Olympe de Gouges

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Olympe de Gouges
Nome completoMarie Gouze
AlcumeOlympe de Gouges
Nacemento7 de maio de 1748
Lugar de nacementoMontauban
Falecemento3 de novembro de 1793
Lugar de falecementoParís
Causadecapitación
NacionalidadeFrancia
RelixiónDeísmo
Ocupacióndramaturga, xornalista, filósofa, escritora, política e autora
CónxuxeLouis Aubry
FillosPierre Aubry de Gouges
Coñecida porDeclaración dos dereitos da muller e da cidadá e Zamore et Mirza ou l'Esclavage des Noirs
Na rede
Bitraga: 1989 Musicbrainz: 994c9128-867d-44c4-ab06-3f7eb3159189 WikiTree: Gouze-1 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Olympe de Gouges, pseudónimo de Marie Gouze, nada en Montauban (Tarn-et-Garonne) o 7 de maio de 1748 e finada en París o 3 de novembro de 1793, foi unha escritora e abolicionista francesa, coñecida polas súas dúas obras máis famosas: A escravitude dos negros (1786) e a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá (1791). É a miúdo considerada unha das precursoras do feminismo occidental, encadrándoa no chamado feminismo ilustrado, dentro do período que precede á primeira onda do feminismo.[Cómpre referencia].Foi a segunda muller francesa en ser executada baixo a guillotina, só precedida por María Antonieta.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Montauban, nunha familia humilde (seu pai era carniceiro[2] e súa nai lavandeira). Segundo o seu rexistro de bautismo era filla de Pierre Gouze e Anne-Olympe Mouisset. Porén, ela considerabase filla biolóxica do marques de Pompignan, Jean-Jacques Le Franc.[3] [1]

Casou moi nova, en 1766, con Louis-Yves Aubry, co que tivo un fillo, Pierre. O seu marido morreu prematuramente cando ela tiña vinte anos.[4] Foi en 1773, a raíz dunha relación con Jacques Biétrix de Rozières, cando decidiu mudarse co seu fillo a París.[1] Alí foi moi ben acollida entre os círculos literarios e artísticos, onde se fixo coñecer baixo o nome de Olympe de Gouges.[4] Apaixonada polo xénero teatral, emprendeu unha carreira literaria, redactando obras de teatro e chegando a crear unha compañía de teatro en 1780.

O estilo dos seus textos foi bastante criticado e a súa gramática, ortografía e escritura non destacou pola calidade. A súa lingua materna era o occitano e ela mesma recoñeceu as súas deficiencias no seu francés escrito no prefacio de O home xeneroso.

"É preciso para vencer a crítica, que eu obteña unha indulxencia plenaria para todas as miñas faltas que son máis graves que leves: faltas de francés, faltas de construción, faltas de estilo, faltas de saber, faltas de interese, faltas de espírito, faltas de xenio."

L'Homme généreux (1786)[5]


Consecuentemente, non foi unha autora de éxito, malia intentar encarecidamente chegar a selo.[Cómpre referencia]

A partir de 1780 a súa implicación nas cuestións sociais e políticas vai progresivamente desprazando o seu interese pola literatura.[3] En novembro de 1788 publica no Journal de France o que sería o seu primeiro escrito político Carta ao pobo ou proxecto dunha caixa patriótica, onde propuña un novo imposto voluntario que se chegou a implantar ao ano seguinte con bastante popularidade. En canto ao seu posicionamento político, Olympe de Gouges avogaba por unha monarquía constitucional ou reformista[3] xa que mantiña unha postura conservadora favorable á monarquía. Influída por Montesquieu, defendeu a separación de poderes, sen contradicirse por iso con que en 1793 iniciara a defensa de Lois XVI e se opuxera a Robespierre e Marat. Isto contrastaba coa defensa activa de reformas sociais que trasmitíu a través dos seus escritos.[1]

Aínda que en 1789 frecuentaba as sesións da Asemblea Nacional, nunca participou nas protestas nas rúas.[1] Posicionábase en contra da pena de morte e da subversión da orde emanada da lei.[4] Durante este período escribiu unha boa cantidade de artigos, manifestos e discursos. Calcúlase que foron cerca de 30 panfletos. Unicamente a súa proposta do dereito ao divorcio foi recollida pola Asemblea,[1] froito en boa medida da súaproximidade cos xirondinos[4]. Fundou varias Sociedades Fraternas para ambos sexos.[Cómpre referencia] O seu pensamento ilustrado xa era patente nalgunhas das súas obras de teatro como A escravitude dos negros onde criticou con dureza a escravitude. Admiraba a Mirabeau, La Fayette, e sobre todo a Jacques Necker.

Nesta obra e nas Reflexións sobre os homes negros amosa unha postura abolicionista. Olympe de Gouges aparece citada como unha das poucas mulleres que formaban parte daquela da Asociacion dos Amigos dos Negros, fundada por Jacques Pierre Brissot.[4] A estrea da obra teatral A escravitude dos negros puido ser representada na Comedia Francesa grazas a mediación de Madame de Montesson[6], pero foi obxecto de moitas críticas e tan só puido chegar a representarse tres veces.[3]A raíz desta obra, que podía poñer en cuestión os alicerces dunha poderosa economía colonial, a autora foi mesmo ameazada co cárcere, aínda que debido ós seus apoios este feito non chegou finalmente a producirse.[6]

En setembro de 1791 publicou a súa famosa Declaración dos dereitos da muller e da cidadá que comezaba coas seguintes palabras:

Home, es quen de ser xusto? É unha muller quen che fai esta pregunta; non lle quitarás polo menos ese dereito[5]

O texto e a introdución estaban adicados á raíña María Antonieta. A estrutura da declaración calcaba a da Declaración dos dereitos do home e do cidadán de 1789. Nela reivindicaba a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, que non fora recollida no texto aprobado pola Asemblea Nacional.

Así mesmo realizou propostas sobre a supresión do matrimonio relixioso e a instauración a idea dun contrato civil e militou polo recoñecemento paterno dos nenos nacidos fóra do matrimonio.[4]

Foi tamén unha precursora da protección da infancia e dos desfavorecidos[4], ao teorizar en grandes liñas un sistema de protección materno-infantil (creación de maternidades) e recomendar a creación de obradoiros nacionais para os parados e preocupouse significativamente das condicións de vida dos fogares máis desfavorecidos.[7]

Execución de Olympe de Gouges

O 19 de xullo de 1793,tan só unha semana antes do asasinato de Marat en mans de Charlotte Corday, escribiu de xeito anónimo o texto As tres urnas ou a saúde da patria por un viaxeiro aéreo (Les Trois Urnes ou le salut de la patrie par un voyageur aérien), onde propuña o retorno a unhas asembleas primarias onde os franceses poidesen escoller entre tres formas de goberno: monarquía constitucional, república ou goberno federal.[8] Este proxecto opúñase ao modelo centralizado defendido polos xacobinos. [3] Cando estaba tentando a distribución deste affiche foi denunciada, sendo encarcerada ao día seguinte e a súa casa rexistrada tempo despois, confiscandoselle diversos textos. A súa condena baseouse principalmente neste último texto xa que "atentaba contra a soberanía nacional"[9], pero tamén en Olympe de Gouges défenseur officieux de Louis Capet.[4]

O dous de novembro de 1793 tivo lugar o seu xuízo, no que tivo que encargarse da súa propia defensa a falta do avogado que solicitara. Esta defensa está recollida en Olympe de Gouges no tribunal revolucionario (Olympe de Gouges au tribunal révolutionnaire). Foi sentenciada a morte e posteriormente guillotinada o 3 de novembro de 1793 na praza da Revolución, converténdose na segunda francesa executada por este medio, precedida só por María Antonieta .[1][2]

Legado[editar | editar a fonte]

En vida, Olympe de Gouges foi moi criticada e mesmo caricaturizada por algún dos seus coetáneos e polos autores do século XIX.[1][3][2] Aparece brevemente na obra de Jules Michelet Les Femmes de la Révolution, onde este autor lle fai duras críticas ós seus escritos, especialmente á Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, e á súa persoa. Dela afirma que non tiña formación e que se dicía que non sabía ler nin escribir, polo que insinuaba que outros lle escribiran as obras[1].

" era unha iletrada; mesmo se dicía que non sabía ler nin escribir. (...) Facíana traballar, escribir de máis dunha cuestión que o seu feble intelecto nin chegaba a comprender." [10]

Sobre estas críticas outros autores sosteñen que ela non creaba as súas obras a través da pluma, senón que llelas ditaba ós seus secretarios, costume bastante común na súa época.[3][1][4]

Non será ata pasada a segunda guerra mundial cando a súa figura comezará a ser estudada nos Estados Unidos, Alemaña ou Xapón.[11] O seu nome comeza a ser recuperado polas investigadoras feministas a partir dos setenta. Unha das biografías máis completas viu a luz da man dun dos principais estudosos da súa figura, Olivier Blanc, en 1981.[12] Con motivo do bicentenario da Revolución Francesa en 1989, a figura de Olympe de Gouges volve a estar presente nas publicacións conmemorativas. A partir da década do 2000 e especialmente a partir de 2010, a súa figura é recuperada chegando nalgúns casos a nivéis máis próximos á súa mitificación que á súa realidade como figura histórica do momento.[1][13]

Algunhas mulleres tíñanlle certa xenreira despois de escribir a Declaración dos dereitos, pois dicían que se aproveitara da súa posición social. Despois da súa execución, o seu nome foi tratado con moita dureza, sendo durante moito tempo tachada de prostituta. A súa independencia de espírito, os seus escritos valentes ou a súa xenerosidade e honestidade intelectual, convertérona nunha das máis grandes figuras humanistas de finais do século XVIII.[Cómpre referencia]

Levan o seu nome un bo número de orfanatos, casas de caridade, escolas e institutos en Francia.[1][11]

O traslado dos seus restos mortais ao Panteón de París ten sido reivindicado en varias ocasións.[14] A primeira vez en 1989, co gallo do bicentenario da Revolución Francesa, seguida da campaña promovida pola historiadora Catherine Marand-Fouquet en 1993. Máis tarde o editor dunha nova biografía de Olympe de Gouges, René Viénet, volveu reclamalo en 2011. [15] Na campaña electoral de 2007, a candidata a presidencia, Ségolène Royal, tamén se fixo eco destas reclamacións.[16]

Obras principais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Declaración dos dereitos da muller e da cidadá (1791)

Malia ser principalmente coñecida pola súa Declaración dos dereitos da muller e da cidadá, na súa carreira literaria o teatro ocupou un posto moi importante . A autora a miúdo utilizaba as súas obras dramáticas para proclamar e difundir os seus ideais, ben na temática, ben no prefacio.[4] Aínda que foi coetánea doutras dramaturgas como Madame de Montesson, Julie Candeille ou Sophie de Beauharnais, ningunha outra autora amosou un compromiso con temas tan controvertidos coma ela. Publicou máis de vinte obras teatrais, moitas delas xa desaparecidas, numerosos escritos de carácter político, un conto longo e unha novela autobiográfica.[17]

  • Zamore et Miza (L'Esclavage des Noirs) ou l'heureux naufrage ( teatro, escrita en 1783 e representada en 1788)
  • Le Mariage inattendu de Chérubin (teatro, 1784)
  • Mémoire de Madame de Valmont (novela autobiográfica, escrita en 1784 e publicada en 1788).
  • L’Homme généreux (teatro, 1786)
  • Molière chez Ninon, ou les Siècle des grands hommes (teatro, 1788)
  • Reflexións sobre os homes negros ( Remarques sur les hommes noirs, 1778)
  • Le prince philosophe (conto, 1789)
  • Les Démocrates et les aristocrates, ou les curieux du champ de Mars (1790)
  • A necesidade do divorcio (La Nécessité du divorce, 1790)
  • O convento ou os votos forzosos (Le Couvent, ou les vœux forcés, teatro, 1791)
  • Mirabeau aux Champs Élysées (teatro, 1791)
  • Declaración dos dereitos da muller e da cidadá (1791)
  • La France sauvée, ou le tyran détrôné (1792)
  • L’Entrée de Dumouriez à Bruxelles, ou les vivandiers ( teatro, 1793)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Cot, Eva (2017). Olympe de Gouges : entre Histoire et Mémoire XVIIIème siècle et XXIème siècle (Tese de mestrado) (en francés). Université Toulouse II Jean Jaurès. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Pellegrin, Nicole (1 de novembro de 2008). "Les disparues de la histoire". Le Monde diplomatique (en francés). Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Alvariño Alejandro, Carme (2007). "Introdución". Escritos políticos e literarios. Santiago de Compostela: Sotelo Branco. ISBN 9788478245116. OCLC 804215738. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 Blanc, Olivier (2008-11-01). "Olympe de Gouges, «celle qui voulut politiquer»". Le Monde diplomatique (en francés). Consultado o 2019-01-30. 
  5. 5,0 5,1 Tradución de Mercedes Pacheco Vázquez en Gouges, Olympe de (2007). Escritos políticos e literarios. Sotelo Blanco. ISBN 9788478245116. 
  6. 6,0 6,1 Blanc, Olivier (10 de outubro de 2014). "Conférence d’Olivier BLANC, historien, auteur d’Olympe de Gouges : des droits de la femme à la guillotine". You Tube (Le Loir-et-Cher ). 7:24-8:38. Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  7. Blanc, Olivier (10 de outubro de 2014). "Conférence d’Olivier BLANC, historien, auteur d’Olympe de Gouges : des droits de la femme à la guillotine". You Tube (Le Loir-et-Cher ). 21:35. Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  8. Blanc, Olivier (10 de outubro de 2014). "Conférence d’Olivier BLANC, historien, auteur d’Olympe de Gouges : des droits de la femme à la guillotine". You Tube (Le Loir-et-Cher ). 35:05. Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  9. Unha lei promulgada anteriormente establecía a pena de morte para quen buscase o retorno a calquera outra forma de goberno que non fose a república baixo sospeita de malas intencións Blanc, Olivier (10 de outubro de 2014). "Conférence d’Olivier BLANC, historien, auteur d’Olympe de Gouges : des droits de la femme à la guillotine". You Tube (Le Loir-et-Cher ). Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  10. "était illettrée; on a dit même qu’elle ne savait ni lire ni écrire. (...) On la fit agir, écrire dans plus d'une affaire que sa faible tête ne comprenait pas." Michelet, Jules.Les Femmes de la Révolution, Paris, A. Delahays, 1855
  11. 11,0 11,1 Lira, Emma (2017-05-10). "Olympe de Gouges, la revolucionaria olvidada". Focus On Women (en castelán). Consultado o 2019-01-30. 
  12. Olivier Blanc, Olympes de Gouges, Paris, Éditions Syros, 1981.
  13. Florence Gauthier, Olympe de Gouges, histoire ou mystification ?, Le Canard républicain,‎ 15 novembre 2013
  14. Rubin, Alissa J. (2014-01-22). "At Resting Place for " France's Great Men", Calls to Include More Women". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2019-01-30. 
  15. "Marie-Olympe de Gouges au Panthéon : c'est relancé". ladepeche.fr (en francés). Consultado o 2019-01-30. 
  16. "Ségolène Royal : "pas normal que les femmes soient si peu nombreuses" au Panthéon". Europe 1. Consultado o 2019-01-30. 
  17. André-Acquier, Geneviève (abril de 2009). "Olympe de Gouges au Panthéon". www.academiemontauban.fr (en francés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-30. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cot, Eva (2017). Olympe de Gouges : entre Histoire et Mémoire XVIIIème siècle et XXIème siècle (máster) (en francés). Université Toulouse II Jean Jaurès. 
  • Gouges, Olympe de (2007). Escritos políticos e literarios. Sotelo Blanco. ISBN 9788478245116. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]