Saltar ao contido

Noitébrega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caprimulgus europaeus»)
Noitébrega, Avenoiteira, Noiteboa, etc.
Caprimulgus europaeus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Caprimulgiformes
Familia: Caprimulgidae
Xénero: Caprimulgus
Especie: C. europaeus
Nome binomial
Caprimulgus europaeus
Linnaeus, 1758
En verde: área de cría. En azul claro: migración. En azul escuro: área de invernada.
En verde: área de cría.
En azul claro: migración.
En azul escuro: área de invernada.

En verde: área de cría.
En azul claro: migración.
En azul escuro: área de invernada.
Subespecies
Véxase o texto

A noitébrega, tamén chamada avenoiteira, avenoiteira cincenta, denoiteira, denoiteira cincenta, noiteboa, noitarega e noitebra,[2] Caprimulgus europaeus L., é unha especie de ave da orde das caprimulxiformes, e familia dos caprimúlxidos, unha das numerosas incluídas no xénero Caprimulgus.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na páxina 193 da 10ª edición do seu Systema Naturae.[3][4]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Caprimulgus.

O epíteto específico, europaeus, refírese a que a súa especie tipo describiuse en Europa.[5]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Na actualidade recoñécense na especie seis subespecies:[3][4]

Subespecies
Subespecies Autoridade[6] Área de cría[6] Comentarios[7]
C. e. europaeus Linnaeus, 1758 Norte e centro de Europa e norte de Asia central A subespecie tipo
C. e. meridionalis Hartert, 1896 Noroeste de África e o sur de Europa ao leste até o mar Caspio Máis pequena, máis pálida e máis gris que a subespecie tipo, con manchas brancas máis grandes
C. e. sarudnyi Hartert, 1912 De Casaquistán a Kirguizistán Variábel debido ao cruzamento con outras subespecies, pero xeralmente pálida con grandes manchas brancas
C. e. unwini Hume, 1871 Iraq e leste de Irán até Uzbekistán Máis pálida, máis gris e máis lisa que a subespecie tipo e a miúdo con manchas brancas na gorxa
C. e. plumipes Przewalski, 1876 Noroeste da China e oeste de Mongolia Subespecie pálida e areosa con grandes manchas brancas
C. e. dementievi Stegmann, 1949 Nordeste de Mongolia Subespecie máis pálida e gris, pouco coñecida

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Caprimulgus europaeus distribúese polas zonas temperadas de claros de bosques, matogueiras e pastos de Europa e Asia.

A súa área de cría comprende o norte de Europa até os 64° de latitude N e o norte de Asia até uns 60° N e ao leste até o lago Baikal e o leste de Mongolia. Os límites meridionais son o noroeste de África, Iraq, Irán e o noroeste do Himalaia.[8]

Todas as súas poboacións son migratorias, e a maioría pasan o inverno na África subsahariana, aínda que con algúns rexistros en Paquistán, Marrocos e Israel. As migracións prodúcense principalmente pola noite, de forma individual ou en pequenos grupos pouco compactos de até vinte aves. Os que crían en Europa atravesan o Mediterráneo e o norte de África, mentres que as poboacións orientais desprázanse a través de Oriente Medio e o leste de África.[8][9] Algúns individuos que chegan a África proceden de máis alá do meridiano 100 leste.[9] A maioría das avelanoias pasan o inverno na África oriental e austral,[9] aínda que se descubriu que algúns individuos da subespecie nominal pasan o inverno na República Democrática do Congo. Ademais hai constancia de invernantes en África occidental tanto da subespecie nominal como de C. e. meridionalis. A migración outonal adoita producirse de agosto a setembro, e regresan ás súas áreas de cría ao redor de maio.[10] Rexistráronse individuos divagantes en Islandia, as illas Feroe, nas Seychelles,[1] as illas Azores, Madeira e as illas Canarias.[9]

Caprimulgus europaeus habita en espazos abertos e secos con algunhas árbores e arbustos, como os breixeiras, os prados, os páramos, os claros dos bosques e as zonas forestais desarboradas ou recentemente plantadas. Cando están criando adoitan evitar tanto as zonas sen árbores como as densamente arboradas, ademais das cidades e as montañas altas, aínda que si adoitan alimentarse nas zonas húmidas e nas zonas de cultivo. En inverno usan un espectro máis amplo de hábitats, incluídas as sabanas con acacias, os terreos áridos areosos e as montañas. Rexistráronse a altitudes de 2 800 m nas súas zonas de cría e até os 5 000 m nas zonas de invernada.[9]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia, a onde chega a finais de abril e parte en setembro, non é escasa, aniñando desde o nivel do mar até os 2 000 m de altitude.[11]

Características

[editar | editar a fonte]
En voo. Lámina do século XIX

Caprimulgus europaeus mide entre 24,5 a 28 cm de lonxitude e ten unha envergadura alar de 52 a 59 cm. Os machos pesan entre 51 e 101 g, e as femias entre 67 e 95 g.[10][12]

A súa plumaxe é bastante críptica. Os adultos da subespecie nominal (tipo) teñen as partes superiores de tons pardas agrisadas con veteado escuro, unha lista ocre na parte posterior do pescozo e bigoteiras brancas. As súas ás pregadas son agrisadas con motas amarelo-alaranxadas (de cor semellante á do ante), as partes inferiores tamén son principalmente pardo agrisadas, con listas pardas e motas cor crema. O seu curto pico é anegrado, o iris dos ollos é pardo escuro e as patas son curtas e tamén pardas.[10]

Como o resto das especies do xénero Caprimulgus, aínda que o seu pico é curto, ten unha boca moi grande, con serdas nos lados, para aumentar a súa capacidade de alimentarse de insectos en voo. As súas ás e a cola son longas e estreitas, e o pico, como querou dito, é moi curto.[12] O seu voo é potente e silencioso, grazas ás súas longas e apuntadas ás, con plumas suaves.[12] En voo poden diferenciarse os sexos, xa que os machos teñen manchas brancas en tres plumas primarias e un moteado branco nas plumas laterais da cola, e as femias carecen destas marcas brancas.[10][12] Os polos acabados de nacer teñen a penuxe parda e crema e, cando empluman, teñen unha aparencia similar á das femias. Os adultos mudan a súa plumaxe a partir de xuño tras a época de cría, proceso que se interrompe durante a migración e, finalmente, cambian as plumas de voo da cola nas súas áreas de invernada. A muda complétase entre xaneiro e marzo. Os inmaturos seguen un patrón de muda similar a non ser que sexan dunha niñada tardía, en cuxo caso realizarán a totalidade da muda en África.[7]

Coinciden con outras especies de Caprimulgus en parte das sus áreas de cría e invernada. Caprimulgus ruficollis tamén cría na Península Ibérica e no norte de África, é máis grande, máis agrisado e coas ás máis longas que a especie europea, e ademais ten unha banda de cor canela avermellada no pescozo e manchas brancas características na gorxa, as ás e a cola.[13]. Os espécimes invernantes de Caprimulgus europaeus en África poden coincidir con Caprimulgus ruficollis e con Caprimulgus fraenatus. Tanto Caprimulgus europaeus como Caprimulgus fraenatus teñen pencas nas coberteiras das ás e unha lista ocre na parte posterior do pescozo, pero esta última especie é moito máis escura que o seu parente europeo.[14]

As principais ameazas para esta especie son a redución da dispoñibilidade de insectos debido ao uso de praguicidas (Tucker e Heath 1994,[15][16] e a perda ou degradación do hábitat, causada xeralmente polo pastoreo de breixeiras e bosques de pastoreo e a conversión destes hábitats en cultivos agrícolas, viñedos, silvicultura comercial e zonas urbanas. A perturbación do uso recreativo dos breixos e as mortes nas estradas tamén poden contribuír ao seu descenso.[15]

A especie posúe numerosos depredadores, especialmente de ovos e pitos, entre os que destacan os corvos (Corvus), as pegas (Pica pica), o gaio (Garrulus glandarius), os mouchos (estríxidos), o falcón Falco concolor, o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), a donicela (Mustela nivalis) e cans domésticos.[16] Os contaminantes nitroxénicos da chuvia poden provocar a eutrofización das zonas de cría de secaño e unha estrutura vexetal inadecuada. O cambio climático pode afectar a área xeográfica da especie no futuro.[15]

[editar | editar a fonte]

Chega a noite, miña filla,
a avenoiteira anda a pasar;
nos freixos treman as follas,
a vida quer repousar.

Tanto o seu nome científico como o vulgar refírense a un mito, tan vello que foi citado por Aristóteles, de que estas aves maman das cabras, o que ocasionaría que deixaran de dar leite e quedaran cegas. Esta antiga crencia reflíctese no nome desta ave en varias linguas europeas, como Ziegenmelker en alemán, succiacapre en italiano e no antigo inglés goatsucker, que significan "muxidoras de cabras" ou "chuchacabras". A pesar da antigüidade deste mito europeo non ten equivalentes nas tradicións árabes, indias ou chinesas. É probábel que proveña da atracción destas aves polos insectos que rodean os recintos de gando doméstico, e que pola súa natureza de criaturas nocturnas e misteriosas, se as culpara de calquera desgraza que lle sucedera ás reses.​

Outro nome antigo en inglés, puckeridge, usábase tanto para referirse a esta ave como a unha enfermidade do gando,​ que en realidade está causada por larvas de rezno​, e outro termo do antigo inglés, Lich fowl (ave cadáver) indica a superstición e rexeitamento que rodeaba a esta ave nocturna.​

Algúns poetas usaron ás noiteboas como indicadoras da calidez ou a quietude das noites de verán, como George Meredith en Love in the Valley, Dylan Thomas en Fern Hill, William Wordsworth en Calm is the fragrant air, ou Thomas Hardy en Afterwards.​

Porén, en Galicia é considerada como indutora do repouso nocturno (ver cita supra).

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Caprimulgus europaeus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Noitébrega. O DRAG recolle todos os sinónimos.
  3. 3,0 3,1 Caprimulgus europaeus Linnaeus, 1758] no GBIF. Consultado o 29 de decembro de 2022.
  4. 4,0 4,1 Caprimulgus europaeus Linnaeus, 1758] na BioLib. Consultada o 29 de decembro de 2022.
  5. James A. Jobling (2010): The Helm dictionary of scientific bird names. ISBN 978-1-4081-2501-4, p. 153.
  6. 6,0 6,1 Aviso de cita: a etiqueta co nome hbwonline non se pode previsualizar porque está definida fóra da sección actual ou non está definida neste artigo.
  7. 7,0 7,1 Cleere & Nurney 1998.
  8. 8,0 8,1 Cleere, Nigel & Nurney, David (1998): Nightjars: A Guide to the Nightjars, Frogmouths, Potoos, Oilbird and Owlet-nightjars of the World. Christopher Helm. ISBN 978-1-8734-0348-8.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Snow & Perrins 1998.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Hoyo, Josep del; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi & Christie, David A., eds. (1994): "European Nightjar". En Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-388-0.
  11. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos e Silvar, Carlos (1991): Guía de aves de Galicia. A Coruña: Bahía Edicións, p. 198.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Mullarney, K.; Svensson, L.; Zetterström, D. & Grant, P. J. (2003): Guía de Campo de las Aves de España y de Europa. Barcelona: Editorial Omega. ISBN 84-2821-218-X.
  13. Cleere & Nurney 1998, pp. 227-229.
  14. Cleere & Nurney 1998, pp. 233-238.
  15. 15,0 15,1 15,2 Tucker, G. M. & Heath, M. F. (1994): Birds in Europe: their conservation status. Camridge: BirdLife International.
  16. 16,0 16,1 Cleere, N. & Christie, D. A. (2013): "European Nightjar (Caprimulgus europaeus)". En: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E., eds. Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions.
  17. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha da avenoiteira. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 79. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]