Odontocetos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Odontoceto")
Dentición dun arroaz

Os odontocetos (Odontoceti, Flower, 1867) constitúen unha suborde dos cetáceos caracterizados por posuíren dentes, a diferenza das baleas (misticetos) que posúen unhas formacións quitinosas chamadas barbas, con función filtradora.

O nome procede do griego odon, dente e cetus, gran animal mariño.

Índice

Características [editar]

A característica definitoria do taxon é a presenza de dentes, polo que as especies de gran tamaño, reciben o nome de baleas dentadas. Os dentes son cónicos, ocos e indiferenciados (homodontes) e poden presentarse en número moi variable, desde os 160-240 do golfiño común ata o dente único do narval. Así mesmo varía a súa disposición, presente nas dúas mandíbulas ou só na inferior (como nos cachalotes ou algúns cifios) ou na superior (narval), e o seu tamaño, que oscila entre uns milímetros na toñiña e os dous metros no narval.

Os dentes non teñen función mastigatoria senón que serven para captura-las presas, que engolen enteiras. Aínda así, non sempre cumpren esa función e nalgunhas especies convértense en caracteres de diferenciación sexual, como acontece tipicamente no narval.

Presentan un único espiráculo (orificio respiratorio) na parte superior da cabeza e unha fronte avultada debida ás modificacións anatómicas producidas pola presenza do melón, denominación popular do órgano da ecolocación.

Tódolos odontocetos son carnívoros.

Taxonomía [editar]

Os odontocetos clasifícanse dentro da orde Cetacea e distribúense en oito familias [1].

  • Delphinidae (Gray, 1821): golfiños, candorcas, caldeiróns
  • Hyperoodontidae [1] (Gray, 1846): cifios
  • Iniidae (Gray, 1846): golfiños de auga doce
  • Kogiidae (Gill, 1871): cachalotes pequenos
  • Monodontidae (Gray, 1821): narval e beluga
  • Phocoenidae (Gray, 1825): toniñas
  • Physeteridae (Gray, 1821): cachalotes
  • Platanistidae (Gray, 1846): golfiños de auga doce

A maioría dos textos modernos separan cachalotes (Physeteridae) e cachalotes pequenos (Kogiidae) en dúas familias independentes, pero outros autores agrúpanos nunha única familia (Physeteridae) e mesmo hai quen as considera dúas familias pero integradas na superfamilia Physeteroidea.

As familias Iniidae e Platanistidae agrúpanse ás veces dentro da superfamilia Platanistoidea.

Notas [editar]

  1. Antes, Ziphiidae.

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe a especie: Odontocetos