Emmanuel Levinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emmanuel Levinas

Emmanuel Levinas, nado en Kaunas o 12 de xaneiro de 1906 e finado París o 25 de decembro de 1995, foi un destacado filósofo francés e unha importante personalidade intelectual do xudaísmo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun libreiro xudeu, con motivo da Primeira Guerra Mundial a súa familia desprazouse de Lituania a Ucraína. Alí recibiu a influencia dos grandes novelistas rusos como Pushkin, Tolstoi e especialmente Dostoievski e asiste á revolución de outubro.

Establecido en Francia, estuda filosofía en Estrasburgo. En Friburgo foi alumno de Edmund Husserl e Martin Heidegger. A súa tese versará sobre a teoría da intuición na fenomenoloxía de Husserl. Empezou a escribir en Esprit, a revista de Emmanuel Mounier. De regreso a París, traballou como tradutor de ruso e alemán para os aliados. Durante a invasión de Francia foi capturado polos alemáns e trasladado a un campo de concentración preto de Hannover. A súa familia foi exterminada aínda que a súa dona e a súa filla conseguiron salvarse ao encontrar refuxio no mosteiro de San Vicente de Paúl preto de Orleáns. Nesa situación escribe Da existencia e o existente. Foi director da Escola Normal Israelita Oriental de París entre 1946 e 1964 dependente da Alianza Israelita Universal, a shoa ou holocausto ficará para sempre como telón de fondo do seu pensamento. Recibiu en 1958 o doutorado honoris causa pola Universidade Ball Illar, en Israel.

Foi un dos célebres tertulianos do grupo reunido por Gabriel Marcel. Chegou a entablar amizade con Sartre se ben para el a anguria non agromaba ante a nada senón ante o factum de estar encadeado á existencia. Ademais das súas obras filosóficas ten reflexionado sobre a identidade xudía e o ser xudeu. Foi profesor nas universidades de Poitiers, Nanterre (onde viviu os acontecementos do 68) e a Sorbona. Foi un destacado participante nos coloquios da sección francés do Congreso xudeu mundial.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Para Levinas todo se pode trocar entre os seres agás o existir. Son totalmente só. A ontoloxía occidental baseuse na reflexión sobre o ser, sobre a busca da verdade e o coñecemento. Levinas entende que isto leva ao solipsismo cartesiano, ao coñecemento non como recoñecemento senón como dominación. O substrato da realidade é o impersonal hai, o ser sen ente o existir sen existente. Pero existe unha eclosión onde o Outro presentáseme, interpélame, e chámame a responsabilizarme del. Son en tanto que existe o outro, se ninguén me nomea desaparezo, desintégrome. O outro é dalgún xeito anterior ao meu existir, existo trascendendo, o Outro se me presenta como o absoluto inabranguible como o infinito. Levinas reivindica fronte a ontoloxía grega, a ética que ha de ocupar o primeiro posto na filosofía. Unha ética inspirada non tanto no legado grego como no legado xudeu: A Biblia e o Talmud. Unha filosofía centrada non no ego senon na alteridade. Unha filosofía centrada no emprirismo, na verificación, non alcanza a experiencia absoluta que non é desvelamento senón revelación. Son en canto que saio de min, como Abrahán que saíu de Ur, Moisés que sacou a Israel de Exipto ou os profetas. Por iso a face, o rosto, a aparición indefensa do outro-aí, o cara a cara é o elemento básico de toda relación auténtica, e o rosto me di non matarás e me obriga a responsabilizarme a ocuparme de quen me deita a súa ollada desvalida, como o pobre, o orfo, o extranxeiro ou a viuva na ética do Antigo Testamento. A responsabilidade non é facerme cargo da miña propia existencia como afirmaba Heidegger, senón facerme cargo da indixencia allea. Non só o esquema mente-obxecto como en Atenas senón tamén a relación eu-outro como en Xerusalén. Fronte ao retorno á patria de Ulises a revolución do suxeito desarraigado Abraham.

Obras[editar | editar a fonte]

  • De l´existence à l´existant . París, 1947
  • Le temps et l´Autre. París, 1947
  • En découvrant l´existence avec Husserl et Heidegger. París, 1949
  • Totalité et infinito. Essai sur l´exteriorité. La Haya, 1961
  • Difficile liberté. Essais sur le judaïsme. París 1963
  • Autrament qu´être ou-delà de l´essence. La Haya, 1974
  • Sur Maurice Blanchot, Montpellier. 1976
  • De Dieu qui vient à l´idèe. París. 1982
  • Transcendance et intelligibilité. Xenebra, 1984
  • Hors sujet. Montpellier, 1987
  • Entre nous. Essais sur le pensar-à-l´autre. París, 1991