Andrés Parada Alvite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Suco
Información persoal
Nome Andrés Parada Alvite
Nacemento 27 de setembro de 1938 (84 anos)
Lugar de nacemento Ribeira
Altura 1,70 m.
Posición Extremo
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1954–1955 Ribeira
1955–1956 Cambados
1956–1959 Racing de Ferrol 72 (21)
1959–1961 Barcelona 9 (1)
1961–1963 Racing de Santander 47 (6)
1963–1966 Valencia 28 (2)
1966–1967 Deportivo da Coruña 23 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Andrés Parada Alvite, nado en Ribeira o 27 de setembro de 1938, é un exfutbolista galego máis coñecido como Suco. Xogaba de extremo esquerdo e tras destacar no Racing de Ferrol foi fichado polo FC Barcelona, co que gañou unha liga e unha Copa de Feiras. Posteriormente xogou no Racing de Santander e no Valencia, antes de pechar a súa carreira no Deportivo da Coruña. É irmán maior do tamén exfutbolista Suco II, que militou case toda a súa traxectoria deportiva no Celta de Vigo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Ribeira da súa vila natal, sendo chamado Suco, como forma abreviada de Andresuco.[1] Tras un breve paso polo Cambados, en 1956 fichouno o Racing de Ferrol. Debutou na Segunda División da man do adestrador Juan Vázquez, na cuarta xornada da tempada 1956/57 contra o Barakaldo no estadio de Lasesarre, formando na dianteira xunto a Carlitos, Malpica, Tucho e José Luis.[2] Anotou o seu primeiro gol dous meses despois, nunha derrota por 5-1 contra o Eibar en Ipurua.[3] O equipo verde rematou 16º, tendo que xogar unha promoción na que logrou a permanencia derrotando ao Turista.[4]

Xogou tres tempadas e media no Racing de Ferrol, todas elas en Segunda, coincidindo con históricos futbolistas do club como os irmáns Anca, Vegazo ou Marcelino. Disputou 74 partidos oficiais, nos que marcou 21 goles.

En novembro de 1959 foi traspasado ao FC Barcelona de Helenio Herrera por un millón de pesetas, sendo naquel momento o traspaso máis caro da historia do club ferrolán.[1] Debutou co equipo catalán o 29 de novembro de 1959, nun partido de liga contra o Real Madrid no Bernabéu, formando dianteira con Evaristo, Eulogio Martínez, Luis Suárez e Villaverde. A vitoria naquel encontro foi para o equipo madrileño por 2-0, con tantos de Mateos e Alfredo Di Stéfano.[5]

Marcou o seu primeiro gol co Barcelona na xornada 22 da tempada 1959/60, nunha goleada por 8-0 contra a UD Las Palmas no Camp Nou. Esa tempada o club proclamouse campión da liga e da Copa de Feiras. Ao ano seguinte debutou na Copa de Europa, xogando a segunda semifinal contra o Hamburgo no Volksparkstadion, onde saíu de inicio na dianteira xunto con Suárez, Evaristo, Kocsis e Kubala.[6] Disputou un total de 14 partidos oficiais co Barcelona en dúas tempadas, marcando dous tantos.

En 1961 saíu cedido ao Racing de Santander, co que acabou descendendo esa tempada á Segunda División.[7] Tras unha segunda tempada en Santander, fichou polo Valencia. Xogou tres anos no club valenciano, xogando dúas edicións máis da Copa de Feiras, onde marcou o seu primeiro e único gol europeo. Foi o 18 de setembro de 1963, nos dezaseisavos de final contra o Shamrock Rovers en Dalymount Park, onde o Valencia gañou 0-1.[8] Esa tempada o club che acadou a final, onde se enfrontou ao Real Zaragoza. Villa fixo o primeiro gol para os aragoneses, empatando Urtiaga case inmediatamente. O galego Marcelino puxo o 2-1 para o Zaragoza e a partir de aí unha serie de polémicas decisións arbitrais elevaron a tensión do partido. Suco foi expulsado despois de agarrar ao árbitro portugués Joaquim Campos polo pescozo e arrincarlle sen querer a cadea coa imaxe da Virxe de Fátima que este levaba, e o título foi para o Zaragoza.[9]

Na tempada 1966–67 fichou polo Deportivo da Coruña, ao que chegou xunto aos tamén exvalencianistas García-Verdugo e Sánchez Lage.[10] Na súa primeira tempada no club coruñés gozou da titularidade no ataque, xunto con Sánchez Lage, Manuel Loureda, Carlos Pellicer e Luis Ribada. Xogou 19 partidos sen lograr ningún gol e ese ano o equipo descendeu a Segunda División. Continuou no equipo unha tempada máis, na que o Deportivo se proclamou campión da categoría e regresou a Primeira.

Persoal[editar | editar a fonte]

É irmán do tamén futbolista José Manuel Parada Alvite, alcumado Suco II.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Barcelona

Deportivo da Coruña

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Suco, el nuevo jugador de Barcelona, entrenó y convenció". Mundo Deportivo (en castelán). 13 de novembro de 1959. p. 3. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  2. "Baracaldo, 1 - Ferrol, 0". La Noche (en castelán). 1 de outubro de 1956. p. 3. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  3. "Perdió el Ferrol en Eibar (5-1)". El Pueblo Gallego (en castelán) (10850). 27 de novembro de 1956. p. 8. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  4. "Exigua victoria del Club Ferrol frente al Turista (1-0)". La Noche (en castelán) (11314). 24 de xuño de 1957. p. 6. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  5. "Juego entretenido y emocionante trenzaron el Real Madrid y el Barcelona". La Noche (en castelán) (11923). 30 de novembro de 1959. p. 8. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  6. "Con un gol de Koczis diez segundos antes del final, el Barcelona forzó un tercer partido con el Hamburgo". El Pueblo Gallego (en castelán) (12315). 27 de abril de 1961. p. 10. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  7. "El Elche pretende fichar a Suco". La Noche (en castelán) (12535). 25 de maio de 1962. p. 5. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  8. "El Valencia venció al Shamrock Rovers". La Noche (en castelán) (13035). 19 de setembro de 1963. p. 6. Consultado o 21 de novembro de 2021. 
  9. "Suco y la medalla de la Virgen de Fátima". Las Provincias (en castelán). 27 de xuño de 2020. Consultado o 22 de novembro de 2021. 
  10. "El extremo Suco fichó por el Coruña". El Progreso (en castelán) (18292). 29 de maio de 1966. p. 6. Consultado o 21 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]