Saltar ao contido

Gabinete Numismático de Dresden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.
Gabinete Numismatico de Dresden
––Münzkabinett––
Logotipo do Gabinete Numismático
de Dresden


Coordenadas
PaísAlemaña Alemaña
Cidade Dresden
DirectorDr. Rainer Grund.[1]
InauguraciónCa. 1530
Na rede
https://muenzkabinett.skd.museum/en/
editar datos en Wikidata ]

O Gabinete Numismático de Dresden (en alemán: Münzkabinett Dresden) é un museo numismático instituído arredor de 1530 na cidade alemá de Dresden e que forma parte da Staatliche Kunstsammlungen Dresden ("Coleccións de Arte Estatais de Dresden"). A súa sede está no Castelo de Dresden.[2][3]

O Münzkabinett constitúe unha das tres coleccións numismáticas máis grandes de Alemaña. Entre os seus case 300.000 obxectos expostos inclúense moedas da maioría de países do mundo desde a Antigüidade ata o século XXI, ademais de medallas históricas e modernas, condecoracións, billetes, cuños, selos, probas numismáticas, formas primitivas de diñeiro, e equipamento e ferramentas para a cuñaxe.[4][5] Na súa condición de gabinete numismático estatal (Landesmünzkabinett), o Münzkabinett é o receptor de calquera achado monetario ocorrido no territorio de Saxonia.[2]

O Gabinete Numismático de Dresden é tamén un centro de investigación sobre numismática e conta cunha biblioteca especializada que conta con arredor de 30.000 volumes.

Georgenbau, no Castelo de Dresden, sede orixinaria e actual do Gabinete Numismático

Séculos XVI e XVII

[editar | editar a fonte]

O Münzkabinett é un dos museos máis antigos da cidade de Dresden, xa que data da época de Xurxo o Barbudo, Duque de Saxonia (1500-1539).[6] Nun libro de gastos do duque de 1518, citábase xa o medallista alemán Hans Schwarz como deseñador de varias das medallas da súa colección. O Elector Augusto de Saxonia, finado en 1586, expandiu a colección empregando importantes medallistas da época, como Valentin Maler, de Nuremberg, e Tobias Wolff, de Wroclaw, e adquirindo copias en chumbo de pezas orixinais que non posuía.[3]

No século XVII, Xoán Xurxo II de Saxonia encargouse de reorganizar a colección de moedas da Cámara de Arte do Electorado.

Séculos XVIII e XIX

[editar | editar a fonte]

A partir de aí, a colección foise nutrindo través dos séculos coa constante adquisición de pezas por parte dos electores e dos reis de Saxonia. O Elector Frederico Augusto I (Augusto II de Polonia) deulle un impulso significativo ao Gabinete, ao adquirir en 1716 a colección Birckholtz e en 1718 unha colección de moedas antigas aos herdeiros do duque Mauricio Guillerme de Saxonia-Zeitz.

Así as cousas, a principios do século XVIII, o Gabinete Numismático de Dresden xa era unha das coleccións de moedas con máis sona de Europa e foi no Barroco cando acadou recoñecemento universal. Xa a partir da segunda metade do século XVIII, o Münzkabinett transcendeu a propia colección para se converter nun centro alemán senlleiro de investigación académica.[3][6]

Palacio Taschenberg, sede do Gabinete Numismático de 1743 a 1786.
Palacio Xaponés, sede do Gabinete Numismático de 1786 a 1877.

A colección do Gabinete mantívose na localización orixinal do Castelo de Dresden ata 1743, cando se trasladou ao Palacio Taschenbers (Taschenbergpalais). En 1786, o elector de Saxonia Augusto II trasladouno ao Palacio Xaponés (Japanisches Palais), xunto coa biblioteca e a colección de antigüidades.[3][7] Baixo o elector e logo rei Frederico Augusto I de Saxonia (1763-1828) entraron no Gabinete algunhas grandes coleccións privadas, entre elas a do numismático húngaro e conselleiro da corte David Samuel von Madai, con arredor de 9.000 moedas[8], e a colección de moedas de ouro do [[aba de]] da corte Joseph Gotthard Baumgarten. Durante este período, o foco das novas adquisicións centrouse nas moedas medievais e saxoas.

En 1831, o Münzkabinett pasou a depender da Administración estatal, o que lle achegou maiores recursos financeiros. Adquiriuse entón a colección de moedas antigas do profesor Moritz Steinla, en 1858, e na década de 1870 engadiuse a colección de 29.000 moedas medievais e a biblioteca de 1.400 volumes de Rudolf Benno von Römer, falecido en 1871.

En 1877, o Gabinete Numismático retornou ao lugar do seu nacemento, no Castelo de Dresden, ata que en 1911 pasou a aloxarse no veciño edificio da Chancelaría, preto do Stallhof.[3][6]

Séculos XX e XXI

[editar | editar a fonte]

No período entre guerras, a adquisición máis salientable foi a colección Geinitz, en 1916, composta por 39.000 moedas de ouro de pequeno módulo, algunhas delas únicas.

Albertinum, sede do Gabinete Numismático de 1959 a 2002.

Durante a segunda guerra mundial, o edificio quedou moi seriamente danado polos ataques aéreos a Dresden de febreiro de 1945, aínda que se logrou protexer a colección, que se conservou integramente. Ao finalizar a guerra ese mesmo ano, a colección foi confiscada polo Exército Vermello, que a levou á Unión Soviética. Entre 1958 e 1959 regresou a Dresden, mais sen os libros e revistas que foran requisados coa colección. Como o edificio da Chancelaría quedara case totalmente destruído, a colección instalouse no Museo Albertinum, onde só se podía expor dunha maneira moi parcial, dado o limitado do espazo do que dispuña; malia estas limitacións, a colección do Münzkabinett permaneceu nese lugar ata 2002.[3][9]

Finalmente, no verán de 2002, o Gabinete Numismático retornou ao seu aloxamento orixinario, o edificio Georgenbau do Castelo de Dresden. Antes da instalación da exposición permanente en xuño de 2015, o museo amosou unha exposición temporal na Torre Hausmann (Hausmannsturm).[10]

Exposición e biblioteca

[editar | editar a fonte]
Expositores nunha das salas do Gabinete Numismático de Dresden.

A exposición temporal na Torre Hausmann desenvolveuse unicamente entre abril e outubro de 2015. Alí amosábanse 300 pezas excepcionais, algunha delas únicas, que representaban diversas seccións da colección completa. Os obxectos en exposición seleccionáronse pola súa calidade artística, polo seu valor material e pola súa relevancia na historia cultural. Algunha das pezas expúxose para documentar os labores de restauración. Aquela pequena exposición temporal tivo por obxecto chamar a atención do público sobre a exposición permanente que o Münzkabinett inaugurou en canto finalizaron as obras de restauración do castelo.[10][11]

A exposición permanente componse de aproximadamente 3.300 pezas (das case 300.000 da colección), representativas da historia do diñeiro desde a Antigüidade ata o presente, que se amosan nas antigas vivendas principescas do Georgenbau, no Castelo de Dresden.[11][12]

A exposición está dividida en catro áreas temáticas, cada unha disposta nunha sala específica:[13]

  • "Minaría e moeda en Saxonia". Amosa unha visión xeral dos 900 anos de historia monetaria do Margraviato de Meissen.
  • "O Cosmos do diñeiro". Ocúpase do desenvolvemento do diñeiro desde a Antigüidade ata os nosos días. Nesta sala atópase a peza máis antiga da colección: unha moeda de Lidia cuñada en electro hai máis de máis de 2.500 anos, baixo o reinado de Aliates II.
  • "Todo sobre o diñeiro". Céntrase na diversidade dos aspectos do diñeiro.
  • "Medallas e condecoracións". Amosa a evolución da arte da medalla desde o Renacemento.

Para os labores de investigación, o Gabinete Numismático de Dresden dispón dunha biblioteca con preto de 30.000 volumes e unha sala de estudo abertas ao público.

  1. "Rainer Grund". Staatliche Kunstsammlungen Dresden.
  2. 2,0 2,1 Ruf, C. (2015 -a-).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "History of the Collection". Sitio web do Münzkabinett.
  4. "Gabinete Numismático". Staatliche Kunstsammlungen Dresden.
  5. "Coin Cabinet Arquivado 26 de abril de 2019 en Wayback Machine.". This is Dresden.
  6. 6,0 6,1 6,2 Arnold, P. (1978).
  7. "Japanisches Palais". Staatliche Kunstsammlungen Dresden.
  8. Madai, David Samuel von. (1766). Vollständiges Thaler-Cabinet. Königsberg.
  9. "Albertinum". Staatliche Kunstsammlungen Dresden.
  10. 10,0 10,1 "Coin Cabinet Dresden re-opens". En CoinsWeekly. 17 de xuño de 2015.
  11. 11,0 11,1 "Exhibitions: Münzkabinett (Coin Cabinet)". No sitio web do Münzkabinett.
  12. "Coin Cabinet, Dresden State Art Collection". Google Arts & Culture.
  13. Ruf, C. (2015 -b-). Páxina 9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Arnold, P. (1978). Führer durch die ständige Ausstellung des Münzkabinetts. 2ª ed. Dresden. Staatliche Kunstsammlungen.
  • Ruf, C. (2015 -a-). "Neueröffnung des Dresdner Münzkabinetts: Schatzkästlein der Numismatik". En Dresdner Neueste Nachrichten. 6. Xuño.
  • Ruf, C. (2015 -b-). "Das Münzkabinett ist zurück im Dresdner Schloss". En Dresdner Neueste Nachrichten. Nº 120, 27. Maio.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]