Giuseppe Romagnoli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGiuseppe Romagnoli
Biografía
Nacemento14 de decembro de 1872 Editar o valor em Wikidata
Boloña, Italia Editar o valor em Wikidata
Morte7 de marzo de 1966 Editar o valor em Wikidata (93 anos)
Roma, Italia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeItalia (1946–1966)
Reino de Italia (1872–1946)
Italia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Roma Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescultor , medallista Editar o valor em Wikidata
Período de actividade(Con vida en: 1905 Editar o valor em Wikidata)
Membro de
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata

Giuseppe Romagnoli, nado en Boloña o 14 de decembro de 1872 e finado en Roma o 7 de marzo de 1966, foi un escultor, medallista e deseñador e gravador de moedas italiano.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Giuseppe Romagnoli naceu o 14 de decembro de 1872, fillo de Rita Mazzanti e de Alfonso Romagnoli, e foi inscrito no Rexistro Civil de Boloña cos nomes de Giuseppe Angelo Ferdinando.[2]

Cursou o seu ensino secundario na escola artística Venturoli, de Boloña, entre 1885 e 1892, onde tivo como mestres o pintor Luigi Serra e o decorador Alfredo Tartarini. O ano seguinte acadou a bolsa cuadrienal para artistas Angiolini, o que lle permitiu formarse en escultura na Academia de Belas Artes de Boloña, con Enrico Barberi.[2][3]

Carreira como escultor[editar | editar a fonte]

Mausoleo da familia Albertoni (1908), no cemiterio monumental da Cartuxa de Boloña.

Logo da súa etapa formativa, na segunda metade da década de 1890 comezou unha intensa actividade creativa e foi asiduo participante en exposicións e certames convocados por diferentes entidades promotoras das belas artes, celebradas por toda Italia: Turín (1896-1898), Florencia (1896, 1898), Xénova (1897-1899), Venecia (1897,1899), Boloña (1898), Verona (1900), etc.[3] Nalgunhas delas seguiu participando con asiduidade, como é o caso da Exposición Internacional de Arte de Venecia, na que expuxo en doce ocasións ata 1932.[2]

En 1898 Romagnoli formou parte do grupo de fundadores da sociedade artística Aemilia ars,[2] unha entidade promovida por un grupo de nobres en torno ao arquitecto e restaurador Alfonso Rubbiani e o conde Francesco Cavazza, co obxectivo de promover a actividade manufactureira nas artes decorativas, inspirándose na experiencia inglesa do movemento Arts and Crafts de William Morris.[3]

Nos inicios do século XX trasladouse a Roma e mantivo a súa participación en exposicións, como a primeira Exposición Internacional de Arte Decorativa Moderna de Turín (1902), a Exposición Internacional de Arte de Venecia (1903), a Exposición Nacional de Belas Artes de Milán (1906), ao tempo que realizaba, entre outros traballos, mausoleos e monumentos funerarios en cemiterios que se consideran entre os mellores exemplos da escultura da Art Nouveau italiana e do chamado estilo floral.[2]

En 1908 recibiu unha das súas primeiras encargas romanas de prestixio, o baixorrelevo Gloria para o monumento a Vítor Manuel III, e o ano seguinte encomendóuselle o que se considera un dos seus traballos máis salientables, o gran conxunto monumental de travertino alegórico da liberdade Fedeltà allo Statuto ("Lealdade ao Estatuto") para a decoración da ponte de Vítor Manuel en Roma, cuxa creación rematou en 1911.[2][4]

Monumento polo cincuentenario da Unión Telegráfica Internacional (1922), en Berna.

Tamén en 1911, foi nomeado académico residente de mérito na clase de Escultura na Academia de San Lucas, de Roma. E no mesmo ano gañou o concurso convocado pola Unión Telegráfica Internacional para erguer un monumento en Berna co gallo do cincuentenario desa institución,[2] que foi concluído e inaugurado en 1922, na Helvetiaplatz da cidade suíza. Este feito proporcionoulle un gran recoñecemento internacional como artista.[5]

En 1930 participou na segunda Exposición do Sindicato Fascista de Belas Artes do Lacio e foi tamén como delegado da Academia de San Lucas á inauguración da American Academy of Arts and Letters en Nova York, e en 1937 participou na Exposición da Unión de Belas Artes do Lacio.[2]

En 1953 encomendóuselle a creación dunha estatua de la Inmaculada Concepción para a igrexa da Inmaculada Concepción de Raddusa, en Catania.[2]

Desde o seu ingreso en 1911, Romagnoli estivo sempre moi vinculado á Academia de San Lucas, de Roma, entidade na que ocupou os cargos de secretario (1924-1925) e presidente en dous períodos (1953-1954 e 1959-1961). En 1955 foi, ademais, un dos galardoados coa Orde Ecuestre dos Príncipes da Academia.[2]

Medallista e deseñador de moeda[editar | editar a fonte]

20 liras (1927). Conmemorativa do 10º aniversario da fin da I guerra mundial.

Ademais da súa actividade como escultor, Romagnoli foi un prolífico gravador de moedas e medallas. En 1909 foi nomeado ademais profesor de Modelaxe e primeiro director da Escola de Arte da Medalla, na Zecca dello Stato, de Roma, cargo que desempeñou durante máis de catro décadas, ata 1952.[6] Particularmente a partir da primeira guerra mundial, a súa actividade na Ceca de Roma, no ámbito da medalla e a moeda motivou un notable decrecemento da súa produción de escultura monumental, ata o punto de que en 1920 presentou unicamente obra medallística na XII Exposición de Arte de Venecia.[7]

Son particularmente relevantes as medallas de Romagioli dedicadas á conmemoración dos anos da era fascista, producidas entre 1922 e 1941, que representan acontecmentos mesturados con citas mussolinianas e imaxes icónicas da propaganda oficial. Entre outras creacións medallísticas de Romagnoli cabe salientar as seguintes:[2][8][9][10]

En 1919, Romagnoli recibiu da Zecca dello Stato a encarga da súa primeira moeda, unha peza de níquel de 50 centésimos a nome de Vítor Manuel III, o primeiro doutros deseños que completaron todos os valores faciais cuñados posteriormente a nome deste monarca.[7] Logo da segunda guerra mundial e coa instauración da república, Romagnoli foi novamente o encargado de crear a imaxe monetaria do novo réxime, cargada da simboloxía romana habitual da retórica fascista.[2] E superada a etapa fascista, tamén se encargou de crear algunhas das moedas da serie circulante da lira italiana que, desde os primeiros anos da década de 1950, se mantivo en produción e en circulación ata a substitución deste sistema polo do euro en 2002.[10][12][13]

Somalia, 1 somalo (1950).

Ademais das moedas italianas, Romagnoli ocupouse tamén do deseño e o gravado das series monetarias de Albania emitidas entre 1926 e 1941, durante as sucesivas etapas da república, a monarquía e o protectorado italiano, que tamén se emitían na Casa da Moeda de Roma.[14] E Igualmente, en 1950 encargouse da serie de moedas do somalo como unidade monetaria, emitidas pola ceca romana para Somalia durante o período de administración fiduciaria italiana deste territorio africano.[10][15]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O 14 de decembro de 1912, o mesmo día en que facía os 40 anos, Romagnoli casou en Roma con Eva Roux.[2]

Giuseppe Romagnoli faleceu en Roma o 7 de marzo de 1966, aos 93 anos de idade.[2]

Escolma de moedas[editar | editar a fonte]

Monarquía[editar | editar a fonte]

República[editar | editar a fonte]

Albania[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Romagnòli, Giusèppe". Sapere.it
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Franco, F. (2017).
  3. 3,0 3,1 3,2 Villani, R. M. (2013). Páxina 122.
  4. Villani, R. M. (2013). Páxina 124.
  5. Villani, R. M. (2013). Páxina 124-125.
  6. Villani, R. M. (2013). Páxinas 121, 124.
  7. 7,0 7,1 Villani, R. M. (2013). Páxina 132.
  8. Villani, R. M. (2013). Páxinas 126-140.
  9. Forrer, L. (1930).
  10. 10,0 10,1 10,2 "Giuseppe Romagnoli". En Numismatica-italiana. lamoneta.it
  11. "Romagnoli G. (1927), Medaglia di Enrico Silvani". Beweb. Beni storici e artistici (Beweb.chiesacattolica.it).
  12. Villani, R. M. (2013). Páxina 140.
  13. "Giuseppe Romagnoli - Italy". Numista.com
  14. "Giuseppe Romagnoli - Albania". Numista.com
  15. "Giuseppe Romagnoli - Italian Somaliland". Numista.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]