Guerra entre os Æsir e os Vanir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Odín manda a súa lanza sobre unha multitude Vanir. Ilustración de Lorenz Frølich (1895).

Na mitoloxía nórdica, a Guerra entre os Æsir e os Vanir foi a guerra que tivo lugar entre os Æsir e os Vanir, dous grupos de deuses. A guerra culminou coa unificación das dúas tribos nunha soa tribo de deuses. Foi un acontecemento importante no canon e as súas consecuencias e a potencial historicidade en torno ós relatos da guerra son un tema de amplo debate e discurso académico.

Información fragmentada sobre a guerra aparece nalgunhas fontes sobreviventes. Así, a guerra é descrita en Völuspá, un poema recollido na Edda poética no século XIII de fontes tradicionais más antigas, no libro Skáldskaparmál da Edda prosaica, escrito arredor do ano 1220 por Snorri Sturluson, e nunha forma evemerista na Saga dos Ynglings, primeira parte da Heimskringla, tamén escrita polo poeta e historiador islandés Snorri Sturluson no século XIII.

Testemuños[editar | editar a fonte]

Os seguintes testemuños dan información sobre a guerra:

Edda poética[editar | editar a fonte]

A deusa Gullveig é executada. Ilustración de Lorenz Frølich (1895).
"Os Æsir contra os Vanir" (1882) por Karl Ehrenberg.

En dúas estrofas do Völuspá, a guerra é relatada por unha völva (quen se refire a si mesma en terceira persoa), mentres o deus Odín a cuestiona. Na primeira das dúas estrofas, a völva di que lembra a primeira guerra no mundo, cando a deusa Vanir Gullveig foi atravesada con lanzas e, logo, queimada tres veces nun dos salóns de Odín, pero que Gullveig renaceu as tres ocasións. Na seguinte estrofa, a völva sostén que Gullveig renacida do lume foi chamada Heiðr (que significa "a Brillante",[1] también sería pertinente el adjetivo "Reluciente" o el sustantivo "Honor"[2]) cada vez que regresaba a casa, que era sabia e lanzaba feitizos. A deusa Gullweig/Heiðr practicaba un tipo de feiticería (Seid) onde podía, como cando estaba en trance, e foi "sempre a favorita das mulleres malvadas."[1]

Os Vanir demandaron unha reparación dos Æsir pola tortura de Gullweig: os Vanir querían ter o mesmos status e privilexio que os Æsir. Así, nunha estrofa posterior, a völva dille a Odín que todos os poderes foron ós sitios do xuízo e discutiron se os Æsir debían pagar unha multa ou se, no seu lugar, todos os deuses debían ter tributos. Ó final, os Æsir negáronse e romperon as conversacións, polo que estourou unha guerra entre as dúas tribos. Máis adiante no poema, unha estrofa proporciona o derradeiro dos relatos da völva sobre os eventos que rodearon á guerra. Afirma:

Odín mandou unha lanza, tirouna sobre a multitude;
que seguía sendo a primeira guerra no mundo,
o muro de defensa do bastión dos Æsir foi roto;
os Vanir, indomables, estaban esmagando a chaira.[1]

John Lindow sostén que as estrofas son moi imprecisas e que ten un problema en particular ó traducir a segunda metade da estrofa 23; porén, afirma que as estrofas parecen transmitir información sobre unha batalla precipitada pola entrada de Gullveig/Heiðr entre os Æsir, dado que non foran capaces de matala e que aquela practicaba un tipo antigo de maxia, Seid.[3] Lindow postula que a estrofa 23 parece referirse a unha incapacidade de acadar unha tregua durante a guerra e que, de ser así, o poema flúe ata ben entrada a guerra descrita na estrofa 24, aínda que esta formulación na estrofa 23 tamén podería indicar un movemento cara unha comunidade na que participarían tanto os Æsir como os Vanir.[3]

Edda prosaica[editar | editar a fonte]

No libro Skáldskaparmál (capítulo 57) da Edda prosaica, o deus Bragi explica a orixe da poesía. Bragi di que se orixinou na guerra entre os Æsir e os Vanir, durante a conferencia de paz onde tanto os Æsir como os Vanir estableceron unha tregua ó cuspir nun recipiente. Cando se marcharon, os deuses decidiron que non debía ser verquida, senón que debía ser mantida como un símbolo da súa paz e, así, do seu contido (o cuspe dos deuses) fixeron un home, Kvasir, quen foi máis tarde asasinado e do seu sangue mesturado con mel fíxose a hidromel que inspiraba ós poetas.[4]

Heimskringla[editar | editar a fonte]

No capítulo 4 de Heimskringla, Snorri Sturluson presenta un relato de forma evemerista da guerra. Sostén que Odín levou un gran exército de Asia (Ásaland) para atacar ó pobo de Vanaland; porén, segundo Sturluson, o pobo de Vanaland estaba ben preparado para a invasión e defendeu o seu territorio tan ben que a vitoria estivo a disposición de ambos bandos e ambas partes produciron inmenso dano e devastaron as terras duns e outros.[5]

Sturluson afirma que os dous bandos finalmente cansaron de loitar e acordaron reunirse para establecer unha tregua. Ambas partes fixérono e intercambiaron reféns. Vanaland enviou a Ásaland ó seu mellor home: Njörðr, descrito como rico, e ó seu fillo Freyr a cambio de Hœnir de Ásaland, descrito como grande, fermoso e, segundo o pobo de Vanaland, axeitado para ser un xefe. Ademais, Ásaland enviou a Mímir, un home de gran entendemento, a cambio de Kvasir, a quen Sturluson describe como o home máis sabio de Vanaland.[5]

Odín atopa o corpo de Mímir decapitado. Ilustración de Georg Pauli (1893).

Sturluson continúa o seu relato coa chegada a Vanaland dos reféns. Hœnir foi nomeado inmediatamente xefe e Mímir a miúdo dáballe bos consellos; porén, cando Hœnir estaba en reunións e na Thing sen Mímir ó seu carón, sempre respondía do mesmo xeito: «Deixen que outros decidan». Posteriormente, os habitantes de Vanaland sospeitaron que foran enganados no intercambio cos poboadores de Ásaland, polo que capturaron a Mímir, decapitárono e enviaron a súa testa a Ásaland. Odín tomou a cabeza de Mímir, embalsamouna con herbas para que non podrecese e conxurouna, co cal deulle o poder de falarlle e revelarlle segredos.[5]

Segundo Snorri Sturluson, Odín entón nomeou a Njörðr e Freyr para que se convertesen en sacerdotes de sacrificios e se volvesen Diar (Deuses) do pobo de Ásaland. Freia, filla de Njörðr, foi a sacerdotisa destes sacrificios e é descrita como a que introduciu o seid en Ásaland.[5]

Teorías[editar | editar a fonte]

Varias teorías rodean a Guerra entre os Æsir e os Vanir:

Base proto-indoeuropea[editar | editar a fonte]

Como os Vanir foron a miúdo considerados deuses da fertilidade, a Guerra entre os Æsir e os Vanir foi proposta como un reflexo da invasión dos cultos locais de fertilidade nalgún lugar das rexións habitadas polos pobos xermánicos por un culto máis agresivo e propenso á guerra.[3] Esta foi presentada como unha analoxía da invasión dos pobos indoeuropeos.[3] Georges Dumézil sostén que a guerra non debe ser necesariamente entendida en termos históricos máis que calquera outro mito, debido a que está situada antes da emigración dende o Medio Oriente e afirma que os relatos están máis centrados na tregua que nos detalles relativos ás batallas.[6]

Diversos académicos citaron paralelismos entre a Guerra entre os Æsir e os Vanir co Rapto das sabinas da mitoloxía romana e co Mahábharata da mitoloxía hindú, dando apoio a unha «guerra das sociedades» proto-indoeuropeas. Para explicar estes paralelos, J. P. Mallory afirma:

Basicamente, os paralelos concirnen á presencia de representantes da primeira (máxico-xurídica) e da segunda clase (guerreira) dunha sociedade no bando vitorioso dunha guerra que, finalmente, somete e incorpora a personaxes dunha terceira clase; por exemplo, as mulleres sabinas ou os deuses Vanir nórdicos. De feito, a propia Ilíada foi examinada baixo a mesma perspectiva. Entón, a estrutura final do mito é que a sociedade proto-indoeuropea de tres partes ou clases fusionouse só despois dunha guerra entre a primeira e segunda contra a tercera.[7]

Outros[editar | editar a fonte]

Varios académicos consideran equivalentes as figuras das deusas Gullveig/Heiðr e Freia.[8]Estas conclusións foron alcanzadas por medio de comparacións entre o uso de Seid pola figura de Gullveig/Heiðr en Völuspá e a mención de Freia realizando seid nos Æsir dende os Vanir en Heimskringla.[3] Isto é interpretado como que a corrupción exercida polos Vanir sobre os Æsir levou á Guerra entre ambos bandos de deuses.[3]

Lindow afirma que mesmo se as dúas deusas (Gullweig e Freia) non fosen idénticas, os variados relatos da guerra parecen compartir a idea dunha entrada disruptiva de persoas nun pobo.[3] Lindow compara a aparición de Gullveig/Heiðr entre os Æsir coa disrupción de Hœnir e Mímir entre os Vanir en Heimskringla.[3] Por último, Lindow destaca que os tres relatos comparten a noción de adquisición de ferramentas para a conquista da sabedoría; a práctica de seid en dous relatos e a cabeza de Mímir no outro.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Larrington 1999, p. 7.
  2. Lindow 2001, p. 165.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Lindow 2001, pp. 51-53.
  4. Faulkes 1995, pp. 61—62.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Sturluson 1964, pp. 7-8.
  6. Dumézil 1990, capítulo I.
  7. Mallory 2005: 139.
  8. Grundy 1998: 62.