Ofensiva do Somme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla do Somme
Tropas británicas no Somme, 1916.
Soldados británicos nunha trincheira do Somme.
Data: 1 de xullo - 18 de novembro de 1916
Lugar: Somme, Francia
Conflito: Primeira guerra mundial
Resultado: Incerto
Combatentes
Reino Unido
República Francesa
Canadá
Terra Nova e Labrador
Suráfrica
Australia
Nova Zelandia
Imperio Alemán

A ofensiva ou batalla do Somme foi unha das maiores operacións da primeira guerra mundial. Organizouse coma a batalla que rompería as liñas xermanas. Unha gran parte das tropas alemás atopábanse despregadas no ataque á cidade francesa de Verdún (batalla de Verdún). O alto mando francés pediulle axuda aos seus aliados británicos para aliviar a presión sobre Verdún.

A batalla comezou o 1 de xullo de 1916 e rematou o 18 de novembro do mesmo ano. Ao final do combate estimouse que as baixas aliadas (británicos, franceses, australianos, canadenses e soldados procedentes doutras rexións do Imperio Británico) foron de máis de 623.000 homes (aproximadamente 143.000 mortos), 100 tanques e 782 avións; mentres que as baixas alemás foron duns 435.000 soldados, dos cales 164.000 morreron.

Preludio[editar | editar a fonte]

A finais de 1915 os aliados deseñaron unha estratexia coa que derrotar aos Imperios Centrais, que consistía nun triplo ataque: un nos Alpes, no que as tropas italianas atacarían o Imperio Austro-Húngaro; un na Prusia oriental por parte das tropas do tsar e un último na fronte occidental dirixido polos exércitos francés e británico. Os aliados pretendían cos tres ataques simultáneos colapsar os exércitos alemán e austríaco, que non serían capaces de responderen a esta chuvia de ofensivas. En decembro de 1915 o mando británico liderado por Douglas Haig planeou un ataque sobre Flandres, que lle permitiría aos aliados controlaren os portos belgas e así dificultar a acción dos submarinos alemáns. Non obstante, os británicos precisaban da autorización dos franceses para atacaren. O Xeneral Joseph Joffre concedeulle o permiso e Haig iniciou os preparativos.

En febreiro de 1916 os plans iniciais foron cambiados. Reformulouse o lugar de ataque e substituíuse polo val do río Somme. Nel, os franceses e británicos poderían atacar en conxunto e furar as liñas alemás, asestándolles un duro golpe que segundo os aliados serviría para gañaren a guerra.

A principios da primavera os ingleses tiñan trazados mapas das localizacións da artillaría alemá e a súa aviación tiña a supremacía aérea. Todo estaba preparado para o ataque.

O primeiro día[editar | editar a fonte]

Soldados neozelandeses do Rexemento de Auckland nunha trincheira.

Coma nas anteriores batallas, os primeiros días destináronse a masivos bombardeos da artillaría, lanzándose máis dun millón e medio de granadas. Tamén se cavaron dez galerías subterráneas que foron reenchidas con 20 toneladas de explosivos cada unha. Tralo fogo de artillaría 13 divisións británicas ao norte e 6 francesas ao sur. As tropas aliadas asaltaron a estrada entre Albert e Baupame a 19 quilómetros ao nordeste. Ás sete da mañá iniciouse o asalto contra o II exército alemán dirixido polo Xeneral Fritz von Below.

Plan de batalla británico correspondente ao 1 de xullo de 1916. As únicas operacións que tiveron éxito total foron as de Mametz, Montauban e o lado francés, todas elas no extremo sur da liña de avance.

As tropas franco-británicas recibiron instrucións de avanzaren tralo bombardeo e mesmo os oficiais afirmaron que o único que debían facer era avanzar a través das liñas alemás andando, xa que os canóns e minas esnaquizarían as tropas xermanas. Porén, moitos soldados alemáns sobreviviron en refuxios de formigón. Ao norte de Albert, o ataque aliado foi un completo fracaso. Noutros puntos púidose atravesar a primeira liña alemá e mesmo a segunda liña, pero con moi poucos efectivos. Os contraataques alemáns recuperaron case todas as liñas perdidas inicialmente. Sumado ás potentes defensas xermanas, as malas comunicacións provocaron a perda de moitos máis homes. O primeiro Rexemento de Terra Nova foi case aniquilado por completo debido a un informe erróneo, que afirmaba que a 29ª división tivera éxito en Beaumont-Hamel. Na propia estrada Albert-Bepaume a 34ª división británica foi moi danada polas metralladoras alemás.

En cambio, no sur os franceses si que conseguiron éxitos iniciais grazas a que os alemáns deixaran máis desprotexido este sector e a artillaría francesa era moi numerosa e efectiva. Os franceses acadaron os seus obxectivos e incluso fixeron máis progresos dos esperados.

Globalmente, o primeiro día no Somme foi un fracaso, con 19.240 soldados británicos mortos , 35.493 feridos, 2.152 desaparecidos e 585 prisioneiros; cun total de 57.470 baixas. Nas filas xermanas estimáronse 8.000 baixas. A maior diferenza de baixas entre os dous bandos produciuse en Ovillers, onde morreron 5.121 británicos e 280 alemáns, nunha relación de 18 a 1.

Tralo primeiro día[editar | editar a fonte]

As consecuencias das primeiras ofensivas non se souberon ata varios días despois debido ás deficientes comunicacións. O comandante do IV exército británico, Henry S. Rawlinson ordenou proseguir cos ataques. Con todo, Hubert Gough denegou a validez desa orde e os ataques non se retomaron ata o 3 de xullo. Os británicos querían seguir atacando no norte, a pesar de que no sur furaron as liñas alemás e penetraron ata 3 quilómetros en territorio alemán. Os británicos pretendían realizar numerosos ataques contra os alemáns. En cambio os franceses pretendían reservar forzas e emprenderen unha ofensiva a maior escala.

Batalla de Bazentin[editar | editar a fonte]

O 14 de xullo, o IV exército organizouse para un ataque no sur entre Pozieres, Guillemont e Ginchy. A artillaría bombardeou os alemáns por sorpresa, creando unha cortina de po e barro, que anulou a escasa visibilidade. Namentres, a 9ª división (composta maioritariamente por escoceses e surafricanos) conquistou Longueval e avanzou ata o bosque de Elville. Á mañá seguinte, a cabalería tentou conquistar o bosque de Elville, pero fracasou e tivo que repregarse. Os ataques sobre o bosque reiniciáronse o 22 de xullo sendo un total fracaso.

Pozières e a granxa Mouquet[editar | editar a fonte]

O 16 de xullo os aliados tomaron a Ovillers ao norte da estrada Albert - Baupame. O seguinte obxectivo da ofensiva era atacar os flancos alemáns e para iso cumpría tomar Pozières. O IV exército británico atacou ata catro veces Pozières sen éxito. Entón, Haig ordenou a Gough atacar con tres divisións pertencentes ao ANZAC. Nun principio, o ataque ía ser realizado de inmediato. Porén, os oficiais australianos do ANZAC conseguiron que o mando británico adiase o ataque. Preparouse para o 23 de xullo, cun grande apoio artilleiro. O ataque inicial foi exitoso o e os australianos furaron a primeira liña de defensa alemá. Non puideron coa segunda liña e os alemáns contraatacaron. Tras un bombardeo intenso, os xermanos atacaron e foron repelidos ata en tres asaltos. Nun último intento os alemáns atacaron as forzas australianas corpo a corpo e fracasaron.

Tralo último asalto alemán, os británicos ordenaron unha nova ofensiva. O ANZAC e o IV exército británico avanzaron cara á granxa Mouquet, onde os alemáns crearan un bastión defensivo poderoso. Dende alí dispararon cara a eles con metralladoras fixas causando moitas baixas. Os australianos, apoiados polo II corpo británico, conseguiron avanzar e establecer unha liña ao sur da granxa. Dende ela, lanzaron diversos asaltos contra as tropas alemás da granxa entre o 12 de agosto e 3 de setembro. Ningún tivo éxito e as tropas australianas foron substituídas por tropas canadenses. O 16 de setembro, os canadenses penetraron na granxa, pero tiveron que retirarse pouco despois. Dez días despois retomouse o ataque e logrouse a conquista de toda a granxa.

A guerra de desgaste: agosto e setembro[editar | editar a fonte]

Para agosto as tropas alemás xa estaban reorganizadas e os ataques por sorpresa xa eran inviables. Os ingleses seguiron atacando en diversos puntos con pequenos continxentes, mentres organizaban unha nova ofensiva. O 29 de agosto Erich von Falkenhayn foi cesado e substituído por Paul von Hindemburg, quen tiña coma segundo a Erich Ludendorff. Ámbolos dous consideraban que as grandes baixas alemás eran debidas á dispersión dos soldados. Deseñouse un novo sistema de defensa coñecido como Siegfried Stellung polos xermanos e Liña Hindenburg polos aliados.

Mentres, os franceses seguían sitos no sueste do bosque de Elville. En fronte, achábanse as vilas de Guillemont e Guinchy, ocupadas polos alemáns. O avance francés dependía da conquista de ámbalas localidades. O 8 de agosto, soldados británicos asaltaron as posicións alemás, sendo un fracaso. O 3 de setembro, un conxunto francobritánico conquistou ambas vilas, que foron ocupadas polo 16ª División Irlandesa. Os franceses seguiron afondando nas liñas alemás e chegaron a Combles. Estableceuse así unha primeira liña entre Mouquet e Combles. Entón o IV exército británico recibiu a orde de atacar. Así e todo, perderon 82.000 homes e só avanzaron 900 m.

Chegan os tanques[editar | editar a fonte]

O 15 de setembro os aliados realizaron un novo ataque coa intención de romperen as liñas alemás. Nove divisións británicas do IV exército e dúas divisións canadenses uníronse a catro divisións francesas co apoio de 29 tanques (12 non puideron participar) e atacaron. Os tanques eran resistentes ás metralladoras e á infantaría, pero non á artillaría pesada. Ademais, eran moi lentos (3,2 km/h) e non puideron superar os maiores obstáculos.

A 41ª División capturou Flers coa axuda dos tanques e a División Neozelandesa do XV Corpo Británico varreu as liñas alemás en torno a esa cidade. A 2ª División Canadense tomou Courcelette e os tanques tamén permitiron rodear o bosque de Bazentin. Os alemáns despregados no bosque retiráronse por temor a seren atrapados polos aliados e a 47ª División Londiniense ocupou estas posicións.

O 18 e 25 de setembro, os aliados conquistaron Gueudecourt, Lesbœufs e Morval.

Homes e subministracións en medio do campo de batalla nevado, durante os últimos días da Batalla do Somme. Cadro do pintor de guerra australiano Frank Crozier (18831948).

Fase final[editar | editar a fonte]

Artigo Principal: Batalla de Ancre

O exército de reserva de Gough atacou o 26 de setembro a fortaleza alemá de Thiepval, sendo capturada pola 18ª División Oriental. Mentres tanto, a 11ª División Norteña capturou a granxa Mouquet e as tropas canadenses avanzaron un quilómetro dende Courcelette. Iniciouse entón un sanguento combate en Ancre que duraría do 1 de outubro ata o 11 de novembro sen que se producise ningún avance. A finais de outubro, as tropas de Gough convertéronse no V Exército británico.

Asemade que Gough atacaba, Haig planeaba unha nova grande ofensiva. O III Exército atacou Gommecourt e o IV, Cambrai. Para que tivese éxito, requiríase a captura da liña Transloy, que unía Transloy con Le Sars. O asalto a Le Transloy viuse dificultado polas choivas que converteron o campo de batalla nun lodeiro. O único progreso da ofensiva foi a captura o 7 de outubro de Le Sars.

O último enfrontamento a grande escala da batalla do Somme produciuse entre o 13 e 18 de novembro, no río Ancre, ao norte de Thiepval. O obxectivo máis que militar era político. Haig xa non pretendía romper as liñas alemás, senón acadar unha vitoria coa que presumir ante os mandos franceses cos que se ía reunir en Chantilly o 15 de novembro. O 13 de novembro, dúas galerías estouparon en Hawthorn e en Beaumont Hamel. A 31ª División atacou Serre, sendo un fracaso. Malia todo, a 51ª División das Terras Altas tomou Beaumont Hamel, mentres que á dereita a 63ª Real División Naval capturaba Beaucourt (o que lle valeu ao Tenente-Coronel Bernard Freyberg unha Cruz da Vitoria). Ao sur, o II Corpo de Ancre realizou tamén certo progreso.

Haig estaba satisfeito cos resultados, pero Gough pretendía que se realizase un ataque ás trincheiras xermanas Frankfurt e Munich e a vila de Grandcourt. A trincheira Frankurt foi conquistada pero a Munich resistiu, así como Grandcourt.

Resultados[editar | editar a fonte]

O resultado non foi claramente favorable para ningún dos dous bandos. Os aliados non puideron avanzar máis de 8 quilómetros pero os alemáns sufriron moitas baixas.

Antes da ofensiva, os alemáns consideraban que o Exército británico era moito máis feble que o francés ou ruso, e polo tanto máis fácil de derrotalo. De feito, a gran maioría de soldados británicos que morreron no Somme, eran voluntarios que se alistaran no inicio do conflito en 1914. Isto significa que as perdas británicas non abranguían corpos ou divisións experimentadas e de elite. Non obstante, a infantaría alemá perdida era parte do exército regular e supuña graves perdas para Alemaña.

Baixas[editar | editar a fonte]

O 15 de novembro, nunha xuntanza franco-británica, determinouse que as perdas foran 485.000 soldados entre feridos e mortos para os aliados e 630.000 para os alemáns. O historiador británico Frederick Maurice estimou en 164.000 as perdas xermanas. A disparidade de cifras débese a dous elementos: por unha banda, os recontos de homes realizábanse diariamente no bando aliado, pero cada dez días no bando alemán. Por outra banda, cada un alterou os datos para evidenciaren o seu éxito fronte ao fracaso do adversario. Hoxe estímase en 623.000 baixas aliadas e en 465.000 a 600.000 as alemás.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • The First Day on the Somme, Martin Middlebrook, 1971, Penguin Books, ISBN 0-14-139071-9
  • Somme 1916, Lyn MacDonald, 1983, Penguin Books, ISBN 0-14-017867-8
  • The 1916 Battle of the Somme, Peter Liddle, 1992, Pen & Sword, ISBN 1-84022-240-9
  • The Somme, Gary Sheffield, 2003, Cassell, ISBN 030436649
  • The Face of Battle: A Study of Agincourt, Waterloo and the Somme, John Keegan, 1976, Penguin Books, ISBN 0-14-004897-9
  • Mud, Blood and Poppycock, Gordon Corrigan.
  • Trench Warfare (Artigo da Universidade de Toronto, 1992). Páxina 67.