Dòmhnall Ruadh Chorùna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Dòmhnall Ruadh Chorùna
Nacemento9 de xullo de 1887
Lugar de nacementoBaleshare
Falecemento13 de agosto de 1967
Lugar de falecementoLochmaddy
NacionalidadeReino Unido e Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Ocupaciónautor, escritor e poeta
Coñecido porAn Eala Bhàn
editar datos en Wikidata ]

Dòmhnall Ruadh Chorùna, nado en Chòruna, concello de Claddach Baleshare en North Uist, Escocia, o 9 de xullo de 1887 e finado o 13 de agosto de 1967 en Lochmaddy, legalmente Donald MacDonald / Dòmhnall MacDhòmhnaill, literalmente "Donald Roxo de Chorùna" ou "da Coruña", foi un canteiro, veterano da Primeira guerra mundial e bardo gaélico escocés; tamén un dos maiores poetas bélicos de Escocia. O historiador da literatura Ronald Black chamouno "A voz das trincheiras"[1].

É coñecido pola canción An Eala Bhàn ("O cisne branco") á súa amada Magaidh NicLeòid de Lochmaddy, que compuxo despois de ser ferido durante a batalla do Somme.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antecedentes familiares[editar | editar a fonte]

Tumba de Sir John Moore no xardín San Carlos na Coruña
Harris, Noth Uist

Sendo novo, a miúdo contábanlle historias sobre os seus bisavós maternos nas guerras napoleónicas. Segundo a tradición oral familiar, a bisavoa do bardo, Mór Chaimbeu (Marion Campbell) de Skye, dera o último trago de auga a Sir John Moore momentos antes de ser ferido de morte na batalla de Elviña na Coruña en 1809. Nese intre, Mòr (Marion) suxeitaba o estribo do seu cabalo, foi lanzada ao ar e aterrou de costas. Segundo Ruadh, a súa bisavoa nunca se recuperou da lesión e fixo que morrese nova.[2]

Mòr perdeu o seu primeiro marido, membro do clan MacLeod de Dunvegan, tamén en Elviña.[3] Despois comezou a vivir con outro soldado que loitara na batalla chamado Domhnall mac Mhurchaidh ("Donald Ferguson") (1780–1845), trasladouse con el a North Uist e alí casaron.[4]

Nos anos posteriores, unha rima gaélica sobre ela fíxose popular:

Blàr mòr Chorùna, 1809 -
Chaidh Mòr mhor Chorùna
A-null dhan an Fhraing

[5]

A Gran Batalla da Coruña, 1809 -
Grande Mòr da Coruña
Marchou cara a Francia

Segundo Bill Lawson, os Ferguson de North Uist din descender de Robert the Bruce, quen dirixiu o pobo escocés na primeira guerra de Independencia contra Eduardo I e finalmente foi rei de Escocia. Lawson di que esta afirmación sería tratada con escepticismo, pero hai unha brecha na vida de Bruce sobre o 1306, cando estaba fuxido dos ingleses e puido visitar as Hébridas Exteriores, onde os MacRuari eran uns dos seus principais partidarios. O nome 'Robert' tamén soe aparecer entre os Ferguson de North Uist, polo que a afirmación non é de ningún xeito imposíbel.[6]

Despois de chegaren a North Uist, o tacksman da illa, o xefe do clan MacDonald de Sleat, concedeulles a Donald e Mòr Ferguson un croft (leira) en Claddach Baleshare. Donald e Mòr só tiñan nenas, caeron en arrears[7] (quedaron atrasados nos pagos) e foron desaloxados dese cultivo. Despois, o tacksman trasladounos a outro croft onde fixeron unha casa que segue en pé. Debido ás historias dos Ferguson sobre as súas experiencias, a súa casa converteuse nunha das cèilidh máis populares da illa.[8]

Ruadh dixo máis tarde de D. Ferguson: "Foi o único soldado da illa, agás outro no camiño de Sollas, chamado Aonghas Moireasdan, e conseguiu este lugar onde estou hoxe. Moitos visitantes viñan polas noites para que lles contase contos da Coruña e da India, e os rapaces dicían entre eles: 'Imos esta noite á Coruña para escoitar as historias'. E o nome 'Chòruna' permaneceu até hoxe e continuará mentres o sol navegue cara ao oeste".[9]

Comentando a historia familiar do bardo, R. Black escribiu: "Como sinala Fred Macauley, os antecedentes do poeta contiñan unha certa glorificación da guerra que ía caducar para sempre no barro de Francia".[10]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Dòmhnall Ruadh Chorùna naceu na casa construída polo seu bisavó en 1887. Na familia había outros dous nenos e unha nena.[11] A súa nai, Flòraidh Fhionnghuala Dhòmhnaill 'ic Mhurchaidh, traballaba como empregada doméstica. O seu pai, Dòmhnall Mac Ailein 'ic Chaluim era mariño mercante e un poeta gaélico. A irmá de Dòmhnall Mac Ailein, Maighread nighean Ailein, foi a compositora da canción Ille dhuinn, is toil leam thu. R. Black escribiu: "A poesía estaba no sangue de Dòmhnall Ruadh".[12]

A diferenza da poboación das illas de South Uist, Eriskay e Benbecula, a xente de North Uist converteuse ao calvinismo durante a Reforma Escocesa. Hoxe entre os insulares hai membros da Igrexa de Escocia e da Presbiteriana Libre de Escocia. En North Uist, o culto en ambas mantén a práctica do século XVI de cantar a salmodia exclusiva en gaélico a capella. Cara ao final da súa vida, Dòmhnall escribiu Smuaintean nam Shean Aois ("Pensamentos na vellez"). Lembrou que na súa mocidade fora moi irrelixioso e lamentou non ter sido máis practicante.[13]

Dòmhnall asistiu brevemente a unha escola en Carinish, que contén as ruínas dun convento agustino do s. XIII e un colexio chamado Teampull na Trionaid.[14] Debido á Lei de Educación de 1872, só se ensinaba e toleraba o inglés na escola escocesa. Dòmhnall describiu eses días en Òran Nan Sgoilearan ("A canción dos escolares") e como os estudantes estaban "famentos, privados, descalzos, descubertos",[15] pero nunca dixo se experimentou o que Black chama a "familiar experiencia escocesa de ser golpeado por falar a lingua materna".[16] O bardo nunca aprendería a ler ou escribir en gaélico escocés na escola;[17] porén, comezou a compor poesía gaélica aos 13 anos. Segundo contan, a súa nai quedou impresionada e fíxolle prometer que non comporía versos escandalosos ou satíricos. Dòmhnall tiña un respecto moi profundo pola súa nai e foi unha promesa que sempre cumpriu. Isto, e a introspección provocada polas súas experiencias na primeira guerra mundial, diferénciao doutros poetas gaélicos.[18]

Como despois lembrou no seu poema Che b' e Gunna mo Nàmhaid ("Non era a arma do meu inimigo"), o mozo Dòmhnall era afeccionado a vagar pola campiña de North Uist cun mosquete co que cazaba furtivamente aves e cervos, mentres trataba coidadosamente de evitar os factors (xestores da terra) da familia anglo-escocesa Campbell-Orde, os polémicos propietarios de North Uist desde que mercaron a illa en 1855.[19][20]

No mesmo poema, con todo, Dòmhnall recordou:

Is beag a shaoilinn an uair ud
Gu robh 'n cruas seo gam ionnsaigh.
'S e gaol na mosgaid a dh'fhàg
Fo ghlas-làmh aig a' Chrùn mi,
An gaol a thug mi nam òige
A bhith 'n còmhnaidh ga stiùreadh.

[21]

Daquela, pouco pensaba
que esta penuria estaba por diante.
Era o meu amor polo mosquete
que me deixou preso á Coroa,
o amor da miña mocidade
dirixíndoo sempre.

Primeira guerra mundial[editar | editar a fonte]

Como moitos mozos da súa época, Ruadh uniuse á milicia de Inverness-shire con dezasete anos. Ao estalar a guerra en 1914, uniuse aos Cameron Highlanders.[22] Despois do adestramento en Norfolk, desembarcou en Boulogne-sur-Mer como parte da 15ª División (Escocesa) en xullo de 1915 [23] e foi enviado ao servizo activo nas trincheiras da fronte occidental.

Servizo activo[editar | editar a fonte]

A división de Dòmhnall Ruadh combateu por primeira vez en setembro de 1915, na Batalla de Loos, durante a cal capturaron a aldea de Loos-en-Gohelle. A diferenza de poetas bélicos máis famosos como Wilfred Owen, Siegfried Sassoon e Charles Sorley, que se tornaron anti-guerra, Ruadh cría que loitaba nunha guerra xusta contra un inimigo verdadeiramente terríbel.

Infantería británica avanzando a través de gas en Loos, 25 de setembro de 1915

Durante a batalla de Loos, Dòmhnall experimentou o que sempre pensou que fora o uso de gas velenoso polo exército imperial alemán, como se describe no seu poema Òran a' Phuinnsein ("A canción do veleno"). Lembrou o horror dos efectos do gas e como el e os seus compañeiros non tiñan defensa contra el. Concluíu o poema dicindo que desexaba poder convocar o lume para que caese do ceo sobre o Imperio Alemán e o pobo alemán para derretelos sen piedade.[24]

En realidade, o ataque que Dòmhnall describía era fogo amigo. O primeiro uso de gas velenoso polo exército británico na fronte occidental tivo lugar o primeiro día da batalla de Loos. O cloro, co nome clave Red Star, foi o axente químico despregado (140 t dispostas en 5.100 bombonas). Non obstante, o vento resultou inconstante e o gas ficou en terra de ninguén ou volveu ás trincheiras británicas.[25] Iso agravouse cando o gas non puido ser liberado de todos os botes. Durante un bombardeo de represalia, os proxectís alemáns golpearon os tubos non utilizados, liberando aínda máis gas velenoso entre os británicos.[26] Agravaron a situación as primitivas máscaras antigás de flanela distribuídas aos británicos: quentáronse e os pequenos visores empañáronse. Algunhas tropas aliadas levantaron as máscaras para obter aire fresco, expóndose máis ao gas.[27]

No seu poema Tha Mi Duilich, Cianail, Duilich ("Estoume a lamentar, cheo de tristeza") Dòmhnall expresa a dor polos amigos que caeron. Lembra os seus céilidhs e como cantaban xuntos. Engade que agora están esnaquizados, xacendo en terra de ninguén ou baixo cruces. Entón, Dòmhnall fala da resurrección de Xesús e de como algún día todos os homes que caeron na guerra se reunirán cos seus seres queridos. Dòmhnall concluíu, con todo, dicindo que mentres viva, as imaxes dos seus amigos caídos e os horrores da guerra ficarán gravados a fogo para sempre no seu corazón e na súa visión.[28]

No poema Dh'fhalbh na Gillean Grinn ("Os bos rapaces marcharon"), Dòmhnall describe tanto a euforia como a rabia de ir a atacar as trincheiras alemás, o odio que sentía polo inimigo ao ver caer os seus amigos e a satisfacción que sentiría só momentos despois, ao invadir a trincheira do inimigo matando soldados alemáns en combate corpo a corpo. Os poemas rematan, con todo, con Dòmhnall e os seus compañeiros soldados espertando á dor cando os seus oficiais contan o enorme número de Cameron Highlanders que morreron no mesmo ataque.

No seu poema Aisling an t-Saighdeir ("O soño do soldado"), Dòmhnall recorda ver a un cervo roxo adulto nos valados cubertos de xuncos ao norte de Locheport e como se esforzaba por riba de rochas tratando de conseguir un tiro claro ao animal. Dòmhnall apuntou lentamente e acendeu a pólvora cunha faísca, só para descubrir que o cervo desaparecera: fora substituído polo capitán de Dòmhnall gritando en retirada, xa que os Stormtroopers alemáns varreran detrás dos Cameron e estaban a piques de cortar toda oportunidade de escapar. Dòmhnall lembrou que espertou nun momento e que apenas saíu "nadando" da "rede" antes de que os alemáns "a xuntasen". Porén, algúns membros da súa unidade non tiveron tanta sorte e foron levados a campos de prisioneros de guerra en Alemaña.

En outono de 1916, no Somme, Ruadh recibiu ordes do seu capitán de ocupar unha posición en terra de ninguén, nun buraco de proxectil 50m por diante da trincheira. Alí atopouse no medio dun bombardeo; dúas bombas aterraron preto del, deixándoo inconsciente. Un amigo íntimo seu, R. MacLeòid de South Uist, ofreceuse para ir buscalo, pero regresou chorando dicindo que Ruadh morrera. Permaneceu inconsciente tres horas. Cando empezou a recuperar a vista, saíu arrastrándose do buraco. Nese momento, un francotirador alemán abriu fogo contra el dende preto. Dòmhnall esvarou ao buraco e deuse conta de que fora ferido no costado por metralla e que o francotirador lle disparara no brazo, que colgaba coxo. Esperou dentro do buraco do proxectil até estar seguro de que o francotirador deixara de observalo. Para entón, o sol saíra alto.[29]

Máis tarde lembrou: "De todos os xeitos, puiden gatear, nadar polo chan con moita cautela durante todo o camiño até que descubrín os rapaces. E entón puxéronme a berrar que o tomase con calma e que me baixase; caín na trincheira onde estaban eles, e alí estiven até que colleron aos padiolos. O meu estado mellorou entón e estaba razoabelmente cómodo. Pasei quince días na base antes de que corresen o risco de enviarme de volta a Inglaterra".[30]

Dòmhnall lembraría máis tarde que, pouco despois da súa eliminación da liña de tiro, o seu amigo MacLeòid fora morto en acción.

An Eala Bhàn[editar | editar a fonte]

Mentres se recuperaba das feridas, Dòmhnall compuxo a canción de amor, ao estilo cianala, An Eala Bhàn ("O cisne branco"), a súa máis coñecida[31], que dirixiu a Magaidh NicLeòid (ou Magaidh Raghnaill Shaighdear) de Lochmaddy en North Uist, a muller con quen esperaba casar. Segundo Fred Macauley, "Como sucede con moitas outras cancións da tradición oral, poucas veces se canta tal e como a compuxo o Bardo. As palabras cambiaron co paso dos anos, o nome xa non é Maggie e até o ar non é orixinal. Foi estragada en Harris", adoitaba dicir.[32] En resposta a como outros cantantes gaélicos interpretaron a súa canción, Dòmhnall comentou: "Arruinaron esa canción. Hai moi pouco nela hoxe do que compuxen. A rapaza da canción de hoxe chámase Màiri, pero a quen fixen a canción foi Magaidh - Magaidh NicLeòid de Lochmaddy." [33]

Igual que outras poesías gaélicas e galesas escocesas da primeira guerra mundial, a canción expresa a futilidade e a destrución humana inherentes á guerra.[34]

Volta ao deber[editar | editar a fonte]

A pesar de recuperarse das súas feridas, Ruadh foi declarado non apto para volver ao servizo activo e pasou o resto da guerra no West Riding Field Regiment. En contra da normativa, continuou levando a súa insignia na gorra de Cameron. Mentres servía detrás das liñas durante a ofensiva de primavera de 1918, tivo un breve reencontro co seu antigo batallón, o que lle inspirou a compoñer o poema Na Camshronaich San Fhraing ("Os Cameron en Francia").[35]

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Días cambiados[editar | editar a fonte]

Segundo John A. Macpherson, "despois da guerra, Ruadh volveu á súa casa a Chorùna, pero aínda que agradecido de estar vivo (...) estaba desilusionado. A terra que lles prometeran estaba tan en poder dos terratenentes como nunca".[36] "Tomou o oficio de canteiro, xa que moitos campesiños estaban construíndo novas casas, e era un traballador dilixente e bo camiñante, a miúdo camiñando vinte millas ata o lugar dunha nova casa. Entre as dúas guerras mundiais construíu máis de trinta casas, e case non hai un concello en Uist sen probas das súas habilidades."

Os anos posteriores á guerra foron moi baleiros e houbo moi pouco traballo. Como resultado, a memoria dos que emigraron a Canadá ou aos Estados Unidos segue moi presente en North Uist.[37] Segundo B. Lawson, nalgunhas partes de North Uist tiveron lugar incursións terrestres, xa que os veteranos da guerra tentaban apoderarse violentamente dos mellores cultivos dos que quedaran na casa. En resposta, a familia Campbell-Orde optou por presentar cargos criminais completos contra os asaltantes.[38]

Segundo Fred Macauley, "a pesar do amor, que Dòmhnall e Magaidh NicLeòid, se tiñan, nunca casaron. El nunca mencionou o que ocorreu entre eles, pero hai unha tradición de que o pai de Maggie desaprobou e en realidade prohibiu o matrimonio". [35]

En 1922, Dòmhnall casou con Annie MacDonald (Anna Ruairidh 'ic Nèill, 1890–1971).[39]

Máis tarde lembrou: "Fun tan feliz e nunca me arrepintei. Eu teño a Ann MacDonald no seu lugar. Levamos case 40 anos xuntos e estamos tan felices xuntos hoxe coma o primeiro día, nunha casa pequena e cálida, limpa e ordenada, que non necesitan máis que o que non podemos ter: saúde e xuventude". [40] Dòmhnall e Annie tiveron dous fillos, Mary e Calum, que morreron en 1965.[41]

Unha das moitas casas abandonadas en North Uist.

Moitos anos despois, Dòmhnall expresaría os seus sentimentos sobre eses anos no poema, Caochladh Suigheachadh na Duthcha ("Días cambiados"). Lembrou a pobreza da súa mocidade e como el e os seus compañeiros gaels foron á guerra e frustraron os obxectivos bélicos do Kaiser cun custo de vidas realmente inmenso. Mentres tanto, os terratenentes anglo-escoceses das Highlands e as Illas quedaron na casa e enriquecéronse. Lembrou como despois da guerra non había traballo e como os gaélicos emigraron de Escocia a todos os recunchos do mundo. Para os que ficaron, non había alimento agás o que se cultivaba e moía á man, que se complementaba con algún que outro desafío discreto ás prohibicións dos propietarios de cazar e pescar.[42] Dòmhnall adoitaba dicir daqueles anos: "Se non fose polo que busquei, sería unha pobreza extrema".[43]

No seu poema Dhan Gàidhlig ("Para o gaélico"), Dòmhnall instou aos seus compañeiros gaélicos a "esquecer o inglés", dicindo que non lle valeu nada. Instou aos seus oíntes a lembrar aos seus antepasados dos clans escoceses, que nunca cederon mentres aínda tiñan a cabeza sobre os seus ombreiros. Dòmhmnall comparou a lingua gaélica cunha árbore que perdera as súas pólas e follas. Pero dixo que se a xente rozase ao redor da súa base, a árbore volvería crecer e reverdecer. Expresou a esperanza de que os descendentes dos gaélicos desaloxados durante os Highland Clearances regresasen de todo o mundo para saber dos que quedaran, o desapiadado que foran os propietarios e como trataban aos seus antepasados. Dòmhnall expresou unha visión do gaeldom escocés próspero e cheo de nenos e de como as ovellas, coas que os terratenentes substituían aos que expulsaban, serían substituídas por gando das Highlands, e concluíu predicindo que as mulleres cantarían cancións gaélicas e recitarían poemas gaélicos ao traballar.[44]

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Batallón dos Cameron Highlanders cavando unha trincheira en Francia, 1939.

Tras o estalido da Segunda guerra mundial en setembro de 1939, Dòmhnall compuxo o poema Òran dhan Dara Chogaidh ("Unha canción para a segunda guerra mundial"). No poema, Dòmhnall instou aos mozos gaélicos escoceses que ían á guerra a non ter medo e que a vitoria sobre Adolf Hitler e a Alemaña nazi chegaría antes de outubro.[45]

O 16 de novembro de 1939 o buque mercante británico SS Arlington Court foi torpedeado e afundido no Océano Atlántico pola tripulación do submarino alemán U-43.[46] No poema Calum Moireasdan an Arlington Court ("Calum Morrison da Corte de Arlington "), Dòmhnall rendeu homenaxe á valentía mostrada por un dos superviventes, un mariño mercante de dezasete anos de Calbost, na illa de Lewis. Morrison fora o único supervivente do seu bote salvavidas que soubera navegar e conseguiu pilotar o bote salvavidas cara ao leste durante cinco días, ata que el e os seus compañeiros superviventes foron rescatados na desembocadura da Canle da Mancha.[47]

Tamén durante a Segunda guerra mundial, Dòmhnall serviu na Garda Nacional, sobre a que compuxo a canción Òran a' Home Guard ("A canción da Garda Nacional"), na que se burla do exercicio dun pelotón de North Uist simulando a toma do aeródromo de Benbecula dos alemáns invasores.[48]

Ao mesmo tempo, o fillo de Dòmhnall, Calum MacDonald, serviu na mariña mercante, e navegaba regularmente á vista de North Uist nas súas viaxes entre o porto de Glasgow e os Estados Unidos. Con isto en mente, o bardo compuxo o poema Am Fianais Uibhist ("Á vista de Uist").[49]

Guerra fría[editar | editar a fonte]

Segundo R. Black, "Experimentando un certo grao de prosperidade por primeira vez na súa vida despois da segunda guerra mundial, a 'Voz das Trincheiras' volveu ser un poeta prolífico, antes de sofrer varias doenzas".[50]

O 1 de novembro de 1952 os EE.UU. detonaron con éxito "Ivy Mike", a primeira bomba de hidróxeno no atol Enewetak, nas Illas Marshall. O 22 de novembro de 1955 a URSS seguiu o exemplo coa exitosa detonación do RDS-37, desenvolvido por Andrei Sakharov, Vitaly Ginzburg e Yakov Zel'dovich, no nordeste de Casaquistán.

No seu poema Òran an H-Bomb ("A canción da bomba H"), Dòmhnall criticou a ameaza de aniquilación nuclear global. Comentou como, tras un ataque ás trincheiras alemás durante a Primeira guerra mundial, os padiolos viñan ao pór do sol para recoller os feridos. Pero agora, debido a armas como a bomba termonuclear, nada se aforraría, nin homes nin bestas, nin as praias nin as cimas das montañas. 'Só unha ou dúas bombas deste tipo serían suficientes, dixo, para acabar con todas as illas onde se fala gaélico e todo o que hai.[51]

O 28 de marzo de 1956, cando a BBC-Scotland reproduciu unha gravación dun céilidh en gaélico dos Cameron Highlanders durante a guerra de Corea, Ruadh estaba escoitando. Compuxo o poema Gillean Chorea ("Os rapaces en Corea") e declarou que a gravación lle devolvera a súa xuventude.[52]

Nun dos seus últimos poemas, Chuala Mi 'n Damh Donn sa Mhòintich ("Escoitei o cervo marrón na moura"), Dòmhnall relata como, vello e cego, escoitou o berro dun cervo roxo. O bardo volveu mirar atrás as súas pasadas fazañas e loitou por aceptar tanto a súa actual incapacidade para cazar como o feito de que a súa saída definitiva da súa amada illa ía ser moi pronto.[53] Cara ao final da súa vida, Dòmhnall Ruadh compuxo poemas relixiosos, expresou esperanza no perdón divino e en reunirse cos seus amigos e seres queridos falecidos.[54]

Ao morrer Dòmhnall no hospital de Lochmaddy, o Rev. Iain Mac a' Ghobhainn, o ministro da Igrexa de Escocia daquela cidade, escribiu unha homenaxe ao poeta:

"Bu phrionnsa measg nam bàrd thu
Bha iomraiteach mal chuairt;
Fai ghibtean bha neo-àbhaisteach,
'S neo-bhàsmhor bidh do dhuain.
Son feadh 'sa bhios a' Ghàidhlig
Mar chànan aig an t-sluagh
Un uibhist, Eilean d'àraich,
Bidh cuimhn' ort, un Dhòmhnall Ruaidh."

[55]

"Foches un príncipe entre os bardos,
coñecido na túa vida,
inusualmente dotado,
e a túa poesía asegurarao.
Mentres o gaélico permaneza,
a lingua do pobo
en Uist, a túa illa natal,
ti, Dòmhnall Ruaidh, sempre serás lembrado."

Segundo Fred Macauley, "non só tiña un ollo de artista para os detalles, senón que tiña unha comprensión e simpatía polos seus semellantes, o que atraía á xente á súa poesía e movíanos en harmonía cos seus temas. Estaba orgulloso da súa herdanza como gael, amaba a súa lingua e as súas raíces estaban profundas no milagre da creación. A súa foi unha vida de moita tristeza, pero acabou en felicidade e contento sen deixar rastro de medo". [56]

Morte[editar | editar a fonte]

Igrexa de Kilmuir onde está soterrado Dòmhnall Ruadh Chorùna

Dòmhnall Ruadh Chorùna morreu en Lochmaddy o 13 de agosto de 1967.[57] Do mesmo xeito que o bardo de North Uist John MacCodrum do século XVIII,[58] Ruadh foi soterrado no cemiterio de Kilmuir, no lugar dunha igrexa parroquial anterior á Reforma dedicada á Virxe María. Dòmhnall Ruadh descansa debaixo dunha lápida que leva unha talla dun cisne e unha cita do An Eala Bhàn:

Chan eil sinn uileadh ach air chuairt
Mar dhíthein buaile fás
Bheir siantannan na bliadhna síos
'S nach tog a' ghrian an áird.

[59]

Todos estamos nunha breve viaxe,
como a flor do campo que medra
e sucumbe ao cambio de estación,
e sol xa non é capaz de revivila.

Legado[editar | editar a fonte]

Segundo Ronald Black, "Afortunadamente, por instigación de Fred MacAuley da BBC, a maioría dos poemas e cancións de Dòmhnall Ruadh foran escritos a partir do seu ditado pouco antes da súa morte por John Alick MacPherson, quen nese momento era profesor en Paible. Foi publicado por primeira vez por Gairm Publications en 1969 nunha edición preparada por MacPherson: «Dòmhnall Ruadh Chorùna». Esta edición contén 12 poemas e cancións de 1914 a 1920, 17 de 1920 a 1945 e 28 de 1945 a 1966, 57 artigos en total, aínda que os poemas posteriores son, en media, moito máis breves que os anteriores."

Cando se publicou, o verso de Ruadh resultou moi popular e todas as copias esgotáronse en pouco tempo. Ademais, en sinal de canto cambiaran as cousas desde a infancia do bardo, a súa colección de poesía foi adoptada como libro de texto para o ensino da lingua gaélica escocesa nas escolas das Hébridas. Tamén segundo Black, "[A primeira edición] foi seguida en 1995 por unha edición bilingüe ilustrada, de novo titulada «Dòmhnall Ruadh Chorùna», esta vez editada polo propio MacAuley e publicada por 'Comann Eachdraidh Uibhist a-Tuath'. Grazas á excelente memoria da prima do poeta, Maggie Boyd, finada en 1994, a quen Dòmhnall lle gustaba cantar cada nova composición, a nova edición contén 61 elementos xunto con fragmentos adicionais."

A partir de 1999, os herdeiros do poeta e os gardiáns dos seus dereitos de autor son Mary Campbell, Neil Campbell e Mrs. Fay Buesnel de Jersey nas Illas da Canle, todos eles fillos da Sra. Maggie Campbell, sobriña da muller de Dòmhnall.[60]

Desde a morte do seu autor, An Eala Bhàn foi votada de forma arrasadora como a mellor canción gaélica de todos os tempos nunha enquisa da BBC.[61] Nos últimos anos, foi gravada por artistas tan diversos como Calum Kennedy,[62] Donnie Munro,[63] Capercaillie,[64] Karen Matheson[65] ou Julie Fowlis.[66] O 1 de xullo de 2016, a cantante folk nativa de North Uist, Julie Fowlis, coñecida pola BSO de Brave, interpretou An Eala Bhàn en gaélico ante un numeroso público no Memorial Thiepval no centenario da batalla do Somme. A actuación foi transmitida en directo e asistiron tres membros da familia real británica.[67]

O poeta suruista Dòmhnall Iain MacDòmhnaill, curmán de Dòmhnall Ruadh, escribiu o seguinte eloxio para el:

Mhol thu 'n eala bhàn gu ciatach
Ann son briathran brèagha bàidheil,
Dh'inn's thu dhuinn mu 'liuthad deuchainn
Tron deach thu ri beulaibh nàmhaid
Mhol thu 'n tìr a dh'àraich òg thu,
Uibhist bhòidheach bheag a' chrà-gheoidh. . .[68]
Louvaches o cisne branco con elegancia
En palabras espléndidas e amorosas,
Faláchesnos de cantas probas
sobreviviches indo contra o inimigo:
Louvaches a terra que te criou,
Encantador de aves1 de Uist.


1 (de anséridos)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ronald Black, An Tuil, páx. 740. Birlinn Limited (1999); ISBN: 0987650XXX
  2. Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath, Dòmhnall Ruadh Choruna, 1995. Páxs. 18–19.
  3. Ronald Black (1999), An Tuil: Anthology of 20th Century Scottish Gaelic Verse, páxina 740.
  4. Lawson, Bill (2022-07-07). North Uist in History and Legend (en inglés). Origin. ISBN 978-1-912476-96-1. 
  5. Dòmhnall Ruadh Choruna, orain is dain le Domhnall Domhnallach a Uibhist a Tuath; Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath; 1995. Páx. 34.
  6. Bill Lawson, North Uist in History and Legend, (2011), páx. 80.
  7. "What Does it Mean to Be "Paid in Arrears?"". Paychex (en inglés). 2018-03-15. Consultado o 2022-05-09. 
  8. "Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath". Taigh Chearsabhagh Museum & Arts Centre (en gaélico escocés). Consultado o 2022-05-09. 
  9. Dòmhnall Ruadh Choruna, orain is dain le Domhnall Domhnallach a Uibhist a Tuath; Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath; 1995. Páx. 18–19.
  10. Ronald Black (1999), An Tuil: Anthology of 20th Century Scottish Gaelic Verse, páx 740.
  11. Domhnall Ruadh Choruna, (1995), páx. 36.
  12. Ronald Black, An Tuil: Anthology of 20th Century Scottish Gaelic Verse, (1999); páx. 739.
  13. Domhnall Ruadh Choruna, Fred Macauley (1995), páxs. 184–185.
  14. Lawson, North Uist in History and Legend, (2011), páx. 77–80.
  15. Dòmhnall Ruadh Choruna, orain is dain le Domhnall Domhnallach a Uibhist a Tuath; Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath; 1995. Páxs. 144–147.
  16. Ronald Black, An Tuil. Birlinn Limited (1999); páx. 787. ISBN: 0987650XXX
  17. Domhnall Ruadh Choruna, (1995), páx. 14
  18. Ronald Black, An Tuil, páx. 740. Birlinn Limited (1999); ISBN: 0987650XXX
  19. Bill Lawson (2011), North Uist in History and Legend, Birlinn. Pages 207–208.
  20. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 12–17.
  21. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 16.
  22. An Tuil, páx. 740.
  23. Unha investigación sobre o adestramento das unidades en Norfolk foi publicada xunto co Highlanders' Museum: Mary Mackie: Hunstanton's Highland Heroes: West Norfolk 1915 (King's Lynn: Morningside Publishers, 2018. ISBN 0-95759-782-7.
  24. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páxs. 40-41.
  25. "Chemical Warfare in World War I: The American Experience, 1917 - 1918". webharvest.gov/ cgsc.army.mil ; MAJ(P) Charles E. Heller, USAR. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2004. Consultado o 11 de maio de 2022. 
  26. "First World War.com - Weapons of War: Poison Gas". www.firstworldwar.com. Consultado o 2022-05-11. 
  27. Warner, Philip (2000). The Battle of Loos. Wordsworth Military Library. Wordsworth Editions. p. 37. ISBN 1-84022-229-8. 
  28. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páx. 24-27.
  29. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páx. 34-35.
  30. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páx. 34.
  31. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páxs. 58-63.
  32. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páx. 33.
  33. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páxs. 58–59.
  34. Santanu Das, King's College (2013). The Cambridge Companion to the Poetry of the First World War (en inglés). Cambridge University Press. p. 166. ISBN 978-1-107-01823-5. 
  35. 35,0 35,1 Domhnall Ruadh Choruna, Edición de Fred Macauley (1995), páxs 33.
  36. Domhnall Ruadh Choruna, Edición Fred Macauley (1995), p. 16.
  37. Domhnall Ruadh Choruna, Fred Macauley (1995), páx. 174–175.
  38. Bill Lawson, North Uist in History and Legend, 2011, Birlinn Press.
  39. An Tuil, p. 740.
  40. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 33
  41. An Tuil, p. 740.
  42. Domhnall Ruadh Choruna (1995), páxs. 174-177.
  43. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), p. 35.
  44. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 88–91.
  45. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 100–101.
  46. "Arlington Court (British Steam merchant) - Ships hit by German U-boats during WWII - uboat.net". uboat.net. Consultado o 2022-05-11. 
  47. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 106–109.
  48. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 102–105.
  49. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs 96–99.
  50. An Tuil, p. 740.
  51. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 154–155.
  52. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 142–143.
  53. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 188-189.
  54. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páxs. 178–185, 190–193.
  55. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 199.
  56. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 12.
  57. An Tuil, p. 740.
  58. Bill Lawson (2011), North Uist in History and Legend, p. 32.
  59. Domhnall Ruadh Choruna, Editado por Fred Macauley (1995), páx. 198.
  60. Ronald Black (1999), An Tuil: Anthology of 20th Century Scottish Gaelic Verse, p. 741.
  61. Theo van Heijnsbergen, Carla Sassi (2014). Within and Without Empire: Scotland Across the (Post)colonial Borderline (en inglés). Cambridge Scholars Publishing. p. 70. ISBN 1-4438-4922-7. 978-1-4438-5567-9. 
  62. "Calum Kennedy; An Eala Bhàn". YouTube. Consultado o 2022-05-10. 
  63. "An Eala Bhàn; Donnie Munro". YouTube. Consultado o 2022-05-10. 
  64. "An Eala Bhan; Capercaillie". YouTube. Consultado o 2022-05-10. 
  65. "Karen Matheson - An Eala Bhàn !". YouTube. Consultado o 2022-05-11. 
  66. "An Eala Bhàn (The White Swan) - Julie Fowlis". Consultado o 2022-05-10. 
  67. "Julie Honoured to Perform at the Somme Centenary Commemoration Service – Julie Fowlis" (en inglés). Consultado o 2022-05-11. 
  68. An Tuil, p. 740.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ronald Black, An Tuil: Anthology of 20th Century Scottish Gaelic Verse; Edimburgo, Polygon Press, 1999. ISBN 7486 6219 7
  • Editado por Jo MacDonald (2015), Cuimhneachan: Bàrdachd a' Chiad Chogaidh/Remembrance: Gaelic Poetry of World War One, Acair Books, Stornoway, Illa de Lewis. ISBN 9780861525447 (ISBN10: 0861525442)
  • Fred MacAulay (editor), Dòmhnall Ruadh Chorùna, Comann Eachdraidh Uibhist a Tuath, 1995. ID Open Library OL21881191M