Maine, Estados Unidos de América
State of Maine (en) | |||||
Himno | State of Maine Song (en) (1937) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Dirigo» | ||||
Símbolo oficial | Poecile atricapillus (pt) (aves) | ||||
Alcume | The Pine Tree State | ||||
Epónimo | Província do Maine (pt) | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Capital | Augusta | ||||
Contén a división administrativa | Condado de Androscoggin (pt) Condado de Aroostook (pt) Condado de Cumberland (pt) Condado de Franklin (pt) Condado de Hancock (pt) Condado de Kennebec (pt) Condado de Knox (pt) Condado de Oxford (pt) Condado de Penobscot (pt) Condado de Piscataquis (pt) Condado de Sagadahoc (pt) Condado de Somerset (pt) Condado de Waldo (pt) Condado de Washington (pt) Condado de York (pt) condado de Lincoln (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.362.359 (2020) (14,87 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 569.551 (2020) | ||||
Lingua oficial | sen valor | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 91.646 km² | ||||
Auga | 12,82 % | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 180 m | ||||
Punto máis alto | Monte Katahdin (pt) (1.606 m) | ||||
Punto máis baixo | Océano Atlántico (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 15 de marzo de 1820 | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Maine (en) | ||||
• Governor of Maine (en) | Janet T. Mills (2019–) | ||||
Órgano lexislativo | Maine Legislature (en) , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Maine Supreme Judicial Court (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | US-ME | ||||
Identificador GNIS | 1779787 | ||||
Sitio web | maine.gov | ||||
Maine é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América. Está localizado no extremo nordeste do país, na rexión de Nova Inglaterra. West Coddy Head, o punto máis oriental de Maine, está considerado o punto máis oriental dos Estados Unidos, aínda que algúns consideren Alasca o máis oriental do país, pois dúas das illas do arquipélago das Aleutas están localizadas no hemisferio oriental. Maine tamén é o Estado máis setentrional dos Estados Unidos continental.
Os bosques cobren aproximadamente o 90 % de Maine, que se coñece como The Pine Tree State polas súas forestas que conteñen grandes cantidades de piñeiros. Así, é o líder nacional da industria madeireira e o segundo maior produtor de madeira en xeral do país, só despois de Washington. A pesca e mais o turismo son outras fontes importantes de renda.
Non se sabe con certeza a orixe do nome Maine. Crese que vén da expresión inglesa mainland, que significa "corpo de terra principal". Algúns historiadores, porén, consideran que este nome vén da provincia de Maine, unha das provincias de Francia. Unha terceira hipótese é o uso da expresión going over to the Main por parte dos habitantes que vivían en illas situadas ao longo do litoral do Estado.
A rexión onde se localiza Maine fora disputada polos franceses e polos británicos desde os comezos das colonias americanas. As rexións do norte de Maine orixinalmente formaron parte da colonia francesa de Acadia, unha das provincias coloniais da Nova Francia, ata seren anexadas polos británicos en 1740. A rexión sur foi colonizada polos británicos.
O primeiro asentamento británico no continente americano fundouse en Maine en 1607, 13 anos antes da inauguración do primeiro asentamento británico permanente no continente, en Plymouth, actual Massachusetts, en 1620. O asentamento fundado en Maine en 1607, porén, foi abandonado en 1608. Os asentadores pasaron a instalarse en Maine a partir da década de 1620. Entón, Maine formaba parte de Massachusetts e converteuse no 23º Estado americano o 15 de marzo de 1820.
Historia
[editar | editar a fonte]Ata 1820
[editar | editar a fonte]Os nativos indíxenas vivían na rexión onde actualmente está localizada Maine milleiros de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Vivían en Maine dúas tribos indíxenas, os abnakis e os etchemin, da familia amerindia dos algonquinos. Os algonquinos eran primariamente sedentarios e tribos nómades iroquesas atacaban constantemente os algonquinos na rexión.
O primeiro europeo en desembarcar en Maine foi John Cabot ou Giovanni Caboto, un italiano ao servizo da coroa británica, en 1498. Os franceses exploraron a rexión varias veces ao longo do século XVI. Como dixemos, o primeiro asentamento foi en 1607, cando un grupo de colonos financiados por Ferdinando Gorges e John Pophan crearon a Popham's Colony, próxima á foz do Río Kennebec. Este grupo de colonos, liderado por Pophan, enfrontouse ao longo do inverno de 1607/1608 cun frío moi intenso, falta de alimentos, roupas e outros materiais importantes e a adversidade dos indíxenas da rexión. Pophan morreu durante este inverno, e os colonos, desmotivados, decidiron volver ao Reino Unido na primavera de 1608, construíndo un barco, o Virxinia, o primeiro barco construído nos Estados Unidos. Foi en 1623 cando se fundou en Maine un asentamento permanente.
En 1622, unha axencia gobernamental do Reino Unido cedeu a Ferdinando Gorges e John Mason a área que compoñen actualmente Maine e Nova Hampshire. Esta terra foi dividida entre ambos. Mason recibiu Nova Hampshire, e Gorges recibiu o que actualmente compón a rexión centro-sur de Maine. Cando Gorges morreu, en 1647, Maine pasou a formar parte do Massachusetts. Porén, os herdeiros de Gorges cuestionaron esta fusión, en 1660, e querían o control de Maine de volta ás mans da familia Gorges. O goberno do Reino Unido cedeu Maine en 1664 á familia Gorges e esta vendeuna en 1677 ó goberno do Massachusetts.
Entrementres, o norte de Maine foi colonizado polos franceses. Maine, así como toda a rexión que compón o actual estado americano de Vermont, formou parte da Acadia, unha das provincias coloniais da Nova Francia. Ao longo das primeiras décadas do século XVIII, os roces e diverxencias entre colonos británicos e franceses levaron a sucesivas guerras, que culminaron coa derrota francesa e a sinatura do Tratado de París. O norte de Maine pasou entón a ser controlado polo Reino Unido, e formar parte da actual provincia canadense de Nova Escocia.
As guerras entre os británicos e os franceses endebedaron pesadamente ao goberno británico, que creou unha serie de impostos e prohibiu o comercio entre as 13 colonias con países distintos do propio Reino Unido, co conseguinte descontento nas colonias. En 1774, un grupo de patriotas de Maine queimaron un depósito de té en York e un ano despois, en 1775, comezou a Revolución Americana de 1776 . A primeira batalla naval da guerra ocorreu no litoral de Maine, en xuño de 1775. No mesmo ano, os británicos queimaron Portland.
Despois da guerra, a poboación comezou axiña a medrar. Porén, moitos dos habitantes cuestionaban o control da rexión por parte de Massachusetts. Desde que, en 1680, Nova Hampshire se convertese nunha colonia (e logo un estado), Maine estaba completamente separada de Massachusetts, polo que moitos habitantes de Maine comezaron a esixir o fin inmediato do control de Massachusetts na rexión e a formación dun novo Estado. Porén, ata o comezo da guerra de 1812, a maioría da poboación quería que Maine continuase a formar parte de Massachusetts. O movemento a favor da creación do Estado de Maine aumentou despois da guerra e o 15 de marzo de 1820, Maine pasou a ser o vixésimo terceiro estado americano. Entón, a capital era Portland e mudou a Augusta en 1832.
Desde 1820
[editar | editar a fonte]En 1842, un tratado entre o Estados Unidos e o Reino Unido delimitou as actuais fronteiras entre a Novo Brunswick e Maine. En 1846, o estado pasou a prohibir a produción e venda de calquera bebida alcohólica, tornándose o primeiro estado americano a aprobar unha lei de xénero. A maior parte da poboación estaba contra o uso do traballo escravo e Maine participou ao lado da Unión durante a Guerra Civil Americana, entre 1861 e 1865. Máis de 72.000 habitantes participaron activamente como soldados.
Despois da guerra, Maine industrializouse axiña. Instaláronse no estado fábricas téxtiles, de calzados e de produción de móbeis e papel. Diversas presas foron construídas en diversas partes do estado, polo estado ou por compañas privadas. En 1909, o goberno de Maine prohibiu a venda de electricidade xerada no estado a outros estados, así como ás provincias canadenses veciñas. Esta prohibición perdurou ata 1955. A primeira guerra mundial contribuíu á continuación da industrialización do Estado.
A Gran Depresión, que comezou no 1929, causou unha recesión económica, e boa parte da poboación das cidades sufriu desemprego, pobreza e miseria. Porén, a maior parte da poboación na época vivía en comunidades rurais, que vivían da agricultura de subsistencia e non da agricultura de exportación, polo que foron pouco afectadas pola Depresión. Como consecuencia, a recesión económica non foi tan intensa como a ocorrida nos estados altamente industrializados.
A economía recuperouse nos anos finais da década de 1930. Maine prosperou co inicio da segunda guerra mundial, e o Estado pasou a industrializarse axiña novamente. Moitas das fábricas téxtiles mudáronse aos estados do sur do país, mais outras en compensación, como a industria madeireira, creceron intensamente nas dúas décadas que se seguiron á guerra. Outra industria que se desenvolveu foi o procesamento de alimentos.
En 1980, o goberno americano decidiu pagar 81 millóns de dólares aos nativos indíxenas de Maine, como indemnización por diversos acordos realizados durante o século XVIII e XIX, que expropiaron terras aos indíxenas. Ao longo da década de 1990, foron demolidas diversas presas, para permitir que peixes como o salmón puidesen moverse sen obstáculos ao longo de certos ríos.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Maine limita ao norte coas provincias canadenses do Quebec e Novo Brunswick, a oeste co Quebec e o estado americano de Nova Hampshire, ao sur co océano Atlántico, e a leste coa Novo Brunswick. O litoral xunto ao océano Atlántico posúe 367 km de extensión e contando o litoral de baías e illas, a extensión do litoral é de aproximadamente 5.600 km.
Posúe máis de 5.000 ríos e máis de 2.500 lagos, incluíndo os creados artificialmente; o maior destes posúe preto de 311 km². Aproximadamente o 90 % está cuberto de fragas.
Maine pode ser dividido en 3 rexións:
- As Chairas Costeiras esténdense ao longo do litoral (así como todo o litoral da Nova Inglaterra e moito do litoral da Novo Brunswick). Caracterízase pola súa baixísima altitude, nunca superior a 50 metros. Ao longo do litoral localízanse preto de 400 pequenas illas, todas próximas ao continente. A maior delas posúe uns 250 km². A maior parte da poboación vive nesta rexión.
- As Mesetas Orientais da Nova Inglaterra esténdense do sur de Novo Brunswick ata o Connecticut. En Maine, estas mesetas localízanse inmediatamente ao norte das Chairas Costeiras. Esta rexión posúe de 30 a 85 quilómetros de ancho. Ocupa boa parte do norte do Estado, sendo a maior das tres rexións. Caracterízase polo súbito aumento de altitude, en terras próximas ao litoral, ata elevacións de preto de 620 metros no interior. Esta rexión está escasamente poboada.
- As Montañas Brancas ocupan toda a rexión noroeste de Maine, localizándose ao noroeste das Mesetas Orientais da Nova Inglaterra. Esténdense desde Novo Brunswick ata a Nova Hampshire. Posúen preto de 50 quilómetros de ancho no sur e apenas 8 quilómetros no norte. As Montañas Brancas posúen as altitudes máis altas do estado, entre eles o Monte Katahdin, o pico máis alto de Maine, cos seus 1.606 metros de altitude. É a rexión menos densamente habitada do estado, e está case toda cuberta de forestas.
Climatoloxía
[editar | editar a fonte]O clima da Maine é temperado, con catro distintas estacións, con veráns quentes, e invernos fríos. Debido á súa posición setentrional, posúe un dos invernos máis rigorosos do país. Durante todo o ano, a temperatura media baixa á medida en que se viaxa en dirección ao norte, en canto que as rexións ao longo do litoral posúen invernos un pouco máis lenes, e veráns máis quentes.
A temperatura media no inverno é de -13 °C no norte, -9 °C na rexión central e de -5 °C no litoral. As mínimas varían entre -40 °C e 6 °C en calquera parte do Estado, cunha media de -19 °C no norte e de -12 °C no litoral. A temperatura máis baixa rexistrada en Maine foi de -44 °C, rexistrada en Van Buren, o 19 de xaneiro de 1925.
No veránb, a temperatura media é de 23 °C ao longo do litoral e de 15 °C no norte. A media das mínimas é de 8 °C no norte e de 13 °C no litoral, variando entre 0 °C e 23 °C en calquera parte do Estado. A media das máximas é de 22 °C no norte e de 27 °C no litoral de Maine, variando entre 16 °C e 32 °C en calquera parte do estado. Raramente a temperatura máxima supera os 35 °C. A temperatura máis alta rexistrada foi de 41 °C, o 10 de xullo de 1911, en North Bridgton.
A precipitación media anual (choiva e sarabia) baixa á medida en que se viaxa en dirección ao norte e ao interior. A taxa de precipitación media anual é de 120 centímetros no litoral e de 95 centímetros no norte. Canto á precipitación media anual de neve, acontece o inverso, co interior recibindo máis neve do que as rexións costeiras: as taxas de precipitación anual de neve varían entre 180 centímetros no litoral a máis de 250 centímetros no interior.
Política
[editar | editar a fonte]A actual Constitución foi adoptada en 1819, tres meses antes da formación de Maine e da secesión desta do Massachusetts. As emendas á Constitución son propostas polo Poder Lexislativo, e para ser aprobada precisa recibir ao menos un cuarto dos votos do Senado e da Cámara de Representantes do Estado, e logo dous terzos dos votos da poboación.
O principal oficial do Poder Executivo en Maine é o gobernador. Este é electo polos electores por mandatos de ata 4 anos de duración. Unha persoa pode ser electa cantas veces quixer para o cargo de gobernador, mais non pode exercer este cargo dúas veces seguidas. Oficiais chave, como o secretario de estado e o tesoureiro son electos polo Poder Lexislativo por mandatos de ata 2 anos de duración, podendo ser reelixidos cantas veces quixer, mais non podendo exercer un mesmo cargo por máis do que 4 veces seguidas. O Estado non posúe Tenente Gobernador (vicegobernador).
O Poder Lexislativo consta do Senado e mais da Cámara de Representantes. O Senado posúe un total de 35 membros e a Cámara de Representantes 151 membros. Maine está dividido en 35 distritos senatoriais e 151 distritos representativos e os electores de cada distrito elixen un senador e representante, que representará ese distrito no Senado e na Cámara. O mandato dos senadores e dos representantes é de dous anos, podendo ser reelixidos cantas veces quixer, pero non máis de 4 veces seguidas.
O tribunal máis alto do Poder Xudicial é o Tribunal Supremo, composta por 7 xuíces. Outro tribunal importante é o Tribunal Superior, composto por 14 xuíces. O Estado tamén posúe 31 tribunais rexionais, que atenden casos de prexuízos de menos de 20.000 dólares. Todos os xuíces do Poder Xudicial son escollidos polo gobernador do estado, por un tempo de 7 anos, podendo ser reescollidos novamente sen límite e sen restricións de exercicio do oficio.
Maine está dividido en 16 condados, 22 cidades primarias (cities) e 480 cidades secundarias (towns). Cerca de metade do orzamento do Estado vén de impostos estatais. O resto vén do goberno nacional e de certos servizos estatais, como os xogos de azar.
Demografía
[editar | editar a fonte]
|
|
De acordo co censo nacional de 2000, a poboación en 2000 era de 1 274 923 habitantes. A poboación creceu en torno de 4 % en relación ao número de habitantes en 1990, cando o censo nacional estimou a poboación do Estado en 1 227 928 habitantes. Unha estimativa realizada en 2004 calcula unha poboación para ese ano de 1 317 253 habitantes. Entre 1990 e 2004, a poboación creceu en preto dun 6%.
A maior parte da poboación vive ao longo do litoral do Estado. O interior está escasamente poboado.
O 3% da poboación non naceron nos Estados Unidos (o estado posúe unha das maiores percentaxes de persoas que naceron no país de todos os Estados Unidos). De entre a poboación inmigrante, preto do 40% son canadenses, a gran maioría francófonos.
Cerca do 92,2 % das persoas con 5 anos ou máis de idade posúen o inglés como idioma materno. O 5,3 % da poboación posúen o francés como idioma materno.
Etnias
[editar | editar a fonte]- 96,5% brancos non hispanos
- 0,7% hispanos (de todas as etnias)
- 0,7% afroamericanos
- 0,5% asiáticos
- 0,6% nativos indíxenas
- 1% Dúas ou máis etnias
As cinco principais orixes son: ingleses (que forman o 21,5 % da poboación do estado), irlandeses (15,1 %) franceses (14,2 %), estadounidenses (9,4 %) e franco-canadenses (8,6 %). Os franceses son o maior grupo étnico do Estado, que tamén posúe unha importante poboación de ascendencia alemá e italiana. Os franceses están instalados nas cidades industrializadas (Lewinston e Portland, en canto que nas rexións centro-leste e a rexión sueste están os británicos. Alemáns, italianos e irlandeses están espallados por todo o Estado, en número menor.
Relixión
[editar | editar a fonte]Porcentaxe da poboación por relixión:
- Protestantes – 56%
- Igrexa católica romana – 25%
- Outras afiliacións cristiás – 1%
- Outras relixións – 1%
- Non-relixiosos – 17%
Principais cidades
[editar | editar a fonte]Cerca de 45% da poboación vive en cidades. Maine posúe tres rexións metropolitanas: Portland, Lewinston - Aurburn e Banton.
Cidades con máis de 10 mil habitantes (área urbanizada) |
Suburbios e cidades de menor porte. |
Economía
[editar | editar a fonte]O produto interior bruto foi de 41.000 millóns de dólares. A renda per capita foi de 29 164 dólares, o vixésimo nono maior do país.
O sector primario produce un 2 % do PIB. A industria madeireira produce un 1,2 % do PIB e emprega aproximadamente 20.000 persoas. O estado posúe 6.800 facendas, que ocupan preto de 6% do territorio. A industria agropecuaria produce un 0,5% do PIB, e emprega aproximadamente 10.000 persoas. O leite e cereixas son os principais produtos producidos pola agropecuaria de Maine. A pesca produce un 0,3% do PIB e emprega preto de 1.500 persoas.
O sector secundario produce un 20% do PIB. O valor total dos produtos fabricados é de 9.000 millóns de dólares. Os principais produtos industrializados fabricados son papel, móbeis en xeral, caixas de papel (entre outros derivados de madeira), equipamentos electrónicos, vehículos e pezas de automóbiles e alimentos industrializados. A industria de manufactura produce un 15% do PIB, empregando a aproximadamente 93.000 persoas; a industria da construción produce un 4,95% do PIB e emprega aproximadamente 54.000 persoas; a minería produce un 0,05% do PIB e emprega preto de 300 persoas. A maior parte da electricidade consumida no estado provén de centrais de carbón e de hidroeléctricas, xerando cada orixe case o 40% da electricidade consumida no Estado.
O sector terciario produce un 78% do PIB. Cerca de 21% do PIB vén de servizos comunitarios, persoais e comerciais. Este sector emprega máis de 250.000 persoas. O comercio produce un 18% do PIB e emprega aproximadamente 182.000 persoas. As vendas do comercio en xeral son auxiliadas polo turismo. No verán, millares de persoas instálanse por algúns meses no Estado, atraídos polo seu clima agradable e polas as súas belezas naturais. As finanzas representan case o 18% do PIB, empregando aproximadamente 52.000 persoas. Os servizos gobernamentais representan o 14% do PIB, empregando aproximadamente 110.000 persoas. Os transportes e telecomunicacións empregan a 31.000 persoas, e representan o 7% do PIB.
Educación
[editar | editar a fonte]A primeira escola foi fundada en 1701, en York. En 1828, o estado aprobou a creación dun sistema de escolas públicas no estado, pasando a fornecer orzamentos anuais para os sistemas escolares. Como no resto do país, cada cidade ou vila está encargada de administrar o seu propio sistema escolar público, excepto comunidades moi pequenas, onde a educación é de responsabilidade do condado onde tal comunidade está situada.
Actualmente, as regras e patróns son ditados polo Consello de Educación de Maine e todas as escolas, públicas ou particulares, deben seguir as regras deste consello. Todos os nenos entre 7 e 16 anos de idade deben ir á escola.
A primeira biblioteca pública foi fundada en 1751. Actualmente, o Estado posúe preto de 280 bibliotecas públicas.
Maine posúe 14 institucións de educación superior e a maior delas é o Sistema de Universidades de Maine. O principal polo educativo é Portland.
Transportes e telecomunicacións
[editar | editar a fonte]Maine posúe preto de 38.000 quilómetros de autoestradas e estradas, así como preto de 3.000 quilómetros de vías férreas. O principal aeroporto é o Aeroporto Internacional de Portland, localizado en Portland, e o porto con máis movementos é o de Eastport.
Publícanse en Maine 68 xornais; deles, 7 son diarios. Maine tamén posúe preto de 60 emisoras de radio e 16 de televisión.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Maine |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Maine government (en inglés)
- Maine Office of Tourism (en inglés)