Dólar de comercio (Estados Unidos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de comercio (Estados Unidos) [1]
A/: a Liberdade sentada nun pedestal fronte ao mar, ollando á esquerda, sostendo cunha man unha póla de oliveira e coa outra unha fita coa palabra LIBERTY e rodeada por 13 estrelas (as 13 colonias). No pedestal, o lema IN GOOD WE TRUST. Data no exergo. R/: aguia que sostén nas súas gadoupas pólas con bagas e setas. Enriba, fita co lema E PLURIBUS UNUM. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / TRADE DOLLAR / 420 GRAINS. 900 FINE.

O dólar de comercio estadounidense é unha moeda co valor facial dun dólar emitida en prata pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1873 e 1885 para competir con outros dólares comerciais de métrica similar emitidos por diversos países para o comercio coa Asia Oriental.

A idea da creación desta moeda xurdiu xa na década de 1860, cando o prezo da prata comezou a baixar por mor da actividade mineira no Oeste dos Estados Unidos. Finalmente, presentouse no Congreso un proxecto de lei que prevía a creación dun dólar de comercio, que foi aprobado e posteriormente sancionado como Lei da Moeda de 1873, que lle outorgaba curso legal nos EEUU unicamente ata unha cantidade de cinco dólares.

Logo de tomar en consideración varios deseños, tomáronse como definitivas a propostas presentadas, tanto para o anverso como para o reverso, polo gravador xefe da Casa da Moeda dos EEUU, William Barber.

A súa cuñaxe iniciouse no propio 1873 e a maioría dos exemplares foron enviados á China. Co tempo, os produtores de prata comezaron a converter grandes cantidades deste metal en dólares de comercio na Casa da Moeda, o que provocou que a moeda chegase a inserirse nas canles comerciais estadounidenses. Tal situación causou insatisfacción entre os que a recibían como medio de pagamento, dada a mala sona acadada polos dólares de comercio, que se negociaban por un valor inferior ao seu valor nominal. En resposta á súa ampla presenza no mercado nos Estados Unidos, este dólar foi oficialmente desmonetizado en 1876, aínda que a súa cuñaxe se mantivo ata 1885 con algúns exemplares de proba anuais.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O alto funcionario John Jay Knox popularizou a idea de crear un dólar comercial para competir co peso mexicano no seu uso no Extremo Oriente.

Logo do estoupido en 1849 da febre do ouro de California, en 1851 xurdiu a febre do ouro Australiana, que provocou a introdución no comercio dunha cantidade de ouro superior á que poderían absorber doadamente as canles comerciais normais. Isto provocou unha diminución do valor do ouro e un aumento do valor relativo da prata. Como resultado, as moedas de prata desapareceron axiña da circulación por mor do seu acaparamento e da súa fundición. A reacción do Congreso foi autorizar que a US Mint reducise a produción de todas as moedas de prata do sistema, agás a de tres centavos e a dun dólar.[2] A partir da década de 1860 a produción de prata aumentou e, xa que logo, o seu prezo diminuíu. Durante este tempo, as moedas de prata desapareceron en gran medida da circulación e foron substituídas pola moeda de cobre divisionaria e polo papel moeda.[3]

Na China, o peso mexicano substituíra o real de oito español como moeda moi apreciada no comercio. No entanto, a poboación chinesa era moi sensible a calquera cambio no deseño das moedas e amosábase reticente a aceptar novas especies, por pequeno que fose o cambio no seu deseño. O dólar de prata estadounidense, que era 0,49 gramos máis lixeiro que o real de oito español e o peso mexicano, non era popular en Asia por esa diferenza de peso, o que obrigaba os comerciantes estadounidenses a mercar pezas españolas ou mexicanas para as utilizar no comercio.[4] A partir de 1866, durante o reinado en México do emperador Maximiliano, cambiouse o deño do peso para amosar o retrato do monarca, o que motivou a súa desaprobación xeneralizada pola poboación chinesa.[5]

Creación do marco lexislativo[editar | editar a fonte]

No marco dunha investigación levada a cabo na Ceca de San Francisco, John Jay Knox, que ocupaba o cargo de controlador de moeda adxunto, comezou a debater a situación monetaria con Louis A. Garnett, que exercera como tesoureiro e ensaiador daquela ceca. Garnett recomendou que os Estados Unidos cuñasen un dólar comercial para a súa exportación ao Extremo Oriente, co fin de competir coas moedas de comercio de prata emitidas por outros países e que xa eran moi populares na rexión.[6] O razoamento de Garnett baseábase en que a maioría das moedas se atesourarían ou se fundirían en Asia e nunca se chegarían a presentar para o seu troco, o que lle permitiría ao Goberno obter beneficios da señoriaxe —é dicir, na diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—.[7] Durante a súa estadía en San Francisco, Knox tamén discutiu a proposta de dólar de comercio con Henry Linderman, que naquel momento traballaba como axente especial do Tesouro dos EEUU. En 1870, Knox redactou un informe para o Tesouro e logo encargouse da redacción do proxecto de lei sobre a creación destas moedas, que foi aprobado por George Boutwell, o secretario do Tesouro.[6] Logo dalgunhas revisións e modificacións, o proxecto de lei foi presentado ao Congreso.[8]

Esta proposta de deseño de William Barber para o dólar de comercio estadounidense, que amosa a Columbia cunha aguia, foi rexeitada pola Casa da Moeda por ser excesivamente militarista.[9]

O 19 de novembro de 1872, en tanto que o proxecto de lei sobre a cuñaxe de moedas continuaba no Congreso, Linderman presentoulle un informe ao secretario do Tesouro no que argumentaba que o dólar de comercio non precisaría ter curso legal e que podería ser unha simple peza de prata impresa cos datos do seu peso e da fineza da súa lei. Linderman tamén sinalaba que un produto desta natureza podería substituír o peso mexicano e chegar a reportar un beneficio de entre o seis e o oito por cento; naquel momento, a prata estadounidense exportada a Asia vendíase cun desconto do dous por cento. Linderman propuxo que a moeda recibise o nome de Silver Union ("unión de prata", para a distinguir dos dólares para a circulación común que se cuñaban naquela época.[10]

En febreiro de 1872, o proxecto de lei foi emendado por un comité da Cámara de Representantes para incluír a autorización dun dólar de comercio de 27 gramos, aínda que esta proposta foi substituída meses despois, cando a Cámara votou favorablemente a produción dun dólar estándar de 24,9 gramos. Porén, mentres estaba no Senado, engadiuse ao proxecto unha disposición que lle esixía ao Tesouro retomar a idea da cuñaxe dun dólar de 27 gramos. O proxecto de lei xa revisado foi aprobado na Cámara de Representantes e no Senado, e foi asinado polo presidente Ulysses S. Grant o 12 de febreiro de 1873, para se converter na Lei da Moeda de 1873.[8][11]

Entre outras cousas, a nova lei prevía a cuñaxe de dólares de comercio dotados de curso legal ata a cantidade de cinco dólares.[12] A disposición sobre a dotación do carácter de curso legal engadiuse mediante unha cláusula de última hora para satisfacer os intereses dos produtores de prata.[13] Ante a insistencia do senador por Ohio John Sherman, ordenouse indicar no seu reverso o peso e a fineza da lei da moeda, unha indicación que o historiador numismático Don Taxay considerou incomprensible, xa que "os comerciantes chineses nunca a entenderían".[14]

Con anterioridade á aprobación da Lei da Moeda de 1873, o director da Ceca de Filadelfia era tamén o responsable do resto das sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos; mais logo da súa aprobación, a dirección da US Mint trasladouse a Washington e a responsabilidade das cecas sucursais foi transferida aos seus respectivos superintendentes.[15]

Selección do deseño[editar | editar a fonte]

Outras probas non aceptadas do dólar de comercio estadounidense.[16]

Xa ao longo de 1872, a Casa da Moeda levou a cabo a cuñaxe dunha serie de probas para determinar un deseño definitivo do novo dólar de comercio, en previsión de que a nova Lei da Moeda puidese ser aprobada en calquera momento. A produción destas probas continuou durante 1873, e a denominación inicial de "dólar comercial" (commercial dollar) cambiou a "dólar de comercio" (trade dollar), xa antes de que o proxecto se convertese en lei. Logo da aprobación da lei, Linderman reuniuse co director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, James Pollock, para discutir acerca do deseño do novo dólar xa autorizado, e ambos acordaron solicitar á empresa de xoiaría e gravado de Filadelfia Bailey Banks & Biddle a proposta duns deseños, para os comparar cos xa creados polo gravador xefe da Casa da Moeda, William Barber.[17]

Logo de examinar os deseños propostos por ambas as partes, Linderman determinou que se debería representar unha figura sedente da Liberdade ollando cara á esquerda, en alusión a Oriente, a Asia.[17] Ao parecer, Linderman seleccionou os deseños a partir de dous padróns diferentes.[18] En xuño de 1873, revisou os deseños presentados por Barber e elixiu un anverso que un xornalista da época describiu como "unha figura feminina sentada sobre fardos de mercadorías, que sostén na man esquerda un pergamiño coa palabra 'Liberdade', e ás súas costas hai unha manda de trigo que expresa, xunto cos fardos, o carácter comercial da moeda: a man dereita estendida sostén unha póla de oliveira".[19] O reverso seleccionado representa unha aguia calva, tal e como esixe a lei.[20] A aguia ten tres frechas na pouta dereita e unha póla de oliveira na esquerda, unha inversión da orde da maioría das moedas de prata estadounidenses da época.[21] A Casa da Moeda dos Estados Unidos vendeu ao público, en cantidades limitadas, un conxunto de seis probas cuñadas, catro con variacións sobre o anverso adoptado e dúas con retratos da Liberdade.[22]

Produción[editar | editar a fonte]

O cuñador xefe da US Mint, A. Loudon Snowden, queixouse formalmente de que os puntos máis altos do dólar de comercio non se estaban a gravar adecuadamente.[23]

Linderman asumiu o cargo de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos e Pollock pasou a ser o superintendente da Ceca de Filadelfia.[24] En xullo de 1873 comezou a produción dos cuños necesarios para a cuñaxe das moedas e Linderman pediulle a Pollock mediante un telegrama que se acelerase a produción dos dólares de comercio porque soubo que México estaba a preparar unha nova emisión de pesos cun deseño antigo, que xa se suspendera en 1866 pero que resultaba moi popular en Asia. Así as cousas, o primeiro dólar de comercio foi cuñado durante unha cerimonia disposta para a ocasión o 11 de xullo de 1873 na Ceca de Filadelfia.[20]

Na primeira tiraxe ordinaria, o 14 de xullo, cuñáronse 40.000 moedas.[25] A Ceca de Carson City recibiu os seus primeiros cuños para iniciar a produción de dólares de comercio o 22 de xullo, e os destinados á Ceca de San Francisco chegaron ao seu destino uns días despois.[20] En total en Filadelfia producíronse nese primeiro ano 396.635 moedas para a circulación mais outras 865 en acabamento especial (proof), fronte ás 124.500 de Carson City e as 703.000 de San Francisco.[26]

Ese primeiro ano de produción, os responsables das tres sucursais da US Mint queixáronse da calidade das moedas cuñadas. No verán de 1874, A. Loudon Snowden emitiu unha queixa formal dirixida a Pollock sobre a calidade dos dólares, sinaladamente nos puntos máis sobresalientes do seu deseño. Como consecuencia, Barber realizou modificacións nos cuños para reducir o relevo, e os cuños modificados entraron en funcionamento en 1875.[12]

En outono de 1875, Linderman suxeriu que se cambiase o reverso do dólar de comercio para conmemorar o centenario da independencia dos Estados Unidos, mais Pollock amosou a súa oposición a tal idea, baseándose en que resultaría difícil realizar o cambio por ser preceptiva a autorización do Congreso e, ademais, en que a moeda podería perder a súa aceptación nos mercados asiáticos.[27] En maio de 1876, o antigo gravador asistente Anthony C. Paquet creou un cuño para o anverso logo de ser contratado por Linderman para mellorar a calidade da cuñaxe dos dólares de comercio, mais finalmente foi rexeitado polos responsables encargados da Casa da Moeda, polo temor á súa desaprobación na China.[28]

O deseño experimental do reverso creado por Anthony C. Paquet combinouse cun anverso sen data. Linderman aprobou o deseño, mais non o executou por temor á desaprobación chinesa dun deseño tan anovador e descoñecido.[29]

Aínda que a produción de dólares de comercio para o seu propósito inicial rematou en 1873, a cuñaxe de moedas de proba en acabamento especial (proof) contionuou en Filadelfia ata 1883, con tiraxes moi limitadas, cando saíu das prensas da ceca desta cidade a derradeira tiraxe de 979 moedas. Ademais, en 1908 descubriuse que se produciran irregularmente dez exemplares en acabamento proof datados en 1884[30] e outros cinco en 1885,[31] aínda que estas moedas non constan nos rexistros oficiais e descoñécese cando foron cuñadas.[32]

Acollemento e uso[editar | editar a fonte]

A maior parte da produción de 1873 foi enviada á China e en outubro dese ano o emperador Tongzhi encargou que se realizase un ensaio da pureza do dólar de comercio.[33] Nunha proclama traducida polo cónsul chinés e intérprete Walter Hillier, o emperador declarou:[34]

Esta proclama, xa que logo, é para a información de vostedes, comerciantes, soldados e xente de todos os distritos. Deben saber que o "dólar de comercio da aguia" que chegou recentemente a Hong Kong foi ensaiado conxuntamente por oficiais especialmente designados para tal propósito e pode ser aceptado en pagamento de dereitos e entrar en circulación xeral. Non hai que ollalo con desconfianza. Ao mesmo tempo, prohíbese estritamente aos pícaros, aos afiadores e a outros similares a fabricación de imitacións espurias desta moeda con vistas ao seu propio beneficio.

E se se atreven a desobedecer esta prohibición e a fabricar moedas falsas serán, con toda seguridade, arrestados e castigados. Que todos obedezan con tremor! Que non haxa desobediencia!.

En 1874 comezaron a aparecer os primeiros dólares de comercio no mercado estadounidense.[12] A principios de 1875, o Congreso aprobou a Lei do Troco de Moeda, que permitía ao Tesouro pagar con moedas de prata a cambio de papel moeda. Esta lei, en combinación coa caída do prezo da prata, provocou que as moedas de prata atesouradas ou exportadas reaparecesen no comercio interior estadounidense.[35] Neste contexto, reimportáronse moitos dólares de comercio, sobre todo a California.[13] Cando o valor da prata comezou o seu descenso e o valor intrínseco das moedas se situou por baixo do seu valor nominal, os depositantes de prata comezaron a cuñar a súa prata na Casa da Moeda en forma de dólares de comercio e a vendelos por xunto para os distribuír por todo o país.[12] Os produtores de prata optaron tamén por cuñar o seu metal en dólares de comercio, porque a Lei da Moeda de 1873 especificaba que a prata levada á Casa da Moeda dos Estados Unidos só podería cuñarse nesa especie ou fundirse en barras.[36]

Caricatura política aparecida no Harper's Weekly o 25 de abril de 1874, titulada "trapos [en referencia aos billetes] para os nosos traballadores, moedas para os estranxeiros" .[37][38]

O Congreso considerou a posibilidade de aumentar o límite do curso legal para cantidades de ata cinco dólares de comercio que establecía a Lei da Moeda de 1873,[39] mais no seu lugar aprobou unha nova lei que desmonetizou oficialmente o dólar de comercio o 22 de xullo de 1876.[27] Esta lei ordenaba ao secretario do Tesouro que non cuñase máis moedas das necesarias para o seu uso no comercio.[40] Malia a perda do curso legal, os produtores de prata seguían a colocar dólares de comercio no mercado estadounidense, o que deu lugar a unha circulación estimada de sete millóns de moedas no mercado interior,[27] das cales máis de catro millóns se puxeron en circulación en 1877.[40] Malia a lei de xullo de 1876, non foi ata o 15 de outubro de 1877 cando Sherman, daquela nomeado secretario do Tesouro, ordenou finalmente que as cecas non aceptasen pedidos de dólares de comercio. O 5 de novembro, aparentemente outorgándolle validez a un informe falso segundo o que se necesitaban subministracións adicionais para o Ano Novo Chinés, Sherman revogou a súa orde, pondo fin así aos pedidos de dólares de comercio o 22 de febreiro de 1878.[41]

Linderman encargou un estudo acerca do éxito acadado polo dólar de comercio no mercado chinés, a partir do cal se coñeceu que a moeda circulaba razoablemente ben no Sur daquel país, aínda que no Norte o seu uso era moi limitado.[28] Cando o prezo da prata diminuíu, os empresarios dos Estados Unidos comezaron a pagar aos seus traballadores con dólares de comercio comprados con desconto e esta situación provocou o descontento da poboación, xa que moitos comercios e bancos se negaban a aceptalas. Ante esta situación, moitas cidades, sobre todo nos estados do Oeste, estableceron un valor fixo para os dólares de comercio.[42] Os comercios que os aceptaban par satisfacer a súa clientela non podían depositalos nos bancos non usalos para pagar impostos, e daquela vendíanllos a corredores de comercio, que, pola súa vez, recirculaban as moedas vendéndoas cun desconto sobre o seu valor nominal aos empresarios para o pagamento das nóminas aos seus traballadores. En 1883 os membros da Bolsa Mercantil de Nova York solicitáronlle ao Congreso que permitise o rescate das moedas por parte do Goberno.[43][44]

Libro de contabilidade do dólar comercial da Casa da Moeda de Carson City (Museo Estatal de Nevada, Carson City).

Os prezos da prata seguiron a caer durante a década de 1880, o que incrementaba as perdas de calquera que se vise na obriga de vender dólares de comercio polo valor do metal logo de telos pagado polo seu valor facial.[44] Malia o apoio do secretario do Tesouro, Charles J. Folger, a cuestión do rescate do dólar de comercio viuse envolta nunha forte controversia sobre a forte cuñaxe do novo dólar Morgan baixo a inflacionaria Lei Bland-Allison. Os intereses dos produtores de prata opuxéronse a que a prata dos dólares de comercio trocados se contabilizase na cota mensual da Casa da Moeda en virtude desa lei, preferindo vender no seu lugar a súa prata acabada de extraer. Non foi ata 1887 cando o Congreso, co gallo de aliviar a situación dos máis desfavorecidos —aínda que a maioría destas moedas estaba en poder de especuladores—, dispuxo o rescate dos dólares comerciais non utilizados.[43] Moitos destes dólares non eran trocables por mor das marcas que os comerciantes chineses lles fixeran para afirmar a fineza da súa lei.[42] Os dólares de comercio só puideron trocarse durante seis meses e a prata recuperada utilizouse para realizar novas cuñaxes, cos valores de dez e de vinte e cinco centavos, así como de medio dólar.[44]

O historiador numismático Walter Breen criticou tanto a disposición que lle deu curso legal como a propia moeda en xeral, e afirmou que a súa emisión supuxo "un erro custoso; a súa motivación era a simple cobiza, o seu deseño un triunfo da torpeza, a súa circulación nacional e o seu status de curso legal unha disposición legal desastrosa que só conduciu a abusos espantosos".[13]

Malia todo, o dólar de comercio tivo unha nova etapa de curso legal grazas á Lei da Moeda de 1965, que, entre outras cousas, establecía que "todas as moedas dos Estados Unidos —incluídos os billetes da Reserva Federal e os billetes en circulación dos bancos da Reserva federal e das asociacións bancarias nacionais—, independentemente do momento da súa cuñaxe ou emisión, terán curso legal para todas as débedas, públicas e privadas, impostos, dereitos e taxas".[45] No entanto, tanto o seu valor numismático como o da propia prata de calquera dólar de comercio supera sobradamente o seu valor nominal dun dólar.[13]

Debido á súa demanda por parte dos coleccionistas numismáticos, existe un gran número de falsificacións realizadas con metais comúns.[46]

Tiraxes[editar | editar a fonte]

Nesta táboa reflíctense as tiraxes anuais do dólar de comercio estadounidense en cada unha das tres cecas sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos onde este se produciu: Ceca de Filadelfia (sen marca de ceca), Ceca de Carson City (CC) e Ceca de San Francisco (S):[1]

Ano Cecas Tiraxe total
Filadelfia Carson City S. Francisco
1873 397.500 124.500 703.000 1.225.000
1874 987.800 1.373.200 2.549.000 4.910.000
1875 218.900 1.573.700 4.487.000 6.279.600
1876 456.150 509.000 5.227.000 6.192.150
1877 3.039.710 534.000 9.519.000 13.092.710
1878 900 97.000 4.162.000 4.259.900
1879 1.541 0 0 1.541
1880 1.987 0 0 1.987
1881 960 0 0 960
1882 1.097 0 0 1.097
1883 979 0 0 979
1884 10 0 0 10
1885 5 0 0 5

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Dollar "Trade Dollar"". Numista.com
  2. Julian, R. W. (1993). Páxina 869.
  3. Julian, R. W. (1993). Páxina 870.
  4. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 251.
  5. Julian, R. W. (1993). Páxina 945.
  6. 6,0 6,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 871.
  7. The Nation: A Weekly Journal. Volume XVI. E. L. Godkin, Nova York. 12 de xuño de 1873. Páxina 401.
  8. 8,0 8,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 872.
  9. Adams, E. H.; Woodin, W. H. (1913). Nº 1255. Páxina 126.
  10. Linderman, H. R. (1879). Páxinas 47-54.
  11. "History of the Coinage Act of 1873". House of Representatives. Government Printing Office, Washington, 1900.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Julian, R. W. (1993). Páxina 876.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Breen, W. (1988). Páxina 466.
  14. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 258-259.
  15. Evans, G. G. (1887). Páxina 99.
  16. Adams, E. H.; Woodin, W. H. (1913). Páxinas 125-126.
  17. 17,0 17,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 873.
  18. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 279.
  19. Vermeule, C. (1971). Páxinas 67-68.
  20. 20,0 20,1 20,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 875.
  21. Lange, D. W. (2006). Páxina 104.
  22. Vermeule, C. (1971). Páxinas 68-69.
  23. Morris, C. (1896). Men of the Century. L.R. Hamersly, Filadelfia. Páxina 73.
  24. Evans, G. G. (1887). Páxina 100.
  25. Breen, W. (1988). Páxina 467.
  26. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 216.
  27. 27,0 27,1 27,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 877.
  28. 28,0 28,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 878.
  29. Adams, E. H.; Woodin, W. H. (1913). Nº 1338. Páxina 134.
  30. "1884 T$1 Trade (Proof) Arquivado 29 de marzo de 2022 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  31. "1885 T$1 Trade (Proof) Arquivado 29 de marzo de 2022 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  32. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 217.
  33. Evans, G. G. (1887). Páxina 52.
  34. Evans, G. G. (1887). Páxina 53.
  35. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 265.
  36. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Comprehensive Catalog and Encyclopedia of Morgan & Peace Dollars. DLRC Press, Virginia Beach. Páxina 23. ISBN 1-880731-11-8
  37. Julian, R. W. (1993). Páxina 964.
  38. Harper's Weekly. 25 de abril de 1874. Páxina 353.
  39. Lange, D. W. (2006). Páxina 116.
  40. 40,0 40,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 282.
  41. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 283.
  42. 42,0 42,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 879.
  43. 43,0 43,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 284.
  44. 44,0 44,1 44,2 Lange, D. W. (2006). Páxina 117.
  45. Domestic and Foreign Coins Manufactured by Mints of the United States 1793–1970. Department of the Treasury, Bureau of the Mint. United States Government Printing Office, Washington (1972). Páxina 132.
  46. McMorrow-Hernandez, J. (2020). "Buying Trade Dollars Without Fear". Professional Coin Grading Service.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Dólar Liberdade sentada

Moedas dun
dólar dos Estados Unidos

1873-1785
Sucesor:
Dólar Morgan