Homofobia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Membro da Igrexa Bautista de Westboro portando un letreiro homofóbico. No cartel pode lerse: «Deus odia ós maricas».

A homofobia[1] é o feito cultural consistente no odio, o medo ou o rexeitamento da homosexualidade dentro dun grupo social. Con frecuencia fálase tamén de lesbofobia cando se trata da homofobia exercida contra mulleres lesbianas. É análoga á transfobia para as persoas transexuais e á bifobia para as persoas bisexuais. A homofobia é exercida e padecida tanto por persoas homosexuais como por persoas heterosexuais. Considérase que a homofobia é a principal ferramenta de coacción que un grupo social ten para impoñer unha estrutura heterocéntrica.[2]

Visión científica[editar | editar a fonte]

Cartel homófobo en Polonia.

O termo homofobia foi creado nos Estados Unidos polo investigador K.T. Smith e aparece por vez primeira nun artigo na revista Psychological Reports en 1971. Anteriormente o activista W. Churchill creara o termo homoerotofobia nun libro sobre o comportamento sexual entre machos de diferentes especies. Porén, o termo homofobia foi popularizado por Weinberg, quen no seu libro Society and the healthy homosexual (1973) o define como o medo de estar cun homosexual nun espazo pechado e, en relación cos propios homosexuais, o odio de si mesmos. A orixe do termo é obxecto de polémicas discusións que son o resultado de posturas non só teóricas, senón tamén ideolóxicas. Canto ao prefixo homo-, discútese se se debe entender como apócope de homosexual -nunha visión semellante á de Weinberg- ou se designa a quen é semellante -nunha perspectiva máis psicanalítica-. Canto ao radical fobia, debátese entre facer del un uso restritivo -medo entendido como patoloxía individual- ou ampliado -comportamentos e ideas negativas do grupo social-.[3]

O certo é que os únicos estudos científicos sobre o tema sinalan que a percepción dunha falta moral na lexitimación da homosexualidade é indicadora dunha posible desorde mental. Profesores da Universidade de California defenden a inclusión da homofobia no DSM (Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders), catálogo no que ata 1973 figuraba a homosexualidade mesma. Dende o Harvard Medical School advírtese de que as persoas con pensamentos homófobos precisan de tratamento psiquiátrico. Por último, o California Department of Corrections elaborou un programa de terapia antipsicótica destinado ás persoas que exhiben homofobia.[4]

Homofobia e sociedade[editar | editar a fonte]

Vídeo de 1961 dirixido a adolescentes, alertando dos perigos da pedofilia.

A homofobia non é un feito natural, nin instintivo nin universal, nin ten o mesmo significado en todas partes. É un feito cultural propio de certas sociedades en certas fases da súa historia. Dentro desta diversidade, en diferentes lugares, hoxe en día, a homofobia cobra formas moi diversas: aplícase só aos homes, ou só aos que son penetrados, ou só aos que se visten de muller. A base da homofobia atópase na confusión de xénero, é dicir, no abandono do rol propio dun xénero para adoptar o do xénero contrario. Así, o home que é penetrado ou a muller que penetra están transgredindo a norma propia do seu xénero, que asigna a cada individuo un papel dentro do binomio activo/pasivo ou o seu equivalente, penetrante/penetrado.[2]

Os foros de discurso heterocéntrico, entre eles a prensa e a televisión, pero tamén a familia e os círculos sociais, reproducen os síntomas da homosexualidade, principalmente a través da parodia e a burla. Deste esquema está excluída a homosexualidade feminina, por inexistente. Tales síntomas son os seguintes:[5]

  • Homoxeneidade. O homosexual ten sempre as mesmas características.
  • Hipersexualización. A principal característica do homosexual e a súa homosexualidade. O homosexual está sempre á procura de encontros sexuais.
  • Infelicidade. A homosexualidade é necesariamente insatisfactoria. O homosexual é un ser solitario e patético.
  • Promiscuidade. O homosexual orienta a súa atención a homes heterosexuais que sempre o rexeitan. O homosexual non é selectivo.
  • Afeminamento. O homosexual é invariablemente efeminado.
  • Sexo anal. As relacións sexuais homosexuais resólvense sempre a través da penetración anal.
Percepción da homosexualidade segundo o sentido do voto.

A homofobia maniféstase mediante mecanismos mentais inconsciente que o individuo interioriza como tantas outras ideas que forman parte da súa educación. Nas persoas homosexuais os impulsos homófobos teñen unha función primordial de normalización da heterosexualidade: lexitiman a orientación sexual propia; fanlles sentir que a súa moral e a súa sexualidade son válidos, naturais e superiores; permítelles sentirse orgullosos da súa masculinidade ou feminidade. Este mecanismo converte ao homosexual en bode expiatorio de emocións e pensamentos que non son aceptables polo grupo social en que se proxectan sobre el para afastar o sentimento de culpa, e o resultado desta proxección é a creación dun estereotipo: o home homosexual é efeminado, promiscuo e pedófilo; a muller homosexual é masculina e groseira.[2]

Predicador cristián contrario aos homosexuais.

A psicóloga Dorothy Ride desenvolveu unha escala de medición de niveis de actitude homofóbica:[6]

  • Repulsión. Os actos homosexuais son vistos como contrarios á orde natural. Calquera medio para modificar esta orientación está xustificado.
  • Conmiseración. Percíbese a heterosexualidade como algo ao que é preferible retornar. Os homosexuais son dignos de compaixón.
  • Tolerancia. As persoas homosexuais non completaron a súa maduración psicoemocional. Hai que tutelalas e coidalas.
  • Aceptación. Implica a existencia de algo que cómpre aceptar.

Dentro desta dinámica é corrente a patoloxización da homosexualidade, é dicir, a súa consideración como doenza. Existen clínicas especializadas na aplicación de tratamentos presuntamente terapéuticos encamiñados á curación da homosexualidade. A Asociación Americana de Psicoloxía (APA) mostrouse contraria a estes tratamentos por considerar que teñen pouca base científica e poden resultar moi lesivos.[7][8] Tamén a British Medical Association (BMA), a máis importante das organizacións profesionais médicas do Reino Unido, advertiu aos psiquiatras e psicólogos dese país que abandonen as "terapias reparadoras" debido á súa inutilidade e a súa potencial nocividade.[9] A imitación da dereita estadounidense, sectores conservadores de España intentan popularizar procedementos de manipulación psicolóxica aos que chaman "terapias reparadoras", a través de publicacións, prensa e medios de comunicación de corte católico.[10] Grazas a esta propaganda permanece aínda moi estendida a crenza de que a homosexualidade é unha doenza, crenza que hoxe en día sostén un 15% dos españois.[11]

Os estudos realizados sobre homofobia confirmaron que esta se basea nun rol de xénero masculino, moi forte e moi estereotipado. Isto quere dicir que as actitudes homófobas son máis comúns entre homes que se identifican cun rol tradicional e entre os que viven a relixión dun xeito fundamentalista.[12] Outros autores ven na homofobia a expresión sintomática da inseguridade do individuo homófobo con respecto da súa propia heterosexualidade. É significativo que a porcentaxe de homes con signos de homofobia duplica o de mulleres (do 48 ao 24% no Uruguai), do mesmo xeito que diminúe a medida que aumenta o nivel cultural (63, 29 e 27% dos que cursaron educación primaria, secundaria e universitaria, respectivamente) e diminúe a idade do individuo (44% das persoas entre 30 e 59 anos, 18% entre 18 e 30).[5]

Uso político da homofobia[editar | editar a fonte]

Tarxeta usada por Anita Bryant para promocionar Save Our Children.

A homofobia foi empregada historicamente con fins políticos, para manter ou estender determinados réximes.[13] O anterior arcebispo de Cidade do Cabo e Premio Nobel da Paz, o surafricano Desmond Tutu, declarou que a homofobia é un "crime contra a humanidade" e "tan inxusta" como o apartheid.[14] As organizacións máis conservadoras ven na homofobia unha palabra fetiche que impide toda reflexión sobre a anormalidade da homosexualidade e busca estigmatizar a aqueles que pensan que, socialmente, esta constitúe un problema.[15]

Nos anos 90 do século XX creouse en México a Comisión Cidadá contra os Crimes de Odio por Homofobia, que tomou parte activa na redacción da lei nacional contra a discriminación, aprobada no 2003.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para homofobia.
  2. 2,0 2,1 2,2 CASTAÑEDA, M. (1999). La experiencia homosexual: para comprender la homosexualidad desde dentro y desde fuera. Editorial Paidós. ISBN 968-853-428-5. (en castelán)
  3. 3,0 3,1 NÚÑEZ NORIEGA, G. (2007). Masculinidad e intimidad: identidad, sexualidad y sida. UNAM. ISBN 970-701-943-3. (en castelán)
  4. GONZALO SANZ, L.M. (2007). Entre libertad y determinismo: Genes, cerebro y ambiente en la conducta humana. Ediciones Cristiandad. ISBN 84-7057-519-8. (en castelán)
  5. 5,0 5,1 BASILIO MUÑOZ, C. (1996). Uruguay homosexual: culturas, minorías y discriminación desde una sociología de la homosexualidad. Ediciones Trilce. ISBN 9974-32-135-2. (en castelán)
  6. MAROTO SÁEZ, A.L. (2006). Homosexualidad y trabajo social: herramientas para la reflexión e intervención profesional. Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-1265-7. (en castelán)
  7. GLASSGOLD, J.M. et alt. (08/2009). American Psychological Association, ed. "Appropriate Therapeutic Responses to Sexual Orientation" (Pdf). Consultado o 01/07/2010. (en inglés)
  8. INZUNZA, A.S. (20/06/2010). www.elpais.com, ed. "Oraciones para dejar de ser gay". Consultado o 01/07/2010. (en castelán)
  9. CASSIDY, S. (02/07/2010). www.independent.co.uk, ed. "BMA declares that 'conversion therapy' for gays is harmful". Arquivado dende o orixinal (Pdf) o 08/12/2019. Consultado o 02/07/2010. (en inglés)
  10. FLICK (14/03/2010). www.dosmanzanas.com, ed. "La COPE promociona un libro que pretende ayudar a los padres a “curar” la homosexualidad de sus hijos". Consultado o 01/07/2010. (en castelán)
  11. YAGÜE, A.M. (20/06/2010). www.elperiodicodearagon.com, ed. "El 15% de los españoles considera una dolencia la homosexualidad". Arquivado dende o orixinal o 12/07/2010. Consultado o 01/07/2010. (en castelán)
  12. LÓPEZ SÁNCHEZ, F. (2006). Homosexualidad y familia: lo que los padres, madres, homosexuales y profesionales deben saber y hacer. Grao. ISBN 84-7827-445-6. (en castelán)
  13. CERUTTI GULDBERG, H.; MONDRAGÓN GONZÁLEZ, C. (2006). Resistencia popular y ciudadanía restringida. UNAM. ISBN 970-32-3155-1. (en castelán)
  14. WILLIAMS, G. (08/07/2004). www.afrol.com, ed. "Desmond Tutu: "La homofobia es igual al apartheid"". Arquivado dende o orixinal o 15/07/2010. Consultado o 24/06/2010. (en castelán)
  15. Igrexa Católica, Pontificium Consilium pro Familia (2006). Lexicón: términos ambiguos y discutidos sobre familia, vida y cuestiones éticas. Ediciones Palabra. ISBN 84-8239-990-X. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]