Calcitriol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Calcitriol ou 1,25-dihidroxicolecalciferol.
Número CAS: 32222-06-3.
Nome IUPAC: (1R,3S)-5-[2-[(1R,3aR,7aS)-1-[(2R)-6-hidroxi-6-metil-heptan-2-il]-7a-metil-2,3,3a,5,6,7-hexahidro-1H- inden-4-ilideno]etilideno]-4-metilideno-ciclohexano-1,3-diol.

O calcitriol (INN) ou 1,25-dihidroxicolecalciferol ou 1,25-dihidroxivitamina D3, é a forma hormonalmente activa da vitamina D. É unha molécula de natureza esteroide (secoesteroide) que ten tres grupos hidroxilo e pode abreviarse como 1,25-(OH)2D3 ou 1,25(OH)2D).[1] Como a molécula básica colecalciferol ten xa un grupo OH, só se especifican as posicións dos outros dous grupos OH do calcitriol, situados nas posicións 1 e 25 (por iso se chama tamén 1,25-dihidroxicolecalciferol). Actúa incrementando o nivel de calcio (Ca2+) no sangue de tres xeitos: (1) incrementa a captación de calcio no intestino para que pase ao sangue, (2) diminúe a transferencia de calcio do sangue á urina nos riles, e (3) incrementa a liberación de calcio dos ósos ao sangue. [2]

Nomes farmacéuticos comerciais[editar | editar a fonte]

O calcitriol comercialízase con varios nomes de marca, como os seguintes: Rocaltrol (Roche), Calcijex (Abbott) e Decostriol (Mibe, Jesalis).

Funcións[editar | editar a fonte]

O calcitriol incrementa os niveis de calcio ([Ca2+]) sanguíneos ao promover a absorción do calcio das comidas no tracto gastrointestinal e incrementar a súa reabsorción nos túbulos renais, o que reduce a perda de calcio na urina. O calcitriol tamén estimula a liberación do calcio óseo debido á súa acción sobre as células óseas denominadas osteoblastos, facendo que estas células liberen RANKL (Receptor Activator for Nuclear Factor κ B Ligand), o cal á súa vez activa as células destrutoras do tecido óseo, os osteoclastos. [3]

O calcitriol actúa concertadamente coa hormona paratiroidea (PTH) en todas as mencionadas accións. Por exemplo, a PTH tamén estimula os osteoclastos. Porén, o principal efecto da PTH é incrementar a rapidez con que os riles excretan o fosfato inorgánico (Pi), o contraión do Ca2+. O descenso resultante da concentración sérica de fosfato causa que o Ca5(PO4)3OH se disolva do óso, polo que se incrementa o calcio no plasma sanguíneo. A PTH tamén estimula a produción de calcitriol, como se explica máis abaixo. [2]

Moitos dos efectos do calcitriol están mediados pola súa interacción co receptor de calcitriol, tamén chamado receptor da vitamina D ou VDR. Por exemplo, a forma inactiva non unida do receptor de calcitriol nas células do epitelio intestinal está no citoplasma. Cando o calcitriol se une ao receptor, o complexo ligando-receptor translócase ao núcleo celular, onde actúa como un factor de transcrición que promove a expresión dun xene que codifica unha proteína fixadora do calcio. Os niveis desta proteína fixadora do calcio aumentan capacitando ás células para transportar activamente máis calcio (Ca2+) intestinal a través da mucosa intestinal e pasalo ao sangue.[2]

O mantemento da electroneutralidade require que o transporte de Ca2+ catalizado polas células epiteliais do intestino se acompañe co transporte dun contraión, que se absorbe xunto con el, e que é principalmente o fosfato inorgánico. Así o calcitriol estimula tamén a absorción intestinal de fosfato. [2]

A observación de que o calcitriol estimula a liberación de calcio dos ósos parece contraditoria, dado que a existencia de niveis suficientes de calcio no plasma sanguíneo xeralmente impide a perda de calcio no óso. Crese que o incremento dos niveis de calcio séricos producidos polo aumento da súa captación intestinal estimulada polo calcitriol causa que o óso capte máis calcio ca o que perde pola estimulación hormonal dos osteoclastos. [2] E só cando se dan certas condicións, como unha deficiencia de calcio na dieta ou deficiencias no transporte intestinal que produzan unha redución do calcio sérico, se vai dar unha perda neta de calcio no óso.

O calcitriol tamén inhibe a liberación de calcitonina [4], unha hormona que reduce o calcio sanguíneo principalmente inhibindo a liberación de calcio do óso. [2] (O efecto da calcitonina sobre a excreción renal é discutido.)[5]

Biosíntese e a súa regulación[editar | editar a fonte]

Síntese de calcitriol.

O calcitriol prodúceno as células do túbulo proximal dos nefróns dos riles por acción do encima 25-hidroxivitamina D3 1-α-hidroxilase, unha oxixenase mitocondrial e dun encima que cataliza a hidroxilación do 25-hidroxicolecalciferol (calcifediol). A actividade do encima é estimulada pola PTH. A reacción é un importante punto de control na homeostase do Ca2+.[2]

A produción de calcitriol tamén se ve incrementada por influencia da prolactina, unha hormona que estimula a lactoxénese (a formación de leite na mama), un proceso que require grandes cantidades de calcio. Tamén está influído polos niveis séricos de fosfato e polo factor FGF-23 óseo.

Metabolismo[editar | editar a fonte]

O calcitriol convértese en ácido calcitroico por acción do encima 24-hidroxilase. O ácido calcitroico é excretado na urina.

Usos médicos[editar | editar a fonte]

O calcitriol prescríbese para: [6]

O calcitriol é tamén utilizado ás veces topicamente no tratamento da psoríase, aínda que as probas que avalan a súa eficacia non están ben establecidas.[7] É máis frecuente utilizar o análogo da vitamina D calcipotriol para tratar a psoríase. Fixéronse revisións das investigacións sobre as accións non calcémicas do calcitriol e outros análogos de ligandos do VDR (o receptor) e as súas posibles aplicacións terapéuticas. [8]

O calcitriol adminístrase tamén por vía oral para o tratamento da psoríase e artrite psoriásica.

Efectos adversos[editar | editar a fonte]

O principal efecto secundario adverso asociado coa terapia con calcitriol é a hipercalcaemia, cuxos síntomas iniciais son: náusea, vómito, estrinximento, anorexia, apatía, dor de cabeza, sede, suoración, e poliuria. Comparado con outros compostos da vitamina D de uso clínico (colecalciferol, ergocalciferol), o calcitriol ten un maior risco de inducir hipercalcaemia. Porén, tales episodios poden ser máis breves e doados de tratar debido á súa relativamente pequena vida media no corpo. [6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nomenclature of Vitamin D. Recommendations 1981. IUPAC-IUB Joint Commission on Biochemical Nomenclature (JCBN)" reproduced at the Queen Mary, University of London website. Retrieved 21 March 2010.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Voet, Donald; Voet, Judith G. (2004). Biochemistry. Volume one. Biomolecules, mechanisms of enzyme action, and metabolism, 3rd edition, pp. 663–664. New York: John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25090-2.
  3. Bringhurst, F. R; Demay, Marie B.; Krane, Stephen M.; Kronenberg, Henry M. "Bone and Mineral Metabolism in Health and Disease", chapter 346 in Fauci, Anthony S.; Braunwald, E.; Kasper, D. L.; Hauser, S. L.; Longo D. L.; Jameson, J. L.; Loscalzo, J. (2008). Harrison's Principles of Internal Medicine, 17th edition. New York: McGraw-Hill. ISBN 9780071599917. Available online at AccessMedicine.com, purchase required.
  4. Zabel M, Dietel M. Calcitriol decreases calcitonin secretion from a human medullary carcinoma cell line via specific receptor action. Acta Endocrinol (Copenh). 1991 Sep;125(3):299-304. [1]
  5. Carney SL (1997). "Calcitonin and human renal calcium and electrolyte transport". Miner Electrolyte Metab 23 (1): 43–7. PMID 9058369. 
  6. 6,0 6,1 Rossi S, editor. Australian Medicines Handbook 2006. Adelaide: Australian Medicines Handbook; 2006. ISBN 0-9757919-2-3
  7. Calcitriol. In: Klasco RK, editor. Drugdex system. vol 128. Greenwood Village (CO): Thomson Micromedex; 2006.
  8. Nagpal S, Na S, Rathnachalam R (2005). "Noncalcemic actions of vitamin D receptor ligands". Endocrine Reviews 26 (5): 662–687. doi:10.1210/er.2004-0002. PMID 15798098 .

Véxase tamén[editar | editar a fonte]