Medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do centenario de Elgin, Illinois [1][2]
A/: Detalle do perfil dun pioneiro da estatua do reverso.

Lendas: PIONEER / IN GOD WE TRUST / 1673-1936.

R/: Imaxe dunha familia de pioneiros de Elgin, Illinois.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / PIONEER - MEMORIAL / ELGIN ILLINOIS / E PLURIBUS UNUM / HALF DOLLAR

O medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois, é unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1936 e cuñada na Ceca de Filadelfia, destinada a conmemorar o centenario da fundación da cidade de Elgin, Illinois.[1][2][3]

A moeda foi deseñada polo escultor local Trygve Rovelstad. O seu anverso representa a cabeza idealizada dun pioneiro e o reverso amosa un grupo de pioneiros, baseado nun conxunto escultórico que o propio Rovelstad esperaba construír como monumento conmemorativo dos que colonizaron Illinois, pero que non se erixiu en vida.

Rovelstad oíra falar doutros intentos de obter a autorización para cuñar moedas conmemorativas como medio de financiamento de proxectos altruístas —de feito ese mesmo ano emitíronse 18, con diferentes motivos—. En 1935, a través do seu congresista, logrou que se presentase na Cámara de Representantes un proxecto de lei para a creación dunha moeda conmemorativa do centenario de Elgin, que se celebraba aquel ano. Rovelstad esperaba que a moeda proposta representase aos pioneiros e supuxese unha fonte de fondos para o monumento conmemorativo que proxectaba erixir. O comerciante de moedas texano Lyman William Hoffecker —que o ano anterior impulsara e distribuíra o medio dólar Old Spanish Trail— soubo do proxecto e púxose en contacto con Rovelstad para lle ofrecer a súa axuda.

O proxecto de lei para a moeda de Elgin non se aprobou ata 1936. Do máximo de 25.000 exemplares autorizados pola lei, Hoffecker puido vender unhas 20.000 moedas, e as 5.000 restantes foron devoltas á Casa da Moeda para a súa fundición. De xeito diferente a outras moedas conmemorativas da época, esta non foi comprada por comerciantes e especuladores, senón que se vendeu directamente a coleccionistas.

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou a moeda de Elgin como unha das conmemorativas estadounidenses máis salientables.

Prolegómenos[editar | editar a fonte]

Elgin está situada nas beiras do río Fox, en Illinois, a uns 48 km ao oeste de Chicago. Foi fundada en 1835 por James e Hezekiah Gifford. Adquiriu a condición de vila en 1847 e a de cidade en 1854. Neste último ano fundouse unha empresa reloxeira —a Elgin Watch Company— que lle deu sona á cidade, que tamén destacaba pola produción de ferramentas, zapatos e produtos de madeira.[4]

O escultor local Trygve Rovelstad (1903-1990), fillo de inmigrantes noruegeses, tiña o desexo de erixir un conxunto escultórico en Elgin como monumento aos pioneiros que colonizaran Illinois. Os dirixentes da cidade aprobaron o proxecto e en 1934 colocáronse os alicerces do monumento en Davidson Park, o lugar onde se instalara a primeira cabana dos Gifford.[5] Rovelstad non puido xuntar o diñeiro necesario para construír e erixir a estatua, pero ao se informar das diversas emisións de moedas conmemorativas que se estaban a producir, considerou que ese podería ser un bo xeito de financiamento. O escultor presentou un proxecto de lei no Congreso en maio de 1935 para autorizar a emisión de medio dólar con motivo do centenario de Elgin e na honra dos pioneiros mais, nun principio, o proxecto non se tomou en consideración.[6]

A noticia do proxecto de lei apareceu publicada en xullo de 1935 na revista The Numismatist, editada pola American Numismatic Association (ANA), e o 11 de xullo, o comerciante numismático Lyman W. Hoffecker escribiu ao Comité Monumental do Centenario de Elgin para se interesar sobre como estaba prevista no proxecto de lei a distribución das moedas.[6] Hoffecker tiña un establecemento comercial de venda de moedas en El Paso, Texas, e daquela presidía o comité da súa cidade natal que se encargaba de comercializar o medio dólar Old Spanish Trail, emitido en 1935.[7] Aínda que algunhas conmemoracións recentes provocaran a protesta dos coleccionistas porque se permitira que os especuladores comprasen grandes cantidades das novas emisións, a Hoffecker recoñecíaselle ecuanimidade na distribución da peza do Old Spanish Trail.[8]

Na correspondencia entre ambos, Hoffecker deulle a Rovelstad unha serie de consellos sobre como tratar co Congreso, baseados na súa experiencia. Aínda que o proxecto de lei seguía atrancado na Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, Hoffecker aconsellaba que facer despois de que fose aprobado. El aínda non sabía que Rovelstad era escultor, e en setembro de 1935 escribiulle sobre os modelos que debía presentar para a súa aprobación: "Deben ter 10 polgadas [25,4 cm] de diámetro, e aquí é onde empezan os teus problemas. Todos estes escultores queren incorporar as súas propias ideas no deseño e piden entre 400 e 1.000 dólares polo seu traballo, argumentando o que custa conseguir a aprobación da Comisión de Belas Artes e moitas outras cousas que non existen". Hoffecker tamén se ofreceu a encargarse da emisión para a Comisión; propuxo adiantar o diñeiro necesario para comprar as novas moedas ao Goberno e encargarse da distribución. Afirmou que gozara coa distribución dom medio dólar Old Spanish Trail, aínda que lle mentiu a Rovelstad ao afirmar que non era comerciante de moedas[6] —o selo que Hoffecker utilizou para escribir a Rovelstad poñía "Préstamos e hipotecas" baixo o seu nome—.[9] Tamén advertiu a Rovelstad: "Non sería bo para ningún dos dous que se correse a voz de que me cederas toda a emisión".[10]

En outubro de 1935, Hoffecker fixo unha oferta formal, baseada no proxecto de lei, que pedía 10.000 exemplares do medios dólar: pagaríalle 12.000 dólares ao Comité Monumental do Centenario de Elgin e vendería as moedas a 2 dólares cada unha. Adiantaríalle á Casa da Moeda o valor nominal das moedas, así como os gastos de produción e envío. Ao vender as moedas, intentaría distribuílas entre o maior número posible de coleccionistas, deixando para máis adiante os comerciantes e especuladores. Rovelstad aceptou por carta en novembro.[10]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O representante republicano por Illinois Chauncey W. Reed, introdutor do proxecto de lei para autorizar a emisión da moeda.

O representante de Illinois Chauncey Reed presentara o proxecto de lei relativo á moeda de Elgin a instancias de Rovelstad, e tanto o escultor como Hoffecker traballaron con el para facer avanzar o proxecto no Congreso. En febreiro de 1936, Hoffecker, que fora nomeado polo presidente da ANA, T. James Clarke, para dirixir unha comisión contra os abusos na emisión de moedas conmemorativas, viaxou a Washington, pasando por Chicago polo camiño para visitar a Rovelstad. Os dous homes esperaban que se lles autorizase a tiraxe limitada a 10.000 unidades que figuraba no proxecto, para así poderen vender as moedas a un prezo máis alto. Mais o Congreso non estaba disposto a crear unha moeda conmemorativa cunha tiraxe tan baixa, polo que se tivo que modificar o proxecto para establecer unha cuñaxe máxima de 25.000 exemplares. Hoffecker expresou o seu desexo de que se puidese reducir esta cantidade e instou o escultor a que fixese presión para o conseguir. Hoffecker sinalou que vender 25.000 dólares suporía moito máis traballo e que non poderían alcanzar un prezo tan alto. En 1936 había unha gran cantidade de proxectos de lei para moedas conmemorativas no Congreso, e o comerciante temía que o presidente Franklin D. Roosevelt empezase a vetalas, como xa lle sucedera a el noutra ocasión. Hoffecker visitou Washington dúas veces máis en maio, e unha vez reuniuse alí con Rovelstad, para exerceren presión sobre os membros do Congreso.[10]

Finalmente, o proxecto de lei foi aprobado e convertido en lei pola sinatura do presidente Roosevelt o 16 de xuño de 1936.[11] Na versión aprobada esixíase que as moedas se cuñasen nunha soa ceca e levasen a data de 1936, independentemente de cando se cuñasen. Rovelstad, na súa condición de representante do Comité Monumental do Centenario de Elgin, tería que pagar as 25.000 moedas dunha soa vez e non se podería emitir unha cantidade menor. A lei determinaba que as moedas eran "en conmemoración do centenario da fundación da cidade de Elgin, Illinois, e para a erección do heroico Monumento ao Pioneiro", o conxunto escultórico que ideara Rovelstad.[12]

Preparación[editar | editar a fonte]

Hoffecker suxeriu a Rovelstad que intentase dividir a tiraxe entre as tres cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos (Filadelfia, Denver e San Francisco), aínda que admitiu que, a non ser que o Congreso se equivocase na redacción da lei, non era probable que esta idea tivese éxito. Tamén lle dixo a Rovelstad que se puxese en contacto coa subdirectora da Casa da Moeda, Mary M. O'Reilly, e que intentase que as moedas se cuñasen na Ceca de Denver, a máis próxima a El Paso, para minimizar os gastos de envío. Ningunha das dúas propostas prosperou, xa que todas as moedas se cuñarían finalmente na Ceca de Filadelfia.[10]

Ao que Rovelstad presentou os seus deseños para a emisión na Casa da Moeda, enviáronse á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos na procura do seu ditame preceptivo. Os deseños chegaron o 15 de xullo de 1936 e foron aprobados dous días máis tarde, coa petición de que a cabeza do pioneiro do anverso, en vista de tres cuartos —ollando cara a adiante e a un lado—, como a presentara Rovelstad, se puxese de perfil. O escultor accedeu e presentou os modelos de xeso a mediados de agosto; a Casa da Moeda enviou as fotografías á Comisión o 15 de agosto. Dous días máis tarde, o presidente da Comisión, Charles Moore, escribiu a O'Reilly para lle comunicar que o escultor membro da comisión, Lee Lawrie, revisara os deseños e expresara a queixa de que non podía ver que obxecto había detrás dos pioneiros, e de que a arma parecía suxeitarse con torpeza. Lawrie tamén declarou que algunhas das letras debían reforzarse, pero que se á directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, non lle molestaban estas cousas, a moeda debía seguir adiante. Moore indicou que non desexaba demorar a cuñaxe da moeda e transmitiu a recomendación da comisión, coa condición de que a Casa da Moeda fixese o posible por solucionar estes problemas. Coa excepción da posible modificación das letras, non se introduciu cambio ningún.[13]

Despois da aprobación dos deseños por parte da Comisión de Belas Artes, estes enviáronse inmediatamente á Medallic Art Company, de Nova York, que os reduciu para proporcionar as matrices a partir das cales se poderían facer os cuños de produción.[14] A principios de outubro de 1936, a Ceca de Filadelfia cuñou 25.000 moedas, mais outras 15 extra para a súa inspección pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa reunión de 1937.[15] Rovelstad foi a Filadelfia para presenciar o inicio da produción e aloxouse na casa do gravador xefe da Casa da Moeda, John R. Sinnock. As dez primeiras pezas foron entregadas ao escultor, quen as introduciu en sobres de papel para as levar á súa casa en Illinois. Segundo a súa muller, Gloria, Sinnock ofreceulle traballo na Casa da Moeda, mais el rexeitouno.[10]

Deseño[editar | editar a fonte]

O conxunto escultórico da familia de pioneiros deseñado por Rovelstad, no que se inspira o medio dólar do Centenario.

O anverso do medio dólar do Centenario de Elgin representa un pioneiro, coa lenda PIONEER sobre el. O rostro barbado fora esculpido previamente por Rovelstad e aparece, lixeiramente modificado, como a cabeza do fusileiro á esquerda do grupo no reverso.[16] A data 1673 no anverso marca o ano en que os exploradores Louis Jolliet e Jacques Marquette entraron no que hoxe é Illinois. Aínda que a moeda se emitiu con motivo do centenario de Elgin, non aparecen nin a data de fundación (1835) nin a do aniversario.[1][2][11]

O reverso amosa un grupo de pioneiros (catro adultos e un bebé no colo da súa nai). O grupo é un baixorrelevo do modelo do monumento que Rovelstad esperaba construír.[1][2] O conxunto tamén aparecera na medalla de Rovelstad de 1935 conmemorativa do Centenario de Elgin. Rovelstad colocou, tanto na medalla como no deseño da base do conxunto escultórico, as palabras: "Aos homes que abriron camiños, que conquistaron a terra e que construíron un imperio na terra dos Illiniwek".[5] A inclusión dos lemas exixidos pola lei, como IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") implicou que nin sequera se puidese inscribir na moeda unha parte desta dedicatoria, por falta de espazo.[11] O nome da cidade non figuraba nos modelos orixinais que Rovelstad enviara a Hoffecker para que fixese os seus comentarios; o numismático escribiu o 15 de xullo de 1936: "Non pasaría por alto pór a palabra "Elgin" na súa moeda, xa que sería un bo anuncio para a súa cidade".[17]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu volume sobre a arte das moedas estadounidenses, gababa a moeda e o seu escultor: "É difícil achar un medio dólar conmemorativo esteticamente máis satisfactorio e tecnicamente superior que o do Centenario de Elgin, Illinois, de 1936".[18] Vermeule observou que as figuras do reverso parecen case tridimensionais. Sinalou que a técnica de espazar as letras da palabra PIONEER sobre a cabeza presaxia a utilizada polo posterior gravador xefe Gilroy Roberts no anverso do medio dólar Kennedy. Segundo Vermeule, Rovelstad "produciu un dos maiores documentos de plasticidade escultórica e relevo vibrante da serie de moedas conmemorativas. O seu anverso é digno dun medallón romano, e o seu reverso rivaliza cos grandes cuños neoclásicos de Inglaterra e de Baviera no século XIX".[19]

Lanzamento[editar | editar a fonte]

Lyman William Hoffecker, deseñador e comercializador do medio dólar do Centenario de Elgin.[20]

Logo de se promulgar a lei de autorización, Hoffecker e Rovelstad chegaron a un novo acordo. Hoffecker adiantaría o diñeiro para as novas moedas e pagaría os gastos de cuñaxe e envío, que eran responsabilidade da Comisión segundo a lei. As moedas venderíanse a 1,50 dólares cada unha e Hoffecker levaría 35 céntimos por moeda en concepto de comisión. As moedas debían permanecer á venda a través de Hoffecker ata o 1 de xaneiro de 1937 ou ata que se esgotasen, o que ocorrese primeiro. O acordo estipulaba que Hoffecker "utilizaría todos os medios éticos ao seu alcance para impulsar a venda destas moedas".[12][17] O comerciante de moedas B. Max Mehl, no seu folleto de venda de 1937 sobre moedas conmemorativas, afirmaba que consideraba que o prezo de 1,50 dólares era demasiado elevado, tendo en conta que había unha emisión de 25.000 exemplares.[21]

O 1 de xullo de 1936, Hoffecker enviou 3.500 cartas ofrecendo as novas moedas, que aínda non estaban cuñadas, a persoas que estaban na súa listaxe de correo ou que solicitaran previamente información. Afirmou que xa tiña 7.000 pedidos e instou os coleccionistas a non demorárense. O seu banco ofreceuse a enviarlle as moedas e a levalas como parte do seu efectivo en caixa, o que lle permitiría pagalas á medida que foran chegando os pedidos, pero el preferiu pagar as moedas ao principio. Hoffecker declarou en cartas que outros comerciantes de moedas lle ofrecera comprar toda a emisión, pero que el rexeitara a oferta. Naquela época, había un pulo das moedas conmemorativas e os comerciantes intentaban conseguir todas as emisións especiais que podían.[22]

A Ceca de Filadelfia envioulle a Hoffecker 24.990 moedas —toda a tiraxe autorizada agás as dez primeiras pezas, que se lle entregaran a Rovelstad— o 7 de outubro de 1936. Recibíronse en El Paso catro días despois. Hoffecker escribiu a Frank Duffield, editor de The Numismatist, para lle dicir que tiña preparados os sobres para as pezas xa encargadas e que esperaba enviar as derradeiras por correo a tarde do 13 de outubro; o editor comentou: "Isto parece un verdadeiro servizo".[22] Encargáranse varios centos de pezas a través de bancos de Elgin, que recibiron varias remesas e, finalmente, venderon máis de mil.[23] A Elgin Watch Company comprou 100 exemplares.[24]

En novembro de 1936 vendéranse 16.170 pezas. Só se venderon unhas 2.000 máis nos catro meses seguintes; o extracto de Hoffecker de marzo de 1937 amosa 18.790 vendidas, con 330 adicionais en consignación ao First National Bank de Elgin. Rovelstad recibira 8.680 dólares e Hoffecker 6.576,50 dólares. Así as cousas, a discusión centrouse en que facer coas 5.620 pezas restantes —uns centos regaláronse ou dispúxose delas doutro xeito—. Rovelstad accedeu a que o comerciante de moedas comprara 250 pezas a un dólar cada unha; en 1948 seguía a vendelas. Outros comerciantes non estaban interesados en grandes compras, xa que a venda directa a coleccionistas significaba que poucos dos que querían e podían permitirse a moeda de Elgin carecían dela.[24][25] Coa demanda paralizada, Hoffecker temía que as pezas restantes acabasen nas mans de especuladores. Finalmente, cinco mil pezas foron devoltas á Casa da Moeda para a súa fundición.[26]

Repercusión e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Vista lateral do conxunto escultórico da familia de pioneiros, no lugar onde se erixiu en Elgin, Illinois.

Rovelstad utilizou os beneficios do medio dólar para seguir a traballar no seu grupo de estatuas. Procurou financiamento directo do Goberno federal en 1938 e da Asemblea Lexislativa de Illinois o ano seguinte, mais ambos os intentos fracasaron. Ao longo do medio século seguinte, seguiu a traballar nas estatuas e, no momento da súa morte en 1990, tiña completado o grupo en xeso, que aínda debía ser bronceado antes da súa exposición. Pouco antes de morrer, díxolle á súa muller: "Vivín unha vida plena e non me arrepinto de nada". O Monumento aos Pioneiros xa está terminado. Fixen todo o que puiden. Agora tócalles a outros velo erixido. Eu non podo facer máis".[17][27] O inquilino de Rovelstad, Steve Youngren, creou unha fundación para recadar diñeiro e completar o proxecto. Recadáronse 456.000 dólares, case un dez por cento máis do que custou, e o monumento se concluíuse en 2001.[28]

Pola súa banda, Hoffecker, que fora presidente da ANA de 1939 a 1941;[29] faleceu o 13 de xaneiro de 1955 á idade de 86 anos.[30]

Segundo a edición de 2014 de A Guide Book of United States Coins, de R. S. Yeoman, o medio dólar do Centenario de Elgin cotízase en 250 dólares en estado próximo a "sen circular" (AU-50) e en 550 dólares en estado impecable MS-66.[31] Consonte o historiador numismático Q. David Bowers, "a distribución dos medios dólares do Centenario de Elgin non tivo nada de malo e, desde logo, en Illinois as intencións e a ética do escultor Trygve A. Rovelstad eran de primeira orde". L.W. Hoffecker distribuíu as pezas nunha campaña publicitaria habilmente orquestrada e fíxoo tan ben como calquera podería telo feito naquel momento".[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "½ Dollar Elgin, Ill., Centennial". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Elgin, Illinois Centennial Half Dollar". United States Mint.
  3. "1936 Elgin Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 126-127.
  5. 5,0 5,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 127.
  6. 6,0 6,1 6,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 351-352.
  7. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 180.
  8. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 106.
  9. Swiatek, A. (2012). Páxina 337.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 353-354.
  11. 11,0 11,1 11,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 83.
  12. 12,0 12,1 "Elgin, Illinois Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  13. Taxay, D. (1967). Páxinas 215, 219.
  14. Taxay, D. (1967). Páxina 219.
  15. Swiatek, A. (2012). Páxina 336.
  16. Taxay, D. (1967). Páxina 215.
  17. 17,0 17,1 17,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 354-356.
  18. Vermeule, C. (1971). Páxina 197.
  19. Vermeule, C. (1971). Páxina 198.
  20. The Numismatist. Novembro de 1939. Páxina 940.
  21. Mehl, B. M. (1937). Páxina 40.
  22. 22,0 22,1 Bowers, Q. D. (1992). Parte 5ª. Páxina 215.
  23. Bowers, Q. D. (1992). Parte 5ª. Páxinas 215-216.
  24. 24,0 24,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 359-361.
  25. 25,0 25,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 361-363.
  26. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 84.
  27. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 356-359.
  28. Ferrarin, E. (2011).
  29. "ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association.
  30. "Obituaries: L. W. Hoffecker". En The Numismatist. Vol. 68. Nº 2. Febreiro de 1955. Páxina 142.
  31. Yeoman, R. S. (2013). Yeoman 301.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]