Polipéptido pancreático

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tinguidura inmunohistoquímica do polipéptido pancreático en páncreas de rato.

O polipéptido pancreático ou PP é unha hormona polipeptídica segregada polas células PP (ou F) dos illotes de Langerhans do páncreas, predominantemente na cabeza do páncreas. Está codificado por un xene do cromosoma 17 humano, que dá lugar a un precursor de 95 aminoácidos, e o péptido maduro consta de 36 aminoácidos e ten un peso molecular de 4.200 Da, [1] coa seguinte secuencia: H2N-Ala–Pro–Leu–Glu–Pro–Gln–Tyr–Pro–Gly–Asp–Asp–Ala–Thr–Pro–Glu–Gln–Met– Ala–Gln–Tyr–Ala–Ala–Gln–Leu–Arg–Arg–Tyr–Ile–Asn–Met–Leu–Thr–Arg–Pro–Arg–Tyr-COOH2,[2] amidada na tirosina C-terminal. O polipéptido pancreático é membro da familia da hormona do polipéptido pancreático na que tamén están incluídos o neuropéptido Y (NPY) e o péptido YY (PYY) [3]. Estes péptidos teñen unha estrutura similar chamada pregamento PP. Foi descuberto casualmente a partir de extractos de insulina polos laboratorios de Chance, Jones e Kimmel.

A función do polipéptido pancreático é autorregular as actividades secretoras do páncreas, tanto exócrinas coma endócrinas, e ten tamén efectos sobre os niveis de glicóxeno, favorecendo a glicoxenólise, e as secrecións gastrointestinais. Inhibe a contracción da vesícula biliar e a secreción pancreática. Reduce o apetito e o consumo de alimentos [4] [5].

A súa secreción en humanos aumenta despois dunha comida rica en proteínas, o xexún, exercicio, e hipoglicemia aguda, e decrece por efecto da somatostatina e glicosa intravenosa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lonovics J, Devitt P, Watson LC, Rayford PL, Thompson JC (1981 Oct). "Pancreatic polypeptide". Arch Surg. 116 (10): 1256–64. PMID 7025798. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pubmed/7025798.
  2. UniProt - P01298 [1]
  3. Pancreatic polypeptides
  4. R. L. Batterham, C. W. Le Roux, M. A. Cohen, A. J. Park, S. M. Ellis, M. Patterson, G. S. Frost, M. A. Ghatei, S. R. Bloom. Pancreatic Polypeptide Reduces Appetite and Food Intake in Humans. JCEM. [2]
  5. T. E. Adrian. Pancreatic polypeptide. J. clin. Path., 33, Suppl. (Ass. Clin. Path.), 8, 43-50[3]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]