Vila romana de Toralla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°12′N 8°48′O / 42.2, -8.8

Vila romana de Toralla
Vista da vivenda.
PaísGalicia Galicia
CidadeVigo
Inauguración2010
editar datos en Wikidata ]

A vila romana de Toralla[1], é unha escavación arqueolóxica a ceo aberto dunha vila romana convertida en exposición-museo visitábel á beira da praia do Vao, en Coruxo (Vigo). Áchase no antigo eido de Mirambell, nun arboredo de acacias.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

En Galiza localizáronse unha trintena de sitios arqueolóxicos romanos á beira do mar, identificados maiormente como villae costeiras dedicadas á explotación de recursos mariños: pesca, salgas, salinas...Boa parte delas estaban en Vigo e a súa contorna.

Toralla sitúase nas proximidades do Vicus, o núcleo urbano de orixe romana que, a partir do século I d.C., foi crecendo no centro do actual Vigo. No Vicus hai vestixios dun importante complexo manufactureiro e comercial relacionado co mar. Comprendía unhas extensas salinas, factorías de salga e quizais algunha pesqueira asociada. Polo século II esta sería a zona manufactureira máis importante do noroeste peninsular. Cara ao século III, período de crise monetaria, as salinas de Vicus deixan de funcionar. Despois xurdirán varias explotacións, sitios dedicados á obtención do sal, elaboración de salgas etc. Isto fai pensar que a produción, centralizada antes no Vicus, distribuirase por estas villae e factorías da ría.

Toralla[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Toralla.

A vila de Toralla construíuse nun pequeno cabo que separa as praias do Vao e a de Canido, daquela unido á illa de Toralla por unha barra de area (de aí o nome de vao). Habitouse entre o 300 e 450 d.C., momento final do imperio romano, no que as villae terán un bo crecemento, tanto na Gallaecia coma nas demais provincias do imperio. A illa estivo poboada antes de que existise a vila, pois hai restos dun castro prerromano que sería abandonado contra o século I d.C. Atopáronse tamén restos dun cemiterio romano, quizais o dos habitantes da vila.

A illa crese que pertenceu á Igrexa durante séculos, até o século XIX, no século XX construíuse a ponte, unha urbanización, e unha torre de vivendas, destruíndo parte dos sitios arqueolóxicos da illa.

As villae[editar | editar a fonte]

A villa (en singular) ou as villae (en plural) é unha casa; componse dun conxunto de edificacións, labores agrícolas, ou instalacións relacionadas co mar nas zonas costeiras coma esta. A vila existiu desde as orixes e en todos os territorios do imperio, pois é o tipo de asentamentos máis característicos do mundo rural romano.

Habíaas con gran variedade de tipos e tamaños: luxosas residencias, dedicadas ao lecer, grandes granxas, nas que poderían vivir máis de dous ou tres centenares de persoas; ou modestas explotacións produtivas como pode ser o caso de Toralla.

A vila de Toralla[editar | editar a fonte]

A vila de Toralla era sobria, aínda así dispuña de certos elementos de confort e riqueza, como termas ou mosaicos. Como toda vila romana organizábase en dúas partes: a pars urbana ou edificios residenciais do propietario ou os serventes, e a pars rustica, ou construcións adxacentes relacionadas coa produción, que en Toralla serían unha salina, alpendres, celeiros e almacéns.

Defínese a partir de varias construcións independentes, situadas a pouca distancia unhas doutras, distribuídas de xeito funcional e adaptándose á topografía do terreo. Estas son:

  • O edificio principal: a vivenda do dominus ou propietario, de planta rectangular tipo atlántica. As medidas teñen unha relación exacta de 3:1, que fai pensar que tivo unha planificación previa. O edificio organízase a partir dun corredor lonxitudinal, flanqueado por un pórtico con piares de madeira. Destacan unhas termas formadas por un baño frío, un temperado e un cálido. Estas termas, ademais de relax fornecían a calor necesaria para a vivenda grazas ao hipocausto, sistema de calefacción que consistía no paso de ar quente procedente dun forno, baixo o chan oco.
  • O edificio secundario: a 4 m do principal, sería a área da servidume.
  • As construcións rústicas, ou relacionadas coa parte produtiva da casa.

O Museo[editar | editar a fonte]

Son os únicos restos dunha vila romana, do século IV, que se conservan en Galicia. Áchase emprazada dentro do que fora a leira da familia Mirambell, cuxos propietarios descubriron o sitio arqueolóxico e despois doaron o terreo ao concello de Vigo. Logo de anos de pescudas na leira de Mirambell, o museo abre en 2007. A vila está totalmente escavada e pódese visitar libremente seguindo as indicacións de paneis informativos. O recinto está coutado cun valado de madeira, mais a entrada é de balde. En 2013 pensouse comezar as obras na vivenda Mirambell para realizar un Centro de Interpretación, as obras foron paralizadas polo achado de máis restos arqueolóxicos nos alicerces da mesma.

Achado de marzo de 2013[editar | editar a fonte]

A vivenda da familia Mirambell construída en 1906 e modificada en varias ocasións ao longo do século XX, cuxo futuro inmediato pasaba por se converter no Centro de Interpretación da vila romana de Toralla, agochaba nos seus alicerces restos que fixeron paralizar os traballos en marzo de 2013. Muros, tellas e ladrillos en bo estado de conservación afloraron nas seis perforacións realizadas no edificio.

As primeiras teorías baralladas polos arqueólogos que traballaban na coutada apuntan a que a vila romana tiña unha dimensión máis grande có que se cría e có sitio arqueolóxico musealizado; polo que dende o concello díxose que habería que modificar a idea orixinal[2].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]