Wilhelm Dilthey

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Wilhelm Dilthey.

Wihelm Dilthey, nado en Biebrich o 19 de novembro de 1833 e finado en Seis o 1 de outubro de 1911 foi un filósofo alemán, pai do historicismo filosófico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou en Heidelberg e Berlín. Foi profesor en Basilea, Kiel, Breslau e Berlín.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Reciprocidade entre historia e vida[editar | editar a fonte]

Integra na evolución histórica a comprensión da vida. O concepto de vida humana é central no seu pensamento. A filosofía non é unha esixencia simplemente intelectual senón vital. A filosofía ten que abranguer os problemas da vida que son experimentados a través da historia. Aínda que xa Hegel potenciara a dimensión histórica da razón esta, na súa filosofía, seguía sendo un despregue da idea e polo tanto fundamentalmente unha razón lóxica afastada da vida como historia.

A vida ten unha dimensión representativa mediante a que obtemos un coñecemento científico, unha imaxe obxectiva do mundo, unha dimensión afectiva que fundamentan as valoracións; e unha dimensión volitiva, os principios de acción. Na unidade destas dimensións se leva a cabo a vivencia.

Debe superarse a relatividade histórica e o subsecuente escepticismo así como o saber pechado e rigoroso (a metafísica). Precísase unha idea xeral da totalidade a través das concepcións do mundo. Estas, máis que da vontade de coñecer, nacen das actitudes vitais. A metafísica é inevitable en canto que necesitamos poñer orde e orientarnos no medio dos enigmas da vida, pero a metafísica é unha tarefa aberta.

As ciencias do espírito[editar | editar a fonte]

Dilthey busca un fundamento gnoseolóxico ás ciencias do espírito, os límites dentro dos cales é posible en cada unha delas o coñecemento. A solución a esta tarefa a denomina como Crítica da razón histórica, en paralelo á crítica da razón pura de Inmanuel Kant.

Dilthey trata de responder a como é posible delimitar as ciencias naturais con respecto as ciencias culturais. Estas últimas fundaméntanse na vivencia mesma, na súa expresión e na súa comprensión. Os xuízos, conceptos e coñecementos das ciencias do espírito teñen como alicerce a vivencia. A raíz última da concepción do mundo é a vida, unha vida que é revivida de novo en cada individuo e aínda que se subtrae á observación, como mero momento que é do presente, é retida, sen embargo, no eco da lembranza e, por outra banda, pode ser abranguida en toda a súa fondura por medio da comprensión e da interpretación. Só a partir da vida humana se poderán comprender fundadamente as súas diferentes manifestacións culturais, o sentido da historia e a necesidade e os problemas da filosofía.

As ciencias do espírito parten da conexión psíquica dada na experiencia interna e teñen como obxecto o home na súa totalidade. O coñecemento da realidade histórico-social lévase a cabo nas ciencias do espírito.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Einleitung in die Geitesswissenschaften(1883)
  • Der Aufbau der geschichtlisen Welt in den Geistesswissenschaften (1910)