Cocoliche

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
En cor azul, o Gran Buenos Aires onde se desenvolveu o cocoliche.

O cocoliche foi unha fala ou pidgin do castelán mesturado con diversos dialectos italianos do século XIX e comezos do século XX do norte e do sur de Italia (a Alta Italia ou Norte e a Baixa Italia ou Mezzogiorno, respectivamente).[1] O italiano do centro de Italia e o normativo tiveron moi pouca influencia. Os falantes dos dialectos italianos devanditos formaban, entre 1880 e 1930, máis dun 40 % da poboación da cidade de Buenos Aires, capital da Arxentina.

Orixe[editar | editar a fonte]

O cocoliche pode definirse como unha variedade mixta de castelán e de dialectos italianos cuxo uso era case exclusivamente falado (oral). Nesta especie de pidgin, as formas léxicas italianas alternábanse coas castelás pola gran proximidade filoxenética entre as linguas da península Ibérica e da península Itálica.

Tal variedade lingüística foi usada no teatro popular riopratense, no sainete e mesmo no circo crioulo, onde aparecía o personaxe cómico «Cocoliche», caricatura dun inmigrante italiano.

Segundo José Podestá,[2] o nome orixinouse no inmigrante Antonio Cuccoliccio, un peón calabrés da súa compañía teatral, quen fora caricaturizado polo actor do grupo Celestino Petray, que tiña gran facilidade para imitar os italianos crioulos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A división xeográfica entre a "Alta Italia" e a "Baixa Italia" adoita ser popular aínda que sustentada na xeografía, a mesoloxía e os seus diversos trazos culturais.
  2. Podestá, José J. Medio siglo de farándula: memorias de José J. Podestá. Instituto Nacional del Teatro (Argentina).