Partido Obrero de Unificación Marxista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM)
Antigo partido político de España
Líder Andreu Nin
Fundación 19351
Disolución 1980
Ideoloxía Trotskismo
Páxina web Non tivo

1 Unificación da ICE co BOC

O Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) foi un partido marxista español de carácter revolucionario, influído polo trotskismo e de carácter antiestalinista, fundado en 1935.

O POUM naceu en Barcelona o 29 de setembro de 1935 resultado da unificación da Izquierda Comunista de España co Bloc Obrer i Camperol. A ICE era un partido de orixe trotskista que rompera con Trotski antes de 1935 opostos ás consignas de Trotski de realizar entrismo no PSOE para apoiar á súa facción esquerdista, fora fundado por Andreu Nin e por Juan Andrade. O BOC era un partido comunista implantado sobre todo en Cataluña. O seu máximo dirixente era Joaquín Maurín, quen fora o dirixente da Federación Comunista Catalano-Balear, unha federación territorial escindida do PCE.

Malia a diferenza numérica de militantes entre os dous partidos (uns 500 da ICE fronte a 5.000 do BOC), a fusión no POUM foi en igualdade de condicións entre ambos os dous. Nin e Maurín pasaron a ser os dous grandes líderes do POUM, que tiña grazas aos antigos militantes do BOC a súa maior implantación en Cataluña e Valencia, unha certa presenza en Madrid e unha presenza testemuñal noutras partes de España. A súa heterodoxia dentro do comunismo fíxolles quedar marxinados e inimizados cunha Komintern disciplinada no compromiso coa URSS.

Tralas xornadas de maio de 1937, no que o POUM se aliñou cos anarquistas da CNT, os comunistas esixiron a ilegalización do POUM, despois da chegada de Juan Negrín á presidencia do goberno detívose aos seus dirixentes, Nin foi secuestrado e morreu en prisión e a estrutura do partido pasou á clandestinidade e tras a vitoria do réxime de Franco ao exilio.

En Galicia[editar | editar a fonte]

A pesar de ter escasos militantes en Galicia tivo un certo peso no seo do sindicalismo galego, así en Santiago de Compostela eran do POUM o secretario da Federación do Ensino local da UXT, o secretario dos zapateiros e o presidente dos panadeiros da CNT, ademais na Universidade actuaban as Mocidades do POUM. Tamén tiña influencia en localidades da Costa da Morte, en Ribeira e en Padrón e na Coruña contaba con Uxío Carré Naya, neto do destacado galeguista Uxío Carré Aldao. En Ourense a agrupación local da Izquierda Comunista de España non se integrou no POUM senón que fixo entrismo no PSOE ao contrario que en Lugo que tiña unha pequena agrupación local presidida por Vicente Navarro. En Galicia o POUM estaba en plena expansión, contaba con 358 militantes principalmente en Ribeira, Boiro, Vigo e A Coruña[1], e prepando o seu primeiro congreso galego cando a guerra civil tronzou a Segunda República, precisamente un dos máximos dirixentes do POUM, Joaquín Maurín, estaba en Galicia para asistir a este congreso cando os militares se sublevaron e durante algunhas semanas estivo agachado cun nome falso nun hotel da cidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 27