The Flaming Lips

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
The Flaming Lips
Flaming Lips smog Coyne Scurlock.jpg
Orixe Oklahoma City, Oklahoma, Estados Unidos Flag of the United States.svg
Período 1983 - actualidade
Xénero(s) rock alternativo, dream pop
Selo(s) discográfico(s) Warner Bros. Records
Membros Wayne Coyne
Michael Ivins
Steven Drozd
Kliph Scurlock
Antigos membros Ronald Jones
Jonathan Donahue
Mark Coyne
Dave Kostka
Richard English
Nathan Roberts
John Mooneyham
Na rede
http://www.flaminglips.com

The Flaming Lips é unha banda de rock alternativo estadounidense formada en 1983 en Oklahoma City (Oklahoma). Actualmente está composta por Wayne Coyne (guitarra e voz), Michael Ivins (baixo), Steven Drozd (guitarra) e Kliph Scurlock (batería).

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

A formación da banda remóntase a 1983 cando Wayne Coyne, despois de moito aforrar, conseguiu comprar unha guitarra Les Paul. Era o punto de partida, pero era difícil atopar compañeiros para unha banda en Oklahoma City. Foi só algún tempo despois cando Wayne soubo polo seu irmán Mark que Mike Ivins tiña un baixo en casa. Mike non sabía tocalo, pero aínda así Wayne convidouno para tocar xuntos. Estaba nacendo The Flaming Lips, con Wayne Coyne (guitarra), Mark Coyne (voz) e Mike Ivins (baixo). Para a batería probaron a algunha xente antes de fichar a Richard English, que tomou conta das baquetas de 1984 en diante.

Despois dalgúns concertos en bares da cidade, a banda editou unha demo e pensaba en gravar o seu primeiro disco. A partir de 1984 The Flaming Lips comezou a establecerse abrindo concertos de bandas hardcore que pasaban por Oklahoma como Black Flag, Minutemen ou Hüsker Dü. O motivo é que The Lips tiña o único equipo de directo de Oklahoma City, e o prestaba ás outras bandas.

Os plans de gravar o primeiro disco finalmente concretáronse en 1985, cando a banda autofinanciou o EP The Flaming Lips, lanzado en febreiro cunha tirada inicial de 1.000 copias. O disco é a únia edición da banda que contaría con Mark como vocalista principal, e serviríalle como carta de presentación grazas ao cal conseguiron actuar noutras cidades fóra de Oklahoma. The Flaming Lips contiña cinco cancións e tentaba reproducir o son da banda en directo, soando tecnicamente precario. Mentres tanto, dende o inicio xa estaba presente na banda unha sonoridade única, dificilmente catalogable, diferente a todo o que existía na época. Había unha mestura de varias tendencias de rock, punk, rock progresivo e psicodelia feita dunha maneira particular.

Despois de que o seu irmán deixase o grupo, Wayne fíxose cargo das voces e a banda lanzou o seu primeiro álbum, Hear It Is, a través do selo Pink Dust Records (o encargado do rock psicodélico de Enigma Records) en 1986. Esta formación gravaría dous discos máis; Oh My Gawd!!! de 1987 e Telepathic Surgery de 1989, o último dos cales inicialmente estaba pensado como un collage musical de 30 minutos.

En 1990 a banda coptou a atención da Warner Bros. Records, e asinaron un contrato despois de que un representante do selo vise un concerto no que o grupo case queimase o local polo uso de pirotecnia.

Contrato con Warner Bros.[editar | editar a fonte]

En 1992 a banda editou a súa estrea cun gran selo, Hit to Death in the Future Head despois de que Donahue deixase o grupo para concentrarse en Mercury Rev. Roberts tamén deixaría The Flaming Lips, citando diferencias creativas. Serían substituídos por Ronald Jones e Steven Drozd respectivamente.

En 1993 lanzaron Transmissions from the Satellite Heart. Este foi o único álbum de estudio dende In a Priest Driven Ambulance no cal Dave Fridmann non estivo involucrado. Debido ao éxito do traballo e do sinxelo "She Don't Use Jelly", a banda apareceu en tres populares series de televisión: Beverly Hills, 90210, The Late Show with David Letterman e Beavis and Butt-head. O éxito deste disco permitíulles a realización de longas xiras como teloneiros de grupos como Red Hot Chili Peppers e Candlebox.

Clouds Taste Metallic foi publicado con moita promoción a finais de 1995, aínda que non acadou o éxito comercial do seu predecesor. A xira dun ano de Clouds, engadida á tensión dos tres anos de promoción de Transmissions fixo que Ronald Jones abandonase a banda a finais de 1996. Dixo que sufría dun severo caso de agorafobia, aínda que o documental Fearless Freaks afirma que deixou o grupo debido a súa crecente preocupación polo abuso de drogas de Drozd.

Cambio de dirección[editar | editar a fonte]

A marcha de Jones e unha xeral insatisfacción dos tres membros restantes co rock estándar redefiniron a dirección da banda co experimental Zaireeka (1997), un álbum de 4 CDs creado coa intención de ser escoitados en 4 reprodutores simultaneamente. A música incorpora tanto elementos musicais tradicionais como novos sons, como a musique concrète, á veces fortemente manipulados con procesadores electrónicos no estudio.

Como parte do desenvolvemento deste proxecto, a banda realizou unha serie de "experimentos de aparcadoiro" e posteriormente "experimentos de radiocasetes". Nos primeiros ata a 40 voluntarios se lle entregaron casetes creadas polo grupo para ser reproducidos nos seus coches simultaneamente nun aparcadoiro. Nos segundos, unha orquestra formada por 40 voluntarios con radiocasetes modificados foron dirixidos (para variar o volume, a velocidade ou o ton da cinta) por Wayne Coyne.

Mentres tanto, unha serie de desafortunados incidentes (relatados na canción de 1999 "The Spiderbite Song") acosaron á banda. Un dos brazos de Drozd foi case amputado innecesariamente debido ao que el dicía que era a picadura dunha araña (que resultou ser un absceso polo consumo de heroína); Ivins quedou atrapado durante varias horas no seu coche despois de que unha roda desprendida doutro vehículo golpease o seu parabrisas; e o pai de Coyne morreu despois dunha longa batalla contra o cancro.

A banda ao vivo

The Soft Bulletin e Yoshimi[editar | editar a fonte]

A pesar de que a través dos seus experimentos recibiron algunha cobertura por parte da prensa, a súa verdadeira irrupción chegou co seu lanzamento de 1999, The Soft Bulletin. Cheo de pegadizas melodías máis tradicionais con cordas sintéticas, ritmos hipnóticos coidadosamente manipulados, e excéntricas cancións de contido filosófico (cantadas con máis forza que en anteriores discos), o álbum converteuse rapidamente nun dos éxitos do underground dese anos, sendo amplamente considerado un dos mellores álbums da década.

Comparado por moitos críticos co álbum de The Beach Boys Pet Sounds debido á inclusión de sons e harmonías orquestrais, The Soft Bulletin tamén conta co uso de bastantes sintetizadores, caixas de ritmos, efectos de son e moito tratamento de estudio. A banda considerou que o intento de recrear o álbum ao vivo con músicos adicionais era complexo e caro, polo que os seus membros decidiron xirar como trío e usar música pre-gravada para encher esas partes que os tres músicos non podían interpretar. Quizais un dos principais motivos para decantarse por esta solución foi que o batería Drozd tocaría principalmente en directo os teclados e a guitarra en vez da batería.

Para mellorar a experiencia ao vivo da súa audiencia e para reproducir fielmente o son de The Soft Bulletin, a banda ideou o concepto de "Headphone Concert" (concerto para auriculares). Un transmisor FM de baixa potencia foi instalado nas súas presentacións, e o concerto foi transmitido simultaneamente a pequenos repectores tipo Walkman con auriculares dispoñibles de forma gratuíta para o público. Isto debería, en teoría, permitirlle á audiencia unha mellor claridade de son mentres sentían á súa vez a potencia da P.A. ao vivo. Este concepto estreouse en Dallas, Texas e na conferencia South by Southwest en Austin, Texas en marzo de 1999, e posteriormente usouse na súa xira International Music Against Brain Degeneration Revue. Esta xira contou tamén co artistas Cornelius, Sebadoh, Robyn Hitchcock, Sonic Boom's E.A.R. e IQU.

Tres anos despois, no verán do 2002, The Flaming Lips uníuse ás bandas Cake e Modest Mouse para a Unlimited Sunshine Tour. A banda tamén editou o álbum Yoshimi Battles the Pink Robots con bastante aclamación da crítica. Contando como convidado co músico Yoshimi P-We e cun maior uso de instrumentos electrónicos e tratamento por ordenador que The Soft Bulletin, Yoshimi é amplamente considerado o sue primeiro éxito comercial e de crítica despois de case 20 anos como banda. A última pista do disco, "Approaching Pavonis Mons by Balloon (Utopia Planitia)", gañou o Grammy do 2003 á mellor interpretación de rock instrumental, e o álbum foi certificado ouro o 10 de abril do 2006. En marzo do 2007 a banda anunciou que formaran equipo co guionista Aaron Sorkin para producir un musical en Broadway baseado no álbum.

Despois do éxito de Yoshimi, Steven Drozd rehabilitouse da súa adicción á heroína, decisión que tomou tras un altercado físico con Wayne Coyne.

At War with the Mystics[editar | editar a fonte]

Pouco despois de Yoshimi, estimouse que The Soft Bulletin vendera ao redor das 300.000 copias nos Estados Unidos, e chegaría a ser ouro en maio do 2007. The Flaming Lips publicaron dous EPs na mesma liña "robótica" que o seu anterior álbum, Fight Test e Ego Tripping at the Gates of Hell, contendo cancións remesturadas de Yoshimi. Tamén apareceron no tema "Marching the Hate Machines (Into the Sun)" do álbum de Thievery Corporation The Cosmic Game. No 2002 foron convidados a traballar no estudio con The Chemical Brothers, e produciron xuntos un sinxelo chamado "The Golden Path", incluido no recompilatorio dos Chemical Brothers Singles 93-03. Nesta canción, as voces principais foron interpretadas por Wayne Coyne con Steven Drozd realizando harmonías vocais. Ademais dos dous EPs lanzados, a banda estivo traballando durante varios anos nunha película titulada Christmas on Mars. A súa rodaxe rematou a finais de setembro do 2005 e foi estreada o 25 de maio do 2008 no Sasquatch! Music Festival.

Ao vivo no 2007

No 2002 actuaron como teloneiros, ademais de como banda acompañante, de Beck, na súa xira do álbum Sea Change. No verán do 2004 anunciouse que The Flaming Lips sería unha das cabezas de carteis do Lollapalooza dese ano, xunto con artistas como Sonic Youth e Morrissey; porén, o festival foi cancelado debido á falta de ingresos. Despois da suspensión, a banda entrou no Tarbox Road Studio co produtor Dave Fridmann e comezou a traballar no seu novo álbum, 'At War with the Mystics. O disco, máis guitarreiro e pesado e cunhas letras máis políticas que as súas edicións anteriores, foi publicado en abril do 2006.

No ano 2005 a bada foi protagonista dun documental chamado Fearless Freaks, no que aparecían outros artistas e famosos como Gibby Haynes, The White Stripes, Beck, Christina Ricci, Liz Phair, Juliette Lewis, Steve Burns, Starlight Mints e Adam Goldberg. Ese mesmo ano The Flaming Lips contribuiron cunha versión de "Bohemian Rhapsody" no álbum Killer Queen: A Tribute to Queen, e tamén lanzaron o DVD VOID (Video Overview in Deceleration), que narra as súas aventuras cos videos musicais dende que asinaron con Warner Bros. en 1991. No mes de outubro do 2005 a banda gravou unha versión de "If I Only Had a Brain" para a banda sonora do videoxogo Stubbs the Zombie, que conta con bandas de rock modernas versionando cancións dos anos 50 e 60. Ademais, o grupo publicou un novo tema, "Mr. Ambulance Driver", para a película Wedding Crashers.

A banda editou dous sinxelos de At War With the Mystics: "The W.A.N.D.", que apareceu nun anuncio de Dell e que orixinalmente foi lanzado só como descarga a principios de 2006; e "The Yeah Yeah Yeah Song", que se converteu seu sinxelo que máis alto chegou nas listas británicas, acadando o número 16. Un EP de catro temas, It Overtakes Me, foi publicado posteriormente no Reino Unidos ese mesmo ano. A única canción instrumental do mesmo, "The Wizard Turns On... The Giant Silver Flashlight and Puts on His Werewolf Moccasins", gañou o Grammy á mellor interpretación instrumental de rock, facendo que a banda gañase dúas veces seguidas esa categoría.

Despois do lanzamento de At War with the Mystics o 4 de abril do 2006, a banda iniciou unha xira de promoción do álbum polo Reino Unido, con final no Royal Albert Hall e unha actuación no O2 Wireless Festival. A banda continuou de xira durante o outono do 2006 parando en Montreal, no Virgin Festival, na Hause of Blues de Atlantic City, Nova Jersey, na Universitidade de Vermont, en Oklahoma City, no Austin City Limits Music Festival en Austin, Texas, e en Nova York.

O 5 de decembro Oklahoma City homenaxeou á banda poñendolle o nome dunha calexa do centro, e Vince Gill e Charlie Christian tamén lles deron nomes a rúas da cidade. Flaming Lips Alley (o nome da calexa) atópase na zona de entretemento de Oklahoma City, en Bricktown. Na súa inauguración oficial, no ano 2007, Coyne said de Oklahoma City, "...Estamos en camiño de converternos, penso, na puta cidade máis fría dos Estados Unidos".

Christmas On Mars[editar | editar a fonte]

No ano 2001, The Flaming Lips comezou a rodar unha película independente de baixo presuposto chamada Christmas on Mars. Completada no 2008, o filme conta a historia do primeiro Nadal dunha colonia instalada na superficie de Marte. Christmas On Mars foi escrita por Wayne Coyne, e co-dirixida por Coyne, Bradley Beesley e George Salisbury. A banda e os seus amigos actuan na película.

The Flaming Lips levaron Christmas On Mars a festivais de rock ao longo dos Estados Unidos durante o verán dese ano, proxectándoa nunha gran carpa de circo que mercaran para ese propósito.

A película foi lanzada en DVD o 11 de novembro do 2008, xunto cunha banda sonora composta e interpretada por The Flaming Lips.

Embryonic e Dark Side of the Moon[editar | editar a fonte]

A banda publicou o seu priemiro concerto en DVD, UFO's at the Zoo: The Legendary Concert in Oklahoma City, o día 7 de agosto do 2007. O grupo tamén contribuíu en varías bandas sonoras de películas dese ano, como cos temas "The Supreme Being Teaches Spider-Man How to be in Love" para Spider-Man 3, "I Was Zapped by the Super Lucky Rainbow" para Good Luck Chuck, "Love the World You Find" para Mr. Magorium's Wonder Emporium, e “Maybe I’m Not the One" e "Tale of the Horny Frog" para The Heartbreak Kid.

No 2009 publicaron o seu decimosegundo álbum de estudio e primeiro álbum dobre, Embryonic. O disco, que foi o promeiro da banda en estrearse no top 10 da Billboard, foi aclamado pola crítica pola súa atrevida nova dirección. No mes de decembro editaron o seu segundo traballo dese ano, unha versión tema por tema do álbum de Pink Floyd The Dark Side of the Moon, que foi gravado coa banda Stardeath and White Dwarfs e conta como convidados con Henry Rollins e Peaches. O áklbum foi editado fisicamente en vinilo e CD no 2010.

Discografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]