Medallas da Paz India

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O xefe lakota Red Shirt ("Camisa Vermella") coa Medalla da Paz India de Ulysses S. Grant no peito.[1]

As medallas da Paz India son medallas, xeralmente de forma ovalada ou circular, concedidas ao longo da época colonial británica e durante os primeiros anos da historia dos Estados Unidos aos líderes das tribos nativas americanas, que adoitaban perforalas e lucilas penduradas dos seus pescozos. Habitualmente son de prata ou de latón e teñen cun diámetro entre 2,5 e 15 centímetros.[2]

Hai certa controversia en torno ao uso e o impacto das medallas de Paz India no fomento das relacións diplomáticas entre os nativos americanos e o Goberno federal estadounidense. Na actualidade, é habitual atopar estas medallas formando parte das coleccións e das exposicións de museos, bibliotecas e centros culturais.[3]

Primeiras emisións[editar | editar a fonte]

Reverso da medalla británica de 1757, da "Asociación Amigable para Recuperar e Conservar a Paz cos Indios mediante Medidas Pacíficas": William Penn, nun lume de consello, ofrécelle a pipa da Paz a un xefe indio (o anverso amosa o busto de Xurxo III).[4]

Durante a colonización europea de América, as nacións europeas emitiron as primeiras medallas de paz para estableceren alianzas e negociaren coas tribos; as primeiras emisións remóntanse ao século XVII. Os británicos, os franceses e os españois entregaron medallas aos indios norteamericanos no século XVIII como demostración da vontade de paz, frecuentemente acompañadas de bandeiras nacionais e outros obsequios.[2]

En Pensilvania acháronse en escavacións varias medallas de prata emitidas baixo o reinado de Xurxo I e de Xurxo III do Reino Unido, cuxo reverso amosa un indio norteamericano ofrecéndolle unha pipa da paz a un cuáquero. As medallas tamén foron utilizadas polas nacións europeas para gañaren o favor das tribos e aseguraren alianzas militares con elas en tempos de guerra.[5] Para os nativos americanos, as primeiras medallas representaban o compromiso de comerciar e podérense dotar de produtos como caldeiros, doas, adobíos, roupa e armas, a cambio da subministración aos europeos de gran parte das materias primas das que dependía o seu comercio ultramarino, como peles de animais, coiro e plumas.[2]

Medalla da Paz India (1792).[6]

Do mesmo xeito que moitas medallas europeas, as primeiras estadounidenses incorporaban figuras indias nos seus deseños. As consideradas como as primeiras medallas da Paz India emitidas polo Goberno estadounidense levan a data de 1789, ano da toma de posesión do presidente Washington. Estas pezas levan no anverso a inscrición G. WASHINGTON e amosan un indíxena americano con toucado e envolto nunha manta, que coa súa man dereita deixa caer o seu tomahawk, en tanto que coa esquerda recibe unha pipa da paz dunha figura de Minerva, símbolo da nova América. No reverso hai unha aguia coas ás estendidas e trece estrelas sobre a súa cabeza, as armas dos Estados Unidos naquela época. As medallas estadounidenses emitidas entre 1792 e 1795 adoitan ter un deseño similar, mais substituíndo a figura de Minerva pola do propio George Washington.[7]

As medallas eran unha expresión de promesa: os Estados Unidos comprometíanse a fomentar a paz e a diplomacia cos indios que tiñan o seu fogar naquelas terras. Xa que logo, a concesión das medallas da Paz India sucedía adoito en paralelo a un tratado ou negociación formal de paz. Un dos primeiros usos coñecidos destas medallas por parte do Goberno estadounidense remóntase ao Tratado de Hopewell, culminación da misión do coronel Joseph Martin á nación cherokee en 1785. Aínda que as medallas se entregaron consonte ese tratado, os rexistros non confirman se se distribuíron realmente aos líderes cherokee.[8]

Descoñécese a orixe última da medallas da Paz India. O propio Thomas Jefferson sinalou que o seu uso constituía "un antigo costume desde tempos inmemoriais".[9]

Medallas presidenciais[editar | editar a fonte]

Reverso da medalla presidencial da Paz India de Thomas Jefferson (1801).[10]

Mentres que as primeiras medallas da Paz India emitidas tanto polas nacións europeas como polo Goberno estadounidense incorporaban adoito imaxes de figuras europeas e tribais nun intercambio cultural, as medallas de paz emitidas durante a presidencia de Thomas Jefferson (1801-1809) e en épocas posteriores son case exclusivamente medallas presidenciais, que amosan no seu anverso o busto do presidente no cargo no momento da súa emisión.[9] As medallas de Jefferson foron as primeiras da súa clase e inspiraron unha longa serie de medallas presidenciais que continuou ata a presidencia de Benjamin Harrison (1889-1893).[7] As medallas presidenciais cuñáronse en grandes cantidades utilizando cuños industriais, superando así a práctica das primeiras emisións, pola que as medallas se gravaban ás veces de xeito individual.[9]

As medallas de Jefferson, emitidas por primeira vez en 1801, amosan no anverso un busto de Thomas Jefferson e no reverso as mans entrelazadas dun indio e dun soldado estadounidense. A da dereita leva un protector metálico do pulso utilzado polos xefes nativos americanos, e a da esquerda leva o brazalete trenzado propio dos oficiais militares dos Estados Unidos.[11] Sobre as mans superpóñense un tomahawk e unha pipa, coa lenda PEACE AND FRIENDSHIP ("Paz e amizade"). Sobre o perfil de Jefferson está o seu nome, o seu título e a data en que asumiu o cargo, 1801. As medallas de Jefferson consisten en dous finos discos de prata unidos por un canto tamén de prata e cun núcleo de madeira. Estas medallas emitíronse en tres diámetros estándar: 55 mm, 75 mm e 105 mm.[12]

Uso das medallas presidenciais polo Goberno[editar | editar a fonte]

A distribución de medallas presidenciais estaba presente en practicamente todas as interaccións formais entre os nativos americanos e o Goberno federal estadounidense. Tan arraigada estaba a práctica que Thomas L. McKenney, comisionado de Asuntos Indios, escribiu en 1829: "Sen medallas, calquera plan de actuación entre os indios, sexa cal for, hase ver esencialmente debilitado".[9] Nunha breve serie de correspondencia entre a Comisión de Medios e Arbitrios da Cámara de Representantes dos Estados Unidos e o Departamento do Interior en 1865, solicitábase unha asignación "para a distribución habitual de medallas aos xefes principais e influentes", xa que os fondos previstos en 1861 para o mesmo fin estaban xa esgotados.[13]

Medalla presidencial da Paz India de Millard Fillmore (1850).

[14]

A crecente popularidade destas medallas obrigou a regular a súa concesión e, como consecuencia, as medallas presidenciais, en comparación coas primeiras medallas da Paz India concedidas xunto cos tratados, outorgáronse a individuos cada vez máis seleccionados.[9] Un informe publicado en 1908 polo Comité de Asuntos Indios do Senado, por exemplo, recomendaba a aprobación dun proxecto de lei polo que se lle concedían medallas a un grupo de policías indios que arrestaron a Touro Sentado, o xefe síux, preto de Fort Yates en 1890.[15] Ademais, Meriwether Lewis e William Clark distribuíron oitenta e sete medallas da Paz India, moitas delas emitidas baixo o mandato de Jefferson, entre os líderes indios durante a súa expedición de 1803-1806 a través dos Estados Unidos, como mostra de boa vontade do Goberno.[16] Na década de 1960 achouse unha das cinco medallas da paz de Jefferson distribuídas por Lewis e Clark que se conservan, asociada aos restos humanos descubertos no sitio arqueolóxico de Marmes Rockshelter, no sueste do estado de Washington.

En 1829, Lewis Cass, gobernador do Territorio de Míchigan, e William Clark, superintendente de Asuntos Indios en St. Louis, emitiron unha proposta ao Goberno federal estadounidense: o "Regulamento para o Goberno do Departamento Indio".[17] O regulamento que propuxeron nunca se adoptou formalmente, mais representa as normas establecidas para a distribución de medallas presidenciais. Entre outras normas, as medallas debían "entregarse só a persoas influentes". As medallas meirandes reservábanse para os grandes xefes, en tanto que as de tamaño medio estaban destinadas aos aos xefes militares. Pola súa banda, as medallas de tamaño inferior entregábanselles aos xefes e guerreiros menos distinguidos. A concesión das medallas da Paz India requiría "formalidades apropiadas", e calquera medalla estranxeira que se levase con anterioridade sería substituída por unha medalla estadounidense, se o receptor se consideraba merecedor dela.[9]

Aceptación das medallas de paz polos nativos[editar | editar a fonte]

Retrato do xefe kiowa Satanta ("Oso Branco") cunha medalla da Paz India.[18]

Atribuíaselle un gran valor ás medallas da Paz India, e era costume soterralas co seu propietario cando este finaba ou ben transmitilas de xeración en xeración.[19] Un importante testemuño deste prestixio constitúeo a considerable cantidade de retratos da época dos principais xefes nativos americanas nos que estes se amosan adobiados coas medallas, habitualmente penduradas nos seus pescozos.[17]

As medallas da paz pasaron a desempeñar nas tribos nativas un papel similar ao que anteriormente xogaran os colgantes de cuncha puída e tallada que se levaban arredor do pescozo, e asociaban o portador da medalla co individuo que aparecía gravado na súa superficie.[20] As imaxes presentadas nas medallas, tanto de figuras reais como de representantes políticos pasados, entendíanse como un símbolo de acceso ao mundo do home branco. As medallas convertéronse nunha representación física dunha dimensión espiritual que vinculaba o seu portador cunha fonte de poder; por exemplo, co "Gran Pai", como adoitaban referirse ao presidente Washington os receptores das medallas. A distribución das medallas da Paz India reforzaba e fomentaba unha orde política dentro das tribos.[21]

Consideracións críticas das medallas de paz[editar | editar a fonte]

Black Hawk (“Falcón Negro”), un xefe sauk, foi o representante dunha serie de líderes tribais que criticaron as medallas estadounidenses da Paz India estadounidenses e o seu uso para fomentar as relacións entre o Goberno federal e os nativos americanos. Black Hawk escribiu na súa autobiografía, titulada Life of Ma-Ka-Tai-Me-She-Kia-Kiak (1833),[22] que nunca aceptou nin portou unha medalla de paz estadounidense, aínda que si que levou abertamente as que lle deran anteriormente os británicos, sobre todo durante a Guerra de 1812. Nas súas propias palabras: "Como os británicos facían poucas promesas, sempre podiamos confiar na súa palabra".[23] Cara ao final do seu relato, Black Hawk reflexiona sobre a súa visita á Casa da Moeda de Filadelfia, onde se cuñaban tanto as medallas presidenciais como as moedas de curso legal dos Estados Unidos, e establece un paralelismo entre as dúas: ambas son "moi sobadas" e pouco fiables.[24]

Medalla presidencial de Rutherford B. Hayes (1877), deseñada por George T. Morgan, que suscitou as críticas de Klaus Lubbers.[25]

Outras críticas contemporáneas ás medallas da Paz India exixen reconsiderar o que implica o mantemento da paz e a quen lle pertence a paz mantida. Na súa análise das medallas da Paz India emitidas polo Goberno dos Estados Unidos entre 1789 e 1889, o historiador da arte Klaus Lubbers describe a composición cambiante dos gravados das medallas e como eses cambios reflicten unha política gobernamental cada vez máis asimilacionista cara á poboación nativa.[19] En comparación coas primeiras medallas da Paz India, que amosaban figuras indias completas e con pouco fondo, Lubbers sinala que as medallas posteriores incorporan os típicos fondos agrícolas cunha casa, gando e terras de labranza.[26] Co tempo, as figuras indias pasan a ocupar menos espazo nas composicións, o que Lubbers atribúe a un retroceso na igualdade de rango entre o home branco e o indio.[21]

A emisión da medalla presidencial de Rutherford B. Hayes en 1877 coincidiu cos esforzos finais apoiados pola Indian Removal Act (a lei de traslado forzoso dos indios, de 1830) e, como non sorprende a Lubbers, a medalla de Hayes concédelle pouco espazo á figura do nativo americano. O seu pano de fondo amosa o mundo do home branco, que se atopa no centro da composición apoiado nunha machada cunha árbore cortada aos seus pés. Detrás das figuras aparece unha cabana de troncos, e alí están sentados unha muller e un bebé, en tanto que un home ara.[27]

Recuñaxes posteriores e coleccións[editar | editar a fonte]

Na década de 1840 comezaron a concibirse as medallas da Paz India como unha "serie presidencial" pola que había un interese crecente. A Ceca de Filadelfia empezou a coleccionar cuños das medallas emitidas con anterioridade, e isto deu lugar á práctica de cuñar réplicas en bronce daquelas medallas, cos cuños orixinais, para a súa presentación a altos funcionarios do Goberno e a diversas sociedades históricas. Esta produción de réplicas de bronce comezou en 1842 coa medalla de Jefferson. Así e todo, durante esa tiraxe inicial de réplicas non se deron achado os cuños orixinais das medallas de Washington e de John Adams.[28] O correspondente a John Adams non se atopou ata 1878 e o de George Washington puido reproducirse finalmente en 1903, completando así a serie de réplicas.[29]

A American Numismatic Society, de Nova York, posúe a colección máis extensa de medallas da Paz India, cun exemplar de case todas as medallas emitidas. O Instituto Smithsoniano, de Washington, posúe tamén unha colección igual de extensa. Tamén contan cunha boa representación destas medallas o Museo de Historia Natural de Denver, o Instituto Gilcrease de Historia e Arte Americanas de Tulsa, Oklahoma, o Museo Henry Ford de Detroit e a Sociedade Histórica de Massachusetts; en tanto que outras institucións, como a Sociedade Histórica de Pioneiros de Arizona, o Museo de Belas Artes de Boston, o Museo de Brooklyn e o Museo de Historia de Chicago, posúen coleccións máis modestas.[3]

As medallas da Paz India constitúen tamén un importante obxecto de interese para coleccionistas privados.[3] En decembro de 1920 vendeuse nunha poxa pública que tivo lugar en Filadelfia a colección especializada formada por W. H Hunter,[30] e máis recentemente, en novembro de 2000, a compañía Stack’s & Bowers vendeu a importante colección de Larry Ness.[31]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lowe, C. A. (1892). "Red Shirt". En Four National Exhibitions in London and their Organiser. Fisher Unwin, Londres. Páxina 96 bis.
  2. 2,0 2,1 2,2 Reilly, K. (2011). "Displaying the Source of the Sacred: Shell Gorgets, Peace Medals, and the Accessing of Supernatural Power". En Pickering, R. (2012). Páxina 9.
  3. 3,0 3,1 3,2 Prucha, F. P. (1976). Páxina 172.
  4. Parrish, S. (1877). Some chapters in the history of the Friendly Association for Regaining and Preserving Peace with the Indians by Pacific Measures. Friend's Historical Association, Filadelfia. Páxina 2.
  5. Butler, A. W. (1935). Páxina 318.
  6. [Washington peace medal dated 1792]. National Museum of the American Indian. Smithsonian.
  7. 7,0 7,1 Prucha, F. P. (1994). Páxina 133.
  8. Julian, R. W. (1976).
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Prucha, F. P. (1962). Páxina 280.
  10. "Indian Peace Medal, Thomas Jefferson, United States, 1801". National Museum of American History. Smithsonian.
  11. Lubbers, K. (1994). Páxina 83.
  12. Engeman, R. H. (2006). Páxina 291.
  13. House of Representatives. "Letter from The Secretary of the Interior Asking for an Appropriation for Medals for certain Indian Chiefs". Exec. Doc. Nº 47. 38º Congreso. 2ª Sesión (1865).
  14. "Millard Fillmore". National Portrait Gallery (NPG.si.edu).
  15. US Congress. Senate. Committee on Indian Affairs. "Medals for Certain Indian Policemen Who Arrested Sitting Bull". 60º Congreso. 1ª sesión. 1908. Informe 461.
  16. Engeman, R. H. (2006). Páxina 291.
  17. 17,0 17,1 Prucha, F. P. (1962).
  18. "Portrait of Chief Satanta(White Bear) Wearing Peace Medal". Smithsonian Learning Lab ((Learninglab.si.edu).
  19. 19,0 19,1 Lubbers, K. (1994).
  20. Reilly, K. (2011). "Displaying the Source of the Sacred: Shell Gorgets, Peace Medals, and the Accessing of Supernatural Power". En Pickering, R. (2012). Páxina 17.
  21. 21,0 21,1 Lubbers, K. (1994). Páxina 82.
  22. Black Hawk (1933). Life of Ma-ka-tai-me-she-kia-kiak or Black Hawk or Black Hawk. J. B. Patterson, Cincinnati.
  23. Johnson, K. (2007). Páxina 773.
  24. Johnson, K. (2007). Páxina 774.
  25. "Rutherford B. Hayes". National Portrait Gallery (NPG.si.edu).
  26. Lubbers, K. (1994). Páxina 81.
  27. Lubbers, K. (1994). Páxina 85.
  28. Prucha, F. P. (1994). Páxina 135.
  29. Prucha, F. P. (1994). Páxina 138.
  30. Chapman, S. H. (1920).
  31. Stack's & Bowers (2000).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]