Cachalote

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cachalote
Physeter macrocephalus
Cachalote femia coa súa cría
Cachalote femia coa súa cría

Tamaño do cachalote (♂ e ♀) en relación co dun humano
Tamaño do cachalote (♂ e ♀) en relación co dun humano

Estado de conservación
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Physeteroidea
Familia: Physeteridae
Gray, 1821
Xénero: Physeter
Linnaeus, 1758
Especie: P. macrocephalus
Nome binomial
Physeter macrocephalus
Linnaeus, 1758
Distribución de Physeter macrocephalus

Distribución de Physeter macrocephalus

O cachalote,[1] Physeter macrocephalus, Linnaeus 1758; antes, Ph. catodon,[2] é un cetáceo, o máis grande dos cetáceos con dentes ou odontocetos.

Ríos Panisse só atopou a denominación cachalote na enquisa que realizou en toda a costa galega [3]. A única sinonimia, en galego, que se coñece é o nome de cabrote, que cita Penas Patiño, pero sen localizar.

O dicionario etimolóxico de Corominas afirma que se trata dunha palabra de orixe incerta, e suxire que vén do latín vulgar cappula, plural de cappulum, empuñadura de espada. Outra hipótese é que derive do francés arcaico dente, similar a cachau en gascón; Fernández Casado propón a orixe no vasco cachau, grandes dentes. Non se pode deixar de observar a relación con cachola, termo coloquial usado para designar a cabeza [4]. O nome en inglés, sperm whale, é unha contracción de spermaceti whale (balea de esperma). Esta substancia que se extraía da cabeza do animal foi chamada esperma pola súa semellanza co líquido seminal e, de feito, críase que se trataba realmente do esperma do cachalote.

O nome científico é descritivo. Procede do grego φυσάω physáo, "soprar", termo utilizado por Aristóteles para designar as vías respiratorias dos cetáceos, e o nome específico, macrocephalus, alude ó desproporcionado tamaño da cabeza. Canto ó sinónimo catodon, este vén do grego κατά katá, "abaixo", e οδούσ, οδόντοσ odoús, odóntos, "dente", e indica a presenza de dentes só na mandíbula inferior.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O cachalote pertence á familia dos Physeteridae, da que é a única especie, dentro da suborde do Odontoceti (Flower, 1867), da orde dos Cetacea.[5]

Nunha familia próxima, a dos Kogiidae, están o cachalote pigmeo (Kogia breviceps) e o cachalote anano (Kogia sima) [6].

Esta integración nunha mesma familia ou separación en dúas familias independentes é obxecto de discusión e mesmo hai quen as considera dúas familias pero integradas na superfamilia Physeteroidea.

Na descrición que fixo Cornide en 1788 sobre os peixes e outras producións mariñas na costa de Galicia non describe o cachalote. No capítulo que dedica ós cetáceos segue a clasificación que fixera Linneo e describe catro grupos: Mysticeta, Phisalo, Boops e Músculo. Aínda que a segunda poida lembrar o cachalote, os datos que dá non se corresponden co cachalote:

"La segunda especie es la llamada Phisalo, y se distingue por tener dos canales o fístulas enmedio de la cabeza, una aleta adiposa en la parte posterior del lomo, carecer de dientes y tener el cuerpo más estrecho".

Linneo (1758) describira catro especies diferentes de cachalotes: Physeter catodon, P. macrocephalus, P. microps e P. tursio. Pronto se reduciron a unha única especie, o que provocu o problema da denominación preferente: as dúas últimas descartáronse sen problema, porque a descrición non correspondía á especie (ambas foron descritas cunha aleta dorsal ben patente). A descrición de P. macrocephalus tampouco era correcta, pois localizaba o espiráculo no pescozo. Por iso defendeuse a opción de P. catodon porque, ademais de ter unha descrición máis correcta, era o primeiro na relación que deu Linneo. Finalmente, a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica adoptou definitivamente a denominación macrocephalus, considerando catodon como sinónimo.

Aínda que se comprobou que os exemplares dos mares austrais teñen un segmento caudal máis longo, esta diferenza non xustifica a consideración de subespecie e, como consecuencia, non se recoñecen diferentes subespecies de cachalote.

Descrición[editar | editar a fonte]

Cachalote varado na praia de Montalvo (Portonovo, Sanxenxo) o 3 de marzo de 2003. O seu esqueleto pode verse nas fotografías inseridas máis abaixo.
Escultura dun cachalote varado, obra do artista belga Dirk Claesen. Obsérvense os alvéolos da mandíbula superior, a cor da boca e as habituais cicatrices na cabeza

O seu tamaño e morfoloxía son característicos, polo que é fácil distinguilo doutros cetáceos. A especie mostra un claro dimorfismo sexual: os machos adoitan medir ó redor dos 15 metros de lonxitude (por veces, ata os 18-20 m) e pesar entre 30 e 40 toneladas (excepcionalmente, 50-55 toneladas), mentres que as femias adoitan medir 12 m ou menos e pesar 16-20 toneladas. Ó naceren, o tamaño de machos e femias é similar: uns 4-6 m de lonxitude e uns 1.000 kg de peso. No museo de Nantucket, Rhode Island (Estados Unidos), existe unha mandíbula de cachalote que mide 5,5 m. Como a mandíbula representa o 20-25% da lonxitude total, este exemplar debeu meedir uns 28 metros, e pesar unhas 150 toneladas. No museo de New Bedford, Massachusetts, exponse outra mandíbula de 5,2 m, que corresponderia a un exemplar de cerca de 25,6 m e un peso próximo ás 125 toneladas. Nestes museos consérvanse tamén libros de rexistro de factorías baleiras que conteñen numerosas referncias a exemplares que, considerando a cantidade de esperma que se obtivo deles, debían ter tamaños similares.

Na actualidade, os cachalotes non adoitan supera-los 18 metros de comprimento e as 50 toneladas de peso, como consecuencia da caza intensiva á que foron sometidos, especialmente no caso dos machos de maior tamaño, que tiñan máis esperma e eran máis rendibles.

Presenta o corpo lixeiramente comprimido lateralmente, cunha pel marcada por engurras. A cor é moi escura, gris pizarra ou moura, co ventre máis pálido e con manchas de forma irregular de cor branco sucio, máis claras na zona inferior da cabeza e na mandíbula inferior [7]. Poden mostrar cicatrices irregularmente distribuídas ó longo de todo o corpo, longas e paralelas, especialmente os machos vellos, concentradas na cabeza, que se atribúen a marcas deixadas polos picos e ventosas das luras xigantes que constitúen o seu principal alimento. A cor dos exemplares novos é máis clara cá dos adultos. También se coñecen exemplares albinos, escasísimos [8].

Grazas ós grandes tamaños que alcanzaba, déronse casos nos que se defendía eficazmente do acoso dos primeiros baleeiros. O mellor documentado, e de máis sona, foi o do barco baleeiro Essex, afundido por un cachalote o 20 de novembro de 1820. Dos 21 tripulantes só sobreviviron 8.

Destaca, como elemento máis característico, a súa enorme cabeza, que chega a representar un terzo da lonxitude total (un 25% no momento de nacer, un 31% nas femias adultas e un 36% nos machos adultos). É aplanada lateralmente, cun fociño romo, como cortado verticalmente, e adopta unha forma cuadrangular. A boca, inferior, é proporcionalmente pequena. Os ollos son pequenos e pouco significativos.

Tres cachalotes varados e varios máis no mar, nun grabado de 1577 [9]

Ten un único espiráculo ou aventador [10], moi anterior e marcadamente desprazado cara á esquerda, cunha forma de S e situado nunha pequena elevación. Esta disposición fai que o chorro de vapor que emiten ó emerxer sexa característico e inconfundible: dirixido cara adiante, en ángulo de 45º, e cara á esquerda, adoptando forma de arbusto; déixase ver durante 1-2 segundos. O chorro adoita medir menos de 2 m, pero citáronse casos de ata 5 m. Esta primeira exhalación adoita ser especialmente forte e sonora.

A mandíbula inferior ten forma de Y alongado, é relativamente estreita e non alcanza o extremo anterior da mandíbula superior, que sobrepasa aquela amplamente. É a única mandíbula dentada xa que a superior carece de dentes e, no seu lugar, mostra unha serie de alvéolos nos que se axustan os dentes da inferior. Presenta de 18 a 25-29 dentes cónicos en cada hemimandíbula, indiferenciados [11], coa punta lixeiramente inclinada cara atrás. Nos exemplares adultos miden ata 20 cm de lonxitude (incluída a parte integrada na enxiva) e 10 cm de diámetro, con pesos de ata 1 kg por unidade. As femias teñen menos dentes e máis pequenos que os machos.

Realmente, o propósito dos dentes non está confirmado. Non parecen ser necesarios para capturar ou comer as presas, xa que se atoparon exemplares ben alimentados que non tiñan dentadura ou a tiñan inservible. Ademais, as crías, que só mostran dentes a partir do oitavo ano de idade, son quen de cazar e alimentarse sen problemas desde o primeiro ano de vida. Propúxose a hipótese de que os dentes se utilicen para as loitas entre os machos por aparearse e, de feito, as marcas ou cicatrices que a miúdo mostran os machos ben poderían ser causadas por dentes.

Ocasionalmente, poden aparecer algúns dentes atrofiados, vestixiais, na mandíbula superior pero, case sempre, sen sobresaír da enxiva.

Cachalote mostrando a aleta caudal no momento da inmersión.

Na cara inferior da gorxa presenta 2 a 10 sucos curtos e profundos.

A aleta dorsal está situada no terzo posterior do corpo. Ten unha forma triangular ou redondeada, pouco definida, e semella máis ben unha xiba ou corcova; hai autores que consideran que realmente carece de aleta dorsal, substituída por esas xibas. Trala aleta dorsal aparecen de 4 a 6 avultamentos, cada vez máis pequenos segundo se achegan á caudal. A aleta e esas protuberancias traseiras só son visibles claramente no momento previo á inmersión, cando o animal arquea o lombo e mostra esas formacións. Tras do ano e inmediatamente antes do pedúnculo caudal tamén hai un avultamento semellante, a modo dunha grosa quilla.

As aletas pectorais son curtas, con forma de paleta e contorno redondeado. A caudal, ancha e forte, ten forma triangular con base moi ancha (ó redor de 1/4 da lonxitude total). Divídese en dous lóbulos simétricos que, por veces, están lixeiramente superpostos na escotadura central, que ten forma de V.

O cranio é marcadamente asimétrico e cóncavo, con forma de prato, para aloxa-lo melón graxo, e un longo rostro. O espiñazo está formado por 56 vértebras (7 cervicais, 13 dorsais, 9 lumbares e 27 coccíxeas [12]), e posúe 11 pares de costelas.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución xeográfica

Habita tódolos océanos (especie cosmopolita), agás na zona ártica, aínda que femias e crías prefiren os mares tropicais e tépedos (poucas veces superan os 45ºN ou 42ºS), mentres que os machos son de distribución máis ampla e chegan a vivir, temporalmente, nos mares árticos. En España é especie frecuente en toda a costa, incluída a mediterránea [14], predominando na costa atlántica. Pode avistarse ocasionalmente nas costas galegas, onde xa se deron varios varamentos: Penas Patiño cita 12 casos en Galicia entre 1947 [15] e 1987. Ata xullo de 2011 citáranse 3 varamentos en Galicia, o último en Laxe [5].

Adoitan permanecer practicamente inmóbiles na superficie, especialmente cando o mar está completamente en calma, ou nadar lenta e pracenteiramente, pero cando se ven en perigo poden alcanzar grandes velocidades. A velocidade de desprazamento normal vén sendo de 5-10 km/hora (máis ou menos 4 nós), pero poden chegar a velocidades de 20 km/hora (11 nós). En estado de repouso na superficie, cuxa duración está en relación coa duración da inmersión precedente, respiran regularmente a razón de 5-6 movementos por minuto.

Comportamento social[editar | editar a fonte]

Vista dorsal dun cachalote (obéervense as engurras da pel)

Organízase socialmente en dous tipos de mandas constituídas, unhas, só por machos novos, non activos sexualmente e denominados "solteiros", en pequenos grupos de 5-6 exemplares; e outras, mandas de cría, constituídas por grupos familiares de femias adultas e crías de ámbolos sexos, en grupos de 20 a 25 exemplares [16]. Parece ser que as femias se manteñen no seu grupo familiar toda a súa vida, pero os machos son expulsados destas mandas en canto alcanzan a madurez sexual (entre os 15 e os 21 anos de idade), e agrúpanse con outros machos do seu mesmo status para constituír eses grupos de solteiros que se describiron antes, formados por exemplares de idade e tamaño similares.

O número de individuos que forman as mandas redúcese segundo aumenta a idade dos seus compoñentes, de modo que os grupos xuvenís poden estar formados por ata 50 individuos mentres que os machos adultos -a partir dos 25-30 anos- desprázanse en pequenos grupos de 2 a 5 individuos ou mesmo en solitario. para acheganse ás mandas de femias só en época de apareamento. Os grupos formados por machos e femias sexualmente activos foron chamados haréns, e son moi breves, dunha duración de só unhas horas.

As relacións entre os membros dun mesmo grupo familiar son moi estables e dan lugar a diversas formas de aprendizaxe e colaboración, que se dá principalmente na cría e aleitamento colectivo das crías. Durante as longas inmersións en busca de alimento, as crías, que serían incapaces de mergullarse, quedan na superficie soas ou, máis frecuentemente, acompañadas pola nai ou por outra femia do grupo.

É unha especie peláxica e, normalmente, desprázase lonxe da costa, achegándose ata o bordo da cornixa continental. Adoita realizar grandes migracións estacionais, cara ós polos no verán, para alimentarse, e cara a augas tropicais no inverno, para reproducirse.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A idade reprodutiva oscila ó redor dos 7-12 anos nas femias, cando xa miden 8-9 m, e 18-19 anos nos machos, e a xestación dura entre 14 e 15 meses [17]. A estación reprodutora prolóngase desde a metade do inverno á metade do verán. En primavera ou verán paren unha única cría, e os intervalos entre partos son de 3-4 anos. Comprobouse que as outras femias da manda manteñen un contacto estreito coa que está de parto, como dispostas a axudala. A lactancia ten lugar en augas temperadas ou tropicais, vén durando 1-2 anos, se ben a cría xa captura as súas presas antes de cumpri-lo ano de vida. Poden seguir mamando nas nais, ou noutras femias da manda, ata os 7-13 anos (crías femias e machos respectivamente)

Os cachalotes son polígamos, e os machos reprodutores buscan activamente grupos de femias coas que aparearse. Comprobouse que os machos compiten violentamente entre eles para cubri-las femias elexidas, e crese que tamén as femias mostran certa capacidade de elección.

Estímase que a lonxevidade pode supera-los 70-80 anos.

Comunicación sonora[editar | editar a fonte]

A diferenza das baleas cos seus variados cantos, o repertorio vocal do cachalote redúcese esencialmente a series de chasquidos ou pulsacións que semellan golpes repetidos dun martelo sobre madeira [18]. Cada pulsación está composta por unha serie de 1 a 9 impulsos de 2 a 30 milisegundos de duración. Emítense só durante a inmersión (en superficie son silenciosos) e, en boas condicións, poden captarse a distancias superiores a 10 km. A frecuencia das pulsacións oscila entre os 200 Hz e os 32 KHz, en secuencias regulares separadas por intervalos de 1 a 10 segundos para dar lugar a unha serie sonora completa que pode durar ata 20 minutos ou máis. É frecuente que a serie de secuencias remate cuns impulsos diferentes, irregulares pero repetidos, que poderían servir para identifica-lo individuo que canta, no que sería unha especie de linguaxe mensaxe individual, ou a manda á que pertence.

A intensidade dos chasquidos pode ser moi alta, da orde de 240 decibelios medidos á distancia de 1 m do individuo, o que os converte no sonido máis forte emitido por calquera animal. Tal é a intensidade que se propuxo a teoría de que a súa finalidade sexa a de atordoa-las presas, cousa que non está comprobada.

As vocalizacións do cachalote varían segundo a actividade que estean desenvolvendo e poden permitir un contacto entre varios grupos dispersos dentro dunha unidade social que se despraza pola mesma área.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Ecolocación dos cetáceos [19].

O cachalote preda fundamentalmente luras e outros cefalópodos, e, en menor importancia, peixes. O principal compoñente da súa dieta son luras mesopeláxicas de tamaño medio (entre 20 e 100 cm de lonxitude do manto) das familias Ommastrephidae, Onychoteuthidae, Gonatidae, Pholidoteuthidae, Octopoteuthidae, Histioteuthidae e Cranchiidae, sendo as luras gigantes (entre elas do xénero Architeuthis) só capturas ocasionais [20]. Entre os peixes nos que preda citáronse gádidos (bacallau) e outras especies; nas augas subpolares boreales os peixes poden representar ata o 90% da súa dieta.

Detecta as presas mediante o sistema de ecolocación, propio dos cetáceos, e poden aturdilas concentrando sobre eles emisións sonoras.

Inmersión[editar | editar a fonte]

Cachalote preparándose para mergullarse

Para a inmersión, primeiro levantan a cabeza, para respirar profundamente, e mostran sobre a superficie os dous terzos anteriores do corpo; logo encorvan o lombo, mostrando moi fóra da auga a xiba dorsal; e finalmente mergúllanse en vertical, levantando o terzo posterior e a aleta caudal, case sen levantar unha onda. É quen de mergullarse na busca de alimento ata supera-los 1.000 metros de profundidade [21], e permanecer baixo a auga por períodos de 1-2 horas, aínda que as inmersións típicas son de 5-15 minutos.

Os saltos do cachalote sobre a auga son habituais, como mínimo como o son noutros cetáceos máis coñecidos por estas actividades. O normal é que saquen boa parte do corpo aínda que se citaron casos nos que saltan totalmente fóra da auga. Son máis frecuentes nos exemplares xuvenís aínda que tamén o fan as femias en presenza dos machos.

O salto típico segue as seguintes fases: sacan o corpo formando ángulo respecto á superficie, logo se deixan caer lentamente e, finalmente, chocan con gran estruendo contra a auga [22]

Caza[editar | editar a fonte]

Caza do cachalote (1850)

Foi obxecto da caza sistemática en tódolos océanos ó longo dos séculos, aínda que actualmente a súa caza está prohibida internacionalmente, e tan só se mantén nalgúns puntos a pequena escala, como en Indonesia e Xapón (país que inclúe esta especie no subterfuxio da caza con fins científicos).

As primeiras citas de caza do cachalote corresponden ós primeiros anos do século XVIII, e a mediados deste século xa era práctica habitual entre os baleeiros: entre 1770 a 1775, os portos de Massachusetts, New Cork, Connecticut e Rhode Island producían 45.000 bocois de aceite cada ano, mentres que o obtido doutras baleas rondaba os 8.500 [6]. Esta caza, aínda con métodos tradicionais, levou a especie ó exterminio nalgunhas rexións e a unha redución da poboación global ata un 25% dos censos iniciais, estimados en máís de un millón de individuos. Ademais do número de exemplares cazados cómpre destacar que se dirixía preferentemente ás femias e crías, o que explica os efectos catastróficos sobre o censo observados xa a comezos do século XX.

Dada a redución do censo, e ás cada vez maiores dificultades da caza, a presión dos baleeiros foi cedendo ata mediados do século XX, o que tivo como consecuencia unha aparente recuperación da especie. Pero, trala Segunda Guerra Mundial, os baleeiros dotáronse de mellores medios técnicos (especialmente, barcos a vapor e arpóns de explosión) que aumentaron a rendibilidade da caza. A maior velocidade dos barcos facilitou a caza dos grandes machos reprodutores, dos que se quitaban maiores beneficios. A consecuencia foi que, cara 1980, os expertos calculaban unha poboación do 30% do censo anterior ó século XIX e temeron que xa non quedaba un número suficiente de machos para asegurar unha reprodución efectiva[23].

As cifras de capturas descoñécense con exactitude: estímase que no século XIX se cazaron entre 180.000 e 240.000 exemplares, mentres que na era moderna, as cifras ascenderon como mínimo a 770.000, a maioría entre 1946 e 1980. Sábese tamén que parte da caza nunca foi declarada, especialmente a realizada pola antiga URSS e o Xapón.

En Galicia tamén foi obxecto preferido de caza. Xa en 1900 Francisco Porto Rey escribía no seu dicionario que "es constante la persecución que le hacen los pescadores por utilizar la esperma que, en dos cavidades grandes que tiene en la cabeza, encierra, cuya sustancia, como todos saben, es apreciadísima para la industria de velas; además, una materia que encierra en sus intestinos, que es el ámbar gris, de perfume delicadísimo". Ata que se prohibíu a caza en 1981 [24], os barcos galegos cazaron 5.698 exemplares (contabilizados entre 1951 [25] e 1980), segundo cifras de Quiroga Lorenzo; Penas Patiño detalla as capturas entre 1960 e 1980, cifrándoas nun total de 3.479 exemplares.

O aproveitamento que se perseguía non era realmente a carne, aínda que tamén se aproveitaba, senón a graxa corporal (como combustible, para usos industriais ou para iluminación) e, especialmente, unha graxa especial que posúen na cabeza (chamado esperma de balea ou cetina) e mailo ámbar gris (unha substancia do seu intestino). Tamén se aproveitaban os dentes, de marfil, como obxecto decorativo, se ben normalmente estes procedían dos exemplares varados [26]; a pel, os ósos, o fígado e a glándula tiroide, todo para diferentes usos na industria farmacéutica ou cosmética.

Esperma de balea[editar | editar a fonte]

Recollida do esperma, na cuberta do barco baleeiro

Chámase así a unha substancia cérea de cor amarelenta contida na cabeza do cachalote, no melón que teñen sobre o cranio, no chamado órgano do esperma, e en cantidades que chegan ás 2,5 toneladas nun exemplar de peso medio (dunhas 30 toneladas). O órgano do esperma está constituído por unha complexa rede de tubos intercomunicados e crese que serve para o control dos movementos de mergullo e flotación, mediante diferenzas de densidade ó solidificarse ou licuarse, transformacións que se producen ó arrefriarse ou quentarse por medio da auga aspirada a través do aventador: ó descende-lo cachalote, o esperma vai arrefriando e facéndose máis denso e máis pesado; tamén inflúe nisto a forte presión das grandes profundidades. En calquera caso, esta función non está confirmada e segue sendo obxecto de discusión [27].

O esperma foi especialmente apreciado para a confección de candeas, como lubrificante e na industria de curtidos e cosméticos, así como na industria farmacéutica. A calidade desta substancia para a confección de candeas xustifica que no século XIX se adoptase como unidade de medida da iluminación o candlepower ou bujía inglesa: a cantidade de luz emitida por unha candea de esperma puro que tivese 7/8 de pulgada de diámetro e que se queimase a unha velocidade de 120 g por hora. Hoxe, a definición xa non ten que ver con esa orixe se ben se mantén a denominación de candela como unidade básica do SI para medi-la intensidade luminosa.

Maria do Carmo Henríquez Salido recolleu no léxico do Grove a denominación vela de espelma para designa-las candeas feitas de cera.

Ámbar gris[editar | editar a fonte]

Fragmentos de ámbar gris

Trátase dunha substancia resinosa que se forma no aparato dixestivo dalgúns exemplares, en forma de masas sólidas, opacas, de cor gris con veas amarelas e negras. Marcial Valladares defíneo como:

"Otra sustancia que se utiliza de este cetáceo. Créese que la constituyen sus excrementos, ó materias fecales, detenidas mucho tiempo en el recto y endurecidas á consecuencia de algun padecimiento. Recógese en las costas de los mares que frecuenta y la medicina y perfumería sacan gran ventaja de dicha sustancia"
Diccionario gallego-castellano, 1884.

En efecto, segrégase no intestino en cantidades moi variables e elimínase coas feces. A súa función é a de envolve-los picos dos cefalópodos e evitar problemas intestinais, dun xeito semellante ó mecanismo das egagrópilas das aves rapaces ou do contido intestinal dos animais carnívoros. Alcanzou na súa época un gran valor e empregábase en cosmética como fixador de perfumes e outras esencias, pero hoxe foi substituído por fixadores sintéticos. Estanislao Fernández de la Cigoña cita que un quilogramo de ámbar gris chegaba a valer máis de tres millóns de pesetas a primeiros de século XX, en plena época de caza de baleas. Utilizouse tamén en farmacia como espasmolítico.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

O certo é que a pesar da intensa caza comercial á que foi sometido, o cachalote é actualmente o máis abundante dos grandes cetáceos. Estímase unha poboación actual en torno a 1,9-2 millóns de exemplares en todo o mundo, distribuídos entre o Pacífico setentrional (930.000), Atlántico Norte (190.000) e o Hemisferio Sur (780.000). A principios dos 90 do século pasado, a poboación estimada era, segundo Harrison, de 1.950.000 exemplares. Un artigo publicado en El País naquelas datas [28] reducía esta cifra á metade ou menos: entre 550.000 e 1.000.000.

Está incluído na lista de especies en perigo ou ameazadas. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) clasifícao como Vulnerable e, a nivel español, está incluído no Catálogo Nacional de Especies Amenazadas. En Estados Unidos está considerado como en perigo de extinción.

Formación en margarida

Se ben o único inimigo relevante é o ser humano, outros predadores naturais son a candorca (Orcinus orca) e, ocasionalmente, o caldeirón (Globicephala melas) e a falsa candorca (Pseudorca crassidens). Estes cetáceos acosan e ameazan ás mandas de femias con crías, co obxectivo de illar e matar algún cachalote novo, sendo esta predación máis probable nos mares subárticos aínda que, en calquera caso, estes ataques son algo esporádico. Para repeler estes ataques, as femias do grupo adoitan colocarse ó redor das crías, na chamada formación en margarida, coa cabeza cara ó centro, onde se agrupan as crías, e as colas cara o exterior, co que adoitan rexeita-los atacantes con éxito. Por veces tamén poden defenderse cos dentes. Só cando as candorcas constitúen grupos numerosos poden atacar con éxito femias adultas. Os machos adultos non teñen depredadores.

Esta formación en margarida tamén a adoptan cando queren axudar a un membro do grupo ferido. Os primeiros baleeiros quitaban proveito deste comportamento e ferían un individuo para atrae-los demais ó seu redor e poder cazalos con facilidade.

Tamén é probable que, canto menos en augas tropicais, algúns grandes tiburóns (como tal, Carcharhinus longinamus) poidan atacar cachalotes. Por veces atopáronse restos de cachalote nos estómagos dalgúns tiburóns, se ben poden proceder da predación sobre cadáveres no mar.

Outras fontes de perigos a ter presente na actualidade son as redes de deriva, as colisións accidentais con barcos, a contaminación acústica (por tráfico naval, polo sonar dos barcos pesqueiros e as operacións de prospección sísmica, que afecta o seu sentido de ecolocación), a contaminación química (por exemplo, por hidrocarburos) e a inxestión de refugallos, especialmente plásticos.

As colisións cos barcos aumentaron co incremento do tráfico marítimo [29] e o crecente desenvolvemento do turismo dedicado á observación de cetáceos (whale-watching), por veces realizado sen control e de forma masiva, que poden chegar a perturba-la actividade normal dos cetáceos.

As capturas accidentais débense ó uso das chamadas redes peláxicas de deriva, de quilómetros de lonxitude e indetectables para os cachalotes, que quedan atrapados sen poder emerxer a respirar. Nas costas mediterráneas españolas foron rexistrados numerosos varamentos de cachalotes que mostraban signos de ter mortos por esta causa ou, mesmo, restos de rede enliados nas aletas ou entre os dentes.

Aproveitamento turístico[editar | editar a fonte]

Unha vez prohibida a caza, o único aproveitamento comercial dos cachalotes, coma noutros cetáceos, está no turismo de avistamentos que, no noso país, ten un notable desenvolvemento nas illas Canarias.

Transcendencia cultural[editar | editar a fonte]

ArrowheadSign.jpg

Herman Melville describiu a súa caza na novela Moby Dick (1851)[30] Aínda que a cor tipica do cachalote é negra ou moi escura, pódense atopar excepcionalmente individuos total ou parcialmente brancos. Parece ser que Moby Dick existiu realmente: as crónicas mariñeiras descríbeno como un cachalote macho de 22 metros de longo a quen os baleeiros chamaban Mocha Dick (habitaba nas proximidades da illa Mocha, en Lebu, Chile). Adoitaba atacar os barcos golpeando no casco coa súa cabeza e tiña no seu haber varios barcos afundidos e decenas de vidas humanas. Ó final matárono e atopáronlle os ferros de 19 arpóns cravados no corpo.

En 1956 John Houston realizou unha película baseado nesta novela.

Eladio Rodríguez dá para a palabra cachalote -ademais do sentido recto- o significado de "Muchacho travieso y revolvedor, que anda comúnmente descalzo y en pelo".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. cachalote no dicionario da RAG
  2. Outros sinónimos históricos son os seguintes: Ph. australasianus ou Ph. australis ITIS.
  3. Panxón, Bouzas, Cangas, Portonovo, Cambados, Escarabote, Malpica, Mugardos, Espasante, Bares, Viveiro, Foz, Ribadeo, Noia, Sardiñeiro, Lira, Abelleira, Rianxo, Carril, Portosín, As Figueiras, Ézaro, Muxía, Camariñas, Corme, Caión, Mera, Pontedeume, Mogor, Rinlo, Miño, Sada, Laxe, Muros, Ribeira, Vilanova de Arousa, A Guardia, Bueu, San Ciprián, Cedeira.
  4. Antón Santamarina dá, na obra de Ríos Panisse, a seguinte etimoloxía: "Seguramente derivado del gall. cachola 'cabeza', por lo prominente de ésta, como indica incluso su denominación científica".
  5. SIIT.
  6. [WILSON, Don E.; REEDER, Dee Ann M. (eds.): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference. 3ª ed. Johns Hopkins University Press, Baltimore 2005 [1]].
  7. Nalgúns exemplares, esta é totalmente branca. Pódense ver fotografías da distribución ventral das manchas brancas aquí ou aquí.
  8. O caso do cachalote novelado Moby Dick é ben coñecido.
  9. Nótese que o autor debuxa erroneamente dúas narinas ou espiráculos, un a cada lado da cabeza, os ollos excesivamente elevados e a aleta dorsal rematada en punta.
  10. Abertura ó exterior do aparato respiratorio.
  11. Coma nos outros cetáceos odontocetos, os dentes non serven para mastigar o alimento senón só para capturar e suxeita-las presas, que tragan enteiras. De aí que non estean diferenciados en incisivos e molares, a diferenza dos demais mamíferos.
  12. Fernández Casado dá a cifra de 50 vértebras: 7 cervicais, 11 dorsais, 8-9 lumbares e 23-24 coccíxeas.
  13. Corresponde a un cachalote varado na praia de Montalvo (Sanxenxo) o 3 de marzo de 2003. Montado no Centro de Interpretación Ambiental A Telleira (Vilalonga, Sanxenxo). Pode verse o proceso de montaxe do esqueleto na web da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol (A montaxe dun coloso).
  14. Hai citas de cachalotes en augas valenciás no século XV.
  15. A primeira cita en Galicia do varamento dun cachalote foi referida por este autor, en 1947, no Barqueiro (Mañón, A Coruña).
  16. Excepcionalmente, avistáronse mandas de centos de exemplares.
  17. Algúns autores elévana a 19 meses.
  18. Dise que as primeiras gravacións nos comezos da exploración acústica subacuática, trala primeira gran guerra, describíronse como procedentes dun hipotético e descoñecido peixe carpinteiro.
  19. Na animación represéntase un golfiño pero o mecanismo é o mesmo nos cachalotes.
  20. Existe a cita dun exemplar de Architeuthis de 19,5 m atopado no estómago dun cachalote, así como de tentáculos que fan pensar en exemplares aínda máis grandes [2].
  21. Hai evidencias que suxiren que pode chegar a profundidades de 3.000 metros.
  22. Aquí pódese ver unha secuencia de fotogfrafías dos saltos do cachalote.
  23. En comparación, os censos da balea azul (Balaenoptera musculus) reducíronse nun 95% respecto á poboación estimada antes da caza intensiva; no caso do xibardo ou balea xibardo (Megaptera novaeangliae) reduciuse nun 97.
  24. A caza de baleas non se prohibíu ata 1985.
  25. A primeira factoría baleeira galega instalouse en Caneliñas (A Ameixenda, Cee), en 1951, e pechou en 1985.
  26. Fotografía de dentes tallados, no Museo del Cafe Sport, nas Azores [3].
  27. Evidentemente, nada ten que ver co esperma entendido como secreción das glándulas sexuais masculinas.
  28. Marisol Guisasola: "Retrato robot: Ballenas". El País 14.07.1991.
  29. ["Un cachalote recién nacido, arrollado por un barco" (WWF, 22.02.2011) [4].
  30. Na novela desígnase a Moby Dick como unha balea branca, pero descríbese como un cachalote.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cachalote
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Cachalote

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CARWARDINE, M.: Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Omega, 1985.
  • CASTELLS, Álvaro, e MAYO, Manuel: "Cetáceos de las costas españolas y portuguesas", en Quercus 65, xullo 1991.
  • CORNIDE SAAVEDRA, Joseph: Ensayo de una historia de los peces y otras producciones marinas de la costa de Galicia arreglado al sistema del caballero Carlos Linneo con un tratado de las diversas pescas y de las redes y aparejos con que se practican. Imprenta Benito Cano, Madrid 1788.
  • FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, E.: Os cabaleiros do mar: baleas e golfiños das nosas augas. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía., Vigo 1990.
  • HARRISON, Richard, E BRYDEN, M.M.: Ballenas, delfines y marsopas. Museu de la Ciència, Encuentro Editorial, Barcelona 1991.
  • LÓPEZ, A., DACOSTA, M. E BARREIRO, A.: Achegándonos aos mamíferos mariños. Separata de Matureza galega 1993.
  • PENAS PATIÑO, X. M. e PIÑEIRO SEAGE, A.: Cetáceos, focas e tartarugas das costas ibéricas. Consellería de Pesca, Santiago 1989.
  • QUIROGA LORENZO, H.: Guía de cetáceos. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación 1996.
  • RÍOS PANISSE, M. Carme: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas, Anexo 19 de Verba, 1983.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]