Acaia (provincia romana)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acaia, en vermello, no mapa do Imperio Romano, cara o 120 d.C.

Acaia foi unha provincia romana formada, supostamente, despois do ano 146 a. C. con os territorios da Liga Aquea (incluída Esparta) e da Liga Etolia, é dicir con case todo o Peloponeso, aos que se lles engadiría Ática, Beocia e as illas próximas a Grecia, e, segundo Estrabón, tamén Tesalia, pero Tolomeo di que Tesalia pertencía a Macedonia). É probábel que a Acarnania fixese parte da nova provincia, mais Tolomeo asignaa á Epiro.

Se ben despois do 146 a. C. o poder da Liga Aquea foi destruído, probabelmente logo desta data o sistema de goberno autónomo de cada cidade foi mantido durante certo tempo (quizais por case un século) como antes. Sábese que en ocasións as cidades gregas estiveron suxeitas ás decisións do gobernador romano de Macedonia. É tamén posíbel que a provincia non fose en realidade estabelecida até a época de Xulio César, despois do ano 50 a. C., que é cando se coñece o primeiro gobernador: Servio Sulpicio.

En tempos de Augusto Grecia estaba dividida entre as provincias de Acaia, Macedonia e o Epiro (esta última incluíndo Iliria). No reparto da autoridade sobre as provincias, Acaia correspondeulle ao Senado e foi gobernada por un procónsul. Tiberio converteuna en provincia imperial no ano 16, pero Claudio devolveulla ao Senado. Naquel tempo a capital provincial era Corinto, onde foi levado precisamente o apóstolo Paulo perante o procónsul Xuño Galio. Nerón suprimiu a provincia, restaurando a liberdade das cidades gregas, mais o emperador Vespasiano volveu a restabelecer de novo a provincia, facendo pagar ao tempo ás cidades unha contribución anual

A Acaia como provincia, dirixida por procónsules subsistiu até o tempo do emperador oriental Xustiniano (século VI).