Tiburón de area

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tiburón de area
Odontaspis ferox
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Chondrichthyes
Subclase: Elasmobranchii
Orde: Lamniformes
Familia: Odontaspididae
Xénero: Odontaspis
Especie: O. ferox
Nome binomial
Odontaspis ferox
(Risso, 1810)
Distribución da especie.
Distribución da especie.

Distribución da especie.
Sinonimia

Odontaspis herbsti Whitley, 1950
Squalus ferox A. Risso, 1810

O tiburón de area[2] (Odontaspis ferox) é unha especie de tiburón lamniforme da familia Odontaspididae, cunha distribución irregular pero global en augas tropicais e temperadas cálidas. Habitan polo xeral en hábitats rochosos de augas profundas, aínda que ocasionalmente se atopan en augas pouco profundas, e sábese que regresan ao mesmo lugar ano tras ano. Esta rara especie é frecuentemente confundida coa moito máis común Carcharias taurus, da que se pode distinguir pola súa primeira aleta dorsal, que é máis grande que a segunda e está colocada máis adiante. Medra, cando menos, até os 4,1 m de lonxitude.

Sábese moi pouco da bioloxía e do comportamento do tiburón de area. É un depredador activo de peixes óseos, invertebrados e peixes cartilaxinosos. Pénsase que esta especie é ovovivípara con embrións oófagos como outros lamniformes. En contraste co seu formidable tamaño e aparencia, este tiburón é inofensivo, xa que nunca se soubo que se comportase de forma agresiva cara aos humanos. Existe preocupación sobre a conservación desta especie, xa que o seu número está a diminuír debido ás actividades humanas no Mediterráneo e noutros lugares, aínda que os datos existentes non son axeitados para unha avaliación completa do seu estado de conservación.

Taxonomía e filoxenia[editar | editar a fonte]

O tiburón de area foi descrito orixinalmente como Squalus ferox polo naturalista franco-italiano Antoine Risso en 1810, baseándose nun espécime atopado en Niza, Francia.[3] En 1950, Gilbert Percy Whitley describiu O. herbsti a partir de espécimes australianos, diferenciándoos de O. ferox en base á dentición e á ausencia de manchas. Leonard Compagno fixo as dúas especies sinónimas en 1984, xa que como se descubriu posteriormente, os espécimes do Pacífico difuminaran os caracteres distintivos de Whitley.[4] O epíteto específico ferox é o termo en latín para "fero".[5]

Un estudo filoxenético baseado no ADN mitocondrial realizado por Naylor et al. en 1997 suxeriu que o tiburón de area e o seu parente, o tiburón de area ollón (O. noronhai), están máis relacionados cos tiburóns do xénero Alopias ca o Carcharias taurus, co que garda un gran parecido. De ser certo, isto indicaría que as semellanzas entre esta especie e Carcharias taurus xurdiron como resultado da evolución converxente.[6] Atopáronse dentes fósiles pertencentes ao tiburón de area do período Zancliano, hai entre 5,3 e 3,6 millóns de anos, en depósitos de Italia e Venezuela.[7][8]

Descrición[editar | editar a fonte]

O tiburón de area ten un corpo voluminoso cun fociño longo, bulboso e lixeiramente aplanado. Os ollos son de tamaño mediano, con pupilas grandes e redondas (en oposición á forma en fenda de Carcharias taurus), e carecen de membrana nictitante.

A boca é grande e chea de dentes saíntes. Cada dente ten unha cúspide central estreita e alta flanqueada por dous ou tres pares de cúspides laterais. Ten unhas 48–56 filas de dentes na mandíbula superior e 36–46 na mandíbula inferior; os dentes grandes dianteiros da mandíbula superior están separados dos dentes laterais por dous a cinco dentes intermedios.[9]

As aletas son de base ancha e de forma angular. A primeira aleta dorsal é máis grande cá segunda e sitúase máis preto das aletas pectorais ca das aletas pélvicas. A aleta caudal é moi asimétrica, co lóbulo superior moito máis longo ca o inferior. A cor é gris a marrón agrisado por riba e máis clara abaixo.[9] Os exemplares xuvenís son de cor uniforme coas marxes das aletas máis escuras, mentres que os adultos adoitan presentar manchas escuras ou manchas que varían moito en patrón, tamaño e densidade. A cor tamén parece variar segundo a rexión, e algúns individuos do Mediterráneo mostran unha mancha cun patrón "piebald".[4] O tiburón de area alcanza unha lonxitude máxima de 4,1 m e un peso máximo de 289 kg.[10] Hai informes non confirmados de individuos moito máis grandes na illa de Malpelo, fronte a Colombia.[9]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Exemplar no Santuario Mariño Flower Garden Banks, en Florida.

Esta especie foi capturada en lugares moi espallados por todo o mundo, o que indica unha distribución posiblemente circuntropical. No leste do océano Atlántico, coñécese dende a baía de Biscaia até Marrocos, incluíndo áreas do mar Mediterráneo, os Azores e as Illas Canarias. No Atlántico occidental, tense rexistrado en Carolina do Norte e Florida (USA), a península do Iucatán (en México), e Fernando de Noronha (no Brasil). Está presente no océano Índico, dende Suráfrica, Madagascar e Tanzania no oeste até as Maldivas e a Dorsal Suroeste do Índico no leste. No Pacífico norte, está presente no Xapón, Hawai, California e Colombia, e no Pacífico sur en Nova Caledonia, o leste de Australia e Nova Zelandia.[4] En Nova Zelandia, pode atoparse nas costas da baía de Plenty, New Plymouth e Hawkes Bay.[11] Tamén foi filmado preto da illa Raoul.[11]

Considérase normalmente como unha especie de augas profundas, e pode descender até os 880 m de profundidade. Adoitan atoparse preto do fondo en rexións rochosas e cubertas de pedras nas plataformas continentais e na parte superior das marxes continentais, así como ao redor de dorsais e montañas submarinas. A especie foi descrita preto dos desniveis rochosos ou arrecifes de coral e nas capas superiores do océano aberto. No Mediterráneo, Odontaspis ferox aparece a profundidades inferiores a 250 m (820 pés), incluso a profundidades accesibles para os mergulladores.[4] Foron observados nadando sobre chairas de area na illa de Coco, Costa Rica e en Fernando de Noronha. O rango de temperaturas que favorece esta especie é de 6–20 °C (43–63 °F); en climas quentes, atópanse debaixo da termoclina en augas máis frías.[4]

Avistamento en Galicia[editar | editar a fonte]

En xuño de 2022, descubriuse un exemplar na ría de Arousa, sendo a primeira vez que se divisa esta especie en augas galegas. O animal, unha femia de tres metros e medio de lonxitude, morreu varada na costa.[12] A investigación sobre a necropsia foi realizada conxuntamente por CEMMA, o Oceanográfico de Vigo, a Universidade do Porto e a Universidade de Aveiro.[13]

Bioloxía e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Tiburón de area no monte submarino de Northampton. No océano aberto, esta especie está fortemente asociada con dorsais e montes submarinos.

O tiburón de area é un tiburón moi nadador que pode atoparse individualmente ou en conxuntos de ata cinco individuos. Os rexistros de capturas suxiren que esta especie pode cubrir longas distancias en augas oceánicas ao longo de dorsais submarinas ou "saltar" entre montes submarinos.[4] Ten un fígado moi grande e oleoso, o que lle permite manter unha flotabilidade neutra na columna de auga cun mínimo esforzo.[9] Nun lugar chamado "Shark Point" preto de Beirut, no Líbano, pequenos grupos de tiburóns de area aparecen cada verán en arrecifes rochosos a unha profundidade de 30–45 m.[14] Os mesmos individuos foron documentados regresando a este sitio ano tras ano.[4] O seu propósito alí descoñécese, especulando que está relacionado co apareamento. Cando se enfrontan, observouse que estes tiburóns detéñense, abren a boca, dan a volta e axitan a cola cara á ameaza percibida.[9]

Os tiburóns de area adultos non teñen depredadores, aínda que poden ser trabados por Isistius brasiliensis. Un parasito coñecido é o Lithobothrium gracile, que infesta o intestino da válvula espiral do tiburón. O cadáver dunha femia de 3,7 metros de longo atopado en Fuerteventura, nas illas Canarias, contiña un bo número de angüiliformes da especie Simenchelys parasitica dentro do seu corazón, cavidade corporal e músculos do lombo. Descoñécese se as anguías contribuíron á morte do tiburón.[4]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Un tiburón de area nun respiradoiro hidrotermal do volcán submarino Kasuga-2. Os individuos máis pequenos, coma este, tenden a permanecer en augas máis profundas.

Comparada coa do Carcharias taurus, a dentición do tiburón de area é menos robusta e carece de dentes especializados para cortar e esmagar, o que suxire que tende a abordar presas máis pequenas.[9] A dieta do tiburón de area consiste en peixes óseos que viven no fondo mariño, como as especies do xénero Sebastes, invertebrados como luras, camaróns e posiblemente isópodos mariños e peixes cartilaxinosos como raias e quimeriformes. A maior presa coñecida tomada por esta especie foi un tiburón Dalatias licha tiña 1,3 m de lonxitude, o cal foi atopado dentro do estómago dun macho de 2,9 metros de lonxitude en Nova Caledonia.[4]

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Nunca se atoparon exemplares de tiburóns de area femias embarazadas; presúmese que esta especie é ovovivípara como noutros lamniformes. Villaviencio-Garayzar (1996) describiu unha femia de 3,6 metros no golfo de California que contiña centos de óvulos no seu ovario dereito, o cal apoiaría que os embrións sexan oófagos. Descoñécese se os embrións tamén se canibalizan entre si coma no caso da especie Carcharias taurus. Estímase o tamaño ao nacer en 1,0–1,1 m. Con poucas excepcións rexistradas, os xuvenís atópanse en augas profundas e só os adultos están presentes por riba dos 200 m de profundidade; isto pode servir para reducir a depredación dos individuos novos por parte de grandes depredadores de augas pouco profundas como o tiburón branco (Carcharodon carcharias). Os machos maduran cando acadan un tamaño de 2,0–2,5 m e as femias con 3,0–3,5 m. As leves cicatrices que se ven nalgúns exemplares poden estar relacionadas co cortexo.[4][9]

Interaccións cos humanos[editar | editar a fonte]

Os encontros con mergulladores demostraron que, a pesar do seu tamaño, os tiburóns de area son dóciles e non reaccionan de forma agresiva mesmo cando se achegan de preto.[9] Esta especie é capturada de maneira incidental en trasmallo e arrastre de fondo, e en palangre; a maioría das capturas prodúcense no Mediterráneo e fóra do Xapón, onde se consome a súa carne (aínda que se considera moi inferior á carne de Carcharias taurus) e utilízase o aceite de fígado.[9] As aletas, mandíbulas e cartilaxe tamén son de valor.[10]

Os descubrimentos, a partir da década de 1970, de tiburóns de area en augas pouco profundas suscitaron preocupacións urxentes de conservación, xa que esta especie é aparentemente máis vulnerable á actividade humana do que se cría anteriormente. No presente, os datos non son suficientes para que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza asigne un status global de conservación da especie. Foi clasificada como especie vulnerable en augas australianas, debido a un descenso superior ao 50% das capturas en Nova Gales do Sur dende a década de 1970. En xuño de 2018, o Departamento de Conservación de Nova Zelandia clasificou o tiburón de area como "En risco - Naturalmente pouco común" co cualificativo "Ameazado no exterior" baixo o Sistema de Clasificación de Ameazas de Nova Zelandia.[15]

Tamén se cre que as poboacións desta especie no Mediterráneo diminuíron debido a unha combinación de degradación do hábitat, sobrepesca, contaminación e perturbación humana.[1] O tiburón de area está protexido polo goberno australiano dende 1984; isto produciuse ao mesmo tempo que a protección da Carcharias taurus, que fora dezmada en augas australianas, para evitar calquera afirmación de confundir unha especie coa outra. Porén, estes regulamentos resultaron difíciles de facer cumprir.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Pollard, D. (2003). "Odontaspis ferox". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Lahuerta Mouriño, Fernando; Vázquez Álvarez, Francisco X. (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos (PDF). Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria : Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 84-453-2913-8. 
  3. Risso, A. (1810). Ichthyologie de Nice, ou, Histoire naturelle des poissons du département des Alpes Maritimes. París: F. Schoell. pp. 38–39. doi:10.5962/bhl.title.7052. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 Fergusson, I. K.; Graham, K. J.; Compagno, L. J. V. (2008). "Distribution, abundance and biology of the smalltooth sandtiger shark Odontaspis ferox (Risso, 1810) (Lamniformes: Odontaspididae)". Environmental Biology of Fishes 81 (2): 207–228. doi:10.1007/s10641-007-9193-x. 
  5. Ebert, D. A. (2003). Sharks, Rays, and Chimaeras of California. London: University of California Press. pp. 93–95. ISBN 978-0-520-23484-0. 
  6. Naylor, G. J. P.; Martin, A. P.; Mattison, E. G.; Brown, W. M. (1997). "Interrelationships of lamniform sharks: testing phylogenetic hypotheses with sequence data". En Kocher, T. D.; Stepien, C. A. Molecular Systematics of Fishes. San Diego: Academic Press. pp. 199–218. ISBN 978-0-12-417540-2. 
  7. Cappetta, H. (1987). "Chondrichthyes II. Mesozoic and Cenozoic Elasmobranchii". Handbook of Paleoichthyologie (Volume 3B). Stuttgart: Gustav Fischer Verleg. pp. 85–110. 
  8. Aguilera, O.; Aguilera, D. R. (2001). "An exceptional coastal upwelling fish assemblage in the Caribbean Neogene". Journal of Paleontology 75 (3): 732–742. JSTOR 1307055. doi:10.1666/0022-3360(2001)075<0732:AECUFA>2.0.CO;2. hdl:10088/1377. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Compagno, L. J. V. (2002). Sharks of the World: An Annotated and Illustrated Catalogue of Shark Species Known to Date (Volume 2). Rome: Food and Agricultural Organization. pp. 64–66. ISBN 978-92-5-104543-5. 
  10. 10,0 10,1 Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (abril de 2009). "Odontaspis ferox". FishBase (en inglés). 
  11. 11,0 11,1 Roberts, Clive; Stewart, A. L.; Struthers, Carl D.; Barker, Jeremy; Kortet, Salme; Freeborn, Michelle (2015). The fishes of New Zealand 2. Wellington, New Zealand: Te Papa Press. p. 59. ISBN 9780994104168. OCLC 908128805. 
  12. "Avistada na ría de Arousa unha especie de quenlla de tres metros nunca antes localizada na Galiza". Nós Diario. 3 de xuño de 2022. Consultado o 7 de xuño de 2022. 
  13. Tomé, Alba (2023-02-20). "O tiburón que varou en Arousa: unha especie en perigo de extinción nunca vista en Galicia". GCiencia. Consultado o 2023-02-20. 
  14. Martin, R. Aidan. "Biology of the Bumpytail Ragged-Tooth Shark (Odontaspis ferox)". elasmo-research.org. ReefQuest Centre for Shark Research. Consultado o 31 de xaneiro de 2019. 
  15. Duffy, Clinton A. J.; Francis, Malcolm; Dunn, M. R.; Finucci, Brit; Ford, Richard; Hitchmough, Rod; Rolfe, Jeremy (2018). Conservation status of New Zealand chondrichthyans (chimaeras, sharks and rays), 2016 (PDF). Wellington, Nova Zelandia: Department of Conservation. p. 10. ISBN 9781988514628. OCLC 1042901090. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]