Licia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lukka»)

Licia (Lycia, Λυκία) foi unha rexión da costa suroeste de Asia Menor entre Caria e Paflagonia. A capital foi Xanthos. O seu nome anterior foi Lukka e os gregos mencionan algúns reis lendarios, entre eles Lico, que lle tería dado nome ao país. Os nomes de soberanos da mitoloxía grega son Ióbates, Belerofonte o Corintio, Hipóloco, Glauco, Sarpedón, Megarión e Lico. O país é chamado polos turcos Tekke ou Tekeh.

Límites e descrición física[editar | editar a fonte]

Posición de Licia en Asia Menor

Limitaba ao oeste con Caria, ao norte con Frixia e Pisidia, ao leste con Panfilia e ao sur co mar Mediterráneo (esta parte é a miúdo chamada mar de Licia). A fronteira occidental formábaa o río Glaucos e as montañas Daedala; a norte formábaa as montañas do Tauro; e o do leste as montañas Climax.

O país na súa parte norte era montañosa coas cordilleiras de Daedala, Cragos, e Massictes, que nalgúns puntos chegan aos 3000 metros, e ao leste a cordilleira de Climax. A chaira producía viño, gran, e froitas, ademais de madeira de cedro. Polo seu carácter volcánico tamén tiña fontes de nafta; en Deliktash hai un cráter de onde sae sempre lume, ao saír gas inflamado, e que probabelmente é a orixe da historia da Quimera.

Os ríos principais son o Xanthos ao oeste e o Limiros (Limyros) ou Aricandos ao leste. O lago máis importante é o actualmente chamado Avlan Golu, e tamén é preciso mencionar ao Yazer Golu.

Historia[editar | editar a fonte]

Relatos mitolóxicos[editar | editar a fonte]

Homero menciona ao país así como o río Xanthos e o cabo Quimera. Heródoto di que o seu antigo nome foi Milyas (Μιλυάς) e que os seus habitantes se chamaban solymi (Σόλυμοι) e tremilae ou termilae (Τρεμίλαι ou Τερμίλαι), probabelmente dúas tribos do mesmo pobo. Segundo a lenda, os tremilas ou termilas serían sometidos por unha banda de cretenses dirixidos por Sarpedón, irmán do mítico Minos, que formou un reino que chamou de Sarpedón, e que durante o seu goberno chegou unha colonia de atenienses dirixida por Lico, fillo de Pandión, expulsado de Ática polo seu irmán Egos. Sarpedón cambiou o nome do país polo de Licia en honor do seu amigo Lico. O nome Milyas (latín Milyae) foi restrinxido á parte montañosa ao norte do país, onde viviron os sólimos (solymi), mentres os termilas pasaron a chamarse licios.

Período hitita[editar | editar a fonte]

Baixo o rei Telibinus consérvase a crónica dunha campaña contra Luhha, probabelmente Lukka, na que o rei hitita se atribúe a vitoria, pero os habitantes de lukka, por veces aliados a Arzawa e outras veces independentes, sempre se resistiron á dominación dos hititas. En Lukka era onde estaba un santuario dunha das deidades principais hititas, a deusa solar de Arinna.

Baixo Muwatallis II, Lukka apoiou ao rei hitita e enviaron un continxente á batalla de Qadesh (sobre 1390 a.C.). A rexión aparece despois debaixo dominio hitita ata a guerra civil entre Mursilis III e Hattusilis III. A situación é pouco coñecida, pero aparentemente houbo desordes e a rexión púxose baixo dirección dun home chamado Tawagalawa, irmán do rei de Ahhiyawa. Tawagalawa foi identificado co homérico Eteocles, fillo de Andreos de Orcómeno; Tawagalawa comezou a atacar territorio hitita, de xeito que Hattusilis III perdeu pronto o control da situación ao suroeste, e a xente de Lukka chegou ao río Hulaya, distrito fronteirizo con capital en Hawaliya e aos distritos veciños de Natas, Parha (despois Perge en Panfilia), Harhasuwanta e outros, de maneira que toda a costa ata Kizzuwatna quedou fóra do control do rei hitita. Os distritos fronteirizos de Wasuwatta e Harputtawana caeron en mans de rebeldes axudados por Lukka.

O aventureiro Piyama-radu de Lazba invadiu territorio hitita desde Millawanda (o rei era o seu sogro) e conquistou a terra do río Hulaya chegando ata a Terra Baixa Hitita ata Nahita. Hattusilis marchou contra os coligados e expulsounos da Terra Baixa e o río Hulaya, pero sen chegar á costa occidental nin probabelmente Panfilia. Entón nomeou o seu sobriño Ulmi-Tesup (Kurunta), fillo de Muwatallis II, rei dun gran reino do suroeste, con capital en Tarhuntasa, que gobernou baixo o nome de Kurunta. O reino limitaba ao norte e oeste con Pitassa, Ussa e terras hititas, e para o sur e suroeste eran terras a dominar "en dirección á cidade de Saranduwa na terra do río Hulaya". Nos seguintes anos Kurunta dominou ata a costa polo sur, e ao oeste ata o río Kastaraya (Caistro) e a cidade de Parha (Perge) na chaira panfilia.

Kurunta de Tarhuntasa entrevistouse co rei de Ahhiwaya en Millawanda e acordouse a retirada dos aqueos de Lukka, que retornou a control hitita e os xefes locais apresuráronse a proclamaren a súa lealdade ao rei de Tarhuntasa e ao gran rei hitita.

En Lukka librouse seguramente unha batalla naval contra os pobos do mar, na que os hititas serían derrotados. A segunda derrota en terra, en Lawasanda, vai poñer fin ao seu imperio.

Dominio persa[editar | editar a fonte]

Non hai fontes escritas para coñecer o que aconteceu na rexión despois do 1200 a.C. e, aínda que se cre que Creso de Lidia non puido dominar o territorio, só se sabe con certeza que foi conquistada por Persia o -546 e os licios ofreceron feroz resistencia ao xeneral Harpagos, e que a cidade de Xanthos preferiu o aniquilamento (a súa xente asediada prendeu lume na cidade, que quedou destruía) antes de renderse. A comezos do século V a.C., os licios uníronse á revolta de Xonia, pero serían sometidos igualmente cós xonios e o país foi incluído dentro da Satrapía I (Lidia) en tempo de Darío I o grande, dentro da cal formaba unha subsatrapía. Cando Caria (outra subsatrapía) se converteu en satrapía separada, Licia formou parte dela, pero tivo algúns momentos de autonomía con Zopiros e con Kherei na segunda metade do século V a.C., e Pericles a principios do século IV a.C.. É posíbel que as cidades licias pagasen algún tipo de imposto a Atenas durante a guerra do Peloponeso. A súa historia detallada baixo dominio persa non é suficientemente coñecida, pero, sen entrar en detalles, pódese dicir que conservou unha certa autonomía pagando impostos e fornecendo soldados.

Dominio macedonio[editar | editar a fonte]

Despois do 334 a.C. produciuse a conquista de Alexandre o Grande, que vai pasar de Caria a Pisidia e Frixia a través de Licia. Os licios non ofreceron resistencia aos macedonios, ou ofreceron moi pouca. Xanthos, Pinara, Patara, e unhas trinta cidades máis rendéronse sen loitaren. A confederación licia constituíuse (ou reconstituíse) nesta época; era unha confederación de cidades libres, (organización que segundo Estrabón xa existía desde o tempo de Creso, cando as cidades se confederaron para resistiren a este rei, e que se tería mantido, polo menos parcialmente, baixo dominio persa). Estrabón menciona a confederación e a súa constitución e di que estaba formada por 23 cidades das cales seis eran as principais: Xanthos (latín Xanthus), Patara, Pinara, Olimpos (Olympus), Mira (Myra) e Tlos; cada unha tiña tres votos no consello federal; outras cidades máis pequenas tiñan dous; e o resto un só. O poder executivo da confederación estaba en mans do Liciarca (Λυκιάρχης), de elección anual ao comezo do congreso que tamén elixía aos outros membros executivos. Os xuíces e maxistrados eran escollidos por cada cidade segundo o seu número de votos e as taxas e outros deberes públicos seguían o mesmo principio. O congresos decidían sobre a paz, a guerra e as alianzas. Baixo o poder romano foi Roma a que tiña o control destes asuntos.

Alexandre deuna a Nearco, o seu almirante. Nearco posuíuna tamén baixo Antígono, uns dos diádocos de Alexandre, despois do -323, e que o -305 se proclamou rei de Sardes. Pasou aos seléucidas o 301 a.C. e aos tolomeos o -295, volvendo aos seléucidas o -272.

Confederación licia independente[editar | editar a fonte]

A rexión quedou incorporada ao reino de Pérgamo despois do tratado de Apamea o -188, por concesión romana a Rodas, pero as cidades lidias, coa axuda secreto de Pérgamo, resistiron aos rodios coas armas e finalmente aos romanos, enfadados cos rodios, restauraron a súa independencia e foi neste período cando chegou á súa máxima prosperidade e desenvolvemento. Na guerra de Mitrídates, as cidades licias serían neutrais. Non foi excesivamente afectada polas incursións dos piratas cilicios.

Na guerra civil que seguiu á morte de Xulio César na metade do século I a.C., Bruto e Casio atacaron o país, que favorecía seica ao partido de Octavio e Marco Antonio. Cando Bruto atacou Xanthos (-42), a cidade volveu ofrecer unha resistencia teimuda, e cando Bruto puido entrar na cidade por un engano, outra vez a cidade foi destruída polos seus propios habitantes. A súa caída foi seguida pola rendición de Patara e outras cidades, e Bruto e impuxo grandes contribucións. Máis tarde Marco Antonio concedeu a Licia a exención de taxas tendo en conta estes padecementos e fixo reconstruír Xanthos.

Provincia romana[editar | editar a fonte]

Modelo:Xeografía políticaLicia
Imaxe

Nomeado en referencia aLico (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Localización
Mapa
 36°44′00″N 29°54′00″L / 36.733333333333, 29.9Coordenadas: 36°44′00″N 29°54′00″L / 36.733333333333, 29.9
EstadoTurquía
RexiónsRexión do Mediterráneo Editar o valor em Wikidata

Cando Roma se expandiu polo Mediterráneo oriental, os licios aliáronse con Roma. Unha inscrición atopada en Tyberissos proporciona o primeiro rexistro dun tratado de alianza (foedus). A datación é incerta. Precede ao tratado do 46 a.C. (véxase máis abaixo) e podería remontarse ao segundo ou primeiro século a.C.. O contexto no que se fixo este tratado é descoñecido. Podería haberse firmado durante os movementos expansionistas por Antíoco III o Grande, o rei seléucida, en Anatolia antes da Guerra romano-seleucida (192-188 a.C.), ou durante ou despois desta guerra. Alternativamente, puido concluír no contexto das Guerras Mitridáticas en Anatolia no século I a.C. O preámbulo dicía: "Haberá paz e alianza leal entre o pobo dos romanos e as cidades de Licia e a asemblea dos licios por terra e mar para sempre." Había catro cláusulas que estipulaban que:

  1. A liga licia non debía permitir que os inimigos de Roma atravesasen o territorio sobre o que tiñan autoridade para que puidesen traer guerra a Roma ou aos seus súbditos e non selles podía axudar
  2. Roma non debía permitir que inimigos dos licios pasasen polo territorio que controlaban ou tiñan autoridade para que puidesen levar a guerra á Liga Licia ou ás persoas cometidas a eles e que non debían darlles axuda
  3. Se alguén comezaba unha guerra contra o pobo de licia primeiro, Roma debería ir na súa axuda canto antes e se alguén comezaba unha guerra contra Roma, a liga licia axudaría a Roma o máis axiña posible sempre que isto fose permitido a Roma e á Liga Licia de acordo cos acordos e xuramentos
  4. As adicións e sustracións aos acordos eran posibles se cada parte o acordaba nunha decisión conxunta.[1]
A ponte romana preto de Limyra en Licia, unha das pontes segmentarias máis antigas do mundo.

Unha inscrición atopada nunha base de estatua atopada en Tespia testemuña que no 46 a.C. Xulio César asinou un tratado coa liga Licia. Tiña nove artigos. O primeiro artigo estipulaba "Amizade, alianza e paz, tanto por terra como por mar, perpetuamente. "Que os licios acaten o poder e preeminencia dos romanos como corresponde en todas as circunstancias."

Os demais artigos estipulaban:

2. Neutralidade de cada parte co inimigo do outro

3. Axuda mutua en caso de ataque a calquera das partes

4. Calquera persoa acusada de importar ou exportar produtos de contrabando debía ser acusada polo máximo funcionario das dúas partes

5. Os romanos acusados ​​dun delito capital en Licia serían xulgados en Roma polas súas propias leis e os licianos acusados ​​destes crimes deberían ser xulgados en Licia polas súas propias leis

6. Os romanos nunha disputa cos licios debían ser xulgados en Licia de acordo coas súas propias leis; se os licios eran levados aos tribunais polos romanos, o caso debía ser oído por calquera oficial que os disputantes elixisen para que o caso fose tratado con xustiza.

7. Ningunha persoa debía ser tomada como garantía, os prisioneiros de guerra romanos e licios debían ser devoltos aos seus propios países, os cabalos capturados, escravos ou barcos debían ser restaurados

8. As cidades, portos e territorios que foron restaurados aos licios pertencíanlles

9.Ambas partes acordaron respectar os termos deste xuramento e do tratado. Os detalles poderían ser modificados se as dúas partes o acordaban.[2]

Baños romanos en Olympos.
O teatro romano en Pinara.

No 43 d.C. o emperador Claudio anexionou a Licia. Dión Casio escribiu que Claudio "reduciu aos licios a servidume porque se rebelaron e mataron algúns romanos e incorporounos na prefectura de Panfília". Tamén proporcionou algúns detalles da investigación deste asunto realizado no senado. Suetonio escribiu que Claudio "privou aos licios da súa independencia por mor das disputas intestinas mortais".[3] Nunha inscrición atopada en Perge que foi datada a finais do 45 principios do 46 d.C. os licianos, que se describiron como "aliados fieis", eloxiaron a Claudio por liberalos dos disturbios, ilegalidade e bandidaxe e pola a restauración das leis ancestrales. Fai unha referencia á transferencia do poder da multitude aos conselleiros, seleccionados de entre os mellores. Polo tanto, parece que puido haber unha levantamento popular revolucionaria que podería derrubar a orde establecida. A anexión de Licia parece encaixar na razón común para anexionar estados ou aliados romanos neste período, a perda de estabilidade debido a conflitos internos ou, nalgúns casos, ao debilitamento ou o fin dunha dinastía gobernante. A restauración da lei ancestral probablemente estivo ligada á práctica romana de respectar e garantir as leis, costumes e privilexios ancestrais das cidades-estados ou ligas de cidades-estados cos que fixo acordos de alianza no Mediterráneo Oriental. Licia anexionouse, pero a Liga Licia qmantívose, así como o autogoberno en relación coa maioría das cuestións locais segundo as leis tradicionais locais e a autoridade da Liga sobre os tribunais locais. O tratado firmado por César no ano 46 a.C. xa establecera un marco para a distinción de áreas xudiciais baixo a competencia da Liga Licia e as que estaban baixo un pretor romano peregrino (xuíz principal para estranxeiros) e podería usarse para definir a asignación de áreas legais entre o gobernador provincial romano e a Liga. Os romanos restableceron a estabilidade en Licia e mantiveron relacións amigables cos licios os dereitos de Licia ás súas leis tradicionaiss, costumes e privilexios.[4] Plinio di que a provincia tiña 70 cidades (incluíndo Panfilia) pero que no seu tempo se reduciran a 26.

No 74 d.C., o emperador Vespasiano uniu ás provincias romanas de Licia e Panfilia na provincia de Licia e Panfilia.[5][6] A afirmación de Dión Casio de que Claudio incorporou a Licia a Panfilia (que estaba gobernada por un prefecto, en lugar dun propretor, ver arriba) é refutada pola existencia do legati Augusti pro praetore Lyciae (gobernadores provinciais imperiais de Licia con rango propretorial). O fillo adoptivo e herdeiro de Augusto, Caio César, morreu en Licia no 4 d.c. despois de ser ferido durante unha campaña en Artagira, Armenia.[7]

Adriano converteuna en provincia de rango senatorial.

Tolomeo di que no seu tempo era unha provincia separada pero seguramente permaneceu unida a Panfilia ata o tempo de Teodosio o grande, xa que hai polo menos unha inscrición que fala de “procos. Lyciae et Pamphyliae” e os dous territorios tiñan un único gobernador aínda en tempo de Constantino o grande. Baixo Teodosio, Licia e Panfilia serían separadas. A capital provincial foi Mira (Myra).

Exploración[editar | editar a fonte]

Foi un país que permaneceu inexplorado polos occidentais ata que foi visitado por Sir Charles Fellows en 1838.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Derow, Peter; Christopher John Smith; Liv Mariah Yarrow (2012). Imperialism, cultural politics, and polybius. Oxford: Oxford University Press. p. 136. 
  2. [1] Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. Note that the given date is mistaken. It should be 46 BC instead of 46 AD
  3. Suetonius, The Twelve Caesars; The Life of Claudius, 23.3
  4. Kantor, Georgy, Ancestral laws under the Roman rule: The case of Lycia, Submission for the confirmation of D.PHIL. status in ancient history, Balliol College, University of Oxford, 2006. [2]
  5. Şahin, S. and M. Adak, Stadiasmus Patarensis. Itinera Romana Provinciae Lyciae. İstanbul 2007; F. Onur, Two Procuratorian Inscriptions from Perge, Gephyra 5 (2008), 53–66.
  6. Syme R., Pamphylia from Augustus to Vespasian, ibid., XXX, 1937, pp. 227–231
  7. Mommsen, Theodore, A History of Rome Under the Emperors, p. 107