Caio César
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (la) Gaius Vipsanius Agrippa 20 a. C. Roma Antiga |
Morte | 21 de febreiro de 4 (22/23 anos) Licia, Turquía |
Lugar de sepultura | Mausoleo de Augusto |
Senador romano | |
Gobernador romano | |
Cónsul romano | |
Actividade | |
Ocupación | político, militar |
Período de tempo | Alto Imperio Romano |
Familia | |
Familia | Dinastía Xulio-Claudia, Vipsanii Agrippae (en) e César (família) (pt) |
Cónxuxe | Livia Júlia |
Pais | Marco Vipsanio Agripa Octavio Augusto e Xulia a Maior |
Irmáns | Vipsânia Marcela Agripina Vipsania Agripina Júlia, a Jovem Lucio César Agripa Póstumo Tiberillus Vipsania (esposa de Varo) Vipsania Attica |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft 1870 Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en) Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru (en) |
Caio César, ou Gaio César,[Nota 1] nado como Caio Vipsanio Agripa (en latín, Gaius Vipsanius Agrippa) en Roma o 20 a. C. e finado en Limira, Licia, o 21 de febreiro do 4 d. C., foi un neto e herdeiro ao trono do emperador romano Augusto, xunto ao seu irmán máis novo Lucio César. Aínda que era fillo de Marco Vipsanio Agripa e Xulia, a única filla de Augusto, Caio e mailo seu irmán máis novo, Lucio César, foron criados polo seu avó como fillos adoptivos e coherdeiros do imperio.
Experimentou unha carreira política acelerada propia dun membro da dinastía Xulio-Claudia, co Senado romano permitíndolle avanzar na súa carreira sen ocupar antes unha cuestura ou pretura, cargos que os senadores comúns debían ocupar como parte do cursus honorum.[1]
No 1 a. C., Caio recibiu o mando das provincias orientais, tralo cal concluíu un tratado de paz co rei Fraates V de Partia nunha illa do Éufrates. Pouco despois, foi nomeado como cónsul para o ano seguinte, 1 d.C. e o ano posterior ao do consulado de Caio, Lucio morreu en Massalia no mes de agosto. Aproximadamente dezaoito meses despois, Caio morreu dunha enfermidade en Licia. Estaba casado coa súa prima segunda Livila pero non tiveron fillos. No ano 4, trala morte de Caio e Lucio, Augusto adoptou ao seu fillastro, Tiberio, así como ao seu único neto sobrevivente, Póstumo Agripa.
Contexto
[editar | editar a fonte]O pai de Lucio, Marco Vipsanio Agripa, foi un dos primeiros partidarios de Augusto (entón "Octavio") durante a Guerra Final da República Romana que se producira como resultado do asasinato de Xulio César no 44 a. C. Foi un xeneral clave nos exércitos de Augusto, comandando tropas en batallas fundamentais contra Marco Antonio e Sexto Pompeio. Desde o inicio do reinado do emperador, confiou en Agripa para xestionar os asuntos das provincias orientais e mesmo recibiu o anel de selo de Augusto, quen aparentemente estaba no seu leito de morte no 23 a. C., coa probable intención de que se había converter en princeps se Augusto morrese e que gobernase ata que o sobriño do emperador, Marco Claudio Marcelo, chegase á maioría de idade. Porén, Marcelo morreu por unha enfermidade que se estendera por toda a cidade de Roma ese ano.[2][3][4]
Cando Marcelo morreu, Augusto acordou o casamento de Agripa coa súa filla, Xulia a Maior, que antes fora a esposa de Marcelo. Agripa recibiu o poder tribunicio ("tribunicia potestas") no 18 a. C., un poder que só o emperador e o seu herdeiro inmediato podían esperar acadar. O poder tribunicio permitiulle controlar o Senado, e fora cedido por primeira vez a Xulio César. Agripa actuou como tribuno no Senado para aprobar unha lexislación importante e, aínda que carecía de parte do poder e da autoridade do emperador, estaba aproximándose á posición de correxente.[4][5]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia e vida temperá
[editar | editar a fonte]Caio César naceu no 20 a. C., e foi o fillo primoxénito do matrimonio formado por Marco Agripa e Xulia a Maior.[6][7][8]
Caio formaba parte da dinastía Xulio-Claudia, e estaba emparentado con tódolos futuros emperadores desa dinastía. Por parte da súa nai, era o neto máis vello do emperador Augusto. Foi fillastro de Tiberio polo matrimonio da súa nai, Xulia, con el, e cuñado de Claudio polo matrimonio da súa irmá Agripina a Maior con Xermánico. Tamén foi tío de Calígula, que era fillo da súa irmá Agripina. O último emperador da dinastía foi Nerón, que era o sobriño bisneto de Caio e neto de Xermánico.[9] No seu aniversario foille concedido, por decreto, un sacrificio anual.[10]
No 17 a. C. naceu o seu irmán Lucio e, nese momento, Augusto adoptou inmediatamente tanto a un coma a outro, por medio dunha venda simbólica por parte de seu pai, e nomeounos a ámbolos dous os seus herdeiros (persoais).[11][6][7][8][12] Descoñécese o que opinaba o seu pai da adopción.[13] O seu pai adoptivo iniciounos na vida administrativa cando aínda eran moi novos, e enviounos ás provincias como cónsules electos.[14] Augusto se preocupou de formalos e así ensinou a Caio e Lucio a ler, a nadar e os demais elementos da educación, esforzándose especialmente para adestralos para que imitasen a súa propia caligrafía, principalmente por si mesmo. Pouco despois da súa adopción no verán, Augusto celebrou os quintos Ludi Saeculares ("Xogos Seculares"). A adopción dos rapaces unida aos xogos serviron para introducir unha nova era de paz: a Pax Augusta.[14] Aos poucos, durante unha representación teatral, foi aclamado polo público.[Nota 2] Tiberio, que presidía a obra, premiouno permitindo que se sentara a carón dos seu avó Augusto en vez de facelo el que era quen tiña designado o asento.[15] Tamén ese ano, o 17 a. C., a súa familia marchou á provincia de Siria, porque Agripa recibiu o mando das provincias orientais con imperium maius proconsular.[16]
Catro anos máis tarde, no 13 a.C., cando contaba con apenas sete, Caio participou con outros mozos, como era tradición entre as familias patricias,[15] nos xogos troianos para a inauguración do Teatro de Marcelo.[17] Tamén no 13 a.C., Agripa e Augusto regresaron a Roma. e, pouco despois, Augusto enviou a Agripa a Panonia a finais do 13 para reprimir unha rebelión; mais cando Agripa chegou aló ese inverno (no 12 a.C.), os panónicos xa volveran á calma. Daquela, Agripa volveu a Campania en Italia, onde caeu enfermo e morreu pouco despois.[18]A morte de Agripa no 12 a. C.,[19] converteu a sucesión de Augusto nun problema urxente pero os áureos e os denarios emitidos entre 13 e 12 a.C. deixaron claros os plans dinásticos do emperador para Caio e Lucio.[20] Como Agripa xa non estaba dispoñible para asumi-la as rendas do poder se o emperador morrese, Augusto tivo que deixar claro quen eran os seus pretendidos herdeiros no caso de que pasase algo.[20]
Como Caio e mailo seu irmán; Lucio, foran adoptados por Augusto, precisaban formación militar para presentarse capacitados como futuros emperadores polo que, Augusto, levouno canda el ao partir á Galia para supervisar a campaña xermana de Tiberio[Nota 3] buscando que o rapaz adquirise experiencia militar.[21][22] Así, Caio, acompañou a Tiberio na súa campaña contra os sicambres no 8 a. C.[17] O ano anterior, o irmán de Tiberio, Druso o Vello, morrera cando regresaba dunha campaña a través do Rin, polo que Tiberio recibiu o mando de Xermania e levou a cabo dúas campañas a través do Rin nos anos 8 e 7 a. C. Marchou co seu exército entre o Elba e o Rin, e atopou pouca resistencia, agás dos Sicambres. Tiberio estivo a piques de exterminalos e fixo que os que sobreviviron fosen transportados á beira romana do Rin, onde podían ser controlados máis de preto.[23]
Carreira
[editar | editar a fonte]Carreira política temperá
[editar | editar a fonte]No proceso de dalos a coñecer como herdeiros, as súas aparicións e a recepción de honores foi continua e o apoio romano ao novo príncipe estendeuse pronto por Italia,[24]
Así, no 7 a. C., Caio e mailo seu irmán apareceron vestidos de negro nos xogos funerarios en honra de seu pai.[25] No ano seguinte, 6 a. C., Augusto presentouse ao consulado para presidi-la maioría de idade de Caio. Porén, de xeito inesperado, o pobo nos Comitia Centuriata elixiu tamén a Caio como cónsul, mais Augusto vetou a súa elección; se ben accedeu a que fose elixido cónsul designatus coa intención de que asumise o consulado para el ano 1 a. C. ao cumprir os seus vinte anos.[26][27]>[28] Ao ano seguinte, Augusto converteuno en pontifex[29][30][28] e lle concedeu o dereito de asistir ás reunións do Senado e sentar nos asentos reservados a senadores nos espectáculos e nos banquetes públicos.[31][32][28][30] En cada distrito colocáronse estatuas e inscricións para conmemorar o feito de que fora nomeado cónsul cunha idade sen precedentes de catorce anos.[33][34][35] Despois de ser designado cónsul, permitíuselle da-la a súa opinión no Senado. Igualmente, seu irmán Lucio, tres anos menor que el, recibiu os mesmos honores despois de que transcorrese o intervalo axeitado.[31][32]
No ano 5 a. C., cando cumpriu a idade militar, asumiu a toga virilis e foi presentado por Augusto no Senado que lle concedeu o título de princeps iuventutis ("líder da mocidade") e o dereito a servir nunha turmae (como comandante dunha división de cabalería). No ano 2 a. C., presidiu os xogos que inauguraban o templo de Mars Ultor (Marte Vingador) e o novo Foro de Augusto.
Conflito en Armenia
[editar | editar a fonte]Orixe: a sucesión de Herodes
[editar | editar a fonte]Trala morte do rei Herodes, rei de Xudea no 4 a. C., os seus fillos Antipas e Arquelao chegaron a Roma coa súa propia copia do testamento de Herodes para defender o seu caso sobre por que cada un deles merecía herdar o reino do seu pai. Augusto, como era habitual, declinou a exclusiva responsabilidade da decisión. Convocou un consello de senadores, entre os que incluíu a Caio. O consello decidiu ratificar o testamento presentado por Arquelao, que incluía un importante legado a Augusto e á súa muller Livia.[36][37] As cidades de Xudea subleváronse despois de que o procurador, Sabino, guarnicionase Siria e Palestina para protexe-las decenas de millóns de sestercios prometidos ao emperador.[38] O gobernador de Siria, Varo, viuse obrigado a traer as lexións de Siria para restaura-la orde.[37]
Conquista de Armenia polos partos
[editar | editar a fonte]Trala morte do rei parto Fraates IV, o seu sucesor, Fraates V (ou Fraataces), decidiu intervir nos asuntos da veciña Armenia e se apoderou dela coa axuda dunha parte dos armenios, e expulsou a Tigranes IV, o rei instalado por Roma[39] e que estaba baixo a súa protección.[40][41] O historiador Ferrero especula que Fraates podería ter a esperanza de usar Armenia como moeda de cambio para conseguir a liberación dos seus fillos que estaban cativos polos romanos. A supremacía romana en Asia dependía da súa posesión de Armenia como protectorado. Antes de que Roma puidese tratar cos partos en Armenia, primeiro tería que volver chamar as súas lexións sirias que aínda estaban ocupadas en Palestina.[42] Para liberar alí as lexións, o Reino de Xudea foi dividido entre os fillos de Herodes o Grande. A metade quedou baixo Arquelao, mentres que a outra metade foi subdividida entre os seus irmáns, Antipas e Filipe. Isto serviu para restaurar a estabilidade da rexión, mentres evitaba que Xudea se fixese poderosa. Tras resolver os asuntos en Xudea, o emperador decidiu despregar un exército en Armenia para restablecer o seu status de protectorado romano e mostrar ao mundo oriental que Roma dominaba todas as terras ata o Éufrates.[42]
Expedición a Oriente
[editar | editar a fonte]Debido á súa avanzada idade, Augusto non puido viaxar por si mesmo a Oriente. Eran poucos nos que confiaba o emperador para resolver os asuntos orientais, pero confiaba en que Caio o conseguise. Caio foi unha boa elección porque a súa presenza representaba a da familia imperial: todas as ordes, promesas ou ameazas que procedían del eran tan válidas coma se fosen do propio emperador. Non obstante, só tiña dezaoito anos e, polo tanto, era demasiado novo para levar a cabo empresas importantes.[43]
Antes de partir cara ao leste, el e mailo seu irmán Lucio recibiron a autoridade para consagrar edificios, e así o fixeron, coa súa xestión dos xogos celebrados para celebrar a dedicación do Templo de Marte Ultor (1 de agosto do 2 a. C.). O seu irmán máis novo, Póstumo, participou no xogos troianos co resto da mocidade dos équites. Durante os xogos, foron sacrificados no Circo Máximo 260 leóns, houbo un combate de gladiadores, unha batalla naval entre os "persas" e os "atenienses", e 36 crocodilos foron sacrificados no Circo Flaminio.[Nota 4][44]
Os amigos de Augusto tiñan a esperanza de que abandonase o seu plan de enviar a Caio a Oriente pero, ante os problemas da zona a principios do 1 a. C., persistiu co plan e Caio marchou cara Siria. O emperador confiou a Caio a autoridade proconsular (o imperium) e fixo que a súa curmá segunda, Livila, casase con el. Livila era filla de Druso o Vello e de Antonia Menor.[44][45]
Debido á súa mocidade e inexperiencia, o emperador fixo que outros fosen con el como asesores.[46][41] Entre o seu séquito estaban: Marco Lolio como adiutor ("axudante")[47][40][41] e como comes et rector,[46] Publio Sulpicio Quirino como rector ("guía"),[48] o futuro historiador Veleio Patérculo,[49] Lucio Domicio Ahenobarbo (avó de Nerón),[50] Xuba II de Numidia[51] e o futuro prefecto do pretorio, Sexano.[52][53]
De camiño a Siria, Caio estableceu o seu campamento na illa de Samos. Tiberio, que abandonara a política e estaba exiliado en Rodas,[49] visitouno en Quíos, pero foi recibido con frialdade[54] tanto por Caio como polos seus asesores, especialmente Lolio até o punto de que, segundo Suetonio, Tiberio escribiu ao emperador para que Lolio fose substituído.[47] A rivalidade de Lolio con Tiberio continuou aínda despois de que Caio e o seu séquito chegasen a Siria. Lolio esforzouse por incitar a Caio contra Tiberio malia que, Caio en todo caso, non tiña ningún afecto polo home que contribuíra, directa ou indirectamente, á ruína da súa nai.[Nota 5] Suetonio escribiu que foi a crecente influencia de Lolio a que obrigou a Tiberio a rogarlle a Augusto polo seu regreso a Roma.[55]
Durante a estancia de Caio en Oriente, visitou Siria e Arabia e se comportou unhas veces como xeneral, e outras como un turista.
Consulado
[editar | editar a fonte]Ao ano seguinte, o 1 de xaneiro, Caio, entrou no consulado in absentia (en ausencia)[Nota 6] co seu cuñado, Lucio Emilio Paulo, de acordo coa decisión do 6 a. C. que o nomeara cónsul designatus.[32] Caio, que tiña vinte anos, chegara a Asia cando comezou o seu consulado, e probablemente permanecía en Antioquía no momento no que estaba a organizar un exército para a invasión de Armenia e a abrir negociacións con Fraates coa esperanza de conseguir un acordo. O emperador non desexaba unha guerra aberta e o rei de Partia parecía aberto á paz. As negociacións epistolares probablemente foron aceleradas pola presenza do exército de Caio en Siria, que supuña unha importante ameazaba para Partia. Dende tódolos recunchos, o cónsul novo recibiu embaixadas que ofrecían peticións e rendían homenaxe. Ese mesmo ano levantáronse monumentos a el e ao seu irmán como fillo de Ares ou como o propio Ares.[56]
A súa inexperiencia fixo que se tivese obrigado a confiar nos seus compañeiros, especialmente no rebelde Lolio, que se aproveitara dos poderes que tiña e, segundo os informes, estaba a reter cidades, individuos e ata príncipes soberanos para pedir rescates. Despois de que Caio abrise negociacións con Fraates, Lolio ofreceu ao rei parto certas concesións a cambio de cartos.[57]
Os preparativos para a guerra continuaron na primavera e no verán de 1 d. C., momento no que houbo un avance exitoso nas negociacións. Como Fraates non estaba disposto a ir á guerra, aceptou evacuar Armenia e abandonar os seus irmáns que aínda estaban en catividade romana.[44][58] Na segunda metade do ano, Caio avanzara co seu exército até a fronteira dos partos cara a un lugar descoñecido e, a ameaza, levou a Fraates a aceptar, no ano 2 a. C., unha reunión nunha illa do Eúfratres para establecer un acordo final no que renunciaba a recuperar aos seus irmanastros[59][60] e os partos renunciaban a tódalas reivindicacións sobre Armenia e a recoñecían como zona de influencia de Roma; en troques, os romanos aceptaban o Éufrates como límite entre ambos imperios.[61][41]
Durante o banquete no que se celebraba o tratado de paz, Fraataces, que fora ofendido por Lolio, revelou a Caio que Lolio estivera aceptando sobornos partos o que provocou que Caio retirase a súa amicitia a Lolio e este se suicidase con veleno.[62] Plinio afirma que acumulara unha gran fortuna cos seus crimes e que, como resultado, a súa neta podía permitirse o luxo de usar xoias por valor de 40.000.000 de sestercios, unha cantidade considerable de diñeiro.[63][64] A morte de Lolio foi afortunada para Tiberio, despois de que Caio consentise o seu regreso a Roma e o consecuente retorno á política romana.[65]
Supremacía en Armenia
[editar | editar a fonte]Ao mesmo tempo, o trono de Armenia quedara vacante e, con permiso do emperador, Caio colocou no trono a Ariobarzanes II de Atropatene. Mais, os romanos non foron os únicos interesados en Armenia pois os partos fomentaron unha revolta dos armenios e unha gran forza de rebeldes ocuparon a fortaleza da cidade de Artagira. Caio foi provocado ao conflito e invadiu Armenia a finais de agosto do ano 2, mais non atopou unha oposición seria xa que só houbo unhas poucas revoltas que puido reprimir sen demasiados problemas.[66]
O 9 de setembro, Addon ou Abbadon, o líder da rebelión, invitou a Caio a entrar na súa fortaleza para negociar con el. A negociación resultou ser un truco e Caio, que resultou ferido no enfrontamento,[67][68]<[69] tivo que ser rescatado polos seus legados. A seguir, as súas tropas asediaron pronto a cidade e capturaron a fortaleza despois de intensos combates.[70][71] Nun principio, a ferida non parecía grave e puido completar a pacificación de Armenia, tarefa relativamente doada.[44][66][72]
Ao ano seguinte, no 3, estaba moi debilitado polos efectos da súa ferida, que curou mal, e renunciou ao seu mando e retirouse a Siria dende onde informou a Augusto de que non tiña máis gañas de participar na vida pública.[44][66] A campaña de Oriente resultou moi dura: a súa saúde era débil e o seu equilibrio mental inestable. Á idade de vinte e tres anos, o mozo que o Emperador consideraba o seu herdeiro e única esperanza de prosperidade abandonaba o seu futuro de goberno e poder nun ataque salvaxe de desesperación e medo. Augusto fixo todo o posible por animalo e convencelo de que regresase a Italia pero foi en balde pois Caio, cando regresaba,[67][69] morreu como consecuencia das feridas mal curadas nunha pequena cidade licia o 21 de febreiro do 4.[67][69][73] Tiña vinte e tres anos.[46]
Expedición en Arabia
[editar | editar a fonte]Nalgún momento da súa estancia en Oriente, Caio dirixiu unha expedición a Arabia. Non se sabe exactamente onde nin para que propósito, aínda que Plinio mencionouno en relación coas fazañas de Elio Galo no sur de Arabia.[74] O termo "Arabia" nunca foi claramente definido e foi un o termo usado libremente polas fontes romanas. Varias razóns, como un intento de Roma de controlar o comercio do incenso, foron suxeridas pero nunca probadas.
Xuba II, antigo rei de Mauretania, que acompañara a Caio a Oriente, para preparar a Caio para o seu encontro cos árabes, escribiulle un tratado. Segundo Plinio, o novo príncipe chegou ata o golfo de Aqaba. É seguro que esta expedición ocorreu antes da súa estancia en Armenia e, facendo referencia ao cenotafio de Caio en Pisa, é case seguro que tivo lugar durante o seu consulado.[51] O autor e historiador John Grainger sitúa a Caio no golfo de Aqaba ou en Nabatea. Sábese que o reino nabateo converteuse máis tarde na provincia de Arabia, polo que podería ser que Caio realizase a súa "expedición árabe" para apoiar ou disciplinar ao rei de Nabatea, Aretas IV.[75] Isto é probabelmente é o que evidencia a continuidade das moedas no nome do rei despois do consulado de Gaio.[51]
Casio Dión, nun aviso fragmentario,[76] menciona problemas en Exipto que foron suprimidos por un tribuno da Garda Pretoriana. É moi probable que este home formase parte do séquito de Caio, pero máis aló diso non se sabe máis nada del.[75] Foi por esta época cando Augusto pasou por Xudea e eloxiou a Caio por non ofrecer oracións en Xerusalén, xa que sería unha provocación para os xudeus que alí vivían.[77]
Post mortem
[editar | editar a fonte]Mentres Caio estaba en Armenia, o seu irmán Lucio fora enviado por Augusto para completar o seu adestramento militar a Hispania. Mentres estaba alí, caeu enfermo e morreu o 20 de agosto do 2 en Massalia, Galia. Nun lapso de 18 meses, o futuro previsto polo emperador estragouse. A morte de Caio e Lucio, os dous herdeiros do Emperador, levou a Augusto a adoptar ao seu fillastro Tiberio e ao seu único neto Póstumo como novos herdeiros o 26 de xuño do 4.[32]
Tanto el como seu irmán foron moi queridos polo pobo.[78] Ao morrer, os cidadáns e funcionarios do Imperio, realizaron moitas honras fúnebres por Caio, especialmente en Colonia Obsequens Iulia Pisana (Pisa), onde se ergueu un enorme monumento fúnebre,[79] e se decretou que as matronas debían observar os ritos axeitados para lamentar o seu pasamento. Templos, baños públicos e tendas pecharon as súas portas mentres as mulleres choraban inconsolables. Para conmemorar a súa breve vida, erixiuse un cenotafio no río Limirus en Limira en Licia,[80] un centurión de Acerrae erixiu un altar no seu honor cunha inscrición en verso[79] e a cidade de Sardes rendeulles honores.[81]
A título póstumo, o Senado votou honores para os Césares, e fixo que as lanzas de ouro e os escudos que os mozos recibiran ao alcanzar a idade do servizo militar fosen colgados na casa do Senado.[80] Os cofres que contiñan as súas cinzas foron almacenados no Mausoleo de Augusto[82] xunto cos do seu pai Agripa e outros membros da familia imperial.
Anos despois Augusto, no seu testamento, cualificou a súa perda e maila do seu irmán como a dun "destino atroz".[83] Porén, tanto Tácito como Dión Casio suxeriron que puido existir un xogo sucio na morte de Caio e Lucio e que Livia, a derradeira muller de Augusto, puido participar na súa morte para eliminar competidores do seu propio fillo, na sucesión de Augusto.[76][84] No entanto, os autores modernos dubidan desa hipótese; así Barrett rexeita a acusación por mor das dificultades que implicaría organizar un envelenamento a distancia.[85]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]Caio e Lucio apareceron como personaxes na serie de televisión de 1976 I, Claudius; a serie inverte a orde das súas mortes, con Caio morrendo primeiro. Caio foi interpretado por Earl Rhodes.[86]
Xenealoxía
[editar | editar a fonte]Xenealoxía de Caio César:[87]
4. Lucio Vipsanio Agripa | ||||||||||||||||
2. Marco Vipsanio Agripa | ||||||||||||||||
1. Caio César | ||||||||||||||||
24. Caio Octavio | ||||||||||||||||
12. Caio Octavio | ||||||||||||||||
6. Augusto | ||||||||||||||||
26. Marco Atio | ||||||||||||||||
13. Atia | ||||||||||||||||
27. Xulia, a Menor | ||||||||||||||||
3. Xulia, a Maior | ||||||||||||||||
14. Lucio Escribonio Libo | ||||||||||||||||
7. Escribonia | ||||||||||||||||
15. Sentia | ||||||||||||||||
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ En latín, C. Caesar. A forma "Caius" é empregada por Roldán, Everitt ou Barrett; a forma "Gaius, aparece en Southern ou Syme. No PIR, dáselle o nome de C. Iulius Caesar.
- ↑ Everitt tan só cita a Caio mais Suetonio indica que estaba co seu irmán Lucio.
- ↑ Esta campaña realizouse entre o 9 e o 7 a. C., segundo Everitt, ou entre o 8 e o 6 a. C., segundo Roldán.
- ↑ Dión Casio relata que, despois dos xogos, Caio recibiu o mando das lexións do Ister (Danubio), e que non participou nas accións xa que estaba alí para aprender (Dión Casio, LV.10).
- ↑ No ano 2 a. C., Xulia a Maior vírase obrigada a se exiliar despois de recibir unha carta en nome de Tiberio. Foi considerada culpable polo seu pai, Augusto, de cometer adulterio en varias ocasións (Dión Casio, LV.10; Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars. "Augusto", 65).
- ↑ Cónsul sufecto
- Referencias
- ↑ Rowe (2002), p. 45.
- ↑ Bunson (2002), p. 10
- ↑ Southern (2013), p. 203.
- ↑ 4,0 4,1 Dunstan (2010), p. 274.
- ↑ Rowe (2002), pp. 52–54.
- ↑ 6,0 6,1 Barrett (2004), p. 72.
- ↑ 7,0 7,1 Everitt (2008), p. 313.
- ↑ 8,0 8,1 Roldán (1995), p. 45.
- ↑ Wood (1999), p. 321.
- ↑ Dión Casio, ROMAN HISTORY, LIV.8.5
- ↑ Dión Casio, ROMAN HISTORY, LIV.18.1
- ↑ Southern (2013), p. 208.
- ↑ Davies & Swain (2010), p. 284.
- ↑ 14,0 14,1 Powell (2015), pp. 159–160.
- ↑ 15,0 15,1 Everitt (2008), p. 317.
- ↑ Powell (2015), p. 161.
- ↑ 17,0 17,1 Smith (1873), p. 555.
- ↑ Dión Casio, ROMAN HISTORY, LIV.28.1–2
- ↑ Everitt (2008), pp. 319-320.
- ↑ 20,0 20,1 Wood (1999), p. 65.
- ↑ Everitt (2008), p. 329.
- ↑ Southern (2013), p. 259.
- ↑ Wells (2003), p. 157.
- ↑ CIL XI, 3040
- ↑ Southern (2013), p. 255.
- ↑ Barrett (2004), pp. 84-85.
- ↑ Everitt (2008), pp. 330-331.
- ↑ 28,0 28,1 28,2 Southern (2013), p. 257.
- ↑ Barrett (2004), p. 85.
- ↑ 30,0 30,1 Everitt (2008), p. 331.
- ↑ 31,0 31,1 Dión Casio, ROMAN HISTORY, LV.9
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 Pettinger (2012), p. 235.
- ↑ CIL VI, 897
- ↑ CIL VI, 3748
- ↑ Ferrero (1909), p. 247.
- ↑ Flavio Xosefo, Antiquities of the Jews, Libro XVII-9.5
- ↑ 37,0 37,1 Ferrero (1909), p. 257.
- ↑ Flavio Xosefo, Antiquities of the Jews, Libro XVII-10.2
- ↑ Veleio Patérculo, Libro II-100
- ↑ 40,0 40,1 Everitt (2008), pp. 345-346.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 Southern (2013), p. 260.
- ↑ 42,0 42,1 Ferrero (1909), p. 259.
- ↑ Ferrero (1909), pp. 259–261.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 Dión Casio, ROMAN HISTORY, LV.10
- ↑ Hazel (2002), p. 48.
- ↑ 46,0 46,1 46,2 Everitt (2008), p. 346.
- ↑ 47,0 47,1 Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars, "Tiberius", 12
- ↑ Tácito, The Annals, Libro III-3.48
- ↑ 49,0 49,1 Veleio Patérculo, Libro II-101
- ↑ Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars, "Nero", 5
- ↑ 51,0 51,1 51,2 Bowersock (1983), p. 56.
- ↑ Tácito, The Annals, Libro IV-4.1
- ↑ Ferrero (1909), p. 272.
- ↑ Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars, "Tiberius", 12.1
- ↑ Ferrero (1909), p. 275.
- ↑ Ferrero (1909), p. 276.
- ↑ Ferrero (1909), pp. 276–277.
- ↑ Ferrero (1909), pp. 277-278.
- ↑ CIL XI, 1421
- ↑ Ferrero (1909), p. 284.
- ↑ Everitt (2008), p. 347.
- ↑ Everitt (2008), p. 348.
- ↑ Plinio, Natural History, Libro IX, capítulo 58
- ↑ Ferrero (1909), pp. 276-277.
- ↑ Ferrero (1909), p. 285.
- ↑ 66,0 66,1 66,2 Veleio Patérculo, Libro II.102
- ↑ 67,0 67,1 67,2 Barrett (2004), p. 92.
- ↑ Casio Dion, 2011, «LV, 10a»
- ↑ 69,0 69,1 69,2 Everitt (2008), p. 349.
- ↑ Bunson (2002), p. 47.
- ↑ Sartre (2005), p. 68.
- ↑ 1909, p. 286.
- ↑ Ferrero (1909), pp. 287–288.
- ↑ Plinio, Natural History, Libro VI, capítulo 32
- ↑ 75,0 75,1 Grainger (2013), p. 117.
- ↑ 76,0 76,1 Dión Casio, ROMAN HISTORY, LV.10a
- ↑ Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars, Life of Augustus, 93
- ↑ Everitt (2008), p. 330.
- ↑ 79,0 79,1 Syme (2010), p. 578.
- ↑ 80,0 80,1 Powell (2015), p. 192.
- ↑ Syme (2010), p. 580.
- ↑ Platner, 1929 & «Mausoleum Augusti».
- ↑ Everitt (2008), pp. 350 e 373.
- ↑ Tácito, The Annals, Libro I-1.3
- ↑ Barrett (2004), p. 93.
- ↑ "Earl Rhodes". imdb.com (en inglés). 2017. Consultado o 15 de xuño de 2022.
- ↑ Bartsch (2017), p. IX.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Caio César |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]Fontes antigas
[editar | editar a fonte]- Dión Casio, ROMAN HISTORY, Libro LIV e Libro LV, (en inglés)
- Flavio Xosefo, Antiquities of the Jews - Book XVII (en inglés)
- Plinio o vello, The Natural History, Libros VI e IX (en inglés)'
- Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars. The Life of Augustus. (en inglés)
- Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars. The Life of Nero. (en inglés)
- Suetonio, The Lives of the Twelve Caesars. The Life of Tiberius. (en inglés)
- Tácito, The Annals. Libro I (14-15 A.D.) (en inglés)
- Tácito, The Annals. Libro III (20-22 A.D) (en inglés)
- Tácito, The Annals. Libro IV (23-28 A.D.) (en inglés)
- Veleio Patérculo, The Roman History (en inglés)'(en latín)'
Fontes modernas
[editar | editar a fonte]- Barrett, Anthony A. (2004). Livia. Primera dama de la Roma imperial (en castelán). (Tradutora: Inés Belaustegui Trías). Madrid: Editorial Espasa Calpe. ISBN 8467014369.
- Bartsch, Shadi (2017). The Cambridge Companion to the Age of Nero (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-1-107-05220-8.
- Bowersock, Glen Warren (1983). Roman Arabia (en inglés). Cambridge, MA: Harvard University Press. ISBN 0-674-77755-7.
- Bunson, Matthew (2002). Encyclopedia of the Roman Empire (en inglés). Nova York: Facts on File. ISBN 0-8160-4562-3.
- Davies, Mark Everson; Swain, Hilary (2010). Aspects of Roman History 82BC-AD14: A Source-based Approach (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-1-135-15160-7.
- Dunstan, William E. (2010). Ancient Rome (en inglés). Lanham, Maryland: Rowman & Littlefield Publishers. ISBN 978-0-7425-6834-1.
- Everitt, Anthony (2008). Augusto. El primer emperador (en castelán). (Tradutor: Alexander Lobo). Barcelona: Editorial Ariel. ISBN 9788434452473.
- Ferrero, Guglielmo (1909). The republic of Augustus (en inglés). Londres: G. P. Putnam's Sons.
- Hazel, John (2002). Who's Who in the Roman World (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-415-29162-3.
- Pettinger, Andrew (2012). The Republic in Danger: Drusus Libo and the Succession of Tiberius (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-960174-5.
- Platner, Samuel Ball (1929). A Topographical Dictionary of Ancient Rome (en inglés). Oxford: Oxford University Press.
- Powell, Lindsay (2015). Marcus Agrippa:Right-hand Man of Caesar Augustus (en inglés). Barnsley UK: Pen & Sword Military. ISBN 978-1-84884-617-3.
- Rowe, Greg (2002). Princes and Political Cultures: The New Tiberian Senatorial Decress (en inglés). Ann Arbor, MI: University of Michigan Press. ISBN 0-472-11230-9.
- Sartre, Maurice (2005). The Middle East Under Rome (en inglés). Cambridge, MA / Londres: The Belknap Press of Harvard University Press,. ISBN 0-674-01683-1.
- Scullard, H. H. (2013). From the Gracchi to Nero: A History of Rome 133 AC to AD 68 (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-1-136-78386-9.
- Smith, William, ed. (1873). "C. Caesar and L. Caesar". Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. 1 (en inglés). Londres: John Murray. pp. 555–556.
- Southern, Pat (2013). Augusto (en castelán). (Tradutor: José Luis Gil Aristu). Madrid: Editorial Gredos. ISBN 9788424936723.
- Wells, Peter S. (2003). The Battle That Stopped Rome (en inglés). Londres / Nova York: W.W. Norton & Company. ISBN 978-0-393-32643-7.
Predecesor: Coso Cornelio Léntulo e Lucio Calpurnio Pisón |
Cónsul do Imperio Romano |
Sucesor: Publio Vinicio e Publio Alfeno Varo |