Celebración do Ano Novo Chinés no CanadáAno Novo Chinés en Manchester, Reino Unido
O Ano Novo Chinés (chinés tradicional=农历新年, chinés simplicado=農曆新年, pinyin=nónglì xīnnián, máis coñecido na China, como a Festa da Primavera (春节, 春節, chūnjíe), é a máis importante das festividades tradicionais chinesas, baseado no calendario chinés, que é un lunisolar, o que fai que varíe a data segundo o calendario gregoriano entre o 21 de xaneiro e o 20 de febreiro.
O Aninovo é o primeiro día do primeiro mes do calendario chinés, o primeiro de Lúa Nova que por convención determínao o Observatorio da Montaña Púrpura de Nankín, e a festa do Ano Novo finaliza o décimo quinto día, que recibe o nome de Festa das Lanternas. A orixe do Ano Novo Chinés pérdese no tempo e está mesturado con múltiples mitos e tradicións.
Celébrase no territorio habitado maioritariamente por chineses e naqueles outros nos que hai comunidades chinesas e influíu nas celebracións do ano novo de Corea, Mongolia, Nepal, Bután, Vietnam, e no do Xapón antes de 1873.
Dentro da China, os costumes e tradicións varían segundo a rexión pero en xeral nesta época mércanse agasallos, tamén é tradición limpar a casa para arredar o infortunio, decorar xanelas e portas con anacos de papel vermello e con lemas sobre a felicidade, a saúde e a lonxevidade. Na véspera do aninovo, equivalente á noitevella occidental, celébrase a cea con toda a familia, o que provoca o maior movemento de poboación do planeta ó se mover de poboación millóns de persoas para estar cos seus, tradicionalmente nesa noite cómese porco, pato, galiña e diversas larpeiradas doces, a familia rematará a festa con foguetes. Na mañá do aninovo os nenos deséxanlles a seus pais un bo e saudable aninovo, e reciben diñeiro en sobres de papel vermellos.