Saltar ao contido

Dólar de comercio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de comercio estadounidense de 1884.[1]

En numismática coñécese como dólar de comercio a moeda de prata emitida por diversos estados, na segunda metade do século XIX e na primeira do XX, para facilitar o comercio coa China e con todo o Oriente. Os dólares de comercio tomaban como referencia o real de oito español, que funcionaba como padrón de facto dunha moeda global para o comercio co extremo Oriente.[2][3][4]

Contexto histórico-numismático

[editar | editar a fonte]
"Dólar do dragón" chinés. 1904.[5]

A aparición dos dólares de comercio debeuse á popularidade adquirida en todo o extremo Oriente pola moeda española de prata de oito reais, coñecida internacionalmente como spanish dollar. Logo do establecemento español nas illas Filipinas, a zona amurallada de Manila, coñecida como Intramuros, convertérase dun centro de importación e exportación de produtos chineses, nunha dirección, e de prata procedente do México español, que chegaba cruzando o Pacífico, na outra. A través daquela ruta comercial, coñecida como "Galeóns de Manila", entrou no leste asiático unha gran cantidade de reais de oito españois a partir do século XVI.[6][7][8]

A ampla aceptación desta moeda levou á creación do yuan chinés de prata, inspirado no real de oito do Imperio Español. Esta nova moeda, coñecida como "dólar do dragón", non só circulou na China senón que, a carón da orixinal hispana, se converteu na moeda de comercio preferida na China e nos seus territorios veciños.[5][8]

Derrotada na primeira Guerra do Opio (1839-1842), que se iniciou cando as autoridades chinesas trataron de evitar que Gran Bretaña introducise opio no país, China viuse obrigada a abrir varios dos seus portos ao comercio exterior. Neste contexto, na segunda metade do século XIX, as nacións occidentais que comerciaban con ela e que tiñan intereses comerciais na rexión viron como opción máis barata e máis conveniente a cuñaxe das súas propias moedas de prata en lugar de seguir utilizando as de orixe hispana.[9][10]

Nacera, daquela, o dólar de comercio, unha moeda de prata de 900 milésimas fixada en 26,9 gramos (7 MACE AND 2 CANDAREENS, na denominación en inglés das unidades locais, tal e como se amosa nos anversos).[8][11]

Emisións

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Piastra da Indochina Francesa.
Piastra de comercio da Indochina francesa. 1885.[12]

Para controlar a oferta de diñeiro e aumentar a estabilidade monetaria nos territorios da Indochina francesa, Francia introduciu en 1885 a súa propia moeda comercial de prata, non co nome de dólar, senón co de "piastra de comercio", que naceu coas mesmas especificacións que tiña o peso mexicano, herdeiro directo do real de oito español.[13]

Nos seus anversos reproduce unha imaxe de Marianne sedente con fasces, a lenda REPUBLIQUE FRANÇAISE e a data no exergo. As lendas do reverso son INDO-CHINE FRANÇAISE. TITRE 0,900. POIDS 27,215 GR. PIASTRE DE COMMERCE.[14][12]

Ese padrón inicial, utilizado entre 1885 e 1895, correspondíase cos 24,4935 gramos de prata pura por cada piastra (27,215 de prata de 900 milésimas).[14] Porén, en 1895 reduciuse a 24,3 gramos de prata pura (27 gramos brutos), feito que se reflicte na lenda do reverso (...TITRE 0,900. POIDS 27 GR...). Finalmente, a piastra de comercio francesa foi desmonetizada en 1928.[12]

Dólar de comercio xaponés. 1875.[15]

Xapón bautizou como "dólar de comercio" (coa denominación en inglés: TRADE DOLLAR) a súa moeda comercial, que emitiu entre 1875 e 1877. Tratábase dunha moeda de prata de 900 milésimas e cun peso de 27,22 gramos, en tanto que a moeda dun ien que circulaba no país naquel momento pesaba 26,96 gramos, cun deseño case idéntico ao do dólar de comercio.[15][16]

Nos seus anversos amósase a imaxe dun dragón no centro, rodeada polas lendas 年 九 治 明 本 日 大 ("Grande Xapón" e a data da era Meiji), arriba, e 420 GRAINS. TRADE DOLLAR. 900 FINE, abaixo. No reverso reprodúcese unha flor de crisantemo (escudo e selo real do emperador), dúas pólas de paulownia e, no centro, a lenda 貿 易 銀 ("prata de comercio").[15]

Deste dólar de comercio xaponés cuñáronse 2.736.000 moedas, a gran maioría entre 1876 e 1877.[17][15]

Cando Xapón se adheriu ao padrón ouro en 1897, as moedas de prata dun ien foron demonetizadas, medida que incluíu tamén os dólares de comercio. Á maioría destes dólares estampóuselle o carácter gin ("prata", en xaponés), para pólos en circulación nos territorios de Taiwán, Corea e Lüshunkou, que estaban baixo ocupación xaponesa. A Casa da Moeda do Xapón en Osaca colocou esa marca no lado esquerdo dos reversos, en tanto que a súa sucursal de Tokyo o fixo nos anversos.[15][16][18]

Reino Unido

[editar | editar a fonte]
Dólar de comercio británico do reinado de Vitoria. 1900. Ceca de Bombai (deseño: G. W. de Saulles).[19]

Coa extensión dos intereses comerciais británicos no Oriente, particularmente despois da fundación de Singapur, en 1819, e de Hong Kong, en 1842, fíxose necesaria a emisión dunha nova moeda especial, un dólar de comercio, que eliminase a sobredependencia que tiñan as colonias británicas das moedas estranxeiras daquela en circulación.[20]

A nación derrotada nas Guerras do Opio, China, viuse obrigada coa sinatura do Tratado de Nanking non só a abrir os seus portos ao comercio británico senón tamén a ceder Hong Kong a Gran Bretaña. Nas décadas seguintes, foron moitos os comerciantes e aventureiros que se instalasen nesas zonas e o comercio internacional floreceu. Establecéronse bancos estranxeiros e comezaron a chegar as moedas de prata de todo o mundo para pagar o , a seda e a porcelana chinesa que se enviarían ao estranxeiro.[9][10]

Dólar de comercio de 1867, cuñado pola Hong Kong Mint para o seu uso en Hong Kong.[21]

Nun primeiro momento, en 1863, a Royal Mint de Londres foi autorizada para emitir unha serie de moedas especiais para o seu uso en Hong Kong dentro do sistema do dólar. En 1866 estableceuse unha ceca local na illa de Hong Kong, a Hong Kong Mint, co propósito de cuñar pezas dun dólar e de 50 centavos co mesmo valor e peso que os pesos mexicanos que, entre outras moedas, circulaban na illa. Porén, estes novos dólares non foron ben recibidos polos chineses, polo que a súa produción cesou e a ceca de Hong Kong acabou por pechar en 1868.[20]

Xa en 1895, do mesmo xeito que noutros países, o Reino Unido acordou emitir os seus propios dólares de comercio (trade dollars), en prata de 900 milésimas, para o seu uso en todo o extremo Oriente, e que axiña se distribuíron por toda a China, onde gozaron dunha boa aceptación. Estas moedas presentan nos anversos unha imaxe de Britannia na beira do mar, que sostén cunha man un tridente e o escudo británico na outra, cun barco mercante a toda vela no fondo. Os reversos teñen un deseño arabesco co símbolo chinés da lonxevidade e a denominación "dólar de comercio" en dous idiomas: chinés e malaio con alfabeto árabe adaptado. O deseño débeselle ao medallista George William de Saulles.[19]

Dólar de comercio de 1903 para circular nas Colonias do Estreito (deseño: G. W. de Saulles).[22]

Estes dólares de comercio comezaron a cuñarse en 1895 para o seu uso en Hong Kong e nos territorios británicos do sueste asiático coñecidos como Colonias do Estreito. Porén, en 1903 creouse un novo dólar de comercio para estas colonias, polo que o primeiro se seguiu producindo exclusivamente para Hong Kong, ata 1935.[22]

As marcas de ceca B e C remiten, respectivamente cecas de Bombai e Calcuta, en tanto que a ausencia de marca indica que a moeda procede da ceca de Londres.[19]

O dólar de comercio británico foi desmonetizado o 1 de agosto de 1937.[19]

Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Primeiro dólar de comercio dos Estados Unidos. 1873.[23]

O Congreso dos Estados Unidos autorizou, mediante a Mint Act de 1873, a creación dun dólar de comercio para mellorar comercio co Oriente, e coa China en particular. Con anterioridade, os estadounidenses adoitaban utilizar o peso mexicano no comercio internacional con esa rexión.[24][25][26][27]

O dólar de comercio dos Estados Unidos foi cuñado entre 1873 e 1885 nos establecementos da ceca dos EEUU en Filadelfia, Carson City e San Francisco (maioritariamente neste último, por estar máis próximo á fonte da prata e ao seu destino en Asia).[27] Como os demais, é tamén de prata de 900 milésimas, e pesa 27,22 gramos, é dicir, 0,52 gramos máis que o dólar circulante naqueles momentos nos Estados Unidos.[24][25]

O responsable do seu deseño e da súa cuñaxe foi William Barber, o gravador xefe da ceca estadounidense. Nos seus anversos presenta a alegoría feminina da Liberdade sedente e ollando o mar, sostendo na man unhas pólas de oliveira e rodeada de 13 estrelas. Na composición introdúcese a palabra LIBERTY nunha cinta e IN GOD WE TRUST na base da peaña. No centro dos reversos amósase unha aguia coas ás abertas que sostén coas súas poutas unhas pólas con bagas e uns cogomelos; as lendas son UNITED STATES OF AMERICA E PLURIBUS UNUM 420 GRAINS 900 FINE e, no exergo, TRADE DOLLAR.[1][24][27]

É moi frecuente que estes dólares de comercio amosen marcas gravadas feitas polos comerciantes chineses para verificaren a súa autenticidade e o seu valor e peso correctos.[27]

  1. 1 2 "1 Dollar 'Trade Dollar' ". En Numista.
  2. "Del 'Spanish dollar' al dólar estadounidense". Iberdrola.
  3. Davies, Roy. "The Word "Dollar" and the Dollar Sign $". University of Exeter.
  4. Céspedes del Castillo, G. (2005).
  5. 1 2 "1 Yuan - Guangxu". Numista.com
  6. Mejia, J. (2019). The Economics of the Manila Galleon.
  7. Cervera, J. A. (2017). Páxinas. 191-201.
  8. 1 2 3 Wright, R. N. J. (1978).
  9. 1 2 Haythornthwaite, P. J. (2000). Páxina 239.
  10. 1 2 "Treaty of Nanking" (texto completo en inglés).
  11. "7 Mace 2 Candareens - Guangxu". En Numista.
  12. 1 2 3 "1 piastre. 1895-1928". En Numista.
  13. "A French Trade Dollar". En American Journal of Numismatics. American Numismatic and Archaeological Society. Vol. 20. Nº. 4. Abril de 1886. Páxina 87.
  14. 1 2 "1 piastre. 1885-1895". En Numista.
  15. 1 2 3 4 5 "1 Trade Dollar - Meiji". En Numista.
  16. 1 2 "Japanese Trade Dollar". Neil S Berman Inc.
  17. Krause, C. L.; Mishler, C. (1995). Páxina 1374.
  18. Krause, C. L.; Mishler, C. (1995). Páxina 1370.
  19. 1 2 3 4 "1 Dollar British Trade Dollar". Numista.com
  20. 1 2 "Hong Kong Currency". Hong Kong Museum of History.
  21. "1 Dollar - Victoria". Numista.con
  22. 1 2 "1 Dollar - Edward VII". En Numista.
  23. "The Trade Dollar". En American Journal of Numismatics. American Numismatic and Archaeological Society. Vol. 8. Nº 2. Outubro de 1873. Páxina 32.
  24. 1 2 3 "Trade Dollar (1873-1878)". En Figueroa de la Vega, F. A. (2005). Páxinas 72-74.
  25. 1 2 Garnett, P. (1917).
  26. Waltersdorf, M. C. (1933).
  27. 1 2 3 4 "Trade Dollar. 1873-1885 Trade Dollars". En My Coin Guides.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]