Odontocetos
Os odontocetos (Odontoceti, Flower, 1867) constitúen unha suborde dos cetáceos caracterizados por posuíren dentes, a diferenza das baleas (misticetos) que posúen unhas formacións quitinosas chamadas barbas, con función filtradora.
O nome procede do griego odon, dente e cetus, gran animal mariño.
Índice |
Características [editar]
A característica definitoria do taxon é a presenza de dentes, polo que as especies de gran tamaño, reciben o nome de baleas dentadas. Os dentes son cónicos, ocos e indiferenciados (homodontes) e poden presentarse en número moi variable, desde os 160-240 do golfiño común ata o dente único do narval. Así mesmo varía a súa disposición, presente nas dúas mandíbulas ou só na inferior (como nos cachalotes ou algúns cifios) ou na superior (narval), e o seu tamaño, que oscila entre uns milímetros na toñiña e os dous metros no narval.
Os dentes non teñen función mastigatoria senón que serven para captura-las presas, que engolen enteiras. Aínda así, non sempre cumpren esa función e nalgunhas especies convértense en caracteres de diferenciación sexual, como acontece tipicamente no narval.
Presentan un único espiráculo (orificio respiratorio) na parte superior da cabeza e unha fronte avultada debida ás modificacións anatómicas producidas pola presenza do melón, denominación popular do órgano da ecolocación.
Tódolos odontocetos son carnívoros.
Taxonomía [editar]
Os odontocetos clasifícanse dentro da orde Cetacea e distribúense en oito familias [1].
- Delphinidae (Gray, 1821): golfiños, candorcas, caldeiróns
- Hyperoodontidae [1] (Gray, 1846): cifios
- Iniidae (Gray, 1846): golfiños de auga doce
- Kogiidae (Gill, 1871): cachalotes pequenos
- Monodontidae (Gray, 1821): narval e beluga
- Phocoenidae (Gray, 1825): toniñas
- Physeteridae (Gray, 1821): cachalotes
- Platanistidae (Gray, 1846): golfiños de auga doce
A maioría dos textos modernos separan cachalotes (Physeteridae) e cachalotes pequenos (Kogiidae) en dúas familias independentes, pero outros autores agrúpanos nunha única familia (Physeteridae) e mesmo hai quen as considera dúas familias pero integradas na superfamilia Physeteroidea.
As familias Iniidae e Platanistidae agrúpanse ás veces dentro da superfamilia Platanistoidea.
Notas [editar]
- ↑ Antes, Ziphiidae.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Taxonomía ITIS
- Taxonomía Mammals Species of the World
- JEFFERSON, Thomas A.: Marine mammals of the world. FAO species Identification Guide, 1994 [2] (en inglés)
- Odontoceti en Fauna ibérica; mamíferos. Ángel Cabrera Latorre, 1914 (Facsímile electrónico) (en castelán).
- Asturnatura.com