Lyman W. Hoffecker
Lyman W. Hoffecker | |
---|---|
![]() | |
Datos persoais | |
Nacemento | 27 de setembro de 1868 |
Lugar | Tunkkannock.![]() |
Falecemento | 14 de xaneiro de 1955 (86 anos) |
Lugar | El Paso![]() |
Nacionalidade | ![]() |
Cónxuxe | Cora Knapp. Sarah Jane Jennie Watkins. |
Actividade | |
Campo | Numismática. |
Contribucións e premios | |
Coñecido por | Presidente da American Numismatic Association. |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Lyman William Hoffecker, nado en Tunkkannock, Pensilvania, o 27 de setembro de 1868 e finado en El Paso, Texas o 14 de xaneiro de 1955, foi un numismático e deseñador de moeda estadounidense.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Primeiros anos[editar | editar a fonte]
Lyman W. Hoffecker naceu 1868 en Tunkkannock, unha localidade do condado de Wyoming, en Pensilvania.[1][2] Era o fillo máis vello de Hannah E. Mack (1836-1906) e do fabricante de carruaxes Hiram H. Hoffecker (1839-1912).[3]
O seu primeiro emprego foi na Oficina Postal de Dalton, Pensilvania, e o contacto habitual coas moedas espertou nel o interese polo coleccionismo cara a 1885.[1][2][3]
Negocios de construción[editar | editar a fonte]
Xa casado e cunha filla, en 1900 trasladouse coa súa familia a El Paso, onde se empregou como carpinteiro e nunha empresa dedicada ao negocio por xunto de vidro e materiais de construción, ata que fundou a súa propia empresa neste sector, a L. W. Hoffecker Door & Sash Co.[1][2]
A súa actividade esixíalle constantes viaxes: en novembro de 1918 desprazouse a Bélxica a mercar vidro para logo vendelo nos Estados Unidos e ese mesmo ano viaxou tamén a México como contratista de construción.[3]
Hoffecker retirouse en 1922 dos negocios relacionados coa construción,[1] e a partir dese momento dedicouse a viaxar polo mundo —visitou 72 países— para coleccionar moedas e comerciar con elas.[3]
Carreira numismática[editar | editar a fonte]
En 1924 afiliouse á American Numismatic Association, de cuxa xunta de goberno formou parte entre 1936 e 1939. O 5 de outubro de 1939 foi elixido presidente da entidade,[5] cargo que exerceu ata o 21 de agosto de 1939.[1][3][6]
En 1929, Hoffecker fixo a súa primeira aproximación ao ámbito das emisións conmemorativas, promovendo un plan para conmemorar o 75 aniversario da coñecida como Compra de Gadsden en 1854, pola que os EEUU lle compraron uns terreos a México. Creou unha comisión —na que só figuraba el— para planificar a emisión, e logrou que o Congreso tramitase e mesmo aprobase un proxecto de lei para a emisión dunha moeda de medio dólar conmemorativa, aínda que se atopou co veto do presidente Herbert Hoover, que consideraba excesiva a cantidade de moedas conmemorativas que se estaban a emitir no país naquel momento.[3]
En 1935, logo de que Hoover deixara a presidencia, Hoffecker fixo un segundo intento para impulsar unha emisión de moedas conmemorativas, esta vez en aproveitando o 400 aniversario do Vello Camiño Español (Old Spanish Trail) creado por Álvar Núñez Cabeza de Vaca; e para se asegurar a súa comercialización creou e fíxose presidente do Comité de Moedas do Museo de El Paso, como entidade que propuña para a súa distribución. Desta volta, desprazouse a Washington durante tres semanas e mantivo conversas con varios lexisladores, e mesmo se lle concedeu unha entrevista de cinco minutos co presidente Franklin D. Roosevelt que, segundo Hoffecker, resultou determinante.[7] Nesta ocasión, o proxecto de lei aprobouse e a lei que aprobaba a moeda de medio dólar Old Spanish Trail foi promulgada coa sinatura do presidente Roosevelt.[8] O propio Hoffecker foi o encargado do deseño da moeda e, tal e como pretendía, ocupouse tamén da súa comercialización.[1][3]
En 1936, encomendóuselle tamén a distribución da moeda de medio dólar conmemorativa do centenario de Elguin, Illinois.[1][3]
Hoffecker e a súa segunda esposa fundaron unha compañía en El Paso dedicada ao comercio numismático, chamada Watkins Coin Co., polo apelido da súa muller, Sarah Watkins.[1][3]
En 1942, a American Numismatic Association honrouno co nomeamento honorífico como membro vitalicio da entidade.[1][3]
En 1954 Hoffecker anunciou na revista The Numismatist que decidira vender en bloque a colección de moedas que fora confeccionando ao longo da súa vida foi vendida.[10] A parte principal da colección ofreceuse nunha poxa pública realizada polo comerciante numismático B. Max Mehl o 30 de novembro de 1954,[11] só unhas semanas antes do seu falecemento.[3] Outras pezas foron vendidas pola compañía Superior Galleries en febreiro de 1987.[1][2][12]
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Hoffecker casou en 1895 con Cora Knapp (1868-1915), de Pensilvania, con quen tivo unha filla, nada en 1896. O 4 de xullo de 1915, a súa esposa finou cancro de estómago, e foi soterrada no cemiterio Evergreen, de El Paso. Cara a 1919 casou en segundas nupcias con Sarah Jane Jennie Watkins (1889-1954), de Kentucky.[3]
Lyman W. Hoffecker era masón, membro do Comando El Paso dos Cabaleiros Templarios.[1] Foi membro fundador do templo santuario El Maida.[3]
En outubro de 1954, no mesmo número en que The Numismatist anunciaba a morte da súa segunda esposa uns meses antes, dábase conta tamén do grave estado de saúde de Hoffecker.[13] O 14 de xaneiro de 1955 finou aos 86 anos na súa casa de El Paso,[1] por causa dunha cardiopatía arteriosclerótica. A Loxa Masónica 130 estivo a cargo dos ritos do seu soterramento no cemiterio de Evergreen, en El Paso.[3][14]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Smith, P. (2012).
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Bowers, Q. D. (1991).
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Lupia, J. N. (2011).
- ↑ The Numismatist. Vol. 1. Nº 10. Outubro de 1937. Páxina 936.
- ↑ "The New President of the ANA: L. W. Hoffecker" . En The Numismatist. Vol. 52. Nº 11. Novembro de 1939. Páxina 940.
- ↑ "ANA Presidents 1891 to the Present". American Numismatic Association.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8. Páxinas 301-302.
- ↑ "Old Spanish Trail Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
- ↑ "Old Spanish Trail Half Dollar". United states Mint.
- ↑ "Hoffecker Collection to Block". En The Numismatist. Vol. 67. Nº 6. Xuño 1954. Páxina 610.
- ↑ Sale of the Joseph C. Rovensky Collection [...] the L. W. Hoffecker Collection [...]. B. Max. Mel Numismatist. 30 de novembro de 1954.
- ↑ The L. W. Hoffecker Collection Sale. Superior Stamp & Coin Co. 8-11 de febreiro de 1987.
- ↑ "Mrs. L. W. Hoffecker". En The Numismatist. Vol. 67. Nº 10. Outubro de 1954. Páxina 1.091.
- ↑ "Obituaries: L. W. Hoffecker". En The Numismatist. Vol. 68. Nº 2. Febreiro de 1955. Páxina 142.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Bowers, Q. D. (1991). "The Story of Two Commemoratives (I)". En The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 104. Nº 10. Outubro. Páxinas 1.623-1.629.
- Lupia, J. N. (2011). "Hoffecker, Lyman William". Encyclopedic Dictionary of Numismatic Biographies.
- Smith, P. (2012). "Hoffecker, Lyman William". En American Numismatic Biographies. Páxina 208.