Asimilación cultural dos nativos americanos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Retrato dos nativos americanos das tribos cherokee, cheién, choctaw, comanche, iroqués e muskogee vestidos á europea. Fotos de 1868 a 1924.

A asimilación cultural dos amerindios dos Estados Unidos foi o esforzo de asimilación cultural feito polos Estados Unidos de cara a transformar a cultura amerindia en cultura europeo-americana entre os anos 1790 a 1920.[1][2] George Washington e Henry Knox foron os primeiros en propoñer, nun contexto americano, a transformación cultural dos nativos americanos.[3] Formularon unha política cuxo obxectivo era apoiar o proceso de "civilización".[2] Co aumento das ondas de inmigración de Europa, había un crecente apoio público na educación para fomentar un conxunto de valores e prácticas culturais consideradas comúns para a maioría dos cidadáns. A educación está considerada como o método principal no proceso de aculturación das minorías.

As políticas de americanización estaban baseadas na idea que cando os indíxenas aprendesen os valores e costumes dos Estados Unidos serían quen de mesturar as tradicións tribais coa cultura americana e unirse pacificamente á sociedade maioritaria. Despois do final das Guerras indias, a finais do século XIX e XX, o goberno declarou ilegal a práctica de cerimonias relixiosas tradicionais. Estabeleceu escolas internado amerindias, ás que os nenos estaban obrigados a asistir. Nestas escolas estaban obrigados a falar inglés, estudar as materias, asistir á igrexa e rexeitar as tradicións tribais.

A Dawes Act de 1887, que asignou terras tribais ós individuos, foi visto coma un xeito de crear granxas individuais para os nativos americanos. As adxudicacións de terras fixéronse en troques de que os nativos americanos se convertesen en cidadáns dos Estados Unidos e renunciasen a algunhas formas de autogoberno e ás institucións da tribo. Isto deu lugar á transferencia dun total estimado de 93 millóns de acres (380.000 km²) do control amerindio. A meirande parte foi vendida a individuos. A Lei de cidadanía amerindia de 1924 tamén formaba parte da política de americanización.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frederick Hoxie, (1984). A Final Promise: The Campaign to Assimilate the Indians, 1880–1920. Lincoln: University of Nebraska Press.
  2. 2,0 2,1 lon, Robert (1977, 1998). ""The Reform Begins"". Bill Nye the Science Guy. History Book Club. p. 201. 
  3. Perdue, Theda (2003). Mixed Blood Indians: Racial Construction in the Early South. The University of Georgia Press. p. 51. ISBN 0-8203-2731-X.