Condrictios
Os peixes condrictios (Chondrichthyes, do grego χονδρος khóndros, "cartilaxe", e ιχθύς ikhthýs, "peixe") son unha clase de vertebrados acuáticos caracterizados por teren o esqueleto cartilaxinoso, a diferenza do esqueleto dos peixes óseos (osteíctios), que o teñen osificado.
Comprende os elasmobranquios (tiburóns, raias) e os holocéfalos (quimeras).
Índice |
[editar] Características xerais
Os condrictios presentan tanto caracteres evolucionados como caracteres primitivos (como a súa anatomía básica). Entre os caracteres evolucionados destacan dous: a suspensión e estrutura das aletas e a estrutura e composición das mandíbulas e da dentición que, segundo a especie, pode presentar formas máis evolucionadas ou máis primitivas. Otro carácter avanzado é o seu sistema inmunitario.
Obsérvase neste grupo unha clara tendencia ó xigantismo, como medida para evitar a depredación. Os tiburóns típicos teñen unha lonxitude de dois metros ou máis, e as raias típicas chegan a un metro, proporcións que resultan moi grandes para o estándar dos vertebrados.
Os dentes non están fusionados á mandíbula e son substituídos por dentes novos de forma continua, rápida e en serie, grazas a unha cavidade que posúen ó longo do bordo da mandíbula. Esta característica permítelles ter sempre dentes novos que substitúen a aqueles que se van rompendo, desgastando e desprendendo. Poden ter dentes aserrados, con función cortadora; dentes afiados, para capturar as presas; e dentes planos (en moitas raias) para moer o alimento.
Respiran a través de branquias durante toda a súa vida. As branquias non están protexidas por opérculos, como noutros peixes, senón que se abren directamente ó exterior a través de 5 ou 7 fendas branquiais, no caso de raias e tiburóns, ou unha única, no caso das quimeras.
A principal diferenza respecto a outros peixes é o seu esqueleto formado principalmente por cartilaxe e non por óso. Tamén, o carecer de vexiga natatoria: esta ausencia obrígalles a manterse nadando constantemente ou pousarse no fondo do mar, sen poder manter unha posición estática na columna de auga.
[editar] Sentidos
Posúen un agudo sentido do olfacto e son quen de detectar o sangue a longas distancias. A vista está menos desenvolvida e só poden detectar luces e sombras na auga.
Posúen nas liñas laterais e no fociño uns órganos sensoriais que lles permiten captar os estímulos eléctricos das contraccións musculares dos peixes nos que predan.
[editar] Anatomía externa
Presentan unha pel cuberta de escamas placoideas (tamén chamadas dentículos dérmicos), que se forman na derme e emerxen atravesando a epiderme. Están orientadas cara atrás e conseguen que a pel sexa moi resistente, á vez que se minimiza o rozamento coa auga grazas á redución das turbulencias xeradas na locomoción.
[editar] Reprodución
A fecundación é interna. Os machos presentan unhas aletas transformadas, chamadas pterigópodos, con función de órganos copuladores.
É xeral a tendencia ó ovoviviparismo, aínda que tamén se dá o oviparismo ou mesmo o viviparismo. Outro fenómeno propio deste grupo é o da "oofaxia": canibalismo dentro do útero, onde un embrión come os outros ovos.
[editar] Clasificación
Os condrictios divídense en dúas subclases:
- Subclase Elasmobranchii
- Superorde Batoidea
- Orde Rajiformes (raias verdadeiras)
- Orde Myliobatiformes (raias, ouxa, chucho)
- Orde Pristiformes (peixes serra)
- Orde Torpediformes (estrugas)
- Superorde Selachimorpha
- Orde Hexanchiformes (tiburóns primitivos)
- Orde Squaliformes (melga)
- Orde Pristiophoriformes (tiburóns serra)
- Orde Squantina (peixe anxo)
- Orde Heterodontiformes (tiburón cornudo)
- Orde Orectolobiformes (tiburón balea)
- Orde Carcharhiniformes (tiburóns)
- Superorde Batoidea
- Subclase Holocephali
- Orde Chimaeriformes
- Familia Chimaeridae (quimeras)
- Orde Chimaeriformes
Outros sistemas consideran os elasmobranquios como unha clase, dividida en dúas subclases: Holocephali e Selachii.