Elias Boudinot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaElias Boudinot



Retrato de Elias Boudinot (1817)

Biografía
Nacemento2 de maio de 1740.
Filadelfia, Pensilvania.
Morte24 de outubro de 1821 (81 anos)
Burlington, Nova Jersey.
Lugar de sepulturaCemiterio Marys Episcopal, Burlington, Nova Jersey. 
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
1795 – 1805
Membro da Cámara de Representantes dos Estados Unidos
4 de marzo de 1789 – 4 de marzo de 1795 – Thomas Henderson (pt) Traducir →
Presidente do Congresso Continental (pt) Traducir
4 de novembro de 1782 – 2 de novembro de 1783
← John Hanson (pt) TraducirThomas Mifflin (pt) Traducir → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
RelixiónPresbiterianismo.
Actividade
Lugar de traballo Washington, D.C. Editar o valor em Wikidata
OcupaciónPolítico e director da US Mint.
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeHannah Stockton (1762).
FillosMaria e Susan Boudinot.
IrmánsAnnis Boudinot Stockton (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Sinatura


WikiTree: Boudinot-3 Find a Grave: 12858 Editar o valor em Wikidata
Notes
Membro de:
American Antiquarian Society.
Sociedade Bíblica Americana.


Elias Boudinot, nado en Filadelfia o 2 de maio de 1740 e finado en Burlington, Nova Jersey, o 24 de outubro de 1821, foi un dos pais fundadores dos Estados Unidos. Foi avogado, estadista e un dos primeiros abolicionistas da escravitude e defensor dos dereitos da muller.

Durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, Boudinot foi oficial de intelixencia e comisario de prisioneiros de guerra ás ordes do xeneral George Washington, e traballou para mellorar as condicións dos prisioneiros tanto no bando estadounidense como no británico. En 1779 foi elixido membro do Congreso Continental e posteriormente do seu sucesor, o Congreso da Confederación, e exerceu como presidente do Congreso no bienio 1782-1783, os derradeiros anos da guerra.

Logo de ser elixido para o primeiro, o segundo e o terceiro Congreso dos Estados Unidos, nos que serviu de 1789 a 1795, Boudinot foi nomeado director da Casa da Moeda dos Estados Unidos polo presidente Washington e ocupou o cargo ata 1805, baixo as presidencias de John Adams e Thomas Jefferson. Como defensor dos dereitos da muller, dirixiu unha campaña federalista en Nova Jersey a principios da década de 1790 para animar as mulleres a participaren activamente en política. Boudinot, un devoto presbiteriano, pronunciouse adoito contra a escravitude, tanto como membro do Congreso como a título persoal. En 1816 axudou a fundar a Sociedade Bíblica Americana e foi o seu primeiro presidente durante cinco anos. Boudinot tamén foi membro do consello de administración do Princeton College entre 1772 e 1821, ano do seu falecemento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe familiar e formación xurídica[editar | editar a fonte]

Elias Boudinot naceu en Filadelfia, na daquela provincia de Pensilvania, o 2 de maio de 1740.[1][2] O seu pai, Elias Boudinot III (1706-1770), era un comerciante e prateiro veciño e amigo de Benjamin Franklin. A súa nai, Mary Catherine Williams (nada en 1710),[3] nacera nas Indias Occidentais Británicas, filla de pai galés. O avó paterno de Elias, Elias Boudinot II, era fillo de Jean Boudinot e de Marie Suire, da antiga rexión francesa de Aunis. Tratábase dunha familia hugonote (protestante francesa) que fuxira a Nova York cara a 1687 para evitar as persecucións relixiosas do rei Luís XIV.

Os pais de Elias casaron o 8 de agosto de 1729 e durante os seguintes vinte anos tiveron nove fillos, dos que só tres chegaron á idade adulta, entre eles Elias, que era o menor. A súa irmá Annis (1736-1801) converteuse nunha das primeiras poetas que publicaron a súa obra nas Trece Colonias, e os seus poemas apareceron nos principais xornais e revistas.[4] O seu irmán Elisha chegou a ser presidente do Tribunal Supremo de Nova Jersey.[5]

Logo de estudar e recibir clases na súa propia casa, Elias Boudinot foi a Princeton, Nova Jersey, para estudar Dereito como aprendiz de Richard Stockton, un avogado que casou coa súa irmá maior, Annis Boudinot. Stockton tamén se convertería nun dos pais fundadores, como asinante da Declaración de Independencia en 1776. En 1760,[1] Elias Boudinot foi admitido no colexio de avogados e comezou a práctica da avogacía en Elizabeth, Nova Jersey.[2]

Carreira política[editar | editar a fonte]

Escudo de armas de Elias Boudinot.

Boudinot converteuse nun destacado avogado e o seu despacho profesional prosperou. Ao se achegar a Revolución, aliñouse cos radicais Whigs e foi elixido membro da asemblea provincial de Nova Jersey en 1775.[1] Nas primeiras etapas da guerra promoveu activamente o alistamento, e en varias ocasións mesmo prestou diñeiro aos comandantes de campo para compraren subministracións. Boudinot axudou tamén a apoiar as actividades dos espías rebeldes.[6]

O 5 de maio de 1777, o xeneral George Washington pediulle a Boudinot que aceptase o cargo de comisario xeral de prisioneiros,[2] e o Congreso, a través da Xunta de Guerra, estivo de acordo. Boudinot foi nomeado coronel do Exército Continental para este traballo. Serviu ata xullo de 1778, cando outras responsabilidades o obrigaron a dimitir.[6] O comisario xestionaba os prisioneiros inimigos, e tamén era responsable de abastecer aos prisioneiros estadounidenses en poder dos británicos.[7]

En novembro de 1777, a lexislatura de Nova Jersey nomeou a Boudinot como un dos seus delegados ao Segundo Congreso Continental, mais as súas obrigas como comisario impedíronlle asistir, polo que en maio de 1778 presentou a súa dimisión. A principios de xullo xa fora substituído e asistiu á súa primeira reunión do Congreso o 7 de xullo de 1778. Como delegado, continuou preocupándose polo benestar dos prisioneiros de guerra. O seu primeiro mandato terminou ese ano.[6]

En 1781, Boudinot volveu ao Congreso, para un mandato que durou ata 1783. En novembro de 1782, foi elixido presidente do Congreso Continental para un mandato dun ano.[2][6] Aínda que o cargo de presidente do Congreso era principalmente cerimonial e carecía de autoridade real, obrigábao a manexar unha gran cantidade de correspondencia e a asinar documentos oficiais.[8] O 15 de abril de 1783 asinou os Artigos Preliminares de Paz con Inglaterra.[2][9] Cando se formou o Goberno dos Estados Unidos en 1789, Boudinot foi elixido por Nova Jersey para a Cámara de Representantes dos Estados Unidos, hata 1795.[1] Tamén foi elixido para o segundo e o terceiro congresos, onde xeralmente apoiou a Administración. Negouse a unirse á expansión de grupos afiliados que constituíron partidos políticos formais. Foi un dos nove representantes que votaron en contra da undécima emenda á Constitución dos Estados Unidos.[10]

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

En 1794, declinou servir outro mandato e abandonou o Congreso a principios de 1795. En outubro de 1795, Thomas Jefferson e George Washington seleccionaron a Boudinot para suceder a Henry William de Saussure como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[1]

O 28 de outubro comezou as súas novas funcións na Casa da Moeda e, entre outras medidas, prohibiu a práctica de utilizar prata pura para a cuñaxe de moedas, e ordenou volver á aliaxe legalizada polo Congreso, de 892 milésimas.[11] Durante o seu mandato como director, tivo que facer fronte á escaseza de prata nos depósitos da ceca necesarios para cuñar as moedas dun dólar de prata. Para paliar a situación, doou 9.000 coroas francesas de prata —daquela, unha coroa de prata valía un dólar e 10 centavos— á Casa da Moeda procedentes dos seus propios aforros. Boudinot abandonou a dirección da US Mint en 1805.[2][12]

Etapa final[editar | editar a fonte]

Retrato de Elias Boudinot (1811), por James Sharples.

Nos seus derradeiros anos, Boudinot investiu e especulou con terras. Foi propietario de grandes extensións en Ohio, entre elas a maior parte do municipio de Green, que hoxe son os suburbios occidentais de Cincinnati, onde hai unha rúa que leva o seu apelido. Á súa morte, legou 53 quilómetros cadrados á cidade de Filadelfia para parques e necesidades municipais.[2]

Ademais de ocupar cargos políticos, Elias Boudinot apoiou moitas causas cívicas, relixiosas e educativas ao longo da súa vida. Foi un dos administradores do College of New Jersey —máis tarde Universidade de Princeton— durante case medio século, desde 1772 ata 1821.[2] Cando o Congreso Continental se viu obrigado a abandonar Filadelfia en 1783 sendo el presidente, trasladou as reunións a Princeton, que se levaron a cabo no Nassau Hall do College.[13][14]

O 24 de setembro de 1789, a Cámara de Representantes votou a favor de recomendar aos estados a ratificación da primeira emenda da Constitución que se acababa de redactar. Ao día seguinte, o congresista Boudinot propuxo que a Cámara e o Senado lle solicitasen conxuntamente ao presidente Washington que proclamase un día de acción de grazas polos "moitos e sinalados favores de Deus todopoderoso". Boudinot dixo que:[15][16]

Non podía pensar en deixar pasar a sesión sen lles ofrecer unha oportunidade a todos os cidadáns dos Estados Unidos de unírense, cunha soa voz, para lle devolver a Deus todopoderoso o seu sincero agradecemento polas moitas beizóns que derramara sobre eles.

Como un devoto presbiteriano, Boudinot apoiou as misións e o labor misioneiro. Escribiu The Age of Revelation "A idade da revelación") en resposta a The Age of Reason ("A idade da razón"), de Thomas Paine,[17] e foi un dos fundadores da Sociedade Bíblica Americana e, a partir de 1816, o seu presidente.[2]

Boudinot defendeu os dereitos dos cidadáns negros e indios americanos, e patrocinou estudantes da Board School for Indians de Connecticut. Un deles, un rapaz cherokee chamado Gallegina Uwatie, tamén coñecido como Buck Watie, aloxouse con el en Burlington durante a súa etapa formativa. A admiración mutua entre ambos foi tal que Gallegina pediu e acadou o permiso para adoptar o nome do estadista. Máis tarde coñecido xa como Elias Boudinot, foi editor do Cherokee Phoenix,[18] o primeiro xornal dos Estados Unidos que se publicaba en cherokee e en inglés.[19][20]

Boudinot foi elixido membro da American Antiquarian Society en 1814.[21]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Retrato de Hannah Stockton Boudinot, atribuído a Matthew Pratt (1734-1805).

Logo de se establecer como avogado, o 21 de abril de 1762 Boudinot casou con Hannah Stockton (1736-1808),[3] a irmá menor de Richard Stockton. Tiveron dúas fillas, Maria Boudinot, que morreu aos dous anos, e Susan Boudinot.[3][22]

Susan casou con William Bradford, que chegou a ser presidente do Tribunal Supremo de Pensilvania e fiscal xeral baixo o mandato de George Washington. Tras a morte do seu home en 1795, Susan regresou a vivir á casa familiar, e editou os papeis do seu pai. Agora en posesión da Universidade de Princeton, estes documentos achegan unha visión significativa dos acontecementos da época revolucionaria.

En 1805, Elias, Hannah e Susan trasladáronse a un novo fogar en Burlington, Nova Jersey. Hannah morreu poucos anos despois da mudanza e Elias viviou alí o resto da súa vida, ata o seu falecemento o 24 de outubro de 1821.[22][1] Os seus restos mortais foron soterrados no cemiterio Saint Marys Episcopal, de Burlington.[2][22]

Legado e honras[editar | editar a fonte]

Granxa Boudinot-Southard, adquirida por Elias Boudinot en 1771.
  • Granxa Boudinot-Southard, en Bernards Township, Nova Jersey.[24]
  • Buque de carga Elias Boudinot (1943).[25]
  • Escola elemental Elias Boudinot en Burlington, Nova Jersey.
  • Rúa Boudinot en Filadelfia.[26]
  • Avenida Boudinot en Western Hills, Cincinnati, Ohio.[27]
  • Boudinot Place, en Elizabeth, Nova Jersey.[28]
  • Rúa Boudinot en Princeton, Nova Jersey.[29]
  • Estrada Boudinot en Franklin Township, Nova Jersey.[30]

Citas de Elias Boudinot[editar | editar a fonte]

Se o carácter moral dun pobo dexenera, o seu carácter político débeo seguir. Estas consideracións deberían conducirnos a unha atenta solicitude para sermos relixiosamente coidadosos na nosa elección de todos os funcionarios públicos... e xulgar a árbore polos seus froitos. [31]
Durante case medio século estudei ansiosa e criticamente ese tesouro inestimable que é a Biblia], e aínda case nunca a tomo sen achar algo novo, sen recibir algunha valiosa adición ao meu acervo de coñecementos ou percibir algún feito instrutivo nunca antes observado. En resumo, se me pedisen que recomendase o libro máis valioso do mundo, diría que a Biblia é o máis instrutivo tanto para o sabio como para o ignorante. Se me pedisen un que ofrecese o entretemento máis racional e pracenteiro á mente inquisitiva, repetiría que é a Biblia, e se renovasen a indagación sobre a mellor filosofía ou a historia máis interesante, aínda lles instaría a procuraren na súa Biblia. Convertería, en resumo, na alfa e a omega do coñecemento; e teñan por seguro que é por falta de comprensión das Escrituras, tanto do Antigo como do Novo Testamento, polo que o mundo en xeral lles dá tan pouco valor.[32]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Elias Boudinot. American politician". Encyclopaedia Britannica.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 "Boudinot, Elias. 1740-1821". Biographical Directory of the United States Congress (Bioguide.congress.gov).
  3. 3,0 3,1 3,2 "Elias Boudinot". Ancestry.com
  4. "Annis Boudinot Stockton". George Washington's Mount Vernon (Mountvernon.org).
  5. "Judge Elisha Boudinot". Findagrave.com
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Colonel Elias Boudinot". The Society of the Cincinnati in the State of New Jersey (Njcincinnati.org).
  7. Wroblewski, J. E. (2018). "Elias Boudinot IV: America's First Commissary General of Prisoners". En Journal of the American Revolution. 23 de abril.
  8. Jillson, C. C.; Wilson, R. K. (1994). Congressional Dynamics: Structure, Coordination, and Choice in the First American Congress, 1774-1789. Stanford University Press. Páxinas 76-80. ISBN 0-8047-2293-5
  9. "Treaty of Paris: Primary Documents of American History". Library of the Congress (LOC.gov).
  10. "Voteview | Plot Vote: 3rd Congress > House > 9". Voteview.com.
  11. Julian, R. W. (1993). Páxina 42.
  12. Julian, R. W. (1993). Páxinas 43-44.
  13. "Nassau Hall, Princeton, N.J. June 30, 1783 - Nov. 4, 1783". Office of the Historian. Department of State (History.state.gov).
  14. "July 4 is milestone in America’s —and Princeton’s— history". Princeton University (Princeton.edu).
  15. The Annals of the Congress, The Debates and Proceedings in the Congress of the United States, Compiled From Authentic Materials. 1834. Páxinas 1. Páxinas 949-950.
  16. "Thanksgiving and God". The American Vision (Americanvision.org).
  17. Boudinot, E. (1801). The Age of Revelation, or The Age of Reason Shewn to be An Age of Infidelity. Asbury Dickins.
  18. "Cherokee Phoenix". Oklahoma Historical Society (Okhistory.org).
  19. "Elias Boudinot". Findagrave.com
  20. McDonald Siron, G. (2014). Elias Boudinot and the missionaries to the Cherokee. James Madison University.
  21. "Members". American Antiquarian Society (Americanatiquarium.org).
  22. 22,0 22,1 22,2 "Elias Boudinot IV". Findagrave.com
  23. Smith, P. (2020).
  24. "Boudinot/Southard Farmstead". National Register of Historic Places.
  25. "Elias Boudinot". United States Department of Transportation (vesselhistory.marad.dot.gov).
  26. "Boudinot st Philadelphia". Google.es/maps
  27. "Boudinot Ave". Google.es/maps
  28. "Boudinot Pl". Google.es/maps
  29. "Boudinot St". Google.es/maps
  30. "Boudinot Ln". Google.es/maps
  31. "The Founders in their own words". The oil for your lamp (Theoul.com).
  32. Boudinot, Elias (1801).The Age of Revelation, or The Age of Reason Shewn to be An Age of Infidelity. Asbury Dickins. Páxina xv.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Henry William de Saussure

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1795 - 1805
Sucesor:
Robert Patterson