Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión
Autor/aCarme Adán
OrixeGalicia
Linguagalego
ColecciónFeminismos
Tema(s)Feminicidio, feminismo
Xénero(s)Ensaio
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.26 de novembro de 2018
Formato135 x 210. Rústica con lapelas, tapa branca (edición de peto)
Páxinas188
ISBN978-84-9151-257-8

Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión é un ensaio da doutora en Filosofía, ensaísta e política galega Carme Adán publicado en 2018.

Contexto[editar | editar a fonte]

O percorrido teórico e a praxe do feminismo contemporáneo conseguiron visibilizar varios elementos estruturais do que varias teorías sociopolíticas definen como patriarcado ou orde patriarcal. Un dos elementos que basearían ese sistema universal de dominación sería a violencia exercida contra as mulleres -sobre todo aquela que levan a cabo as súas parellas ou ex-parellas-, que causa ducias de miles[1] de vítimas anuais. O ensaio de Carme Adán parte do feito de que a violencia patriarcal non precisa ser consciente das súas motivacións políticas para exercerse e polo tanto é da máxima importancia establecer un marco teórico que nos permita comprender en que medida esa violencia expresa, de seu, a existencia dunha organización social opresiva que afunde as raíces na Historia.

Contido[editar | editar a fonte]

“Coñecer, inverter e erradicar” son os tres momentos que Carme Adán considera necesarios para a eliminación da violencia machista. O ensaio parte do feito de que tal finalidade require, como punto de partida, pensar a violencia contra as mulleres (e non “violencia de xénero”) en calidade de feito político; se non indagamos na estrutura sociopolítica[2] que a xerou e a reproduce[3] acabaremos pasando por alto que os homes que asasinan foron educados dentro dela.

O poder das palabras[editar | editar a fonte]

Ao longo do libro ponse especial énfase no poder da palabra. Desde que temos constancia os filósofos, os lexisladores, os médicos, os curas, os homes sabios consideraban a muller un espécime en minoría de idade perpetua. Para ela, expresarse, razoar ou argumentar estaba vetado e por iso o silencio forzoso (“calada estás máis guapa”) era o cómplice ideal para eliminar a posibilidade da articulación dun pensamento. A historia do feminismo foi silenciada por intelectuais e pensadores.

Para Adán a prohibición de acceder ao saber sempre foi acompañada do desprestixio dos saberes femininos. Moitas das mulleres que (desde Hipatia de Alexandría a Olympe de Gouges ou Rosalía de Castro) reclamaron e exerceron o seu dereito a intervir na ciencia, a pensar a sociedade, a escribir poemas, teñen biografías con desenlaces tráxicos ou inxustos.

Na sociedade patriarcal a expropiación da credibilidade das mulleres ten como función deixalas sen capacidade, limitalas a testemuñas silenciosas. Recuperar as palabras implicaría, na visión da autora, recuperar a credibilidade.

Carme Adán xulga que o propio concepto de feminicidio condensa séculos de dominación e morte, mais tamén de resignificación. Nese aspecto critica o erro conceptual —que implica unha mala comprensión do que é a violencia contra as mulleres— por parte de institucións coma a RAE[4].

A importancia da epistemoloxía[editar | editar a fonte]

O ensaio reivindica a importancia de dispoñermos de conceptos e teorías feministas que axuden a indagar na violencia. Para a autora cada palabra importa,[5] cada unha delas é a pel dos conceptos cos que se fan leis[6] e programas, posúen carne, historia e fantasía que van mudando co paso do tempo. Analizar os conceptos que se refiren á violencia que sofren as mulleres é un importante traballo. Adán alude á precariedade epistémica, a falta de palabras acaídas para describir as situacións que viven as mulleres; tal ausencia constitúe na realidade unha inxustiza epistémica que acaba por afectar negativamente a outros aspectos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva.

Existen diferentes correntes de epistemoloxía feminista: o empirismo feminista (Helen Longino) ten a súa orixe nas investigacións feministas no ámbito das ciencias da vida; o feminismo marxista (Nancy Hartsock, Sandra Harding) convida a pensar na emancipación sumándose ao suxeito proletario; unha terceira corrente (Donna Haraway) explora teorías e prácticas que non reproduzan os discursos hexemónicos patriarcais.

A obxectividade. Unha comunidade de significado[editar | editar a fonte]

Carme Adán afirma que a obxectividade se converte nun compromiso feminista en canto que implica recoñecer os valores; non son estes algo que poidamos eliminar, senón unha parte máis do coñecemento. Recoñecelos é o camiño dunha obxectividade e investigar aqueles a partir dos cales se describiu a violencia contra as mulleres é unha forma de constatar o réxime patriarcal. A autora cre que o feminismo ha de ser un camiño de autodesignación: as mulleres defínense por elas mesmas e suplantan por fin a quen as suplantara á hora de caracterizar en que consiste o termo muller.

Xa que, continúa, palabras como xénero e igualdade son de uso común, tamén o deben de ser fenda salarial, queer, heteropatriarcado, feminicidio… A autora elixe algúns destes conceptos “conhistoria, carne e fantasía” para a súa reflexión, comezando polo termo mulleres. Debatelo lévanos a un campo de batalla dado que sempre fora heterodesignado; a Simone de Beauvoir d'O segundo sexo narra como se chega a ser muller fronte á tópica cultivada historicamente por homes; o amor romántico, o matrimonio e a maternidade, destinos trazados desde a infancia, conforman a tríade de dependencia na que as mulleres eran educadas. Tamén sería así hoxe, aínda que a orde se adapte aos novos tempos.

A construción sexo/xénero[editar | editar a fonte]

Lémbranos Adán que no artigo de Gayle Rubin “O intercambio das mulleres” se definirá por vez primeira o sistema sexo/xénero. Xa Linda Nicholson postulaba que os conceptos xénero e sexo se atopaban mutuamente relacionados e intervidos no pensamento patriarcal. O valor que se asignaba ao sexo reproducía os roles feminino e masculino na sociedade, xerarquizados (unicamente o masculino goza de recoñecemento e poder). Segregar nenos e nenas na educación reforzaría esa distribución de roles, nos cales o que ten verdadeiro valor se atribúe ao elemento masculino. Cuestionando o sexo como unha construción social máis, na liña de Judith Butler e Donna Haraway, cuestiónase tamén a distribución de papeis de xénero: xa que se nos ensina a pensar mediante etiquetas, poderíase etiquetar atentendo á diversidade.

Pola diversidade de conceptos[editar | editar a fonte]

O libro vai poñendo en acción a necesidade de superar a vella dialéctica e válese de varias propostas que xorden, por exemplo, dos movementos LGTBIQ, do transfeminismo (unha corrente que rexeita os termos muller e xénero) do ciberfeminismo social (que aposta por facer política a través dun activismo social en rede) do feminismo lésbico ou do feminismo branco heterosexual (que pensa que a violencia patriarcal agacha unha raíz común de homofobia e transfobia). Trátase tamén o concepto queer, empregado desde o século XVIII como un insulto para aquela persoa na que non se recoñecía de inmediato se era home ou muller.

A normativa da violencia. O espellismo da igualdade[editar | editar a fonte]

Un pequeno percorrido pola historia do feminismo implica, na perspectiva da autora, observar a evolución da normativa sobre a violencia contra as mulleres. A obra explica como quedaran fóra dos Parlamentos e do dereito ao voto, isto é, fóra da cidadanía, ata que no século XX cando conseguiu o voto feminino. Reivindicar o papel das mulleres como científicas, filósofas, artistas, protagonistas en calquera campo da sociedade (alúdese nesta obra a Pardo Bazán, Betty Friedan, as xa citadas Rosalía e Simone de Beauvoir, Roxane Gay etc.) denuncia ao paso a súa invisibilización e marxinación, época tras época, nos máis diversos episodios: caza de bruxas, violación como parte da acción bélica, escravitude dupla (no traballo industrial ou de servizos e no traballo doméstico e reprodutivo) baixo o sistema capitalista... Estes feitos, para Adán, non son vestixio doutro tempo. Vivimos na época do espellismo da igualdade porque permanecen prácticas da violencia patriarcal máis arcaica (violación[7], asasinato) e se normalizan realidades coma o acoso, o abuso ou o maltrato físico e psicolóxico; porque continúa o réxime de discriminación produto dun sistema xerárquico no que, detalla polo miúdo a autora, se atribúen distintos traballos, espazos, tempos, recursos e poder aos homes e ás mulleres. E se ben certas políticas e Gobernos en principio regulan xustamente os espazos do público -e, en menor medida, do privado-, as correccións dos Estados patriarcais modernos continúan ocultando un acceso desigual aos recursos e un contrato non escrito de carácter reprodutivo-sexual. Non sería alleo aos hábitos seculares do patriarcado o tratar as mulleres como vítimas, seres débiles e necesitados de axuda; fuxir do ideario da vitimización conlevaría mudar a atribución de roles que garante o funcionamento do sistema; as mulleres non son vítimas, é a propia estrutura sociopolítica de violencia social a que as coloca nunha posición de maior vulnerabilidade. Educar unha moza no medo a ser violada converteríaa, segundo Adán, en vítima, e polo tanto actualizaría as ferramentas de control dun patriarcado de rostro máis amable.

Os micromachismos[editar | editar a fonte]

O ensaio continúa denunciando que os chamados micromachismos non teñen nada de “micro”; non por ser acostumado ou soportable remite a gravidade persoal e estrutural de cada un deses feitos. O micromachismo funciona como síntese de séculos de infravaloracion das mulleres no máis visible, pero tamén no máis sutil. A autora apela ás lectoras do ensaio para faceren uso da súa memoria e recordaren cada unha das situacións; tamén as listaxes de desculpas e de preconceptos (“eu nin feminista, nin machista”) que apuntan con claridade á resistencia que segue a producir o feminismo, algo tan obvio coma os perversos debates acerca das “denuncias falsas”, unha ínfima porcentaxe convertida en consigna por parte de quen considera o feminismo un dos inimigos políticos principais.

A mobilización e as apropiacións[editar | editar a fonte]

As consignas do feminismo como ameaza política, explica esta obra, resultaron moito máis visibles a partir do éxito da convocatoria do 8 de marzo de 2018, cando mulleres de todas as idades e ideoloxías diferentes saíron á rúa para loitar contra o patriarcado; tamén a partir da viralización do #metoo ou do mainstreaming que avalía o impacto diferencial de xénero que teñen as actuacións públicas para conseguir un cambio estrutural con perspectiva feminista. Incluso menciona Adán a sentenza de “La Manada” e a participación masiva de mulleres en campañas coma #Cuéntalo. Simultaneamente, e non por acaso, atopamos o ensaio de Chimamanda Ngozi Todos deberiamos ser feministas convertido en lema para camisetas, lacrando o seu valor e insinuando que se trata nunha moda da que extrae beneficio económico.

O patriarcado actual[editar | editar a fonte]

Desde a perspectiva de Carme Adán, o feminismo enfróntase a un novo reto. A configuración do patriarcado nos tempos da actual fase do capitalismo (neoliberalismo) fai emerxer unha nova racionalidade que constrúe os seus propios mecanismos de desubxectivización. Neste contexto preténdese reducir as redes sociais a unha forma de autopromoción: ser popular é o único obxectivo das relacións. Así, tras a época na que se visualizou as mulleres como nais e educadoras do cidadán, a actual sociedade de clases baseada na mercantilización e na explotación chama por produtoras de man de obra barata nun contexto que trata de normalizar a prostitución, a pornografía e a hipersexualización dese novo tipo muller dependente da mirada masculina. O chamado contrato sexual, aínda que sutil, seguiría en vigor porque a violencia é o seu garante. Nunha sociedade formalmente xusta e igualitaria a submisión ha de ser a elección natural, non algo imposto. Para a autora o discurso da libre elección fai do corpo da muller un dos momentos máis álxidos da mercantilización da vida: ventres de aluguer (serían mulleres de clase baixa as que deciden alugar o seu ventre para sobrevivir, elas e as súas familias), trata e prostitución (un acto de humillación/submisión no que algúns invocan hoxe cinicamente a defensa da capacidade das mulleres para decidir), o parto sometido á violencia obstétrica… Carme Adán sinala a inexistencia, no plano real, da libre elección; trataríase apenas dunha falacia, un tópico máis da sociedade neoliberal.

Conclusións[editar | editar a fonte]

Carme Adán propón neste ensaio o traballo colectivo de despatriarcalizar o coñecemento, a política, o Dereito, a sociedade e a vida toda, por difícil que sexa encontrar os mecanismos para iso. Apunta a concentrar a nosa ollada crítica cara ao Estado (a súa propia configuración reproduce a violencia e a desigualdade) e a tentar garantir que a escola[8] estimule a nosa capacidade para ser libres. O patriarcado non acouga e segue forte, buscando novas formas para manter a submisión das mulleres. O principio fundante, desde o punto de vista da autora, segue a ser a violencia.[9] Este ensaio avoga por un amplo debate xurídico e multidisciplinar que permita a participación de toda a sociedade para lexislar e educar cara á erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres e de violencia contra a diversidade sexual.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Hechos y cifras: Acabar con la violencia contra mujeres y niñas". ONU Mujeres (en castelán). Consultado o 2019-05-14. 
  2. Hoy por hoy Lugo (29/03/2019). Entrevista a Carme Adán (Cadena SER). 
  3. Región, La. "El “Feminicidio" que escribe Carme Adán". La Región (en castelán). Consultado o 2019-05-16. 
  4. Galiza, Sermos. "Un comentario sobre "Feminicidio", de Carme Adán". Sermos Galiza (en inglés). Consultado o 2019-05-16. 
  5. "Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-05-16. 
  6. "O PP négase a incluír o feminicidio nas leis galegas". Praza.gal. Consultado o 17 maio 2019. 
  7. Biblioteca de Verín (2019-01-12). "Presentación do libro: “Feminicidio" obra de Carme Adán. (parte 2)". Consultado o 2019-05-16. 
  8. Il Canalla Rubens (2018-12-10). "Presentación "Feminicidio. Unha nova orde patriarcal" - Vigo [24/11/2018]". Consultado o 2019-05-16. 
  9. "“A violencia de xénero non é unha mostra da desigualdade, senón o elemento fundamental da mesma”". Praza.gal. Consultado o 17 maio 2019.