Henry William de Saussure

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHenry William de Saussure



Retrato de Henry William de Saussure.[1]
Biografía
Nacemento6 de agosto de 1763.
Pocotalifo, Jasper.
Carolina do Sur.
Morte26 de marzo de 1839 (75 anos)
Charleston
Carolina do Sur.
Member of the South Carolina House of Representatives (en) Traducir
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
EducaciónPrinmceton College
Actividade
OcupaciónPolítico, xurista e director da US Mint.
Partido políticofederalist (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
FamiliaDe Saussure (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeElizabeth Ford (1785).
FillosWilliam F. De Saussure (pt) Traducir, Mary Caroline Blanding (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

WikiTree: DeSaussure-26 Find a Grave: 63952268 Editar o valor em Wikidata


Henry William de Saussure (tamén escrito DeSaussure), nado en Pocotalifo, no condado de Jasper, Carolina do Sur, o 16 de agosto de 1763, e finado en Charleston, no mesmo estado, o 26 de marzo de 1839, foi un avogado, lexislador estatal, xurista e político estadounidense do Partido Federalista, logo da Guerra de Independencia.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixe familiar e formación[editar | editar a fonte]

Henry William de Saussure naceu en 1763 en Pocotaligo, Carolina do Sur,[3][4] o segundo dos catro fillos de Mary McPherson (1739-1815) e de Jonathan Daniel Hector de Saussure (1736-1798), un destacado comerciante da cidade de Charleston.[5][6] Durante a súa infancia, a familia trasladouse inicialmente á cidade de Beaufort, onde se educou na escola do profesor Cummings, escocés, e posteriormente a Charleston, onde tivo como titor a James Lampdem Thompson, un profesor clásico de gran reputación.[7]

Aos seus 17 anos participou xunto co seu pai na defensa de Charleston durante o asedio da cidade en 1780,[4] e cando esta se rendeu ás forzas británicas, ambos foron capturados.[5] Como prisioneiro de guerra, Henry foi recluído inicialmente a bordo do buque-prisión Pack-Horse, no porto de Charleston e, logo foi trasladado a Nova York e confinado no buque Wasp, e por mor das deplorables condicións do seu confinamento, a súa saúde acabou por se resentir.[8] En xuño de 1781 foi posto en liberdade,[4] baixo a custodia da súa nai, no marco dun intercambio de prisioneiros, máis dun ano despois da rendición, en tanto que o seu pai foi trasladado ás prisións británicas de Saint Augustine, en Florida.[9]

As propiedades do seu pai en Charleston e Beaufort foron confiscadas, o que obrigou a súa nai a exiliarse en Filadelfia cos seus cinco fillos durante o resto da Revolución Americana. A familia reuniuse naquela cidade logo da liberación do seu pai como parte dun intercambio de prisioneiros, logo da rendición das forzas británicas en Yorktown, Charleston e Nova York.

Durante a súa estadía en Filadelfia na súa xuventude, de Saussure asistiu ao Princeton College, onde estudou Dereito co avogado Jared Ingersoll. En 1784 foi admitido no Colexio de Avogados de Filadelfia e en 1785 no de Charleston.[4][10] Logo do seu casamento en 1785,[11] ese mesmo ano abriu nesa cidade un despacho de avogados xunto co seu cuñado, Timothy Ford.[5]

Carreira pública[editar | editar a fonte]

Retrato de Henry William de Saussure (1834) por Charles Fraser.

De Saussure converteuse axiña nunha voz prominente na política da rexión do Lowcountry —a zona costeira de Carolina do Sur—, aliñado co Partido Federalista, polo que foi elector presidencial en 1796. Nesta rexión ocupou diversos cargos civís na cidade de Charleston ao longo da súa carreira. En outubro de 1789 foi elixido membro da Convención de 1790 en Columbia, que redactou unha nova constitución estatal. Foi elixido membro da Asemblea Xeral de Carolina do Sur en xaneiro de 1791,[11][12] e formou parte dese órgano durante toda a década de 1790.[5]

O 8 de xullo de 1795 foi nomeado polo presidente George Washington como o segundo director da incipiente Casa da Moeda dos Estados Unidos, inaugurada só tres anos antes, e ocupou este cargo ata outubro dese mesmo ano, cando dimitiu para regresar a Carolina do Sur.[4][13][14][15] No exercicio deste cargo foi quen de cumprir o desexo de Washington de cuñar as primeiras moedas estadounidenses de ouro, coa produción das pezas de dez dólares do modelo coñecido como Capped Bust, que o seu predecesor no cargo, David Rittenhouse, non fora capaz de realizar, por mor do que consideraba "dificultades insuperables.[11][16]

De volta a Carolina do Sur, entre 1797 e 1799 exerceu como intendente (alcalde) da cidade de Charleston.[2][17]

En 1801 foi copatrocinador da lexislación pola que se creou o South Carolina College, que se convertería despois na Universidade Estatal de Carolina do Sur.[5][4][18][19] Como fundador e primeiro fideicomisario desta universidade en Columbia, un dos edificios orixinais situado na Ferradura, no centro do campus, recibiu o seu nome na súa honra: DeSaussure College.[20]

Entre 1802 e 1807, De Saussure renunciou a continuar co seu labor na Administración de xustiza e retomou a súa profesión como avogado particular.[21] En 1808 recibiu o título de Chanceler como maxistrado do Tribunal de Equidade de Carolina do Sur, tamén coñecido como Tribunal de Chancelaría.[11] Ocupou este cargo durante 29 anos, ata 1837, cando o seu delicado estado de saúde o obrigou a dimitir.[4][22][23] Durante a súa etapa como chanceler, redactou e codificou gran parte da lei de equidade do estado.[5] Durante este período. De Saussure foi elixido, en 1835, como o primeiro presidente da Sociedade para o Progreso do Coñecemento, que se acababa de crear, cargo que tamén se viu incapacitado para manter a partir de 1837.[24]

De Saussuree foi un dos principais investidores na fundación do que nun principio ía ser o xornal de tendencia federalista da cidade, o Charleston Courier, en 1803,[2] que posteriormente cambiou a súa cabeceira a The Post and Courier, logo da súa fusión con outras publicacións.[25] Como xuíz dun tribunal de apelación, as súas opinións sobre diversos temas publicáronse amplamente nese xornal baixo pseudónimo, como era costume daquela no caso dos funcionarios públicos, sinaladamente os xuíces, que deseaban expresar os seus puntos de vista fóra dos organismos oficiais.

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Durante o exilio familiar en Filadelfia, na primavera de 1785, antes de regresar a Charleston, de Saussure casou con Elizabeth Ford (1767-1821),[4][22][26] filla do coronel Jacob Ford, de Morristown, Nova Jersey.[27] Henry e Eliza tiveron 12 fillos. O segundo deles, William Ford de Saussure (1792-1870),[28] foi alcalde de Columbia e nomeado para cubrir un mandato non expirado no Senado dos Estados Unidos en 1852.[29]

A grave deterioración da súa saúde que o obrigara a retirarse da xudicatura en 1837 acabou por provocar o seu falecemento o 26 de marzo de 1839, aos 75 anos. De Saussure finou na residencia do seu fillo maior, en Charleston, onde pasara os seus derradeiros días, logo do agravamento da súa doenza.[30] De Saussure foi soterrado no panteón familiar do primeiro cemiterio presbiteriano de Columbia.[5][6]

Outros membros salientables da famila de Saussure[editar | editar a fonte]

Outros membros notables da familia De Saussure[31] foron o irmán do avó de Henry William, César-François de Saussure (1705-1783)[32] —agregado do servizo exterior e comentarista social— e os seus curmáns suízos: Horace-Bénédict de Saussure (1740-1799)[33]médico e naturalista—, Albertine Necker de Saussure (1766-1841)[34]escritora e pedagoga—, Ferdinand de Saussure (1857-1913)[35]lingüista— e Éric de Saussure (1925-2007), —artista e membro da Comunidade de Taizé—. Outros descendentes estadounidenses son o seu neto Wilmot Gibbes de Saussure (1822-1886)[36]xeneral da milicia de Carolina do Sur e Secretario do Tesouro dese estado durante a Guerra Civil— e Arthur Ravenel Jr. (1927-2023),[37] membro do Congreso dos Estados Unidos de 1987 a 1995.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Whittmore, H. (1897). Páxina 80.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Henry William DeSaussure, 1763-1839". Charleston-sc.gov
  3. Whittmore, H. (1897). Páxina 79.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Smith, P. (2020).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Gannon K. (2016).
  6. 6,0 6,1 "Henry William DeSaussure". Findagrave.com
  7. Harper, W. (1841). Páxina 12.
  8. Whittmore, H. (1897). Páxinas 79-80.
  9. Harper, W. (1841). Páxinas 12-13.
  10. Harper, W. (1841). Páxina 13.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Whittmore, H. (1897). Páxina 80.
  12. Harper, W. (1841). Páxinas 19, 23.
  13. "Mint Director De Saussure's Charleston Home Renovated". En The E-Sylum. Vol. 12. Nº 21. 24 de maio de 2009.
  14. Evans, G. G. (1893).
  15. Julian, R. W. (1993).
  16. Harper, W. (1841). Páxinas 21-22.
  17. "Intendants and Mayors of Charleston". Charleston-sc.gov
  18. Harper, W. (1841). Páxina 22.
  19. Grant, M. (2013). The Conquest of a Continent. TheWermod and Wermod Pub. Páxina 149. ISBN 978-1-909606-01-2
  20. "University History: Nuildings and Structures". University of South Carolina.
  21. Harper, W. (1841). Páxina 23.
  22. 22,0 22,1 Whittmore, H. (1897). Páxina 81.
  23. Harper, W. (1841). Páxina 25.
  24. Harper, W. (1841). Páxina 27.
  25. "The Post and Courier, the South’s oldest daily newspaper, celebrates 220th anniversary". En The Post and Courier. 10 de xaneiro de 2023.
  26. Harper, W. (1841). Páxina 19.
  27. "Elizabeth “Eliza” Ford DeSaussure". Findagrave.com
  28. "DeSaussure, Henry William". South Carolina Encyclopedia.
  29. "William Ford De Saussure". Findagrave.com
  30. Harper, W. (1841). Páxina 29.
  31. "de Saussure". En Dictionnaire Historique de la Suisse (DHS).
  32. Larminie, V. (2004). "Saussure, César-François de, (1705-1783)". En Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press.
  33. "Horace Bénédict de Saussure". En Encyclopaedia Britannica.
  34. "Albertine-Adrienne Necker de Saussure". En Encyclopaedia Britannica.
  35. "Ferdinand de Saussure". En Encyclopaedia Britannica.
  36. "Gen Wilmot Gibbes De Saussure". Findagrave.com
  37. "Ravenel, Arthur, Jr.". Biographical Directory of the United States Congress

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Evans, G. G. (1893). "Henry William Desaussure". En Illustrated history of the United States mint. G. G. Evans, Filadelfia. Páxina 102.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
David Rittenhouse

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1795
Sucesor:
Elias Boudinot