Hidromel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un vaso de hidromel

O hidromel é unha bebida alcohólica fermentada a base de mel e auga. Consumida desde a antigüidade, a súa fabricación é anterior á do viño e seguramente á da cervexa.

Na Grecia clásica chamábase "melikraton" e os romanos chamábanlle "auga mulsum", aínda que esta poida ser unha variante feita con viño de uva adozado con mel.

Plinio conta que foi Aristeo quen criou a primeira fórmula do hidromel.

Outras culturas antigas consumidoras desta bebida foron os celtas, saxóns e viquingos. Tamén era coñecido o consumo dunha bebida similar polos maias.

Existía a tradición de que os matrimonios acabados de casar deberían consumir esta beberaxe durante o primeiro ciclo lunar despois das vodas para nacer un fillo home. De aí xurdiu a tradición actual da lúa de mel.