Fenrir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración de Fenrir nun manuscrito islandés do século XVII.

Fenrir, tamén chamado Fenris é un lobo monstruoso da mitoloxía nórdica, irmán da serpe Jörmungandr e da deusa Hela. Fillo do deus Loki e a xigante Angur. Vivía cos Æsir e tan só Týr se atrevía a alimentalo. Os deuses, vendo como día a día medraba e se facía máis temíbel, tentaron encadealo con diversas cadeas (coma Loeding e Drómi) que a besta rompía sen dificultade.

Odín ordenou ós gnomos que fabricasen unha cadea irrompíbel. Estes forxaron a Gleipnir. Fenrir dixo que só se deixaría encadear con Gleipnir se, coma garantía, un dos deuses puña unha man entre as súas fauces. Só Týr tivo valor para facelo. Pero cando o lobo se viu atrapado e incapaz de rachar a Gleipnir arrancou dunha trabadela a man de Týr.

Entón os Æsir colleron o extremo da cadea e asegurárona a unha gran rocha do fondo da terra chamada Þviti e cravaron unha espada ata o mango atraveso da boca de Fenrir. Así permanecerá o lobo berrando e botando escuma pola boca (ca que se forma o río Vón) ata o Ragnarök, momento no que se soltará das súas ataduras e matará a Odín, sendo a continuación matado polo fillo deste, Víðarr.