reino de Württemberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do Reino de Württenberg no Imperio Alemán (1871).

O Reino de Württemberg (en alemán, Königreich Württemberg) foi un antigo Estado localizado no suroeste da actual Alemaña. A súa capital era a cidade de Stuttgart.

Foi fundado o 1 de xaneiro de 1806 como reino soberano a instancias do emperador dos franceses, Napoleón Bonaparte, que loitaba pola hexemonía política. O reino xurdira do Ducado de Württemberg (que foi elevado ao Electorado en 1803). O seu territorio orixinal, que tamén era coñecido como Altwürttemberg, fora recentemente ampliado moito pola Reichsdeputationshauptschluss e a Paz de Pressburg, principalmente no sur e no leste, polo que case se duplicara a súa área xeográfica.

Württemberg foi de 1806 a 1813 membro da Confederación do Rin, que estaba orientada polos intereses de Francia, e despois do final das Guerras napoleónicas tras as decisións do Congreso de Viena de 1815 a 1866 membro da Confederación Alemá. Despois da Guerra franco-prusiana de 1870/71, o reino uniuse ao primeiro estado-nación alemán proclamado como un pequeno imperio alemán baixo o liderado prusiano.

Sobre a base da constitución de 1819,[1] desenvolveuse ao longo dos anos unha monarquía constitucional temperá con correntes liberais e democráticas relativamente fortes en comparación con moitos outros estados alemáns, que foron capaces de se afirmaren e se faceren máis fortes mesmo despois da represión da Revolución alemá de 1848/49, que foi en gran parte pacífica en Württemberg.

Como resultado da derrota alemá na Primeira guerra mundial e da Revolución de novembro de 1918, o rei Guillerme II de Württemberg renunciou ao trono como un dos últimos monarcas alemáns. Württemberg transformouse nunha democracia parlamentaria e seguiu sendo parte do Reich alemán na República de Weimar como Estado Libre Popular de Wurtemberg.

En 1952, o seu antigo territorio foi absorbido polo actual estado de Baden-Württemberg.

Historia[editar | editar a fonte]

Creación do reino e guerras napoleónicas[editar | editar a fonte]

O novo estado formouse a partir do antigo Ducado de Württemberg, coñecido tamén como Altwürttemberg (Antigo Württemberg), ao que se anexionaran territorios ao leste e ao sur durante as receentes secularizacións (Reichsdeputationshauptschluss) e a Paz de Presburgo.

Foi proclamado reino independente por intervención de Napoleón Bonaparte no marco das guerras napoleónicas. Federico II, duque de Wurtemberg, asumiu o título de rei Federico I o 1 de xaneiro de 1806. Abrogou a constitución e uniu o Vello e o Novo Württemberg. Posteriormente, colocou as propiedades da igrexa baixo o control do goberno e estendeu en gran medida as fronteiras do reino.

En 1806, Federico uniu o reino á Confederación do Rin, e recibiu máis territorios con 160 000 habitantes. Máis tarde, polo tratado de Schönbrunn de outubro de 1809, ao redor de 110 000 persons máis quedaron baixo o seu goberno. A cambio destes favores, Federico uniuse ao emperador francés nas súas campañas contra o Reino de Prusia, o Imperio austríaco e o Imperio ruso. Dos 16 000 dos seus súbditos que marcharon a Moscova, só uns poucos centos regresaron.

Despois da batalla de Leipzig, en outubro de 1813, Federico abandonou ao emperador francés e, mediante un tratado con Metternich en Fulda, en novembro dese ano, asegurou a confirmación do seu título real e dass súas recentes adquisicións de territorios. Mentres tanto, as súas tropas marcharon a Francia cos aliados.

Tras o Congreso de Viena[editar | editar a fonte]

Despois da caída de Napoleón, o Congreso de Viena confirmou as recentes adquisicións territoriais de Württemberg, confirmando a dignidade do reino. En 1815, Württemberg uniuse á Confederación Xermánica. No mesmo ano, o rei presentou aos representantes do seu pobo o esqeuma dunha nova constitución, pero eles rexeitárona. Federico morreu o 30 de outubro de 1816.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Verfassungs-Urkunde für das Königreich Württemberg". verfassungen.de (en alemán). 14 de abril de 2004. Consultado o 28 de maio de 2022. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.